Cámaras fotográficas
Apertar o botón e feito. Ogallá fose así de sinxela a elección dunha cámara fotográfica! No ámbito das novas tecnoloxías conviven diversos sistemas que se mesturan para comercializar híbridos coas máis variadas funcionalidades. Escoller un modelo concreto neste contexto non é sinxelo, e menos se se ten en conta que as diferenzas de prezos entre as diferentes tecnoloxías poden resultar abismais. O primeiro que se debe ter claro é o uso que se lle vai dar á cámara.
O primeiro requisito antes de mercar calquera cámara dixital é non se deixar levar unicamente polo número de megapíxeles de resolución que ofreza o dispositivo. Non é un factor determinante, e un exceso de resolución pode ata ser prexudicial para a imaxe captada. Como referencia, por riba dos dez megapíxeles a cámara funciona ben, salvo que se busque facer unha foto para imprimila nun póster ou nun panel publicitario.
O reino das compactas
- Se se desexa unha cámara para facer fotografías ocasionais e retratos familiares que logo se gardarán nalgún disco duro ou se colgarán nunha rede social, blog ou servizo de álbums en Internet, a mellor opción é mercar unha cámara compacta de rango medio, que pode custar entre 200 e 300 euros. Un dos modelos máis populares é o Ixus de Canon, cómodo de levar polo seu pequeno tamaño. Ten a resolución necesaria e unha serie de opcións predeterminadas que permiten obter imaxes de calidade aceptable.
- As cámaras compactas tamén son as máis recomendadas para as persoas maiores que non queren cargar con peso e non desexan aparatos moi complicados, pero sen renunciar a levar un dispositivo que lles permita realizar boas capturas.
- Se desexa regalarlle unha cámara a unha persoa que non tivo contacto antes coa fotografía dixital, tamén se debe optar por unha compacta. O motivo é que é a maneira máis barata e sinxela de familiarizarse con ela sen a necesidade de aprender conceptos complexos.
- De se teren certas ambicións artísticas, pero sen querer gastar demasiados cartos, ou se non se desexa adquirir maiores coñecementos técnicos, existe o rango das compactas avanzadas que, a cambio de pagar un pouco máis, ofrecen unha maior calidade óptica e mellores sensores e estabilizadores de imaxe. O seu prezo medio sobe uns 200 euros máis, pero con práctica pódense conseguir fotografías que se poidan imprimir para enmarcar.
A liga das réflex
- Se o obxectivo é mellorar e se ten vocación fotográfica, débese apostar polos modelos que permiten intercambiar a parte óptica da cámara. Deste xeito, poderase escoller a que mellor cadre cos desexos do usuario. Iso implica adquirir coñecementos de óptica e tamén de programas de retoque dixital, xa que a imaxe se poderá editar para mellorala. Tamén supón un investimento monetario superior. Por outra banda, pesan bastante máis ca as compactas e poden resultar incómodas de levar durante moito tempo enriba.
- Sempre que se dispoña de cartos abondos, a mellor opción son as réflex dixitais de última xeración. Pódese mercar o corpo por separado da óptica -que se distingue das ópticas analóxicas en que se poden manexar de modo eléctrico- para logo escoller a que máis conveña. Ademais, as prestacións destas cámaras son numerosas: boa pantalla en alta definición para ver as capturas, controis tanto automáticos como manuais para que o usuario determine os parámetros, sensores máis grandes e de calidade superior, visores ópticos, etc.
- No tocante ao prezo, por baixo dos 1.500 euros non se atopan modelos que cumpran estas condicións. A opción máis económica é mercar o corpo por un lado e buscar despois unha óptica máis económica, ou ben optar polo rango baixo das réflex, onde se poden atopar modelos a prezos similares aos das compactas avanzadas, como acontece cos modelos Nikon D3000 ou D5000.
Parámetros ópticos
- No momento de mercar a óptica convén estudar se os seus parámetros se adaptan ao tipo de foto que se desexa facer e mais ao corpo de cámara na que se vai ensamblar. Estes pódense ler na parte frontal da lente. Un rango focal -mídese en milímetros- cos valores baixos é idóneo para realizar fotos panorámicas. Se, pola contra, estes son máis altos, a óptica é útil para capturar imaxes de obxectos afastados. O zoom óptico -non confundir xamais co zoom dixital-, indícase cun número seguido do signo “x”, proporciona unha idea do achegamento que pode alcanzar o obxectivo e está relacionado co rango focal. Canto máis amplo sexa este último, maior será o número de aumentos do zoom.
- Outro valor que hai que ter en conta é o valor “f” da sensibilidade lumínica. Canto menor sexa -non hai nada máis baixo ca 1.2-, maior sensibilidade ten a óptica. Convén reter este dato, xa que en función do sensor do que se dispoña no corpo de cámara se precisará dun valor ou doutro. Interesará xogar con menos sensibilidade lumínica se o sensor é moi grande, para que as capturas non teñan exceso de luz e polo tanto de ruído, ou ben se os valores de “f” son moi elevados e o sensor pouco sensible. Daquela haberá que pensar en usar un trípode en condicións de baixa luminosidade.
A opción híbrida
- Unha terceira alternativa son os estándares de 4/3 e Micro 4/3, as novas cámaras coñecidas como híbridas, porque teñen un tamaño e un peso próximo ao dunha compacta pero permiten intercambiar a óptica, que ten unha calidade superior á das compactas. A súa vantaxe principal é que son cómodas de levar enriba sen perder calidade en exceso con respecto ás réflex, se ben o seu prezo en ocasións se dispara, sobre todo en comparación coas réflex de gama baixa.
- Outro inconveniente asociado ás cámaras híbridas, sobre todo ao estándar Micro 4/3, é que hai pouca oferta de ópticas intercambiables, xa que non se chegou a un acordo unánime entre os fabricantes. Existe por unha banda un consorcio, do que forman parte Olympus, Kodak, Leica, Fuji, Panasonic, Sanyo e Sigma, que fabrican algúns modelos compatibles. Pero Sony e Samsung, que apostan forte e con éxito por este estándar, crearon os seus propios formatos.