Os esquecidos riles do planeta
A preocupación mundial por conservar e coida-los humedais, esas reservas naturais ou artificiais que conteñen a auga que consumimos, reside precisamente na desatención e ignorancia que tradicionalmente houbo sobre elas. ¿Quen non escoitou contar, ou mesmo lembra, que naquela zona na que agora vemos un complexo de vivendas ou unha nave industrial antes existía unha lagoa onde algúns pescaban e a onde outros ían bañarse, pasear pola beira ou conversar? Segundo fontes ecoloxistas, desde 1990 destruíronse máis da metade dos humedais do mundo.
¿Que é un humedal e para que serve?
Podemos definir un humedal como calquera sistema natural ou artificial de auga doce, salgada ou mestura de ámbalas dúas, que existe de maneira temporal (pozas) ou permanente (lagos, ríos, lagoas, marismas…). Estímase que o 6,4% da superficie terrestre, unha extensión superior á de Europa, está cuberta por humedais nos que habitan especies animais, vexetais e hidrófilas. No verán, tórnanse imprescindibles para afronta-la seca; por iso cada ano na época estival se repiten as chamadas ecoloxistas para que se adopten medidas para conservalos. Preténdese que os humedais poidan seguir funcionando como o que son: instrumentos para a xestión sostible da auga. Ó mesmo tempo, poténcianse as campañas para que os consumidores nos concienciemos de que os nosos hábitos están moi relacionados coa saúde das augas, e que os humedais non só tornan belas as veigas, as costas ou os cumes, nin se limitan a dotar de auga potable a vilas e cidades a través dos canos. A súa función na natureza é esencial: mante-la vida nun ecosistema privilexiado. E iso non é todo. Os humedais volvéronse imprescindibles para obter auga potable a longo prazo. Por iso foron rebautizados como “riles do planeta”, por realizaren os procesos naturais de filtración: cando a auga pasa dun humedal ó acuífero subterráneo, amais de renova-la auga que corre baixo terra, converte o líquido en apto para o consumo humano. Parte desta canle lateral subterránea aflorará despois á superficie noutro humedal, como descarga de auga subterránea, e así continuará o ciclo.
Reguladores de caudais
Moitos ríos seguen constituíndo unha fonte de auga todo o ano gracias a que o seu caudal se desvía da canle principal cara ás zonas de turbeiras, pantanos e tremedais da cunca. Os humedais conseguen así que a auga na estación de chuvias flúa máis lentamente, e aumentan a cantidade de auga dispoñible na época seca. Se se desvían as correntes e se eliminan as lagoas ou marismas, as riadas que seguen ás treboadas provocan o caos, mesmo catástrofes, e a aceleración das correntes déixannos sen auga coa que afronta-la seca do verán.
A maioría dos peixes que nos serven de alimento dependen dos humedais nalgún momento do seu ciclo vital, e os pasteiros das chairas aluviais sustentan millóns de cabezas de gando bovino e de animais herbívoros que dependen de especies silvestres. Tamén son hábitat natural dun dos principais cereais alimenticios, o arroz, xa que a maioría das súas variedades se cultivan nun humedal modificado polo home, pero respectado no seu contorno. A relevancia económica dos humedais non remata aí: en ocasións, a producción pesqueira dun determinado lugar depende destas superficies cubertas de auga. E noutras, atraen un turismo ecolóxico que, cada día máis, antepón a calidade do medio, foxe das aglomeracións e goza, por exemplo, entre as xunqueiras das ribeiras dos lagos. A artesanía, doutra banda, sempre tirou proveito destas xunqueiras para a elaboración de papel e artigos de cestería. Estes son algúns exemplos de microeconomías das que dependen parcialmente o desenvolvemento e a riqueza dalgunhas zonas.
