Productos contra a obesidade e a calvicie

Moitas farmacias venden productos milagre e case non informan

O 96% delas despachan productos anti-obesidade e anti-calvicie sen solicitaren o diagnóstico médico previo.
1 Xuño de 2003
Img temap 154

Moitas farmacias venden productos milagre e case non informan

A obesidade e a caída do cabelo, aínda que son problemas ben distintos (o primeiro está relacionado coa saúde e pódese converter en enfermidade, mentres que a calvicie non) teñen dúas cousas en común: unha, afectan á imaxe estética do afectado e pode que á súa autoestima; e dúas, son moi difíciles de resolver. Supera-la obesidade require case sempre cambiar de modo permanente unha dieta inadecuada e mais realizar máis exercicio físico e, mal que lles pese a moitos, aínda non hai solucións rápidas contra o exceso de peso que resulten saudables e duradeiras; e, doutra banda, ata o momento a investigación científica non só non deu cun producto que promova -en todos ou, cando menos, nos máis dos casos- o crecemento do pelo, senón que tampouco conseguiu garantir que a súa caída se deteña definitivamente e sen que iso reporte efectos secundarios. Ante esta dobre conxuntura (problemas percibidos como importantes por moitas persoas, e inexistencia de solucións eficaces, contrastadas cientificamente, estandarizadas e fiables), o mercado ofrécelles ós consumidores unha enorme diversidade de productos relacionados coa obesidade e coa caída do cabelo que prometen moito e conseguen pouco, e que, ademais, nalgúns casos poden prexudica-la nosa saúde.

O primeiro que cómpre saber é que, en ámbolos casos, as solucións radicais ou milagreiras non existen, e que o acertado é acudir ó médico especialista para que, estudiando as nosas circunstancias específicas, nos suxira o que debemos facer. Ir directamente á farmacia na procura dunha solución é un erro, por unha triple razón: unha, o farmacéutico -se non o pregunta- ignora o noso diagnóstico e historial médico, así como os nosos hábitos de vida e circunstancias particulares, polo que se pode enganar e dispensarnos productos pouco axeitados para o noso organismo; dúas, nas farmacias abundan os productos milagre que, aínda que poidan gardar algunha relación co noso problema e non ser prexudiciais, non conteñen principios activos para resolvelo; e tres, algunhas farmacias venden productos anti-obesidade e anti-calvicie sen darlle información abonda ó usuario sobre as súas características principais: indicacións, contraindicacións, efectos secundarios, etc.

Técnicos de CONSUMER visitaron o pasado mes de maio, sen se presentaren como tales e actuando como un cliente máis, un total de 192 farmacias en 13 cidades -Madrid, Barcelona, Valencia, Bilbao, Málaga, Zaragoza, San Sebastián, A Coruña, Murcia, Vitoria, Almería, Santander, Pamplona- solicitando productos que resolvesen estes dous problemas, e comprobaron que o 96% delas despachan productos anti-obesidade e anti-calvicie sen solicitaren o diagnóstico médico previo. Ademais, o 53% dos boticarios vendíaos sen lle ofrecer ó cliente a información e os consellos necesarios para o seu uso correcto. Para rematar, no 44% das farmacias visitadas comercializábanse “productos milagre”, que nin son medicamentos nin teñen unha eficacia cientificamente demostrada para resolve-lo problema que din tratar, e que basean o seu “gancho” nunhas promesas publicitarias enganosas dado que non conseguen o efecto que o usuario agarda ó consumilos.

Cómo se fixo o estudio

Os técnicos de CONSUMER que visitaron as farmacias pedíronlle a quen as atendían “un producto adelgazante para baixar axiña de peso” e outro “que faga medra-lo pelo ou, cando menos, sirva para evita-la caída do cabelo que aínda me queda”. Non se solicitaron artigos coa súa marca ou denominación comercial, simplemente se requiría o remedio farmacéutico para un problema. O máis correcto, en ámbolos casos, sería que o farmacéutico non dispensase producto ningún e que enviase o cliente ó médico especialista. Unha opción menos eloxiable, pero mellor ca outras, é que o farmacéutico lle preguntase ó cliente cuestións específicas relacionadas co seu problema, para así poder ofrece-lo producto máis axeitado para esa persoa en concreto. En cada visita, anotouse a actitude do farmacéutico e as súas respostas ante as numerosas preguntas do cliente, que era un técnico desta revista. Ademais, tívose en conta o grao de coñecemento do farmacéutico sobre os productos que ofrecía e, especialmente, sobre os seus posibles efectos secundarios. Nos métodos supostamente adelgazantes, valorouse se se aconsellaba a visita ó especialista ou non, e se se preguntaba pola nosa dieta, índice de masa corporal (IMC) ou hábitos de vida. No tocante ós productos para evita-la caída do cabelo comprobouse se se aconsellaba acudir ó especialista (médico dermatólogo), se se preguntaba pola nosa dieta e hábitos de vida, polo tempo que había que comezaramos a nota-la perda de cabelo e pola cantidade de pelo que perdiamos. En definitiva, avaliouse se o farmacéutico trataba de indaga-la causa do noso problema, para así propórno-lo mellor producto posible.

