A seguridade tamén depende do bañista
Segundo datos da Asociación de Fabricantes de Equipos, Productos Químicos e Constructores de Piscinas, no noso país hai máis de 580.000 piscinas, o que nos sitúa en segunda posición na clasificación europea, encabezada por Francia. As máis delas, o 86%, están destinadas a uso privado e familiar. Do 14% restante, case 10.300 son de uso colectivo-recreativo, independentemente da súa titularidade, pública ou privada. Andalucía, Baleares, Canarias e Cataluña, son, nesta orde, as Comunidades Autónomas con maior número de piscinas deste tipo.
A regulación das piscinas de uso público réxese hoxe en día por normas de carácter autonómico. A pioneira foi a Generalitat de Catalunya, que en 1987 publicou o Decreto 193/19. A partir desta data o resto das comunidades lexislaron en materia de piscinas, polo que hoxe cada Comunidade Autónoma dispón da súa propia, establecéndose significativas diferencias entre si. Ademais, ás 17 normativas vixentes cómpre engadi-las dalgúns Concellos, que tamén teñen as súas leis.
Así e todo, a lexislación vixente referente ás condicións hixiénico-sanitarias, técnicas e de seguridade que deben cumpri-las piscinas só é aplicable, nos máis dos casos, ás de acceso público. As de competición, as de baños termais e as de uso terapéutico adoitan excluírse, e as unifamiliares, onde se rexistra o 80% das mortes por afogamento que se producen cada ano en España, están exentas de cumpri-las diferentes normativas. No tocante ás piscinas das comunidades de veciños, non hai un criterio común para determinar se son ou non públicas, polo que cada Comunidade Autónoma procede segundo o seu criterio. Así, Baleares, Castela-León, Cataluña e Murcia exclúen tódalas comunidades de veciños, mentres que na Comunidade de Madrid non se aplica a normativa nas comunidades de veciños con menos de 30 vivendas, e en Andalucía, Navarra, o País Vasco, Cantabria e Galicia están exentas as comunidades con menos de 20 vivendas. Na Comunidade Valenciana a lei exclúe as comunidades de veciños con aforo inferior ás 100 persoas.
Socorristas
As piscinas deben dispor de persoal socorrista especialista en salvamento acuático, que permanecerá nas instalacións durante todo o horario de uso polos bañistas.
O número de socorristas varía, e moito, en función da normativa vixente en cada Comunidade Autónoma e do tamaño da piscina. Así, en Asturias e en Andalucía non están obrigadas a teren socorrista as piscinas de uso colectivo que teñan un ou varios vasos (espacio que alberga a auga), cunha superficie de lámina de auga igual ou inferior a 200 metros cadrados, cunha profundidade máxima inferior ou igual a 1,6 metros e sempre que os vasos estean valados ou illados de xeito que impidan as caídas accidentais ou accesos involuntarios. En Aragón é obrigatorio dispor de socorrista cando a piscina ten unha superficie de lámina de auga igual ou superior a 240 metros cadrados. En Madrid ten que haber polo menos unha persoa exercendo as funcións de salvamento nas instalacións con vaso que non superen os 500 metros cadrados de lámina de auga, dous por cada vaso cando a superficie de lámina de auga se atope entre 500 e 1.000 metros cadrados, e por cada 1.000 metros cadrados adicionais un máis. En Castela-León as piscinas con menos de 1.500 metros cadrados de lámina de auga contan un socorrista mentres que se superan os 1.500 metros cadrados o número mínimo de socorristas será fixado polo Servicio Territorial de Sanidade e Benestar Social. E en Navarra acábase de aprobar un Decreto Foral segundo o cal as piscinas de uso colectivo con atraccións acuáticas deberán contar permanentemente cun socorrista a pé de piscina, así como cun monitor que regule o uso e aproveitamento das instalacións.
Dereitos e deberes dos usuarios de piscinas
En tódalas piscinas deben existir unhas normas de réxime interno destinadas ós usuarios. Estas deberán de estar nun lugar visible á entrada das instalacións e mais no interior.
