As máis baratas son unha boa elección
Analizáronse sete recambios de toalliñas grosas para bebé, con prezos moi dispares: desde os tres céntimos de euro por unidade de Tragoncete ós sete céntimos de Mustela e Klorane. A mellor relación calidade-prezo é Tragoncete, por se-la toalliña máis barata, por acadar unha valoración intermedia na proba de uso e por ofrecer resultados semellantes ás outras toalliñas no resto de probas realizadas. Dodot Dermoactive, que custa un céntimo máis por unidade, é outra opción interesante, por se-la mellor valorada na proba de uso.
As toalliñas húmidas impregnadas con loción son cada vez máis habituais na limpeza dos bebés, como substitutivas da auga e do xabón á hora de cambiárlle-lo cueiro, de limpárlle-la cara trala comida ou para aseárlle-las mans. Sen embargo, o seu uso transcendeu do puramente infantil para converterse nunha opción válida para o día a día dos adultos, que as utilizan, por exemplo, para levar no coche a xeito de útil de limpeza de mans e cara.
Están compostas por un soporte (a toalliña en si) e maila loción que o impregna. Para elaborar ese pano tódalas mostras analizadas utilizan un material de tipo “tecido non tecido”, que se obtén da compactación de fibras mediante diferentes sistemas (auga, calor…) sen necesidade de cosido.
Unha pel sa -de bebé ou de adulto- ten un pH de 5,5 (é dicir, lixeiramente ácido), polo que a loción que impregna estas toalliñas será mellor canto máis se achegue a este valor. Nun adulto este dato é importante, pero cando se fala dun producto que se aplica directamente sobre a pel dun bebé que aínda non desenvolveu totalmente o seu sistema inmunolóxico, o pH tórnase fundamental, xa que un valor demasiado básico ou ácido podería ocasiona-la aparición de intolerancias cutáneas. As sete mostras demostraron valores de pH semellantes e correctos: entre 5,2 e 5,7.
Por outra banda, o extracto seco non é en si mesmo un parámetro de calidade, pero indica cánto hai de materias orgánicas e minerais na loción e cánto é simplemente auga. Klorane (6,6%) e Johnson’s (6,4%) foron as toalliñas que máis extracto seco contiñan, e Tragoncete (0,5%) as que menos.
A teor dos resultados dos diferentes tests realizados, pódese asegurar que estas sete toalliñas para bebés son productos sans e seguros e que obtiveron resultados semellantes e satisfactorios no conxunto de parámetros analizados, agás na proba de uso na que si houbo diferencias significativas.
CONSUMER someteu as sete mostras a unha proba de uso por parte de oitenta consumidores habituais que os usaron sobre oitenta nenos, a metade nenos e a metade nenas. Cada tipo de toalliñas foi probado, polo menos, por trinta usuarios. Na valoración global, Dodot Dermoactive (7,7 puntos sobre 9) e Mustela (7,6 puntos sobre 9) obtiveron as puntuacións máis altas, seguidos por Johnson’s, con 7,2 puntos. A nota máis baixa, aínda que satisfactoria, correspondeulle a Klorane (6,2 puntos), seguido de Huggies (6,5 puntos). Tragoncete (6,7 puntos) e Nenuco (6,6 puntos) alcanzaron valoracións medias.
Dodot Dermoactive destacou pola facilidade de apertura do seu envase, polo aspecto, grosor e dimensións das toalliñas, pola cantidade adecuada de loción, facilidade de uso e pola boa sensación que queda na pel do neno (suave e non pegañenta) tralo seu uso. En Mustela gustaron tamén a facilidade de apertura do envase e as dimensións da toalliña, pero foi mellor ca Dodot no tipo e a intensidade do perfume, a solidez e resistencia da toalliña, a escasa pelusa que solta e a eficacia na limpeza da pel. Klorane e Huggies acadaron os peores resultados na maioría dos parámetros analizados. No apartado de limpeza da pel atopáronse diferencias significativas. O máis eficaz foi Mustela (8 puntos sobre 9) e Huggies o peor, aínda que tamén satisfactorio, con 6,6 puntos.
Na análise bacteriolóxica á que se someteron as sete mostras, que estudiou o estado hixiénico-sanitario das toalliñas, non se detectaron as bacterias máis susceptibles de aparecer nestes productos: mesófilos, lévedos e mofos. Ben, xa que logo.
