¿Cómo explicaría o panorama económico actual, ata hai pouco tan prometedor e hoxe cheo de turbulencias desesperanzadoras?
Estamos nun momento de expansión do consumo. Pero, paralelamente, chégannos datos preocupantes: o incremento do prezo do petróleo cru, que implica un encarecemento da gasolina e da calefacción; o aumento do valor do diñeiro, coa conseguinte suba das hipotecas e os créditos; unha elevada inflación que alterou as previsións do Goberno; a desfeita do euro fronte ó dólar… Agora ben, cómpre ter en conta unha variable decisiva: o índice de sentimentos do consumidor, a percepción que temos da marcha da economía. E ese índice foi mellorando desde mediados dos 90; como resultado, a actitude dos españois ante o consumo segue sendo positiva.
Ademais, estamos vivindo un derrubamento dos conceptos clásicos da economía, no que se refire ó comportamento da xente. O concepto de homo economicus, que se comporta coa lei do mínimo esforzo e máximo resultado, e que merca aquilo que racionalmente lle produce satisfacción, está hoxe fóra de lugar: xa non consumimos de xeito racional. Descubrimos nas nosas investigacións que as conductas impulsivas representan o 60%-70% dos actos de compra dos españois, o que quere dicir que non estamos racionalizando a nosa maneira de consumir. Queremos obter axiña o que nos satisfai. Mercámo-lo que desexamos, non o que precisamos; substituímo-lo concepto da necesidade obxectiva polo de utilidade subxectiva. Por iso, vivimos unha expansión do consumo que, segundo semella, vai continuar, porque non se establece xa sobre pautas racionais. E se non podemos consumir, por primeira vez imos protestar por non poder consumir, non porque non teñámo-lo que precisamos.
¿Como afecta a situación actual á vida do consumidor e á economía do seu lar?
Se continúa esta expansión no consumo, unida a un incremento do valor do diñeiro e a un aumento da inflación, o noso poder adquisitivo reducirase, non sendo que se produza un ascenso económico no 2001. Polo tanto, mercaremos menos, co que haberá unha menor necesidade de man de obra e, en consecuencia, máis paro. E se aumenta o paro, o poder adquisitivo global dos españois diminuirá. Esta situación podería desembocar nunha crise; pero as crises non teñen que ver só co incremento do prezo do cru ou da taxa de inflación, senón tamén co noso comportamento como cidadáns e coa nosa capacidade de adaptármonos á situación. O consumidor, que antes axustaba o gasto ó salario, hoxe adapta o salario ás circunstancias: se non pode gozar dunhas vacacións dun mes, teraas de quince días, pero teraas; se non pode acceder a un producto de marca, mercará outro máis barato; se debe facer fronte a unha hipoteca máis cara, o máis probable é que gaste menos na comida. E se se reduce o gasto en alimentación, nos sectores sociais menos favorecidos iso significará unha diminución na súa calidade de vida.
Resulta paradoxal que o consumo se expanda cando o poder adquisitivo se reduce.
Si, pero vivimos unha situación de euforia económica e a maioría dos españois non deixa de consumir porque pensa que a cousa non está tan mal. Se na época clásica, o cidadán adquiría o seu papel como tal na ágora romana ou no foro, hoxe faino a través do consumo. Ese homo consumator ocupa cada vez máis parte do seu tempo de lecer mercando; ir de tendas é unha actividade cotiá. Nese contexto, é difícil que se reduza o consumo. O problema virá cando o cidadán o perciba como un problema. Se non se producen cambios significativos, haberá un momento no que non se poderá chegar a finais de mes, como xa lles acontece a algunhas familias. Eu defino a pobreza como a imposibilidade de consumir; polo tanto, quen ten menos ingresos consumirá cada vez menos e será cada vez máis pobre. E repercutirá tamén nos mercados: a variable prezo adquire un peso cada vez maior: a xente aproveita as ofertas, merca en rebaixas… O mercado regula a demanda dun xeito que antes non era quen de facer.
A escalada do prezo do petróleo disparou a inflación e desatou as queixas dos consumidores. ¿Como afecta o prezo do cru á economía do cidadán?
Aquí hai dous enormes paradoxos. O primeiro é que se lle pide á OPEP que non aumente os prezos, mentres que o grupo de Petroleiras Europeas Unidas consegue máis beneficios cá OPEP, formada por países (algúns deles, pobres) que non van prosperar moito con este encarecemento do cru. Ó final, o consumidor está pagando o prezo do cru, os beneficios das petroleiras e unha porcentaxe elevada de impostos que repercuten positivamente na súa calidade de vida, porque o Estado reparte os cartos que recada. O segundo paradoxo é que o consumidor paga máis cara a gasolina, pero o consumo máis importante de cru non é o dos cidadáns co coche e a calefacción, senón o da industria, xa que o maior custo do transporte e a enerxía aumentará os prezos de moitos productos e servicios. Polo tanto, o noso poder adquisitivo descenderá; pero, insisto, vexo difícil que o consumidor cambie o seu estilo de vida, xa que o modelo neoliberal ensinounos a consumir de xeito irracional e agora pídenos que moderémo-lo consumo de carburante. ¿Como é que se nos lanzan esas mensaxes tan contradictorias? Agora non se lle pode pedir ó consumidor que sexa razoable e aperte o cinto. Eu non penso que o problema do petróleo vaia reduci-lo consumo, pero si que incidirá na vida da xente. Teremos que ir axustando a nosa conducta a esa situación, ata que poidamos. E cando non poidamos é cando xurdirán os problemas.