Os usuarios de piscinas, tanto de lecer coma deportivas, débense comportar en todo momento de xeito cívico. En tódalas piscinas, agás nas de hoteis e cámpings -nestas as normas poderano esixir ou non- é obrigatorio ducharse antes de somerxerse. Tamén é obrigatorio utilizar un calzado específico para as piscinas, como sandalias ou chancletas. No caso das piscinas con vestiario, está prohibido comer alimentos nestes espacios.
No capítulo de dereitos, deben esixi-la presencia dun socorrista titulado conforme ó establecido pola lei de cada Comunidade. Poden reclamar en caso de auga turbia, de instalacións insuficientes ou deterioradas. Os mecanismos para poder reclamar varían en función da titularidade da propiedade da piscina. No caso de piscinas municipais, amais das follas de reclamación que obrigatoriamente debe ter calquera establecemento aberto ó público, pódese reclamar nas oficinas de consumo ou nos propios concellos. No caso de piscinas privadas dunha comunidade, é a propia comunidade de veciños quen debe velar para que se cumpran tódalas normas de salubridade que esixe a lei.
Piscinas comunitarias: fuente de conflicto
Os seus horarios e normas de uso están suxeitos ó previsto no título constitutivo ou nos estatutos da comunidade de veciños e, de non estaren previstos, ó acordo maioritario adoptado na pertinente Xunta. É obriga da comunidade realiza-las obras precisas para a adecuada conservación destas instalacións. Estas obras necesarias apróbanse por maioría simple e todos deben contribuír ó pagamento conforme ó coeficiente de participación, sen que o non uso exima de contribuír, salvo que así se dispoña nos Estatutos, no título ou se decida por acordo unánime da comunidade.
En caso de danos físicos a usuarios das piscinas, sexan ou non propietarios, hai que distingui-los danos causados por caso fortuíto ou por culpa exclusiva da víctima, supostos nos que a comunidade non asume ningunha responsabilidade (lesións, secuelas, incapacidades, días de baixa, gastos médicos, etc.), dos danos causados por neglixencia da comunidade. Neste último caso aplícase a responsabilidade civil comunitaria fronte a terceiros, se o accidente ou os danos son imputables a un deficiente estado de conservación, de mantemento e das condicións de seguridade e sanitarias das instalacións anexas á piscina e da piscina mesma. A Lei de Propiedade Horizontal non obriga as comunidades a concertaren un seguro de responsabilidade civil, pero sempre é recomendable, especialmente nas comunidades nas que hai instalacións deste tipo. Se non se dispón deste seguro, en caso de sinistro imputable á comunidade, será a propia comunidade a que deba afronta-la indemnización.
Xogos perigosos
Segundo datos da Asociación para o Estudio da Lesión Medular Espiñal (AESLEME), cada ano rexístranse en España uns cen casos de tetraplexía por mergullos de cabeza na auga. A afección de moitas persoas, sobre todo da xente nova e dos nenos, a se lanzaren á auga de cabeza desde grande altura ou facendo todo tipo de acrobacias, provoca moitos accidentes e incluso mortes tódolos veráns. A causa adoita ser bater contra o fondo, a miúdo porque non se tivo en conta a profundidade da zona de baño, ou a colisión contra algún obstáculo (co bordo da piscina, con outra persoa, etc.).
Aínda que nas piscinas as posibilidades de sufrir un afogamento son menores ca no mar, pódese producir afogamento ou “quasi-afogamento” e outras lesións preto dos desaugues onde a succión é suficientemente forte como para atrapar partes do corpo ou o pelo, de xeito que a cabeza quede baixo a auga. Nas piscinas os afogamentos pódense deber a accidentes ó guindarse á auga de cabeza e perde-lo coñecemento polo impacto. Se a auga está turbia pode ser difícil ve-los nadadores ou obstáculos somerxidos, o que incrementa as probabilidades dun accidente na auga.
- Débese usar gorro de baño, sobre todo de te-lo cabelo longo. Nalgunhas instalacións o uso deste accesorio é obrigatorio.
- Está totalmente prohibido o acceso ás instalacións de toda persoa que padeza unha enfermidade infecciosa ou contaxiosa.
- Tampouco está permitido comer e beber fóra das áreas destinadas a este fin.
- É obrigatorio ducharse antes de introducirse na auga de calquera dos vasos (piscinas) para eliminar xermes e partículas (cremas, pelos, etc.). Xunto coa ducha, o paso polo pediluvio (a zona de auga que se pisa antes de entrar na piscina) constitúen unha vía para eliminalos.
