O uso que se lle dará condicionará as prestacións
- Antes de mercar un ordenador considere detidamente qué uso lle vai dar. Non se require o mesmo equipo para escribir ou executar programas sinxelos que para “abusar” de xogos en tres dimensións.
- O equipo ideal para calquera estudiante é un sistema multimedia, xa que practicamente tódolos programas orientados ó estudiante se basean na cor, a animación e o son.
- Os máis novos cáptanse mediante o colorido e a música, e os que son algo máis vellos atráense a través do vídeo. O ordenador ideal debe ter un manexo doado para que aprendan a coñece-las súas vantaxes. Non é preciso que posúa unha gran capacidade.
- Os estudiantes precisan un equipo que lles permita traballar con facilidade. Debe ser útil para realizar traballos, ampliar ou complementa-los textos dos libros a través da rede, para arquivar documentos…
- Os ordenadores para toda a familia non deben ser excesivamente complexos, de xeito que poidan ser usados polos máis cativos, pero deben dispor de certa capacidade para que poidan empregalos os máis vellos da casa, e mesmo para realizar unha actividade semiprofesional.
- Potencia e velocidade son outros dous conceptos fundamentais á hora de mercar un equipo. As aplicacións empregan moito espacio e memoria. Se non dispón dun ordenador axeitado, a sucesión de imaxes pódese volver lentísima e aburri-lo usuario.
- Adquira un equipo cun procesador de cando menos 400-450 Mhz. Polo que a memoria RAM se refire, debe incorporar 64 Mb. O disco duro debe ser de polo menos 6 Gb, para evitar problemas coas aplicacións, e o lector de CD-ROM de 24x como mínimo. E non esqueza o modem para conectarse a Internet.
- Decídase por unha impresora de inxección de tinta. Conxugan calidade de impresión e velocidade, son pouco ruidosas e atópanse a prezos asequibles. Infórmese tamén sobre o prezo dos consumibles: unha impresora barata pode requirir cartuchos de tinta moi caros.
- Altofalantes, micrófono e tarxeta de son son outros elementos que hai que ter en conta.
- Facilite o estudio dos seus fillos e inclúa entre os programas do ordenador unha enciclopedia (moito máis doada de manexar cás tradicionais, permite realizar consultas rápidas e incluí-los datos obtidos nos seus textos) e un diccionario (hainos bilingües e multilingües, con programas de traducción automática e de aprendizaxe de idiomas).
Para atinar na compra…
- Os aspectos que hai que considerar á hora de mercar un ordenador son as características do equipo, unha boa relación calidade-prezo, o servicio post-venda e a marca.
- Non se deixe levar pola primeira oferta que vexa. Pregunte en varios centros sobre o equipo que máis lle interesa. Vexa ónde lle ofrecen máis garantía, cál é o mellor servicio e se ofrecen facilidades de pagamento. Atopará diferencias.
- Antes de mercar infórmese dos servicios post-venda. Algunhas marcas e distribuidores contan cun servicio permanente para axudaren a soluciona-los problemas que poidan xurdir.
- No tocante ás marcas, aínda que as coñecidas ofrecen unha óptima garantía, os clónicos son unha opción que tamén hai considerar, xa que son máis baratos (aínda que a diferencia de prezos é menor ca hai uns anos). Compare o servicio post-venda e as garantías de cada clase de ordenador e decida cál é mellor.
- Pregunte se o transporte á casa e a instalación están incluídos no prezo. Algúns establecementos e marcas dispoñen de servicios de axuda para a súa instalación. Non é difícil facelo sen axuda seguindo as instruccións que lle indicarán no establecemento, pero se vostede é “novato” no eido da informática pode atoparse con dificultades.