Cociñar con nenos

Os nenos, tamén coas mans na masa

1 Decembro de 2010
Img alimentacion

Os nenos, tamén coas mans na masa

Os máis cativos da casa contan os días que quedan para as vacacións do Nadal. As semanas que se achegan cheas de xogos, agasallos e, sobre todo, sen clases, apuntamentos e profesores, ocupan a súa mente. A conta atrás tamén se inicia para os pais, pero cunha preocupación distinta: como entreter durante as vacacións aos máis pequenos. As vacacións do Nadal pódense converter nunha oportunidade para lle abrir a porta da cociña a un neno, unha práctica que non se ensina en ningún outro sitio mellor ca na casa. Como toda materia que se aprende, esta tamén se debe desenvolver de xeito ameno, atractivo, sinxelo e interesante. Un bo comezo é parte do éxito. Para iso convén empezar por pratos doados, como almorzos, aperitivos, merendas e refrixerios. Tamén podemos animalos a se ocuparen da decoración dos pratos, unha tarefa que lles chama moito a atención e que lles permite adquirir novas responsabilidades no fogar. Máis adiante poden practicar coa elaboración de apetitosas e rechamantes receitas cos alimentos que en xeral menos gustan, como as froitas, as verduras e os peixes.

Desde a compra á cociña

Unha idea recomendable é que os fillos participen en todo o relacionado coa alimentación; ir mercar, organizar o xantar no fogar, poñer e recoller a mesa, cociñar, etc. A colaboración nestas actividades axúdaos a entender a importancia que lle hai que prestar á alimentación. Ademais, á hora de introducir os alimentos máis problemáticos no menú, resulta moi útil explicarlles para que serven, as súas características nutritivas e a repercusión positiva que ten a súa inxestión no seu crecemento e benestar. As primeiras experiencias dos nenos na cociña deben ser doadas e estimulantes. É un bo hábito que os nenos realicen as operacións previas ao cociñado (selección de alimentos, limpeza, torado e pelado manual…) e mais a decoración final dos pratos. Máis adiante, cando a idade e a habilidade de cada neno o permita, convén que axuden na preparación das receitas dos alimentos que menos lles gustan para fomentar a súa apetencia e consumo. Deseguido preséntanse diferentes propostas para convidar os nenos a participar na cociña.

Educar en valores

Aos nenos gústalles imitar aos maiores. Por iso, cociñar pódelles resultar un exercicio fascinante pola novidade e porque é entretido e saudable ao mesmo tempo, xa que os anima a comer preparacións caseiras e unha gran variedade de alimentos. Ademais, cando os nenos son partícipes da elaboración dun prato amosan un interese especial por ver e probar o resultado final. É moi útil cando os pequenos rexeitan algúns alimentos como o peixe, a froita ou a verdura. Ademais, con esta actividade, amais de educalos en sabores e hábitos de vida saudables, trabállase a súa autonomía, iniciativa e responsabilidade individual, ao mesmo tempo que se incentiva o traballo en equipo, entre outros valores.

A responsabilidade de lles ensinar aos máis cativos a comer san e equilibrado para garantir o correcto crecemento e desenvolvemento infantil é, en primeiro lugar, da familia. E este labor require convicción, unha dose de imaxinación e moita paciencia e cariño. Por iso, se se ensina canto antes a importancia de comer variado e se reforza aos nenos con mensaxes positivas cada vez que adoptan condutas axeitadas -vas medrar moito, vaste pór ben forte, dá gusto verte comer, etc.- será máis doado que coman ben.

Cociñar con...

Froitas:

Comezar coas froitas é doado porque non precisan coccións complicadas e a súa manipulación é sinxela. É a mellor ocasión para lles ensinar que, aínda que dispomos de froita todo o ano, moitas delas son de tempada, e é daquela cando máis saborosas e nutritivas resultan. Así, cando vexan amorodos na froitería, saberán que se achega a primavera; que as cereixas anuncian o verán ou que as mandarinas protagonizan a sobremesa do frío inverno.