O número de toalliñas por envase variou desde as 64 unidades de Huggies ata as 80 unidades de Tragoncete e Klorane. Dodot, Johnson’s e Nenuco ofreceron 72 toalliñas e Mustela, o segundo con menos, 70 unidades. Para extrae-las toalliñas observáronse diferentes sistemas, que se diferencian fundamentalmente na maneira en que se pregan. Os paniños de Dodot, Korane e Johnson’s están plisados dentro do estoxo de xeito entrelazado, polo que resultan máis sinxelos de sacar: ó extraer unha toalliña sae tamén o comezo da seguinte. Tragoncete, Nenuco, Mustela e Huggies optaron por un pregado máis incómodo, en Z, no que os paniños saen de un en un.
Unha toalliña de cor branca proporciona sensación de pureza e de limpeza e é un elemento que os consumidores valoran moi positivamente. O test de fluorescencia demostrou que non utilizan branqueantes (como o azurante óptico) ou fibras recicladas, pero en tódalas mostras o nivel de brancura foi moi satisfactorio.
No tocante ás dimensións das toalliñas, as de Dodot (20,6 x 17,7 cm) foron as máis grandes e as de Nenuco as máis pequenas. Os panos de Huggies (xulgados polo 40% dos consumidores como demasiado espesos) foron moito máis grosos có resto, con 854 mm (microns, ou millonésima parte dun metro) mentres que os máis finos foron os de Klorane, con 363 mm. Os de Dodot foron os segundos máis grosos, aínda que moi lonxe dos primeiros, con 474 mm de espesura. Tragoncete, Johnson’s, Nenuco e Mustela roldaron os 400 mm.
A cantidade de líquido das toalliñas coñécese mediante a súa taxa de impregnación. Mustela, o deste valor máis elevado (297%) ofreceu a maior cantidade de loción en cada toalliña. En segundo e terceiro lugar situáronse Huggies e Dodot, cunha taxa de impregnación do 287% e 283% respectivamente. A cantidade máis escasa de líquido por toalliña ofreceuna Johnson’s, coa menor taxa de impregnación (249%), seguida de Klorane (258%). Tragoncete (277%) e Nenuco (278%) situáronse en proporcións intermedias.
No tocante á resistencia máxima das toalliñas, realizáronse dúas probas: unha aplicando forza no sentido lonxitudinal e outra no transversal. As diferencias non foron moi significativas, pero pódense distinguir tres grupos: as toalliñas de maior resistencia, Tragoncete, Johnson’s e Mustela; as de resistencia media, Dodot, Klorane e Nenuco; e Huggies, as que menos forza soportan.
Seis toalliñas son do tipo hidroligadura ou spunlace, que se obtén do enmarañamento hidráulico dunha fibra viscosa e outra sintética. Este trenzado conséguese mediante un chorro de auga filtrada e desmineralizada a alta presión, con velocidades que alcanzan os 360 quilómetros por hora. As toalliñas Huggies son as únicas que non utilizan a hidroligadura, senón que forman o tecido unindo con calor fibras sintéticas e de celulosa no que se coñece como airlaid. Este tecido é menos suave cá hidroligadura utilizada nas outras seis mostras.
Estes dous sistemas de elaboración do tecido permiten que en ningunha das toalliñas sexan necesarias substancias químicas que actúen como axentes de liga para a unión das fibras, o que redunda nun producto de mellor calidade.
Unha das probas de ensaio máis importantes para estes productos é a avaliación do potencial irritante das locións que impregnan cada toalliña. Para medilo realízase o test HET CAM, que indica o grao de irritación que causa cada mostra en contacto cos ollos (a tolerancia ocular) e non necesita facer probas sobre animais.
Este test realízase sobre unha membrana de ovo de galiña, previamente incubada durante 10 días. Esta membrana ten a particularidade de ser vascularizada (ten risco sanguíneo) e as súas características son semellantes ás do ollo humano. Aplícase a loción sobre a membrana e déixase actuar durante 20 segundos, para, posteriormente, lavala e observar durante 5 minutos a eventual aparición de fenómenos de irritación (hemorraxias, hiperemias, coagulación, etc.).
Esta proba realizouse sobre catro ovos por cada modelo de toalliña que se quería estudiar, para evitar desviacións conxunturais. Nas toalliñas para bebé analizadas, todas son ben toleradas, agás Huggies que só acada o aceptable.
En síntese e táboa comparativa
En síntese
- Analizáronse 7 recambios de toalliñas grosas para bebé con prezos que varían desde os 3 céntimos por toalliña de Tragoncete ata os 7 céntimos de Mustela e Korane. Dodot, Johnson’s, Nenuco e Huggies saían a 4 céntimos de euro.
- Os resultados foron semellantes en tódalas toalliñas, salvo na proba de uso e no material utilizado: Huggies foi o único con soporte airlaid. O resto usou hidroligadura, que é máis suave.
