Menús do Nadal sen fronteiras
A estes días do Nadal pónselles música, ás crenzas imaxes e aos momentos sabores, badaladas, candeas, abetos, agasallos… Este conxunto de símbolos compártenos persoas, separadas por milleiros de quilómetros, de credos e situacións distintas, e mesmo antagónicas. As costas do Pacífico estrean os días e en Filipinas son os primeiros en gozar dunha sobremesa típica do Nadal. Chámase ‘halo halo’ e mestura leite, feixóns vermellos e brancos, nata e tiras de coco, marmelada, garavanzos, anacos de plátano e o ingrediente secreto de cada casa. Aínda que a receita sorprenda, quen a proba afirma sen dubidar que resulta moito máis refrescante ca un xeado, e é que o 25 de decembro en Manila supéranse os 30 graos. Ao norte, e con máis frío, os xaponeses inventaron un pastel de nata e amorodos, branco e vermello para o Nadal, para sumarse a unhas tradicións que lles son moi alleas, pero audiovisualmente moi cotiás.
Arredor de 130 millóns de chineses celebrarán o Nadal. Aínda que pareza unha cifra considerable, só representa o 10% da poboación do país. A maioría súmase á festa e, como saben que é estranxeira, en Noiteboa cean pizza. Algo máis preto de occidente, na India, o Nadal foi “depositado en herdanza” polos ingleses e, aínda que sen fe cristiá, hoxe non falta nas mesas o púdding, na árbore os regalos de Papá Noel e nas rúas os autos sacramentais. Pero se hai un continente entregado ao Nadal, este é Europa. Cada país, cada rexión, cada comarca, cada familia teñen e salvagardan as súas tradicións, e comparten e legan as súas receitas e costumes arredor da mesa.
En Grecia, a gastronomía é unha arte que en Nadal se multiplica e representa en varios pratos. O menú do 25 de decembro é interminable: entre as moitas e variadas receitas non falta o pavo recheo de castañas e pasas de Corinto, o bacoriño asado a lume lento e mais o roscón de noces e xarope de mel. En Bulgaria tamén o menú é excelso, pero non hai sitio para a carne nin para os lácteos, que se reservan para o día seguinte: froitos secos, albóndegas de verduras, ensaladas e legumes conforman o menú do 25 de decembro. En Polonia agardan a que pasen as festas para comeren carne, e as obleas de pan con debuxos bíblicos anteceden a un menú no que se elaboran sopas de legumes e peixe ao forno. Doces e chocolates poñen o punto final ao encontro familiar que comeza cando se ve a primeira estrela no ceo da Noiteboa.
O valse marca os compases austríacos polo Nadal. As tortas, os pasteis, as caniñas… todo tipo de doces inzan mesas adornadas por composicións artesanais de candeas e follas perennes preparadas durante todo o mes de decembro. As salchichas non faltan na mesa alemá, pero son só un elemento máis: galletas singulares, de múltiples formas e cores, pasteis de xenxibre, mazás recheas e mazapáns sosteñen o peso destas xornadas tan especiais. Nos países escandinavos, o sabor do Nadal é afumado: a miúdo utilízase salmón, arenque, fletán, bacallau ou abadexo sempre secado á sosa e aromatizado con cravo, loureiro e canela. Pero aínda queda apetito para degustar xamón, queixo caseiro e ensaladas de fungos. As sobremesas son vermellas e moradas, de grosellas e arandos.
Á beira do Mediterráneo, Italia exemplifica o sentido familiar das festas. Na súa mesa non falta unha variedade importante de entremeses, os “antipasti”, que anteceden o prato de espaguetes con ameixas ou calquera outra suculenta receita tradicional. As lentellas que tanta literatura do Nadal inspiraron resérvanse para a derradeira noite do ano, e os italianos comparten con España a conservación do doce herdado dos árabes, os turróns. No sur de Francia tamén se degustan e elaboran, pero sobre os galos recae o título de ser o país inventor do roscón de Reis. O foie-gras e todo tipo de excelencias procedentes da matanza outonal do porco tampouco faltan. O Nadal abandona o vello continente por Inglaterra e Irlanda. Comparten ambos os dous países o ritual de elaborar en familia e con tempo o pudin de froitas para a sobremesa do xantar do día 25 a base de pasteis salgados e sabedores purés.