En tódalas farmacias comprobouse tamén se se nos aconsellaba realizar un diagnóstico médico antes de despachárno-lo producto, e se se ofrecían productos milagre (non son medicamentos, as súas indicacións non se corresponden coas solicitadas e prometen efectos terapéuticos que non poden conseguir). E, para rematar, contrastouse se as farmacias que vendían productos anti-obesidade e anti-calvicie lle ofrecían ó cliente información adecuada sobre a súa eficacia, limitacións e posibles efectos secundarios.

A realidade difire dunha cidade a outra

As cidades en que unha maior proporción de farmacéuticos (aínda que só fose o 12%) amosou unha actitude exemplar (non vende-lo producto anti-obesidade ou anti-calvicie, e recomenda-la visita previa ó especialista médico) foron Almería e A Coruña. En segundo lugar, atópanse as de Bilbao (10%), Málaga e Barcelona (8%, ambas). Nas outras 8 cidades, tódalas farmacias venderon directamente polo menos un destes productos.

Por outra banda, San Sebastián foi a cidade coas farmacias que ofreceron en maior proporción (o 75% das visitadas) productos milagre relacionados con estes dous problemas. Séguea Valencia, cun 59%, e cun 50% aparecen as de Pamplona, Vitoria, Madrid e Almería. As cidades coas farmacias nas que se anotou unha menor oferta destes productos milagre foron Santander e Murcia, onde só unha de cada catro dispuña deles. En Bilbao tíñanos só no 30% e en Málaga nun 34%.

A importancia da información

Se, como se comprobou, as máis das farmacias non lle esixen ó cliente a opinión previa do médico para despacharen productos anti-obesidade e anti-calvicie, parece imprescindible que os farmacéuticos lle proporcionen ó usuario a información pertinente sobre o producto que ofrecen: qué son, para qué serven e qué limitacións, contraindicacións ou posibles efectos secundarios teñen. Só o 47% das farmacias dispostas a vender estes productos o fixeron proporcionándolle ó cliente esta información tan necesaria. En Pamplona, tódolos farmacéuticos visitados os vendían sen informar cun mínimo de detalle sobre os productos. A continuación sitúanse as farmacias de Vitoria e de Murcia, cun 88% e cun 79%, respectivamente. Como comportamento modélico, pódese salienta-lo dos farmacéuticos de Bilbao: en ningún establecemento se esqueceron de comunicar estas informacións. En segundo lugar atopamos a Valencia, onde só un 9% os despachaba sen os consellos axeitados. En terceiro lugar sitúase A Coruña, cun 25%, e séguena Zaragoza, Málaga e Almería, cun 50%. Na zona media figuran San Sebastián e Santander, co 60% e co 63%, respectivamente.

Cómo facerlle fronte á obesidade

O 90% dos casos de sobrepeso e de obesidade débese a uns inadecuados hábitos de alimentación e ó sedentarismo. Xa que logo, se desexamos adelgazar, a inmensa maioría dos mortais só o conseguiremos mediante unha dieta baixa en calorías e coa práctica regular de exercicio físico. Ademais, é recomendable poñernos en mans dun especialista que estudie o noso caso e que nos indique os pasos que hai que seguir. Así e todo, hai quen obvia o devandito e recorre a productos milagre e a outros métodos que ofrecen unha falsa eficiencia e rapidez e que poden comprometer seriamente a súa saúde, amais de realizar un gasto inútil, sen obte-los resultados agardados.

O mercado ofrece uns 600 preparados (cápsulas, herbas, barriñas…) dos que só dous poden presumir de resultados cientificamente probados: Orlistat e Sibutramina, e, en todo caso, presentan contraindicacións e deben tomarse baixo control médico.