- En ningún caso se atoparon bacterias, substancias branqueantes ou elementos químicos que actuasen como liga do tecido.
- Todas aprobaron a proba de uso, se ben Dodot (7,7 puntos sobre 9) e Mustela (7,6 puntos) foron as máis apreciadas. Korane (6,2 puntos) e Mustela (6,5 puntos) obtiveron as peores valoracións.
- No tocante á súa calidade global, Johnson’s, Dodot e Mustela foron ben valorados. Tragoncete, Klorane, Nenuco e Huggies, só “normal”.
- A mellor relación calidade-prezo é Tragoncete, por se-la toalliña máis económica, polo seu posto intermedio na proba de uso e por obter resultados semellantes ó resto nos outros parámetros avaliados. Outra opción interesante é Dodot Dermoactive, que aínda que foi a mellor valorada en moitos aspectos, sae un céntimo máis cara por toalliña ca Tragoncete.
Marca | Tragoncete | Dodot | Johnson`s | Nenuco |
---|---|---|---|---|
Prezo (euros/envase) | 2,40 | 3,16 | 2,80 | 3,15 |
Prezo (euros/toalliña) | 0,03 | 0,04 | 0,04 | 0,04 |
Características compoñentes | ||||
Natureza do soporte | Spunlace | Spunlace | Spunlace | Spunlace |
Toalliña | ||||
Fibras nº 1 | Viscosa | Viscosa | Viscosa | Viscosa |
Fibras nº 2 | Sintético | Sintético | Sintético | Sintético |
Axente de liga | Ausencia | Ausencia | Ausencia | Ausencia |
Loción | ||||
pH | 5,5 | 5,4 | 5,2 | 5,7 |
Extracto seco (%) | 0,5 | 1,1 | 6,4 | 1,4 |
Características xerais | ||||
Número de toalliñas | 80 | 72 | 72 | 72 |
Tipo de prega-dura | Pregado en Z | Entre-lazado | Entre-lazado | Pregado en Z |
Brancura | Satis-factoria | Satis-factoria | Satis-factoria | Satis-factoria |
Tamaño medio toalliña húmida (Lxa cm) | 20,5×17,2 | 20,6×17,7 | 20,8×17,2 | 20,3×15,6 |
Tamaño medio toalliña seca (Lxa cm) | 19,7×17,0 | 19,5×17,5 | 19,9×17,1 | 20,4×15,1 |
Espesura aparente (mm) | 395 | 474 | 381 | 399 |
Peso medio toalliña húmida (g) | 5,9 | 8,6 | 7,1 | 5,6 |
Peso medio toalliña seca (g) | 1,5 | 2,3 | 2,2 | 1,7 |
Taxa de impreg-nación media (%) | 277 | 283 | 249 | 278 |
Fluores-cencia | Ausencia | Ausencia | Ausencia | Ausencia |
Resistencia máxima | Moi Ben | Ben | Moi Ben | Ben |
Tolerancia ocular | Ben | Ben | Ben | Ben |
Análise bacterio-lóxica | Satisfac-torio | Satisfac-torio | Satisfac-torio | Satisfac-torio |
Proba de uso (de 1 a 9) | 6,7 | 7,7 | 7,2 | 6,6 |
Calidade global | Correcta | Satis-factoria | Satis-factoria | Correcta |
Marca | Huggies | Mustela | Klorane |
---|---|---|---|
Prezo (euros/envase) | 2,71 | 4,92 | 5,77 |
Prezo (euros/toalliña) | 0,04 | 0,07 | 0,07 |
Características compoñentes | |||
Natureza do soporte | 2 airlaids + fíos sintéticos elásticos ó centro | Spunlace | Spunlace |
Toalliña | |||
Fibras nº 1 | Celulosa | Viscosa | Viscosa |
Fibras nº 2 | Sintético | Sintético | Sintético |
Axente de liga | Ausencia | Ausencia | Ausencia |
Loción | |||
pH | 5,3 | 5,7 | 5,4 |
Extracto seco (%) | 1,5 | 4,1 | 6,6 |
Características xerais | |||
Número de toalliñas | 64 | 70 | 80 |
Tipo de prega-dura | Pregado en Z | Pregado en Z | Entre-lazado |
Brancura | Satis-factoria | Satis-factoria | Satis-factoria |
Tamaño medio toalliña húmida (Lxa cm) | 18,8×18,5 | 20,5×17,3 | 21,4×16,9 |
Tamaño medio toalliña seca (Lxa cm) | 17,9×17,5 | 20,0×16,7 | 20,3×16,1 |
Espesura aparente (mm) | 854 | 429 | 363 |
Peso medio toalliña húmida (g) | 12,5 | 6,7 | 6 |
Peso medio toalliña seca (g) | 3,0 | 1,9 | 1,7 |
Taxa de impreg-nación media (%) | 287 | 297 | 258 |
Fluores-cencia | Ausencia | Ausencia | Ausencia |
Resistencia máxima | Normal | Moi Ben | Ben |
Tolerancia ocular | Aceptable | Aceptable | Ben |
Análise bacterio-lóxica | Satisfac-torio | Satisfac-torio | Satisfac-torio |
Proba de uso (de 1 a 9) | 6,5 | 7,6 | 6,2 |
Calidade global | Correcta | Satis-factoria | Correcta |
Un por un
Un por un, 7 recambios de toalliñas para bebé
TRAGONCETE
- 0,03 euros/toalliña
- Calidade global: Normal.
