¿Por que se nos fai difícil falar de sexo?
O máis habitual é que se reduza á parte morbosa ou rechamante, esquecendo que a sexualidade humana está modulada por aspectos culturais, relixiosos, sociais, políticos, educacionais e fisiolóxicos. Pero sobre todo, o sexo pertence ó mundo íntimo. Durante séculos, presentouse como algo prohibido e non se respectou esa intimidade, polo que se tivo que agachar. Cando a sociedade se liberou desa impostura, en ocasións saltou ó lado contrario e en certa medida frivolizouse o sexo e mesmo se vulgarizou nalgúns aspectos, a modo de reivindicación. Estas correntes liberalizadoras esqueceron un pouco que o sexo pertence á intimidade de cada persoa.
¿Como se pode normaliza-la socialización do sexo?
Saca-la sexualidade á luz foi moi positivo, aínda que, como todo, ten tamén as súas sombras: hoxe estamos pagando un prezo moi alto pola carencia de rigor das informacións que se divulgan, sobre todo cando se sentencia de xeito absoluto ó tratar algúns temas. Esquécense as frustracións e angustias que xera a falta de coñecemento do sexo, e só se fala de certos mitos, tres ou catro, pero non se afonda en ideas erróneas que seguen vixentes. Se alguén lembra hoxe que hai non tantos anos nos aseguraban ós nenos que a masturbación producía alopecia, xorden os sorrisos descridos, pero, pola contra, hai outras falsas crenzas que seguen estando moi arraigadas e aínda parecen verdades indubidables.
¿Por exemplo?
Continúase magnificando excesivamente o coito. A sexualidade imposta en xeracións pasadas era exclusivamente reproductiva, o sexo existía en función da fertilidade e por iso o coito era a súa máxima expresión. Agora comezouse a entende-lo sexo como unha busca do pracer e da satisfacción persoal, como un encontro no que se dá e se recibe, como unha linguaxe de comunicación entre as persoas. E se estamos falando dun concepto de pracer, non podemos obviar que o coito non é sempre a práctica sexual máis divertida nin máis pracenteira. Está comprobado que o 70% das mulleres, se reducen as súas relacións sexuais ó coito, quedan insatisfeitas. Outro dos mitos é entende-la masturbación como unha práctica sexual exclusiva das persoas sen parella, cando é un comportamento natural e común en todo tipo de persoas. Ou a idea de que a túa parella, por arte de maxia, debe descubrir qué é para ti o pracenteiro, o excitante. Parece que se fai referencia a unha ciencia infusa, como se o amor que sente cara a ti capacitase a outra persoa para saber ónde e cómo acariciarte, sen que medie conversa. Este é un erro que esquece que é o diálogo e a experiencia o que de verdade nos dá o coñecemento. Podemos pasar toda a vida indagando en silencio cál é o prato favorito da nosa parella ou podémosllo preguntar directamente e así aforrar moito tempo e posibles malos entendidos.
¿Influíu a explicitude das escenas de sexo no cine e na televisión nas nosas actitudes sexuais?
As películas axúdannos a falar de sexo, pero perpetúan os mitos e transmiten un mal coñecemento, non só ós adolescentes e mozos senón tamén ós adultos. No cine presenciamos un sexo moi limitado: unha cama, un home, unha muller, uns movementos sincronizados, unha excitación inmediata e un orgasmo fantástico. Polo xeral, óbvianse os métodos anticonceptivos, a celulite e as barrigas… e, por suposto, o clítoris non existe. Estamos xenitalizando a sexualidade, limitándoa a uns clixés de corpos perfectos e a unhas experiencias concretas. Isto, sen dúbida, xera unha baixa autoestima persoal e inhibe moitísimo á hora de poder gozar do sexo.
¿Falar abertamente da sexualidade promove unha maior actividade sexual?