  • Imaxinación. A cociña admíteo todo e, en particular, a imaxinación e o mimo pola elaboración e a presentación dos pratos. Unha mazá pódese ofrecer sen pebidas, aberta pola metade e decorada con outros alimentos -2 cereixas para os ollos e un regueiro de marmelada de amorodo para a boca- como se fose unha divertida cara. Nesta tarefa a axuda dos nenos aumenta a garantía de que o coman.
  • En ensalada. Animarase aos cativos a lle engadiren cachos de froita á ensalada, de xeito que proben a mestura de sabores, o punto doce que dan as froitas combinado co ácido do vinagre e o sal. Tamén poden probar receitas de peixe ou de carne que inclúan froitas de acompañamento e decoración.
  • Máis ideas suxestivas e atraentes. A selección das froitas preferidas para elaborar un zume ou un licuado é outra tarefa que os nenos poden facer de xeito individual. Logo poden premer o botón da licuadora -sempre coa supervisión e a atención dun adulto- e observar con sorpresa o resultado da mestura de cores e sabores. Ao mesmo tempo convén animalos a deseñar as súas propias receitas de froitas: en zume, batidas ou en cachiños con iogur, con froitos secos, en macedonia, xelatina de froitas, xeado con zume de froitas natural, etc.
  • Repostería caseira. A froita pode ser o alimento estrela das sobremesas doces e da repostería caseira. Pódense alternar distintas froitas para elaborar deliciosas receitas de biscoitos, tortas e flans.

Verduras e hortalizas:

Os nenos poden participar en numerosos labores anteriores a cociñar ou servir os alimentos, como limpar as hortalizas, partir á man as follas da leituga, darlle forma a unha ensalada, etc.

  • Verduras de sobremesa: unha doce tentación. Preparar cos nenos doces con hortalizas (torta de cenoria, bocadiños de cabaza…) abre a súa imaxinación e as súas miras para entender que son alimentos que, dunha ou doutro xeito, non deben faltar no menú cotián.
  • Os flans de verduras. Son un xeito divertido e orixinal para facer máis vistosos os pratos e para que os máis pequenos proben distintos sabores. Flan de cabaza, de gambas e espárragos, de porros e cenorias son só algunhas das posibles combinacións.
  • Divertidos espetos e pizzas vexetais. O obxectivo é que sexan os propios nenos os que preparen os espetos e as pizzas para toda a familia e os que escollan a combinación de alimentos. Resultan vistosos e sabedores os espetos ou as pizzas que inclúen carne ou peixe con champiñóns, pemento, tomate, cabaciña, berenxena…
  • Tortillas con verduras. Pratos tan comúns como as tortillas pódense converter nun recurso doado para lle engadir a verdura ao menú familiar. Teñen unha grande aceptación as tortillas de espárragos, espinacas e gambas, cabaciña, pementos, etc.

Peixes:

A visita á peixería convértese nunha oportunidade para que os nenos coñezan a enorme variedade de peixes que hai, e como traballan os profesionais, por exemplo, para que non teñan espiñas. Xa na cociña, é importante variar a preparación dos peixes e mais a súa presentación, co fin de que os nenos non cansen duns alimentos pouco atractivos para eles.

  • Receitas orixinais. Así que o peixe está limpo e sen espiñas, eles mesmos poden esmiuzalo para utilizalo en distintas receitas, dende sopas con cachiños, tortillas, lasañas e canelón, hamburguesas, croquetas, albóndegas, empanadillas, espetos, flans, recheo para pementos, cabaciñas ou berenxenas, na pizza, etc. Tamén poden elixir engadirlles o peixe aos seus pratos preferidos de arroz ou de pasta (paella de peixe e marisco, arroz con chocos, macarróns con atún, espaguetes con sardiñas…).
  • Ensalada e ensalada rusa. É probable que o neno estea afeito ao sabor do atún en lata. Tamén pode probar o resto de conservas (anchoas, sardiñas, polbo, mexillóns, berberechos…) como ingredientes de ensaladas ou como aperitivo.
  • No bocadillo. Unha alternativa moi nutritiva, saudable, e que lles pode resultar deliciosa, é que se preparen bocadillos con peixes. Algunhas suxestións: de atún ou bonito e toros de tomate, de atún e queixo, de sardiñas con aceite, de anchoas e queixo, vexetal con atún ou anchoas, de salmón afumado con queixo ás finas herbas, de paté de atún, de chacina de atún…