Benfeitores do clima
A evapotranspiración que propician as reservas de auga mantén os niveis locais de humidade e de precipitacións pluviais. Nos humedais con vexetación arbórea, boa parte da auga das chuvias volve pasar das árbores á atmosfera por evaporación ou transpiración, e cae a xeito de chuvia na zona circundante. Pénsase que a destrucción dos humedais ocasiona unha diminución das precipitacións pluviais na zona afectada, con efectos adversos (entre outros) no rendemento dos cultivos. Nos vales da rexión suroccidental de Uganda, a reducción dos humedais alterou o microclima local; este foi o factor determinante para prohibi-la súa supresión.
A ameaza pesa sobre
A perda destes valiosos ecosistemas debeuse en moitos casos, segundo os especialistas, ó simple descoñecemento da súa importancia. Durante décadas, considerouse que eliminar humedais equivalía a progreso, xa que atenuaba os riscos de asolagamentos, melloraba as condicións hixiénicas do contorno e permitía recuperar terras para a agricultura e outros usos, como o de edificar urbanizacións ou levantar naves industriais. Hoxe, as pozas, pantanos naturais e lagoas quedaron reducidos a poucos casos. ¿Por que? A resposta é sinxela: cubríronse para daren paso a construccións como granxas, casas, estradas ou outras obras civís; ou foron desecados mediante drenaxes para promover actividades agrícolas; ou convertidos en depósito de desaugadoiros domésticos, industriais e mineiros. Realmente, semella que ninguén os botou de menos: son lembranzas de vellos, e a maioría dos mortais pensa que os humedais non serven para nada. E todo isto aínda que nos arredores se crían aves pernaltas, medran xuncos e voan as bolboretas. Amais do seu innegable valor paisaxístico.
Pero, co transcorrer dos anos, a comunidade científica decatouse e convenceuse de que estes humedais, ou corpos de auga, posúen un enorme valor natural e resultan moi útiles para o ser humano. Os humedais, amais das utilidades descritas, foron denominados “riles do mundo” polas funcións que poden desenvolver nos ciclos hidrolóxicos e bioxeoquímicos, e “supermercados biolóxicos” polas extensas redes alimentarias e a rica diversidade biolóxica que sustentan.
Todo este conxunto de valores, tanto ecolóxicos coma productivos, son merecentes dunha estratexia de conservación que posibilite a súa persistencia ó longo do tempo, mantendo unhas taxas de explotación que conduzan ó anovamento dos recursos naturais. Pero non é só traballo de científicos ou de dirixentes. O consumo razoable de auga e o respecto ás zonas pantanosas son hábitos que se adquiren doadamente e os seus beneficios multiplícanse favorecendo o desenvolvemento sostible do líquido que axiña coñeceremos como o ouro insípido, inodoro e incoloro: a auga.
- Esteiros: deltas, bancos lamacentos e marismas.
- Mariños: litorais e arrecifes de coral.
- Fluviais: chairas de asolagamento, bosques anegados e lagos de meandro.
- Palustres: pantanos, marismas e tremedais.
- Lacustres: lagoas, lagos glaciais e lagos de cráteres de volcáns.
- Son reservas de auga, abastecemento e mantemento da súa calidade e cantidade.
- Funcionan como depósitos que protexen de trombas de auga e controlan as inundacións.
- Estabilizan as beiras e contribúen á diminución da erosión.
- Contribúen á descarga de auga cara ós acuíferos, axudando a mante-lo seu nivel e á creación doutros novos.
- Axudan á purificación da auga mediante a retención de nutrientes, sedimentos e axentes contaminantes. -Inspiran a tecnoloxía artificial do tratamento de augas.
- Contribúen á estabilización do clima, temperándoo.
- Son fontes de producción pesqueira e agrícola. -Proporcionan zonas de pastoreo.
- Producen turba, madeira de construcción e outros materiais vexetais.
- Constitúen reservas de vida silvestre. -En ocasións, son navegables e contribúen ó transporte.
- Ofrecen posibilidades de lecer e turismo.
- Contribúen á diversidade biolóxica e ó patrimonio cultural, paisaxístico e das tradicións vinculadas ás zonas húmidas, como a artesanía de xuncos.