A saúde visual, por riba de modas
Aínda que para moitos son un complemento máis, cómpre que as gafas de sol protexan os ollos e eviten os efectos perigosos ou nocivos do astro rei. Xa que logo, a elección das súas lentes non se debe basear en modas ou criterios estéticos, senón no uso que se lles dará. Para a montura deixarémo-los nosos gustos e optaremos pola que máis nos favoreza.
- A adquisición das gafas de sol debe estar supervisada por un especialista da visión.
- Elixa a gafa máis axeitada ó uso preferente que lle vaia dar, sexa praia, montaña, deporte, conducción, etc.
- A gafa de sol ideal debe ser neutra desde o punto de vista óptico, cubrir de fronte e lateralmente dos raios nocivos, ter un alto grao de protección contra os raios ultravioleta, ausencia de rugosidades e bordos vivos, con cristais ou orgánicas, nunca de plástico.
- Amais de lles faceren fronte ás radiacións solares, unhas gafas deben permitir unha óptima agudeza visual.
- Non se deixe enganar pola cor das lentes. Algunhas lentes brancas filtran o 100% da radiación UV mentres que outras moi escuras non filtran correctamente a luz UVA pero si a visible, favorecendo unha maior dilatación pupilar e, como consecuencia, un incremento da radiación UVA que recibe o ollo.
- Préstelles especial atención ós nenos, o seu cristalino é case transparente ata os 10 ou 12 anos, e os seus ollos absorben toda a radiación. Non lles merque gafas de sol de xoguete ou que non cumpran estrictamente coa regulamentación da Comisión Europea.
- Para que a lente solar protexa do xeito adecuado, debe estar perfectamente adaptada ó rostro: a montura non debe quedar nin descentrada nin lonxe da cara.
- Antes de mercar calquera gafa de sol, comprobe que estea marcada co selo da Comunidade Europea e que na etiqueta figure a clase á que pertence ou a categoría do seu filtro.
- Asegúrese de que na etiqueta ou no folleto informativo figuran o nome e o enderezo do fabricante, as instruccións de almacenamento, uso, limpeza e mantemento ou desinfección aconsellados polo mesmo, e mailos consellos e advertencias de seguridade en caso de que, por exemplo, estean fabricadas cun tipo de filtro que non sexa apto para a conducción de vehículos.
Unha cor para cada necesidade
Máis alá de modas e cuestións estéticas, a cor das súas lentes indica para qué actividades son máis axeitadas unhas gafas.
- Castaña: para filtra-las radiacións azuis. Aumenta o contraste e a profundidade de campo e é ideal para os deportes ó aire libre, xa que produce un efecto relaxante. Indicada en caso de miopía.
- Verde: permite unha percepción das cores con moi poucas alteracións. Reduce a luz visible sen interferir coa claridade de visión. Especial para deportes náuticos e hipermetropía.
- Amarela: mellora o contraste en días nubrados, brumosos e con néboa. Non se recomenda o seu uso para conducir en días soleados, xa que pode provocar erros na percepción das luces vermellas e verdes dos semáforos.
- Gris: permite o seu uso continuado no tempo, xa que transmite uniformemente a luz a través do espectro e respecta mellor as cores naturais. Recomendadapara conducir.
- Laranxa: non é apta para uso solar. Aumenta o contraste máis aínda cá cor amarela e é a máis axeitada para situacións en que o ceo está encapotado. Proporciona o maior contraste cando se dan situacións de baixa luminosidade e é un filtro eficiente para a luz azul. É a cor idónea en condicións de baixa luminosidade, como a conducción nocturna ou con néboa, xa que aumenta os niveis de contraste.
Graos de absorción dos filtros
- Filtros fotocromáticos: responden á intensidade da luz ultravioleta cambiando a súa tonalidade de clara a escura. Aconsellable para frecuentes entradas e saídas de interior a exterior.
- Filtros espellados: ofrecen unha protección máxima fronte ó UVA, polo que son recomendados para o esquí ou a escalada. O seu inconveniente: ráianse facilmente.
- Filtros polarizados: minimizan o cegamento, xa que eliminan os reflexos de certos ángulos de superficies como a auga, a neve ou a area. Polo tanto, son moi útiles para traballos sobre superficies que reflictan, a pesca, deportes acuáticos…
- Filtros con antirreflexo: neutralizan as reflexións dos raios que pasan polos lados das gafas.
A saúde visual está en xogo
- A exposición ó sol sen protección pode orixinar importantes lesións na córnea, retina e cristalino, provocando conxuntivite, a afección máis habitual, úlceras crónicas e a aparición prematura de cataratas.
- Para previ-las cataratas o máis eficaz é levar gafas de sol que filtren a radiación UVA e UVB, e a ser posible con protectores laterais que eviten a radiación reflectida no chan, paredes, e nalgunhas partes do corpo como a cara e o pescozo.
- Os danos que provocan unhas gafas inadecuadas non aparecen axiña, senón despois dalgúns anos e nos máis dos casos as lesións son irreversibles.
- Algunhas dores intensas de cabeza e fotofobias anormais (intolerancia e temor anormal á luz) tamén están producidas directamente pola utilización de gafas de sol, que non dispoñen dos filtros axeitados para evita-lo paso da radiación ultravioleta ós ollos.
Nivel Filtro |
Luminosidade solar | Absorción luz visible(%) | Descrición | Indicacións |
---|---|---|---|---|
0 | Moi baixa | 0-20 | Lentes claras ou moi lixeiramente coloradas | Estética e comodidade.Tempo cuberto, néboa, vento, po. |
1 | Baixa | 20-56 | Lentes lixeiramente coloradas | Uso urbano |
2 | Media | 57-81 | Lentes medianamente coloradas | Paseo, golf, tenis. |
3 | Forte | 82-91 | Lentes escuras | Nenos. Praia e montaña. |
4 | Moi forte | 92-97 | Lentes moi escuras | Deportes acuáticos e alta montaña |