Quero outro teléfono móbil
Antes, o teléfono móbil era só un aparello para falar a distancia con outras persoas; hoxe tende a ser un dispositivo tan complexo como poida selo un ordenador, e non só depende de quen o fabricara, senón tamén do sistema operativo que o dirixe. Noutras palabras, un móbil xa non é igual a outro móbil -polo menos entre os de última xeración- e cada modelo ten un público obxectivo distinto. Á hora de elixir convén pensar en todos os usos diferentes que se lle vaia dar.
Gama baixa
- Se se lles ten aprehensión ás complexidades tecnolóxicas e a intención é só falar e vincular os números ao nome dos contactos, non hai por que se complicar a vida. O máis recomendable é mercar un aparello de gama baixa. Son moi baratos en comparación cos modelos máis completos. Neste sector, Nokia é o fabricante máis solvente.
- Para optar por un móbil de gama baixa subvencionado, hai que estudar á hora de asinar o contrato coa operadora que a cláusula de permanencia sexa acorde co prezo do aparello. Non pode ser a mesma que cando se adquire un iPhone, por exemplo. Convén saber o prezo do aparello no mercado libre para comparalo co ofertado pola operadora.
- No caso das persoas maiores, con problemas de vista ou de manexo da tecnoloxía, as operadoras dispoñen de teléfonos especiais que destacan pola súa sinxeleza e pola súa accesibilidade: as funcións están descritas con claridade e as teclas son grandes e contrastadas.
- De se teren problemas para ler os números ou os nomes na pequena pantalla do teléfono, é recomendable escoller un móbil con cámara de fotos, xa que a imaxe se recoñece mellor ca as letras. Deste xeito, poderase sacar unha fotografía da cara dos contactos -polo menos dos máis próximos, que serán tamén os que máis a miúdo chamen- e asociala ao número de teléfono. Cando chame o contacto, no móbil aparecerá a súa imaxe a carón do seu nome.
Gama media
- Cando o obxecto de desexo é un teléfono máis complexo pero axustado de prezo e sen necesidade de acceder a Internet por vía móbil, convén optar por teléfonos de gama media. Son os que teñen cámara de fotos que, opcionalmente, tamén poden gravar vídeos de curta duración e que permiten reproducir música ou escoitar a radio.
- Deben incorporar unha rañura para tarxetas SD, xa que deste xeito terán capacidade para gardar arquivos multimedia de imaxe e son. Tamén é importante que teñan un porto do tipo mini USB para pasar arquivos do móbil ao ordenador e viceversa. Outro aspecto que cómpre valorar é a conectividade Bluetooth, xa que permitirá conectalos a un kit mans libres ao conducir.
- Algúns móbiles de gama media proporcionan, amais das devanditas características, acceso ocasional á Rede. En tal caso, hai que estudar as tarifas de acceso que ofrece o operador, xa que poden resultar máis elevadas ca as que se aplican a un móbil de gama superior. A razón é que estes móbiles non están pensados para un uso intensivo de Internet e os outros si.
Gama alta
- Ante a necesidade de se conectar de xeito continuado a Internet, é preciso pensar na adquisición de móbiles de gama alta; é un investimento que vai compensar, xa que as operadoras os ofrecen a través de contratos de acceso especiais.
- De se optar pola gama alta con acceso á rede de datos -Internet móbil- os usuarios deben ser conscientes de que o prezo do aparello se vai elevar considerablemente. Aínda que a operadora o ofreza a un prezo moi vantaxoso xunto a un contrato, non hai que esquecer que o móbil vai acabar pagándose dun ou doutro xeito, xa sexa co tempo de permanencia, con cotas mínimas de gasto ou con tarifas de acceso máis ou menos elevadas.
- Non está de máis estudar como vai ser o gasto medio mínimo mensual no caso dos móbiles de gama alta. Este obtense de sumarlle á cota de gasto mínimo fixada por contrato a tarifa plana de acceso á rede de datos ofertada e engadirlle o 18% de IVE. En ocasións, os resultados poden indicar a conveniencia de non adquirir un determinado teléfono, polo menos asociado ao contrato que propón a operadora.
- Se aínda así o usuario está seguro de que quere adquirir un móbil de gama alta, deberase fixar nas características adicionais do aparato que non tiñan tanta importancia nos móbiles de gama baixa e media, como son o tamaño de pantalla e a súa resolución, ou o tipo de teclado.
Sistema operativo
- Outro elemento que hai que estudar é o tipo de sistema operativo do móbil escollido, xa que no rango da gama alta -os coñecidos como smartphones- a complexidade aumenta e un móbil non é igual a outro. Neles o sistema operativo, o fabricante ou o tipo de procesador vai determinar as funcións para as que resultan máis axeitados.
- Se se quere un móbil para o ámbito profesional no que se precisa unha continua comunicación en mobilidade por voz e mais por correo electrónico, e se se requiren elevados niveis de seguridade, Blackberry é a gama idónea. A razón principal é o seu teclado, coa mesma distribución de letras ca un ordenador: permite escribir con gran rapidez e eficacia e realizar unha cómoda lectura.
- A empresa fabricante RIM conta ademais coa súa propia rede de servidores en todo o mundo, o que garante unha confidencialidade extra das súas comunicacións. Por outra banda, malia a que a navegación por Internet non é a principal característica dos modelos Blackberry, esta mellorou nos últimos anos e xa resulta aceptablemente cómoda.
- De se buscar unha experiencia de usuario máis vinculada ao ocio e á navegación web, iPhone é o teléfono recomendado, tanto pola súa pantalla multitáctil como pola solidez do seu sistema operativo e dos seus compoñentes. É, á vez, teléfono, cámara de fotos e vídeo, reprodutor de música e consola de videoxogos. Ademais, ten unha enorme tenda de aplicacións descargables que lle outorgan novas funcións. Ofrece pantallas de gran resolución, recomendadas tanto para ver vídeos como para ler novas ou blogs. Agora ben, o seu teclado é moi incómodo no momento de escribir correos longos e sen fallos.
- Para rematar, hai moitas outras opcións baseadas no sistema operativo Android con prezos máis baratos cando non reúnen nun mesmo modelo a pantalla táctil e o teclado físico. Agora ben, Android é un sistema en desenvolvemento con múltiples versións, aínda que mellora con gran rapidez. Ademais, a súa tenda de aplicacións, Android Market, non ten tantas prestacións coma a de iPhone.