Os productos anti-obesidade que ofreceron as farmacias visitadas pódense clasificar deste xeito:

  • Diuréticos e laxantes: pastillas ou infusións a base de mexacán, té verde, bidueiro, alcachofa, ameixa… plantas coñecidas polas súas propiedades diuréticas e dixestivas. Poden resolver problemas dixestivos, de retención de líquidos ou de estrinximento, pero non eliminan quilos de materia graxa senón líquidos, polo que a baixada de peso é enganosa e mesmo perigosa, e os quilos vólvense recuperar en pouco tempo.
  • Diminución da absorción de graxas: estes productos pretenden impedir ou diminuí-la absorción de graxas no organismo, concretamente no intestino. O único fármaco con efectos probados é Xenical, que se emprega baixo estricta prescrición médica no tratamento de persoas con problemas de obesidade grave. Non debe usarse para eliminar “eses quiliños de máis” que tanto nos desagradan, especialmente no verán, xa que os seus efectos secundarios son importantes.
  • Inhibidores do apetito: algúns productos intentan modera-lo apetito a base de fibras que se inchan no estómago e que xeran sensación de saciedade. Adoitan tomarse entre 10 e 30 minutos antes das comidas. Non son aconsellables para persoas co intestino delicado e tampouco debemos consumir grandes cantidades de fibra se non estamos afeitos a facelo.
  • Aumenta-lo gasto enerxético: para perder peso hai dous medios, os dous eficaces e complementarios: inxerir menos calorías e queimar máis calorías. Algúns productos milagre aseguran acelera-la actividade metabólica conseguindo queimar inxentes cantidades de calorías, e todo iso sen movérmonos do sofá. Sen embargo, non hai estudios científicos que avalen esta suposta acción de “queimar calorías”.

Calvicie, ¿hai solución?

Pode ter dúas causas: unha xenética, e outra relacionada con situacións de tensión ou depresión, ou debida a estados carenciais dalgún mineral ou vitamina. Por iso, antes de tratar este problema, vólvese fundamental dar coa súa causa.

A alopecia conxénita pode tratarse -con resultados cientificamente probados- con dous tipos de producto. O primeiro confórmano os que conteñen Minoxidil, e ó parecer son efectivos en un de cada tres casos. Poden provocar efectos secundarios como alerxias ou dependencia, e a súa acción céntrase soamente na zona do cocote ou metade posterior da cabeza, e, ó deixar de utilizalo, o pelo que se conseguiu manter con este producto caerá nun curto prazo de tempo. O outro tipo de productos son os que conteñen Finasteride, que conseguen frea-la caída do cabelo no 70% dos casos. Tamén se observaron efectos secundarios, entre outros diminución da libido. Cando o usuario supera os 40 anos, o seu consumo é menos aconsellable, e ós seis meses de interrompe-lo consumo desa medicación pérdese de súpeto todo o cabelo que caería antes de non ser tratado con eses producto.

A alopecia por patoloxías concretas require un diagnóstico, xa que o ciclo de crecemento e caída do cabelo adoita normalizarse cando se resolve o problema que o ocasiona. Para combater este tipo de calvicie, o mercado ofrece complexos vitamínicos, aminoácidos e oligoelementos que axudarán só se a causa do problema é a deficiencia destes elementos (de feito, a carencia de vitaminas, por exemplo, é pouco probable na nosa sociedade).

E, para rematar, quedan certos xampús e locións que, se ben non resultan prexudiciais, non teñen unha eficacia cientificamente demostrada: combaten a caspa e a graxa e axudan a manter san e limpo o coiro cabeludo, pero non poden frear nin corrixen a caída do cabelo. De tódolos xeitos, e independentemente da eficacia dos diversos productos, ningún debe administrarse sen diagnóstico previo do especialista.

