Semella que sempre que volve o Nadal lembramos que é un tempo para a familia, pero que acontece co resto do ano?
O Nadal é un momento especial, pero de nada serve aplicarse estas semanas se non hai constancia no tempo no traballo cos nosos fillos. Debe haber tempo para todo: dende facer os deberes ata, por suposto, xogar. O xogo é unha actividade moi importante para o neno.
É tamén un momento de regalos: hai ou non xoguetes sexistas? Parece que hai voces que teñen a relativizar a importancia deste tema.
Se lles deixamos aos nenos e nenas unha morea de xoguetes ao seu alcance, a realidade dinos que elas tenden a unha clase de xoguetes, como as bonecas, coas que, por exemplo, xogan a representar a maternidade e eles a coller coches ou espadas. Parte disto é aprendido, pero hai tamén unha base anterior á aprendizaxe, instintiva. A igualdade entre nenos e nenas en dereitos ou ante a lei é unha cousa. Evolutivamente uns e outros son distintos, como eles mesmo se ven fronte ao espello.
E que acontece cando un neno se empeña en ter un produto de certa marca que é inadecuada ou que os seus pais non se poden permitir?
Non pasa nada por dicir simplemente a verdade: que non hai cartos na casa para ese produto. Hai que lle facer ver que a felicidade non é algo co que se poida traficar e que non se acada mercando agasallos. Claro que se o neno ve que os pais non predican co exemplo, será moito máis difícil.
Dun tempo a esta parte está a mudar a maneira de xogar: videoxogos, consolas, ordenadores, móbiles… Que consellos lles podemos dar aos pais cando os seus fillos se saben manexar neste mundo moito mellor ca eles?
Hai que lles quitar o medo á tecnoloxía. É boa. O videoxogo é unha ferramenta para xogar, e na súa xusta medida non ten por que ser problema ningún. Mesmo pode axudar a crear unha relación cuns pais que se cadra non practican deporte ou outras actividades, pero que poden compartir cos seus fillos anacos de xogo na consola ou no ordenador. O videoxogo non transforma a persoa.
Pero as novas tecnoloxías xeran preocupación nos pais, que escoitan noticias sobre o ciberacoso, que se preocúpanse polas páxinas de Internet de contido sexual…
Non podemos sobreprotexer aos nosos fillos, porque sería negativo para eles pretender illalos das novas tecnoloxías. Hai tácticas sinxelas para evitar problemas sen invadir a intimidade dos adolescentes.
Por que protexen tanto a súa intimidade?
A adolescencia é unha etapa crucial dentro do asentamento da personalidade. É a segunda oportunidade, e tamén a última, para forxala, e polo tanto a que marca como van ser os nosos fillos de maiores. É normal que haxa certa rebeldía e un despego cara á figura dos pais. Os pais teñen que entender que isto é algo natural e que non ten nada que ver co amor que os seus fillos teñen cara a eles. Buscan a sociabilidade cos seus amigos, e hoxe en día tamén a través das redes sociais.
Como sabe que esa rebeldía adolescente se saíu da norma?
O indicador para sabelo é o sufrimento. Cando notamos que nun neno ou nun adolescente sofre, hai que actuar. Trátase de verbalizar a situación, xa que, de non o facer, o sufrimento sairá por outro lado. Nese momento hai que preocuparse, e pórse en mans expertas para poder buscar solucións.
E, que facer cando son os pais os que parecen os adolescentes?
Pais e nais deben entender que os seus fillos non son os seus iguais, e que unha xerarquía razoable é boa. O coleguismo de pais ou de profesores non é bo, e, ademais, no fondo, os fillos non o agradecen. En ocasións vemos como en certos lugares, como un cinema, un restaurante, etc., os nenos actúan sen límites, mesmo na presenza dos seus pais, que lles deixan facer practicamente o que queren.
Pero, esas condutas apréndense?
En todos os temas relacionados coa personalidade e a conduta hai unha parte xenética e unha parte ambiental: aprendemos do que vemos a partir do que somos. A parte ambiental é a máis relevante, por iso hai casos perdidos. Pensar en que as cousas son como son por culpa dos xenes pode ser un escapismo. En moitas ocasións, reproducimos nos nosos fillos o que a nós nos sucedeu na infancia. Os pais débense decatar de que os seus fillos son persoas diferentes ao que eles foron.
Ás veces os pais intentan que os seus fillos cumpran os soños que eles non puideron cumprir…
É ben certo. Moitos pais esfórzanse para lograr que os seus fillos teñan os estudos ou a profesión que eles non puideron ter. Non hai que forzar as cousas. Tampouco é bo comparar uns fillos con outros: a rivalidade entre irmáns é natural, pero os pais deben actuar con tacto, é importante que os fillos vexan que non se quere ou que non se trata mellor a un ca a outro. En moitas ocasións para poder axudar aos nenos hai que traballar con toda a familia, descubrir as fantasías, actitudes dos pais…
Parece que os nenos medran a idades cada vez máis temperás e, así e todo, os mozos tardan máis en marchar da casa.
Non é certo que os nenos de agora maduren antes. O que si fan é “cousas de maiores” cada vez a menor idade. Aprender a conter os impulsos primarios de satisfacción inmediata é precisamente ir facéndose adulto, e ese é o labor de aprendizaxe que a adolescencia debe supor. Quen non sabe outra cousa que satisfacer o seu desexo inmediato é, neste sentido, tan inmaturo coma un bebé.
Que facer se descubrimos que o noso fillo ou a nosa filla adolescente fuma ou bebe alcohol?
O conveniente é actuar e pórlle palabras a ese problema. Pode ser o síntoma doutro problema. Cada pai debe buscar o mellor xeito de abordar o tema co seu fillo. Quizais cando chega á casa, xa de madrugada ou tras o “botellón”, non é o mellor momento para falar destas cousas…
En que momento está preparado un neno para coñecer as cousas malas da vida?
Os nenos pequenos non teñen un concepto da realidade claro. Non distinguen a violencia real da finxida nunha película, ou mesmo nos debuxos animados. Pero tampouco é posible illalos nunha burbulla ou sobreprotexelos. Os pais deben ir dando a coñecer estas cousas así que vai medrando e evolucionando o seu fillo, aínda que o ritmo pode ser diferente en cada neno. Claro que o menos recomendable é deixalos vendo a tele sen control.