- A mellor relación calidade-prezo. A máis económica. 80 toalliñas por envase, pregadas en Z (máis incómodo). A súa loción contiña o menor extracto seco (0,5%). A toalliña seca de menor peso (1,5 gramos). Das máis resistentes. Boa valoración en tolerancia ocular. Na proba de uso, 6,7 puntos: un tercio dos consumidores atopan o seu perfume demasiado forte e un 27% opina que a toalliña é demasiado fina.
DODOT
- 0,04 euros/toalliña
- Calidade global: Ben.
- Outra boa opción. 72 toalliñas por envase, pregadas entrelazadas (máis cómodo). As máis grandes, tanto húmidas (20,6×17,7 cm) coma secas (19,5×17,5 cm). Boa valoración en tolerancia ocular. Na proba de uso, as mellores, 7,7 puntos: salientou polo aspecto, grosor, dimensións e cantidade de loción das toalliñas, polo doado de manexar e polo suave e non pegañenta que deixa a pel. Os consumidores non salientaron ningún punto débil.
JOHNSON'S
- 0,04 euros/toalliña
- Calidade global: Ben.
- Outra boa opción. 72 toalliñas por envase, pregadas entrelazadas (máis cómodo). O menor contido de líquido por toalliña. Das máis resistentes. Boa valoración en tolerancia ocular. Na proba de uso, 7,2 puntos: o 17% dos consumidores opinaron que a toalliña é demasiado fina.
NENUCO
- 0,04 euros/toalliña
- Calidade global: Normal.
- 72 toalliñas por envase, pregadas en Z (máis incómodo). Son as toalliñas máis pequenas tanto húmidas (20,3×15,6 cm) coma secas (20,4×15,1 cm). Ademais, o peso medio da toalliña húmida tamén foi o menor (5,6 gramos). Boa valoración en tolerancia ocular. No test de uso, 6,6 puntos: un 27% dos consumidores xulga o seu perfume como demasiado forte e un 20% atopou a toalliña excesivamente húmida.
HUGGIES
/imgs/20030601/huggies.jpg 0,04 euros/toalliña- Calidade global: Normal.
- O menor número de toalliñas por envase, 64 unidades, pregadas en Z (máis incómodo). As únicas elaboradas co soporte ‘airlaid’, menos suave có resto. As toalliñas máis pesadas e as máis grosas (854 microns). As menos resistentes. A única de tolerancia ocular só aceptable. Na proba de uso, as segundas peores, 6,5 puntos: apertura do recambio pouco fácil no primeiro uso, o 40% dos consumidores considerárona demasiado grosa, e o 17% manifestaron que o seu perfume era demasiado débil e que lle faltaba suavidade.
MUSTELA
- 0,07 euros/toalliña
- Calidade global: Ben
- Xunto a outras, as máis caras. 70 toalliñas por envase, pregadas en Z (máis incómodo). O maior contido de líquido por toalliña (taxa de impregnación, 297%). Das máis resistentes. Boa valoración en tolerancia ocular. Na proba de uso, a segunda mellor valorada, 7,6 puntos: boas valoracións no tipo e intensidade do perfume e na eficacia de limpeza.
KLORANE
- 0,07 euros/toalliña
- Calidade global: Normal
- Xunto a outras, as máis caras. 80 toalliñas por envase, pregadas entrelazadas (máis cómodo). A loción de maior contido en extracto seco (6,6%). As máis finas (363 microns). Boa valoración en tolerancia ocular. Na proba de uso, as peores, 6,2 puntos: o seu perfume foi o menos apreciado por ser demasiado forte e o 27% dos usuarios opinou que a toalliña é demasiado fina, e o 23% que é excesivamente seca.