O disco flexible

Adeus ó floppy

O principal problema para enterra-lo disco flexible é o seu gran número de sucesores
1 Xuño de 2003
Img internet listado 138

Adeus ó floppy

/imgs/20030601/internet01.jpg
O disco flexible agoniza desde hai anos, pero ¿e agora que ven? As alternativas (CD gravable, memorias flash, correo electrónico…) son múltiples, pero non é tan doado atoparlle un sucesor a un dos dispositivos que máis tempo leva inalterado nos ordenadores.

O disco flexible ou disquete, un disco magnético portátil para almacenar datos, viu a luz en 1971 da man de IBM. Os primeiros discos floppy (brandos) para computadoras persoais medían 5,25 polgadas (cun grosor de 1 milímetro) e podían gardar 160Kb de información. Dez anos despois chegaron da man de Sony os de 3,5 polgadas, coincidindo cos albores do auxe do PC. Eses novos disquetes máis ríxidos conseguiron despois o seu tope de capacidade: 1,44Mb.

O disquete quedou obsoleto precisamente pola súa limitada capacidade de almacenamento. Cando hai 20 anos os PCs traían discos duros de 20Mb, con 15 disquetes podíase facer unha copia de seguridade de todo o seu contido. Trinta anos despois os discos duros gardan dez veces máis información e nun disquete é complicado gardar algo máis ca arquivos de texto ou un par de fotografías de pouca calidade.

O problema para o usuario é elixir entre as numerosas alternativas que ten ó seu alcance. Porque non é tan doado atopar algunha con tódalas súas vantaxes (barato, móbil e compacto, doado de ler/escribir e ‘arrancable’) e ningún dos seus inconvenientes (lento, de baixa capacidade e pouco fiable).

Os tres reis

Hai tempo que se di que a disqueteira ten os días contados, pero de momento ninguén ocupou o seu trono. Entre a interminable lista de ‘asasinos’ do disquete, hai tres que lle asestaron puñaladas case definitivas.

Cando se trata de transportar datos do tamaño do que cabe nun disquete, non hai dúbida de que o correo electrónico é a opción máis eficaz e económica. A chegada de Internet supuxo o comezo da fin do disquete, xa que o substituíu como ferramenta para transportar datos entre a casa e o traballo. Se cabe nun disquete e contamos cunha conexión á Rede non hai moitas dúbidas de cál é a mellor opción.

Se se fala dun maior volume de datos, o CD gravable resolve case tódolos problemas. A baixada en picado do prezo tanto das gravadoras coma dos CDs virxes (pouco máis có prezo dun disquete) converteu este soporte cunha capacidade 500 veces maior nunha alternativa sen par, pero na que aínda resulta molesto gravar datos.

Unha terceira opción puxante son os ‘chaveiros’ USB. Trátase de pequenos dispositivos de memoria flash, de entre 16Mb e 256Mb, que se conectan ó porto USB (ubicuo nos PCs desde hai máis dun lustro) para move-los datos a unha gran velocidade.

Existen outros soportes, como os discos Zip (ata 750Mb) e Jaz (ata 2Gb) de Iomega, os SuperDisk LS-120 (para discos de 120Mb e compatibles cos de 1,44Mb) ou os discos duros portátiles de ata 200Gb. Tamén se poden adquirir lectores para as tarxetas SmartMedia, CompactFlash ou Memory Stick, capaces de gardar ata 1Gb, peor ningún callou.

Os fabricantes despiden o disquete

En realidade, son innumerables os dispositivos con memoria que o usuario pode empregar como alternativas ó disquete ou, dada a súa grande capacidade, como discos duros portátiles. Desde os reproductores de MP3 (con capacidades de ata 30Gb), ata as PDAs, pasando polos celulares, hai infinidade de aparellos móbiles, que, aínda que non naceran para iso, serven para almacenar e transportar arquivos.

Un dos factores clave para que os disquetes desaparezan será que a industria lles dea definitivamente as costas. E isto non se producirá ata que os fabricantes estean seguros de que o usuario non botará en falta a disqueteira no seu PC. Apple desterrou a disqueteira dos seus iMacs en 1998. Outros, como IBM ou Compaq, tamén o fixeron, pero acabaron dando marcha atrás. Agora Gateway ofrece un aforro de 10 dólares para os PCs sen disqueteira, HP retirouna dos seus portátiles e Dell decidiu eliminala dos seus equipos de gama alta (Dimension), o que pode se-lo último cravo no ataúde do disquete.

Duro de matar

O ano pasado vendéronse 1.000 millóns de disquetes, o que pode facer pensar que este soporte goza dunha envexable saúde. Sen embargo, a finais dos 90 vendíanse 5.000 millóns cada ano. Agora, menos do 10% dos usuarios permanecen fieis ó disquete, segundo Disk/Trend.

Os defensores do disco flexible aseguran que aínda hai que deixarlle un oco no PC para, por exemplo, crear un disco de arranque. E, aínda que os novos sistemas operativos xa utilicen o CD como disco de recuperación, sempre haberá quen pense que como ten un disquete (ou decenas deles) o seu PC precisa disqueteira.

/imgs/20030601/internet02.jpgDisco duro virtual
www.disco-duro.com
Internet segue sendo unha fonte case inesgotable de recursos gratuítos. Hai moitas páxinas que ofrecen garda-los arquivos na Rede, para que sexan accesibles desde calquera lugar en calquera momento, con só completar un rexistro de usuario.

/imgs/20030601/internet03.jpg Coñeza o seu hardware
www.conozcasuhardware.com
No apartado “qué é…” desta páxina hai unha sección dedicada ós dispositivos de almacenamento: disqueteira, discos duros e dispositivos ‘removibles’ (ata 250Mb, ata 2Gb e máis de 2Gb de capacidade).

/imgs/20030601/internet04.jpg O máis barato
www.usbyte.com
Información, táboas comparativas, recursos en Internet e prezos de tódolos sistemas de almacenamento no mercado: discos duros, memorias flash, disquetes, Zip, CD-ROM, DVD, discos virtuais, etc. En inglés.

Éraa post-disquete

Elixir un dispositivo de almacenamento é unha cuestión de tamaño, capacidade e prezo. Para transporta-los 1,44Mb que caben nun disquete basta con axunta-lo arquivo a un email. Para volumes maiores de datos xa hai que pensar no prezo, na capacidade e na portabilidade das alternativas.

CD gravable. O prezo das gravadoras de CD (desde 60 euros) e dos discos (gravables a 40 céntimos e regravables a 70), a súa capacidade (700Mb) e a súa cada vez maior facilidade de uso converten o CD no novo rei do almacenamento de datos. O CD é o medio que ofrece menor custo por megabyte.

Memoria USB. Do tamaño dun chaveiro (85x28x15 milímetros e 20 gramos), estes mini-discos portátiles transportan ata 256Mb. A conexión ó porto USB facilita a conexión con tódolos equipos. O seu único freo é o prezo: 60 euros os de 64Mb.

Zip e SuperDisk. Chamados a enterra-lo disquete, non deron callado. O Zip de Iomega foi mellorando en capacidade e prezo, pero non soporta a comparación co CD-ROM. O SuperDisk ten a favor a súa compatibilidade cos discos de 1,44Mb e en contra a súa capacidade (120Mb, moi pouco hoxe en día), lentitude e pouca aceptación.