Oh, verde Nadal!

Celebrar o nadal de xeito ecolóxico contribúe a preservar a natureza e permite que as familias poidan aforrar cartos
1 Decembro de 2010
Img medioambiente listado 680

Oh, verde Nadal!

/imgs/20101201/medioambiente1.jpg
En contra do que se di nos mentideiros máis recorrentes nestas datas, as festas do Nadal non teñen por que ser sinónimo de gasto sen xeito. Asumir unha serie de pautas de consumo ecolóxicas non só permitirá reducirmos o noso impacto na natureza, senón que tamén se vai traducir nun importante aforro para o noso peto.

Un primeiro paso no consumo ecolóxico e económico polo Nadal consiste en evitar o gasto compulsivo e en realizar unha lista sobre os produtos necesarios que de verdade se vaian utilizar. No momento da compra, sempre que se poida, hai que rexeitar as bolsas de plástico de usar e tirar ou ben aproveitalas ao máximo e usalas dun xeito continuado. Por outra banda, nos desprazamentos, utilizar o transporte público ou compartir o vehículo axuda a mitigar a contaminación causada polo uso do vehículo privado.

No apartado de alimentación, as copiosas comidas e ceas do Nadal non só lles poden pasar factura aos nosos petos e estómagos, senón tamén ao medio natural: segundo Ecoloxistas en Acción, nestas datas guíndase ata un 40% dos alimentos producidos e xéranse dous quilos de lixo ao día, dos que a metade son envoltorios e embalaxes. Co fin de evitar no posible o impacto ambiental e de aforrar cartos é preferible consumir produtos frescos e de tempada.

Regalos ecolóxicos para nenos e maiores

/imgs/20101201/medioambiente2.jpg
Os ‘nenos’ son os destinatarios estrela dos regalos. A Asociación Española de Fabricantes de Xoguetes (AEFJ) estima que nestas datas se mercan o 75% dos xoguetes que se venden durante todo o ano. Por iso, unha boa opción é a adquisición dos xoguetes ecolóxicos, elaborados respectando o medio natural, e cargados de valores educativos para os máis pequenos.

Agora ben, se a opción final é un xoguete convencional, débense seleccionar aqueles que estimulen a creatividade do menor e que non conteñan valores sexistas, bélicos ou discriminatorios. O seu impacto ambiental reducirase se se seguen os seguintes consellos: elixir produtos locais, que non requiran unha embalaxe excesiva, que non requiran pilas e que se atopen elaborados con materiais non contaminantes e reciclables. Non hai que esquecer que a imaxinación, o cariño e a compañía doutros nenos e dos propios adultos son regalos inmellorables que os máis pequenos sempre agradecen.

No tocante aos maiores, estes teñen á súa disposición unha variedade cada vez maior de produtos ecolóxicos. O padal pódese agradar grazas a un longo listado de alimentos ecolóxicos, mesmo de tipo “delicatessen” para os máis sibaritas. As persoas que prefiran viaxar gozarán do ecoturismo, cunha oferta cada vez maior, dende casas rurais a hoteis ecolóxicos. Os amantes das dúas rodas poden elixir, amais das clásicas bicicletas, entre unha ampla gama de motocicletas ecolóxicas, bicicletas pregables ou eléctricas, mentres que os máis caseiros poden decorar a súa casa con todo tipo de complementos e mobles ecolóxicos de distintas composicións, tamaños e prezos.

A ‘roupa e os complementos’ son outra opción que goza dunha gran popularidade, tamén cunha gran variedade ecolóxica. A ecorroupa, tanto a elaborada con produtos naturais e sostibles, como a reciclada, pode adquirirse en diversas tendas especializadas ou de Comercio Xusto. Os produtores de colonias e cosméticos ecolóxicos tamén ofrecen unha ampla variedade con todo tipo de elementos e esencias naturais, non tóxicas e respectuosas co medio. Os complementos tamén poden ser ecolóxicos e, nalgúns casos, rechamantes e orixinais.

Os máis afeccionados á ‘tecnoloxía’ teñen no mercado unha morea de produtos elaborados con materiais reciclables e outros reciclados que se caracterizan por consumiren pouca electricidade grazas aos seus sistemas de eficiencia enerxética. Neste sentido, para os máis concienciados co aforro no fogar, un bo regalo pode ser un contador intelixente que avisa en todo momento do consumo eléctrico.

Son cada vez máis numerosos os produtos que levan instalados paneis solares para se autoabasteceren de enerxía, dende radios ata mochilas ou cargadores para aparellos electrónicos. Outro curioso agasallo pode ser unhas pilas que se recargan directamente mediante conexión USB, ou libros e películas de natureza ou contido ambiental, con temas moi variados e actuais, como o cambio climático, ou, por que non, atreverse cunha subscrición a unha asociación ecoloxista.