Algunhas cousiñas sobre os productos milagre

  • Non son medicamentos, porque se o fosen deixarían de ser productos milagre. A lexislación española establece un rigoroso sistema de rexistro de medicamentos: deben levar un número de seis cifras, coñecido como Código Nacional de Medicamentos. O control previo sanitario queda patente polas siglas C.P.S. Se as leva, a Administración garante a indicación do producto.
  • Non hai seguridade ningunha de que os productos milagre cumpran coa función correctora ou terapéutica que anuncian máis ou menos agachadamente.
  • Os productos que ofrecen solucións rápidas ou milagreiras para patoloxías ou problemas que a ciencia médica non conseguiu resolver, deben suscitarnos de entrada moitas dúbidas. Mellor non confiarmos neles.
  • Non son a mellor opción para a nosa saúde nin para a nosa economía. Consúltelle ó seu médico: calquera solución será máis eficiente contando cun diagnóstico previo.
  • Non merque medicamentos por catálogo, Internet ou teléfono: non está permitida a súa venda mediante estas canles. E se se trata de productos milagre, sempre será mellor mercalos na farmacia e solicitar información.
  • Se sofre unha enfermidade ou lesión que precise de tratamento terapéutico, o emprego de productos milagre pode facerlle perder un tempo precioso que retarde ou impida inicia-lo tratamento preciso.
  • Os cosméticos poden limpar, manter ou protexer en bo estado, ou modifica-lo aspecto de certas partes superficiais do noso corpo, pero (dío a lei) non se lles pode atribuír accións terapéuticas.
  • A frase comercial “de venda en farmacias” non asegura a eficacia do producto.
  • Non utilice productos supostamente beneficiosos para a saúde sen consulta-lo seu médico.
  • Nalgunhas persoas, estes productos-milagre poden ter un “efecto placebo”: o consumidor atribúelle ó producto accións terapéuticas das que o producto carece, por non conter principios activos que combatan o problema tratado. Pero iso non significa que o problema se resolvera, nin que o producto sexa eficaz.

Productos para potencia-lo crecemento para nenos: as farmacias, moito mellor e táboa comparativa

A inmensa maioría das farmacias visitadas responderon de xeito satisfactorio cando o técnico de CONSUMER solicitou, sen especificar marca nin tipo, un producto para fomenta-lo crecemento corporal dun neno cun talle inferior ó normal e/ou inapetente, xa que indicaron a conveniencia de acudir previamente ó pediatra, ou informaron de que a única vía para acadar ese propósito é a administración de hormonas de crecemento, avisando, iso si, que é o pediatra quen deberá valorar esta posibilidade tralo diagnóstico que lle realice ó neno.

Tan só o 3% das farmacias visitadas (todas elas, dúas en concreto, na Coruña) ofreceron sen reparos e sen suxeri-la visita ó pediatra, este producto. En ámbolos casos, tratábase de xaropes para abri-lo apetito, un para nenos e o outro indicado para a anorexia, e tamén nos dous casos, non se lle comunicou ó cliente as características do xarope, só se afirmou que “é o que menos contraindicacións ten”. Un dato menos positivo é que o 28% das farmacias visitadas, a pesar de menciona-la visita ó pediatra como mellor opción, propuxeron que “mentres tanto” se lle poderían administrar ó neno vitaminas (polivitamínicos), alimentos complementarios e/ou estimulantes do apetito. Isto aconteceu en Valencia e Murcia (100% das farmacias visitadas), Almería (75%), Zaragoza (50%), Bilbao (20%) e Madrid (17%). No resto, agás na Coruña, a resposta foi a máis adecuada.

Se nos productos para combate-la obesidade e a calvicie, a iniciativa do farmacéutico de exporlle ó cliente os efectos secundarios ou contraindicacións do producto que se ofrece como solución parece moi conveniente, nos productos para potencia-lo crecemento ou o apetito do neno, esta actitude considérase imprescindible. Pois ben, unha farmacia de Almería, outra de Murcia, Madrid, Bilbao e A Coruña, amais de tres de Valencia e outras tres de Zaragoza (en total, 11 farmacias, o 55% das que ofreceron estes productos) non comentaron sequera as posibles reaccións alérxicas dos productos que ofrecían para resolve-lo problema. De tódolos xeitos, e a teor dos datos rexistrados, a situación detectada nas farmacias no tocante á venda de productos relacionados co crecemento infantil é notablemente mellor cá vinculada a artigos ou métodos anti-obesidade e anti-calvicie.

Problemas de crecemento infantil: a visita ó pediatra, imprescindible

Unha alimentación equilibrada, saudable e variada proporciona habitualmente os requirimentos fisiolóxicos de vitaminas dos nenos. As vitaminas son de dous tipos: hidrosolubles (B e C), solubles en auga e presentes nas partes acuosas dos alimentos, e liposolubles (A, D, E e K), insolubles en auga, que se atopan nas partes graxas dos alimentos. A prescrición de vitaminas débese restrinxir a estados carenciais específicos do neno. A administración indiscriminada de suplementos vitamínicos pode producir acumulación tóxica de vitaminas liposolubles. E o consumo de grandes doses de vitaminas hidrosolubles pode ocasionar efectos adversos. O mercado ofrece diversos polivitamínicos e asociacións de vitaminas de variada composición. Moitos dos síntomas para os cales se empregan (alteracións do apetito, trastornos funcionais, etc.) poden te-la súa orixe en enfermidades potencialmente graves para as que é preciso o diagnóstico dun médico especialista. En calquera caso, se se opta por empregalos, cómpre ter en conta -amais do risco de toxicidade por exceso de vitaminas liposolubles- a frecuente presencia de hormonas e estimulantes do sistema nervioso central nestes preparados vitamínicos.