En América
Á outra beira do Atlántico, xusto cando o día de Nadal chega ao seu fin nas terras europeas comezan a adornarse e colocarse os ágapes nas mesas americanas. De Norte a Sur, o novo continente reserva as súas mellores galas culinarias para celebrar o xantar máis importante do ano. En Canadá, o país das árbores milenarias, non faltan as minialbóndegas de porco, nin as verduras de inverno, nin os prebes caseiros. O pavo e mais os doces completan o menú dun día no que se celebra que as baixas temperaturas canadenses obrigan a gorecerse na calor do lar. Nos EEUU é máis difícil decantarse por un só costume, pero si é xeneralizado que o día de Nadal se reúnan as familias arredor dos regalos, aínda que non arredor da mesa. A cultura culinaria caseira vívese de xeito diferente en cada familia e tanto en Vermont, onde a neve cae sobre as fragas, como en California, onde o tempo invita a ir á praia, o pavo e as larpeiradas adornan o intre de entregar os agasallos, igual que o fan o visgo e mais as panxoliñas. Nada que ver con México, onde o Nadal é sinónimo de cor, de festa, de recendos e de sabores irresistibles.
O nopal, o maguey, o millo, o feixón, o chile e o aguacate son produtos comúns entre os mexicanos que conforman unha parte significativa da gastronomía nacional. Polo Nadal, nas mesas gózase de manxares herdados dos antepasados indíxenas: moles con romeiro, tamales e, sobre todo, o guajolote (pavo). A esta tradición culinaria súmase a cociña mestiza. O resultado é un menú cheo de ensaladas, guajalotes de los pastorcillos, manchamanteis, chulas, capirotadas… As receitas cóntanse por ducias, cada unha delas máis saborosa e típica.
Os países do istmo americano comparten o talento co barro e as cores. Os seus beléns domésticos e sen pretensións son pequenas obras de arte, como o son as súas humildes e discretas receitas, moi terrestres e agrarias, con toques de especias e orixinais mesturas que as fan xenuínas, e nas que non falta nunca o tamal de porco elaborado entre masa de millo sobre follas de banano recheo de carne, fabas, arroz e chile. Cada pobo ten o seu segredo, que comparte ou non, e que o volve máis doce ou máis salgado, máis morno ou máis frío.
En Arxentina, se durante o ano todo os asados e mais as churrascadas son sinónimo de grandes xantares, máis aínda polo Nadal. Acompáñanse con ensaladas frías e culmínanse con sobremesas refrescantes a base de saborosos xeados ou doces cremas que acompañan a exóticas froitas. En Chile o prato estrela é a ensalada de betarraga, é dicir, de remolacha, un prato moi refrescante.
Con independencia de que sexa pavo, pombiño, pularda, polo, capón ou pintada, do que non hai dúbida é de que na mesa do día de Nadal predominan as aves. Nas illas do Pacífico, o prato estrela é o polo en adubo, na República Dominicana o pavo asado con arroz doce e folla de plátano, en México o capón recheo de améndoas, o filete de res e mais o peixe seco. En Australia celebran as festas cun pavo con xamón e en Bélxica a Noiteboa é sinónimo de pavo recheo. En Brasil, pola súa banda, tómase frío en toros ou con castañas doces. E nas sofisticadas mesas francesas óptase pola pularda rechea ou pola pintada, é dicir, a galiña africana, un descubrimento moi apreciado en Europa. Para rematar, e como manda a tradición, moitos países despiden o Nadal coma nos contos: comendo perdices para seren felices.