¿E como influirá esta situación inflacionista no noso benestar?
Se definímo-lo benestar en termos subxectivos, seguiremos percibindo un maior benestar porque non somos cidadáns críticos; perdémo-lo reflexo e o dereito de pensar. ¿Ata que punto o cidadán fai un exercicio crítico cando mete a chave no seu coche ou cando emprega 50 litros de auga na ducha? Se o benestar é iso, ese proceso vaise acentuar. Agora ben, se definímo-lo benestar en termos máis obxectivos, como o desenvolvemento persoal, profesional ou individual, esa taxa de benestar vai ir diminuíndo. A nosa é unha sociedade inmatura no tocante ó consumo, porque a madurez é o control que temos sobre nós mesmos. O consumidor maduro non merca o que non quere mercar, mentres que un inmaturo é máis manipulable. E, sen dúbida, vai ser manipulado, porque non hai mecanismos nin recursos que controlen o influxo que se exerce sobre el.
¿Cales son as claves para mellora-la situación económica das familias?
O consumidor desenvolveuse nun determinado sistema educativo e social. E o que queiramos facer para mellora-lo consumidor témolo que facer para mellora-lo seu comportamento como cidadán. Todo o que sexa informalo, ofrecerlle a posibilidade de adquirir coñecementos, é positivo. Refírome a libros, programas, publicacións… que poidan levar a que o consumidor se vexa a si mesmo, non que simplemente lle permitan protestar -cousa que tamén cómpre potenciar- senón que se vexa a si mesmo como tal. Esta é a vía: cando un merca ou consume, debe pensar por qué o está facendo; por exemplo, mirar no armario cántos pantalóns longos teño e cántos poño, ou mirar no lixo toda a comida que guindo. Así descubriremos que non facémo-lo que desexamos.
O Estado debe proporciona-los medios para que os cidadáns se desenvolvan como persoas, pero tamén nós somos responsables. Penso que precisamos un cidadán ideolóxico, con ideas e valores estables, e para iso, debemos formarnos, informarnos e racionaliza-los nosos hábitos de vida.
¿Como pode o consumidor influír, coa súa conducta, na economía mundial?
O único xeito é que exista unha certa organización ou consenso social. Isto, aínda que semella sorprendente, xa se produciu nos últimos anos. Un exemplo é o caso das botellas de auga, que hai uns anos eran de PVC. Despois dunha campaña de Greenpeace e doutras entidades, a conducta asociada do consumidor, que, unha vez informado, non mercou este tipo de envases, levou a que as empresas se tivesen que adaptar e fabricar outros máis respectuosos co ambiente. Debemos ser capaces de establecer este tipo de pautas de carácter colectivo. Porque o cidadán, co seu comportamento de compra, pode influír en aspectos macroeconómicos. O que hai que facer é darlle información para que manifeste unha conducta axeitada. Para iso hai que traballar cos consumidores desde a escola, impartindo educación no consumo, ensinándolles qué acontece cos parámetros económicos e cómo inflúen na súa vida. Ou, xa cos adultos, informando como facedes en CONSUMER.
¿Que hai de certo nas denominadas psicopatoloxías da compra?
Nos últimos anos, estamos detectando un incremento de compra patolóxica, ou adicción a mercar. Cada vez hai máis persoas que requiren tratamento psicolóxico: cinco días despois de cobra-la nómina, xa o gastaron todo en mercaren cousas, moitas delas innecesarias. Converte-lo consumo nun acto psicopatolóxico é quizais a peor consecuencia que ten a actividade económica do cidadán como consumidor. Hai un estadio previo a esas conductas patolóxicas, que debemos controlar, e é a compra compulsiva. Se o que se engade á compra é algo necesario que antes se esqueceu, non pasa nada; o problema está en que a porcentaxe de compras non previstas e innecesarias medra. A compra compulsiva é cada vez maior, polo que hai un maior risco de compras de carácter psicopatolóxico. Se reflexionamos, comprobamos que o económico está ligado á nosa vida cotiá como nunca antes o estivera. Nunha economía na que todo pasa polos cartos, o salario convértese en punto de referencia para o estilo de vida do cidadán, para a socialización dos seus fillos e para a relación coa súa parella.
¿Como debe ser unha política económica para que logre logre beneficia-lo consumidor?
Non me atrevo a responder, porque non son un economista clásico, pero penso que a economía é un tema demasiado serio para deixalo só en mans de economistas. Estes asuntos deberían contar coa participación cidadá. Unha boa política económica sería, na miña opinión, aquela que, amais de pór en marcha tódolos procesos macroeconómicos e controlar que se produzan axeitadamente, influíse en xerar, formar e axudar ó desenvolvemento do consumidor no seu papel dentro desta sociedade de consumo. Pero non é soamente un problema de política económica; tamén entra aquí a política educativa, a social e outras.