Os pediatras prefiren reserva-la administración destes compoñentes vitamínicos e estimulantes do apetito ós nenos cun estado carencial producido por unha mala absorción ou por unha enfermidade concomitante; por outra banda, lembremos que unha dieta equilibrada, saudable e variada achega as vitaminas e os oligoelementos necesarios para o desenvolvemento normal do neno.

Os medicamentos que ofreceron as farmacias pódense clasificar así:

Estimulantes do apetito:
Son asociacións de ciproheptamina e outros. Efectos secundarios: sequidade de boca, retención urinaria, dilatación con visión borrosa, trastornos gastrointestinais e somnolencia. Tamén: taquicardia, astenia, tremeres, nerviosismo, etc…

Polivitamínicos con minerais:
Conteñen vitaminas e minerais. Efectos secundarios: molestias gastrointestinais e hipersensibilidade ós compoñentes.

Polivitamínicos sen minerais:
Conteñen vitaminas esenciais varias. O efecto secundario principal é a hipersensibilidade, e están contraindicados en persoas con insuficiencia hepática ou renal grave e alerxia a compoñentes.

Alimento complementario: É un complemento proteico, vitamínico e mineral.

Hormona humana do crecemento: Adminístranse por vía venosa, e non se poden dispensar sen receita médica (nas farmacias só nolo amosaron). Efectos secundarios: durante o tratamento pódese desenvolver hipotiroidismo, necrose de epífise femoral, trastornos metabólicos (retención hidrosalina, hiperinsulinismo, aumento de ácidos graxos libres), hipertensión intercranial benigna, etc…

PRODUCTOS PARA PERDER PESO AXIÑA
Farmacias de… Venden sen visita previa ó especialista * Venden sen as recomendacións pertinentes **
San Sebastian 100% 20%
Zaragoza 100% 33%
Valencia 100% 0%
Madrid 100% 50%
Murcia 100% 75%
Vitoria 100% 100%
Pamplona 100% 100%
Almeria 75% 25%
A Coruña 100% 25%
Bilbao 100% 0%
Málaga 83% 0%
Santander 100% 50%
Barcelona 83% 33%
Total 95% 36%

* Estudiouse se as farmacias despachan productos de adelgazamento sen requiri-la previa visita ó especialista.

** Observouse aquí se os productos se despachan con información abonda (indicacións e limitacións dos productos).

PRODUCTOS PARA FREA-LA PERDA DE CABELO OU ESTIMULA-LO SEU CRECEMENTO
Farmacias de… Venden sen visita previa ó especialista* Venden sen as recomendacións pertinentes**
Barcelona 100% 100%
Pamplona 100% 100%
Vitoria 100% 75%
Almería 100% 75%
A Coruña 75% 25%
Madrid 100% 80%
San Sebastian 100% 100%
Málaga 100% 100%
Santander 100% 75%
Valencia 100% 17%
Bilbao 80% 0%
Murcia 100% 83%
Zaragoza 100% 67%
Total 97% 69%

* Comprobouse se as farmacias despachan productos para o cabelo sen requiri-la previa visita ó especialista.

** Observouse aquí se os productos se despachan con información abonda (indicacións e limitacións dos productos).

Farmacias de… Ofrecen productos milagre para perder peso* Ofrecen productos milagre para o cabelo** Termo medio
San Sebastian 100% 50% 75%
Valencia 67% 50% 59%
A Coruña 25% 75% 50%
Almería 25% 75% 50%
Madrid 40% 60% 50%
Pamplona 25% 75% 50%
Vitoria 25% 75% 50%
Barcelona 0% 83% 42%
Zaragoza 67% 17% 42%
Málaga 17% 50% 34%
Bilbao 20% 40% 30%
Múrcia 33% 17% 25%
Santander 0% 50% 25%
Total 34% 53% 44%

* Se ha comprobado si se ofrecen productos que no son eficaces para adelgazar (léase definición de productos milagro).

** Se ha comprobado si se ofrecen productos cuya finalidad no sea frenar la caída.