- Na maioría das piscinas, sobre todo nas cubertas, está prohibida a entrada ó recinto con calzado ou en roupa de rúa.
- Para evitar caídas ou esvaróns non está permitido correr arredor do vaso da piscina.
- Nas piscinas públicas está prohibido introducir no vaso material de mergullo, como por exemplo tubos de inmersión, aletas, etc.
- Está prohibida a entrada de animais ás piscinas con exclusión de cans guías para invidentes.
Decálogo para un mergullo saudable
- Para previr infeccións nos pés empregue zapatillas de goma tanto na zona da piscina coma nos vestiarios e duchas. Despois do baño, seque moi ben os espacios interdixitais dos pés.
- Dúchese despois do baño. Aínda que non é obrigatorio, si é moi recomendable, pois a auga das piscinas está tratada con distintos productos que poden seca-la súa pel. Ademais, desta forma eliminará posibles axentes infecciosos que non foron eliminados co cloro.
- Non se expoña ó sol máis do debido, e se o fai, utilice unha boa protección con capacidade de bloqueo dos raios solares de polo menos 15 SPF e protección contra os raios UVA e UVB. Asegúrese de volver a aplica-la crema bronceadora despois de nadar.
- Non está de máis, á parte dun bo protector solar, utilizar gorra e camiseta, especialmente os máis pequenos.
- Protexa os seus ollos de posibles infeccións cando somerxa a súa cabeza na auga utilizando gafas apropiadas, asegurándose de que estas non son de vidro.
- Evite no posible traga-la auga da piscina.
- Lave as mans con xabón e auga despois de ir ó baño. Pode protexer a outros tendo presente que os xermes do seu corpo acaban na auga.
- A deshidratación pode causar un perigoso aumento da temperatura corporal, que á súa vez, pode conducir a unha prostración causada pola calor e incluso chegar ó golpe de calor, que ocorre a miúdo nas piscinas de verán. Para evitalo beba auga con abundancia.
- Sexa esixente coas condicións hixiénico-sanitarias das piscinas, poña en coñecemento dos responsables da piscina calquera anomalía que detecte.
- En caso de accidentes dentro do recinto, garde o ticket de entrada. E se recibe as primeiras curas na instalación, procure que quede constancia por escrito e garde unha copia do informe.
Cos nenos toda precaución é pouca
- Evite riscos ensinando os seus fillos a nadar o antes posible.
- Non deixe os nenos nin un momento sos cando estean bañándose ou no contorno da piscina. Lembre que 2,5 cm de profundidade son abondo para cubri-lo nariz e a boca dun neno, se cae cara a diante.
- Non permita que entren de súpeto na auga a primeira vez que se bañen despois de comer, de tomar un cacho grande o sol ou de facer un exercicio físico intenso.
- Estea atento ós sinais de seguridade da piscina no tocante ó uso de trampolíns, pancas ou tobogáns, así como ás que fan referencia á profundidade.
- Evite que os seus fillos xoguen a darse empurróns ó redor da piscina, a saltar un por riba do outro, a afundirse, a tirarse “en cadea” polos tobogáns, etc.
- Asegúrese de que os nenos que non saben nadar leven posto un dispositivo (chaleco salvavidas, “burbulla”, etc.) adaptado a cada idade, que favoreza a flotabilidade e que manteña a cabeza do neno fóra da auga. Comprobe que todo o material que use o seu fillo na piscina estea homologado pola UE.
- Teña coidado cos flotadores do tipo “parrulo” que se colocan na cintura dos nenos, xa que é posible que envorque e que o neno non saiba virar.
- Non confíe no socorrista para deixalos sos. O socorrista acuático só ten dous ollos e pode haber varios puntos que chamen a súa atención.
- Préstelles especial atención ós nenos con problemas médicos. Extreme as precaucións cos nenos que padecen algunha enfermidade e, especialmente, cando se trata de enfermidades con síndromes convulsivos. Este grupo é de moi alto risco polo posible desencadeamento dunha crise durante a súa estancia nunha piscina.
- No caso de piscinas de casas particulares, o uso de valas protectoras arredor da piscina pode evita-lo acceso dos nenos e a súa caída accidental.