Hai que adaptalo a cada vivenda
Expertos en demótica e arquitectura de interiores sinalan que para combate-la calor do verán dentro do fogar é preciso acadar unha diferencia de arredor de 10 graos con respecto ó exterior. Un dos xeitos de conseguilo é utilizar un sistema de aire acondicionado, que permite rebaixa-la temperatura interior. Os especialistas aseguran que, considerando a capacidade de adaptación do corpo ás condicións climáticas e que nos meses de máis calor vestimos prendas máis lixeiras, unha temperatura de entre 21 e 25 graos é abonda para sentirse cómodo na casa ou na oficina. Menos graos non son saudables: os arrefriados que se atribúen ó aire acondicionado débense tanto ás baixas temperaturas ás que se utilizan estes aparellos como á proximidade dalgúns usuarios á corrente de aire frío, que sae a chorros a unha temperatura de entre 10 e 15 graos. E se a saúde non fose un argumento de peso para optar por esa temperatura, outro dato pode resultar persuasivo: por cada grao de máis que se arrefría unha casa, gástase un 8% máis de enerxía.
Aire acondicionado, aire refrixerado e climatizador
Un erro moi común é aplicarlle o termo aire acondicionado ó aire refrixerado e confundir acondicionar con climatizar. O aire refrixerado consiste en unidades equipadas con ventiladores que se limitan a proporcionar un fluxo de aire fresco filtrado. Para que o sistema de refrixeración sexa aire acondicionado debe estar composto por un conxunto de equipos que funcionen de maneira encadeada e que lle proporcionen aire controlado ó ambiente, seleccionando a temperatura. E se nos referimos a un climatizador, non se trata só de elixi-los graos mediante un aparello, senón de corrixi-la humidade do ambiente. Por iso, acondicionar unha vivenda non é o mesmo que climatizala. Xeralmente, os aparellos que acadan unha temperatura de entre 21 e 25 graos, chamada de confort, non están preparados para respectaren a humidade relativa de ambiente. Este sistema é moito máis complexo, bastante máis caro e non totalmente imprescindible nun fogar, onde só é preciso determinados meses ó ano.
Instala-lo aire acondicionado
Na colocación de aparellos domésticos de aire acondicionado, a miúdo co modelo split (un compresor que se sitúa no exterior e equipos evaporadores no interior) non é precisa unha obra excesiva. Pero é importante contar co permiso da comunidade de veciños, pois cumprirá utiliza-la fachada interior do edificio para coloca-lo compresor, e estar disposto a furar paredes por onde deben discorre-los desaugues, aínda que se disimulan con quenllas. Os profesionais precisan dous días para remata-la obra e o prezo anda arredor dos 800 euros. Un inconveniente recoñecido destes aparellos é que en rexións moi cálidas onde o transformador (normalmente situado no balcón ou fachada) permanece en contacto con temperaturas moi altas, as avarías son máis frecuentes, pois debe realizar moito máis traballo.
A bomba de calor, o sistema actual máis empregado
Cun gasto un pouco maior pódese instalar unha bomba de calor, que ofrece a vantaxe de poder utilizarse como calefacción en inverno e como aire acondicionado no verán. A súa tecnoloxía baséase no principio de Carnot, descuberto en 1824 e utilizado tamén para arrefria-lo frigorífico. O mecanismo componse dunha unidade exterior e doutra interior. A tarefa da bomba de calor é transportar calor cara ó interior ou cara ó exterior da casa, segundo se queira arrefriar ou quenta-la vivenda. Para a operación de refrixeración, o aire da casa pasa a través do tubo interno. Absórbese a calor do aire interior e o aire máis frío resultante vólvese facer circular pola casa a través dos conductos do sistema. A calor da casa sae polo tubo exterior. No caso da calefacción, a bomba de calor basicamente inverte o proceso de refrixeración para quenta-la casa durante o frío. O prezo do aparello é algo máis caro, depende do tamaño da habitación que se queira arrefriar, pero hai modelos no mercado desde 750 euros. A instalación e o seu prezo son semellantes ós dos aparellos de aire tradicionais.
No tocante ó consumo diario, as bombas de calor presentaban ata hai dous anos un grande inconveniente: o consumo excesivo de enerxía. Pero é precisamente neste campo onde maior desenvolvemento experimentaron e no que máis rendible se tornou o consumo. Unha unidade colocada nun dormitorio gasta uns 0.06 euros á hora e unha colocada nun comedor uns 0.09. Estes consumos son moito menores cós do microondas ou do lavalouzas.
- Split fixo. Amais de se-lo máis demandado do mercado, é o máis económico na súa instalación (uns 300 euros) e mantemento. Está composto por unha unidade interior e outra exterior, que se conectan a través dun tubo. Instálase no teito ou na parede, segundo o modelo. O seu prezo oscila entre 600 euros e 1.200 euros.
- Split móbil. Pódese trasladar de habitación, tendo en conta que cómpre dispor dunha saída ó exterior da bomba de auga. A súa instalación non require a intervención dun profesional. A gama de potencias é limitada e consome moita enerxía. Só resulta aconsellable cando a complexidade da instalación fai inviable outro tipo de aire. Véndese desde 800 euros.
- Multisplit. Trátase dun sistema split con varias unidades interiores, o que permite acondicionar toda a vivenda (recomendable en casas de máis de 100 metros cadrados e nas unifamiliares situadas en zonas de climas moi calorosos). O prezo varía en función do número de consolas que se incorporen: dúas unidades desde 1.200 euros e tres desde 2.200 euros.
- Aire zone. Consta dun aparello central que distribúe o frío mediante conductos, e dispón dun termóstato que abre ou pecha o paso do aire en función da habitación, estea ou non ocupada. Para un domicilio de 90 metros cadrados, o prezo polo aparello e a súa instalación oscila entre 3.500 e 4.500 euros. Malia ó seu elevado prezo, este sistema resulta rendible a longo prazo debido ó aforro enerxético que permite.