Esa formulación carece de base científica ou sociolóxica. Pola contra, si está demostrado que ás persoas máis informadas lles quedan menos dúbidas por resolver, e que están máis formadas e que viven unha sexualidade mellor. Os mozos que resolveron dúbidas e esquivaron prexuízos ou mitos, chegan á sexualidade máis tarde pero mellor preparados e con maior capacidade para se enfrontaren a todo o que o sexo supón. Os pais, por exemplo, deberían estar máis preocupados en amosar unha actitude positiva fronte ó sexo que en ofrecer coñecemento ou contestar correctamente as preguntas dos seus fillos. A formación sexual dos nenos depende moito máis das actitudes que da información que se lles ofreza. Se se apaga a televisión cando se proxecta unha escena de sexo ou se proporcionan informacións ou opinións negativas sobre o sexo, pouco importará a información de carácter biolóxico que se imparta.
A homosexualidade é un tabú social que precisa respostas.
A percepción xeral da homosexualidade na nosa sociedade está ligada hoxe ó sida, ó vicio e á promiscuidade. En épocas anteriores ó monoteísmo, a sexualidade era entendida como unha busca de pracer, pero as civilizacións remataron ligando o sexo á reproducción; polo tanto, cando o sexo era estéril, entre dúas persoas de igual sexo, definíase como non válido. Sobre todo, as relacións masculinas, xa que se entendía que o home adoptaba un rol feminino, cando a muller era inferior. Debemos avanzar na afirmación de que tomos somos persoas, e calquera orientación sexual é válida, precisamente porque somos persoas con capacidade de amar, de ofrecer e de recibir pracer.
¿Cal é esa unión entre sexo e amor?
O sexo está intrinsecamente ligado á afectividade, pero non ten por qué estalo ó amor. O ser humano posúe un grande abano de sensacións, desde a atracción, o desexo, o cariño, e de aí xorden as relacións. Se ben é difícil que dúas persoas que comparten libremente sexo non sintan algo unha pola outra, ese sentimento non debe ser necesariamente amor, pero si serán sensacións pracenteiras. Podemos ter sexo con amor, amor con cariño ou cariño con sexo. E aí si entra o coñecemento que se teña do sexo, porque non se debe esquecer: o sexo é unha aprendizaxe, responde a coñecementos empíricos, e está dentro de nós desde que nacemos ata que morremos.
¿Existe a sexualidade na terceira idade?
Naturalmente, e ademais está sometida a unha aprendizaxe constante. Máis no noso país, onde o sexo estivo censurado e homes e mulleres sufriron unha educación sexual manipulada e terxiversada que prexudicou tanto a uns coma a outras. Isto prolóngase de por vida, e hai persoas maiores que consideran que non teñen dereito á súa sexualidade, que sentir desexo o converte en vello ou vella verde. Pero pódese redescubri-la sexualidade e sempre hai tempo para iso. E aquí entra de novo a formación, non falamos de coitos incribles, nin excitacións adolescentes, pero a ninguén lle desagrada que o acaricien, recibir mimos, senti-la pel, deixarse levar polas sensacións. Son moitas as mulleres aínda novas, de 50 ou 60 anos, que me manifestaron o estafadas que se sentiron cando descubriron que durante décadas lles roubaran a súa sexualidade.
Moitos pais pregúntanse cándo e con qué vocabulario falarlles ós nenos sobre o sexo, e cómo compaxina-lo que eles pensan coa educación sexual que se imparte nos centros escolares.
Produciuse un erro, ó crer que os profesionais da sexoloxía son os únicos válidos para transmitir este coñecemento. Un profesional pode transmitir información, formar e asesorar ó profesorado, pero esta formación non servirá de nada se non se aspira a lograr cambios lonxitudinais. E explícome: nas escolas segue dando medo; nas propias familias, dá medo falar de sexo, e por iso se fai mal. Limítase a informar de qué é unha relación sexual e da súa función de procreación. Iso é dar información, pero non formar. Nos nenos, a formación depende moito máis das actitudes dos educadores, dos pais, nais e profesores tocante ó sexo, que do que se lles conta e das palabras que se utilizan. Eles perciben a actitude dos seus maiores respecto do sexo. Temos que intentar que non vivan a sexualidade dun xeito tan culpabilizador como o vivimos os agora adultos.