Celebrar o Nadal, tamén en Internet

Os adornos de Nadal non son só para o fogar, hai numerosas webs que ofrecen servizos, información e artigos para que o ordenador, os periféricos e o navegador se vistan de gala
1 Decembro de 2010
Img internet

Celebrar o Nadal, tamén en Internet

A Rede non é allea ás celebracións do Nadal, por iso os internautas que desenvolven software libre e outros grupos visten o seu contorno para a ocasión de xeitos ben curiosos.

Como decorar o ordenador

/imgs/20101201/internet4.jpg
O internauta acérrimo, tamén chamado ‘geek’, habita un mundo de poucos metros cadrados. Polo menos no que atinxe ao espazo físico, xa que na súa vertente virtual o seu universo é moi extenso. Pero o ‘geek’ debe acceder a este mundo virtual mediante o seu ordenador, polo que este dispositivo reflectirá o mellor posible o espírito de Nadal do seu dono. Para iso, a Rede dispón de numerosas páxinas que lle ofrecen ao usuario a posibilidade de adquirir elementos decorativos para o seu ordenador, a súa mesa de traballo e o seu contorno.

Estes artigos teñen en xeral unha fonte de alimentación por unha caravilla USB, de modo que é o propio ordenador que decoran o que proporciona a enerxía. Para comezar, nada como substituír nestas datas o rato habitual por un rato óptico USB con Papá Noel incluído nunha burbulla de auga con neve artificial. Cada vez que o usuario mova o rato, Santa Claus axitarase no líquido e moverá a neve creando un agradable efecto invernal que alegrará ao usuario. O prezo deste ‘gadget’ (dispositivo) é de 17 dólares (uns 12 euros) e pódese mercar na tenda de Usbgeek.com.

Outro dispositivo USB que lle lembra ao usuario as datas nas que está é o boneco de neve iluminado cun díodo LED conectado ao ordenador. O boneco muda de cor periodicamente, do vermello ao azul e deste ao verde e ao branco. O seu prezo en Usbgeek.com é de 10 dólares (algo máis de 7 euros).

/imgs/20101201/internet4-2.jpg
Tamén en árbores de Nadal USB hai unha gran variedade de ofertas. Por exemplo, a mesma páxina (Usbgeek.com) ofrece dous artigos. O primeiro é un abeto de fibra óptica que se ilumina e que ofrece un fermoso efecto na escuridade. A súa altura é de 25 centímetros e o seu peso 175 gramos. O outro modelo de árbore USB é un abeto de díodos LED de catro ciclos, é dicir, que as súas ramas se colorean en catro tonalidades: azul anil, vermello paixón, verde turquesa e ouro champaña. A súa altura é de 15 centímetros e o seu peso de 95 gramos. É compatible con Mac, Windows e coa consola PlayStation 2 e 3.

No tocante á carcasa do ordenador, nada mellor ca un kit de iluminación típica de Nadal para arrodear a pantalla que, ademais, vai acompañado dunha alfombriña para o rato e dun accesorio para pousar o pulso da mesma temática. O conxunto custa 17 dólares (12 aproximadamente) en Usbgeek.com.

Decorar o navegador

O navegador tamén se pode engalanar polo Nadal. Para iso, a Fundación Mozilla habilitou para Firefox varias extensións que celebran o Nadal. Entre elas destacan dúas: Tinseltown, que converte o navegador nunha bonita paisaxe chea de neve, con follas de beleño e moreas de agasallos. A outra é X-Mas, unha extensión deseñada para os tres sistemas operativos principais (Windows, Linux e Mac OS) coma o anterior, que se ben é igual de glacial no seu aspecto nevado, respecta máis as iconas propias do navegador, co que o usuario se desorienta menos.

Árbores de Nadal 'geek'

/imgs/20101201/internet4-1.jpg
Amais do ordenador, tamén hai numerosas posibilidades de decorar a casa, o estudio ou o cuarto con motivos que fagan referencia á cultura tecnolóxica e ás súas vertentes máis extremas ou ‘freakis’. Por exemplo, a páxina e tenda Thinkgeek.com propón a súa versión dos abetos USB de fibra óptica que poden alimentarse tamén con pilas alcalinas. Pódense colocar en calquera parte da casa, sen necesidade de ter o ordenador preto, e acendelos dende este vía wifi cando se desexe.

A páxina Treetopia.com ofrece árbores de Nadal que se instalan en cinco minutos e que están dotadas dunha potente iluminación, con máis de 800 terminais luminosos. Non son árbores naturais, senón complexas armazóns de circuítos e díodos que recobren unha armazón elástica que se abre ao simplemente sacala da caixa.

Por outra banda, hai quen se decanta por lle propor ao usuario un “faino ti mesmo”, convidándoo a mercar un raio láser para moldear plásticos e a executar, ao corte e a man alzada, os deseños que se lle facilitan. Entre eles atópanse unhas bonitas árbores e renos que propón a páxina Benarent.co.uk dende o Reino Unido.

Outra proposta máis sinxela é adquirir un proxector de árbores de Nadal. Abonda con deixalo aceso e á distancia adecuada para que proxecte contra a parede de enfronte unha árbore de cinco pés de altura (algo máis de metro e medio) en tons verde botella. O proxector funciona con pilas e pódese colocar en calquera parte da casa.