Máis responsabilidade require o regalo dunha mascota, por iso se recomenda a adopción. A protectora de animais El Refugio estima que máis de 250.000 animais se poderían regalar durante o Nadal en España.

Símbolos do Nadal

‘Árbore de Nadal’ natural ou artificial: velaquí a cuestión. Ambas as dúas teñen as súas vantaxes e os seus inconvenientes ambientais. En calquera caso, unha utilización responsable axudará a reducir o seu impacto. Se se elixe unha árbore natural, convén conseguila con raíces e con terrón abondo (terra adherida), regala e arredala da calefacción para mantela con vida ata devolvela a un punto de recollida tras o período festivo. Pola súa banda, unha árbore artificial de boa calidade e elaborada con materiais respectuosos co ambiente pode durar moitos anos.

No tocante aos ‘adornos de Nadal’, unha opción é elaboralos na casa a partir de materiais reciclados. Os pequenos da casa poden así gozar desta distracción que serve ademais de estímulo para protexer o medio.

As ‘luces do Nadal’ pódense dosificar mediante temporizadores e lámpadas de baixo consumo. Á hora de enviar tarxetas de felicitación, os máis tradicionais pódense decantar por exemplares elaborados con materiais reciclados e de carácter solidario, mentres que os usuarios de Internet poden utilizar o correo electrónico ou as felicitacións virtuais.

Ceas e comidas do Nadal ecolóxicas

As ceas de Noiteboa e de Fin de Ano, ou o xantar do Nadal, implican o uso e consumo dunha maior cantidade de alimentos ca a habitual. A organización ecolóxica destes acontecementos non só debe ter en conta que produtos se elixen, senón tamén que acontecerá despois con eles. Convén evitar os alimentos moi perecedoiros, de xeito que se poidan gardar para as comidas vindeiras. Os envases de alimentos de distintos tamaños son os máis apropiados para conservarmos estes produtos e que as comidas do Nadal se alonguen máis tempo e, así, aforrar cartos.

Unha vez celebrado o banquete, os produtos de limpeza naturais poden evitar o uso de substancias químicas prexudiciais para a natureza. O bicarbonato de sodio ou o zume de limón poden ser de axuda en máis dunha ocasión para as manchas do Nadal.

E tras as festas, tamén ecolóxicos

Os concellos adoitan reforzar a frecuencia da recollida do lixo durante estas datas, pero non sempre abonda. Non é estraño camiñar entre colectores desbordados, ou ver residuos en colectores que non lles corresponden. Co fin de evitaren esta situación, os consumidores poden almacenar na súa casa os envoltorios que acumulen durante estes días festivos e introducilos no colector azul (papel e cartón) ou no amarelo (plásticos) máis adiante.

Unha vez na casa, os novos regalos crean distintas situacións: o novo produto pode substituír a outro que xa non se vai utilizar, ou ben pode engadirse a unha lista de produtos similares que non se utilizan, que non gustaron ou que se repiten. Para iso o mellor consello é seguir a máxima “inútil para uns, un tesouro para outros”. As modalidades son varias:

  • Deixalo como está e darllo tal cal a un amigo, familiar, etc. Esta acción non significa desprezar á persoa que o regalou, senón preocuparse para que chegue ata alguén que si lle vai dar unha utilidade e que non acabe almacenado no faiado ou no lixo.
  • Facer unha festa de intercambio: Poden quedar varios amigos ou familiares con agasallos, servir aperitivos e bebidas, e realizar o cambio.
  • Doar os regalos non desexados a ONG solidarias, ecolóxicas, a feiras solidarias próximas, a refuxios de beneficencia, etc.
  • Intercambialos nunha rede “Freecycle (http://www.freecycle.org/)”, onde calquera pode cambiar gratis todo tipo de artigos a través de Internet e reducir o volume de lixo.
Os tres erres, tamén no Nadal

O Nadal é un dos momentos do ano máis intensos na xeración de residuos. Xa que logo, a política ecolóxica dos tres erres (Reducir, Reutilizar, Reciclar) debe estar máis presente ca nunca entre os consumidores.

Neste sentido, recoméndase comprar unicamente o necesario, prescindir dos envoltorios innecesarios e dos envasados en bandexas de plástico ou poliestireno, así como dos produtos de “usar e tirar”, como manteis de papel e vasos plásticos. Unha vez que se adquira un produto, débese procurar alongar ao máximo a súa vida útil e reaproveitalo para evitar que acabe no lixo. E ao chegar ese momento hai que tratar de separar os residuos de xeito correcto para que a súa reciclaxe sexa o máis eficiente posible. Algúns produtos como os eléctricos e electrónicos, as lámpadas ou as pilas conteñen diversos materiais tóxicos moi contaminantes que requiren dunha reciclaxe especial.