Un de cada catro consumidores gastará menos cartos este Nadal ca o pasado
Paz, amor e felicidade son os sentimentos que, en teoría, deberían reinar no Nadal. Claro que dende o 2008 o espírito de Nadal tampouco escapa da crise. Os seus efectos están a modificar os hábitos dos consumidores, que senten que o seu poder adquisitivo minguou durante estes anos. Daquela, cal vai ser a súa actitude durante o vindeiro Nadal?
Para sabelo, EROSKI CONSUMER entrevistou mediante enquisa telefónica, entre a segunda e a terceira semana de novembro, a 4.532 persoas de 19 provincias españolas: A Coruña, Álava, Alacante, Asturias, Barcelona, Córdoba, Granada, Guipúscoa, A Rioxa, As Palmas de Gran Canaria, Madrid, Málaga, Murcia, Navarra, Sevilla, Valencia, Valladolid, Biscaia e Zaragoza. A cada un dos entrevistados preguntóuselle, entre outras cuestións, sobre o gasto económico que vai realizar no Nadal, sobre como lle vai afectar a crise no seu desembolso económico, que tipo de produto vai adquirir e mais a clase de comercio no que vai realizar as súas compras.
En conclusión, máis da metade dos enquisados coida que este ano o seu desembolso non vai variar con respecto ao Nadal anterior, aínda que un 27% dos entrevistados si considera, entre outros motivos, que a crise económica e financeira o vai obrigar a gastar menos ca no 2009. Pola contra, o 13% dos enquisados fará un desembolso maior ao que fixo no Nadal pasado. En cifras, a maioría dos cidadáns prevé gastar entre 200 e 600 euros nesta época, principalmente en alimentación e agasallos. En concreto, un de cada catro vai gastar entre 200 e 400 euros, e un de cada cinco entre 400 e 600 euros.
E, como planifican gastar eses cartos? Un 43% dos enquisados asegura que sempre adquire os seus produtos con anterioridade e, entre eles, un 54% faino con 2 ou 3 semanas de antelación para evitar aglomeracións e atopar prezos máis baratos. Nun 63% dos casos, as compras de alimentación realízanse nos supermercados, mentres que un de cada catro elixe o comercio tradicional. No caso dos regalos, os grandes almacéns foron elixidos por un 58% dos enquisados.
Orzamento: entre 200 e 600 euros
Os enquisados que declararon manter o seu orzamento para o Nadal igual ca no 2009 non o modifican pola súa situación económica. O 53% asegura que a súa situación laboral non mudou e que, xa que logo, non fará nin un maior nin un menor gasto nestas datas. Pola súa banda, a suba dos prezos e do IVE é a principal causa (nun 68% dos casos) pola que un 13% de enquisados vai facer un desembolso maior en relación ao gasto que realizou no 2009. Non opina o mesmo o 27%, que vai gastar menos cartos este Nadal. Como non, a situación de crise económica empurra a moitos a aforrar, de aí que sexa o argumento escollido polo 42% dos consumidores que este ano van gastar menos diñeiro. Neste sentido, un 45% dos enquisados dos que van recortar o seu orzamento este ano, vaino facer especialmente na partida destinada aos regalos (libros, roupa e perfumes).
O orzamento medio para o Nadal sitúase por baixo dos 600 euros: algo menos da metade (43%) dos 4.532 enquisados aseguran que o seu gasto oscilará entre os 200 e os 600 euros. Estes cartos repártense entre alimentación (para os xantares e ceas familiares deses días), agasallos, lotería, adornos de Nadal e algunha que outra escapada ou saída de ocio para celebrar as festas de Nadal. En concreto, un de cada catro gastará entre 200 e 400 euros, e un de cada cinco entre 400 e 600 euros. Así e todo, convén ter presente que un de cada catro enquisados a nivel nacional non soubo concretar cantos cartos vai gastar no vindeiro Nadal.
Por provincias, os máis preocupados por coidar o peto no Nadal son os navarros, cordobeses e alacantinos. Arredor do 60% dos enquisados en Navarra e Córdoba, e o 56% en Alacante admite que o seu gasto para afrontar o Nadal non vai superar os 600 euros. Pola contra, o 28% dos murcianos enquisados e o 27% dos malagueños e dos habitantes das Palmas de Gran Canaria aseguran que o seu desembolso se situará entre os 600 e 1.000 euros.
Alimentación e agasallos, no que máis se gasta
E a onde vai parar ese investimento que se fai durante as datas de Nadal? O capítulo de alimentación leva boa parte dos cartos que gastarán os españois durante estas festas. Así, un 45% dos enquisados gastará entre 200 e 600 euros en ir ao supermercado para encher a neveira. Os agasallos concentran a segunda maior parte do desembolso dos españois: un 47% dos enquisados gastará entre 200 e 600 euros en obsequios para os seus amigos máis próximos e familiares. A contención reflíctese no gasto en xantares e ceas fóra do fogar e no lecer (viaxes, cinema, saídas nocturnas e iluminación e adornos de Nadal): o desembolso en ambos os dous conceptos rolda o 3% do orzamento. En contra do que poida parecer, o gasto en lotería non destaca por ser moi alto (apenas un 4%). De feito, un 10% dos entrevistados decidiu que este ano non vai gastar cartos na lotería.
Neste apartado atopáronse algúns datos curiosos: os malagueños están entre os máis prudentes de todo o país á hora de saíren comer fóra da casa e de compraren lotaría; mentres que os entrevistados en Zaragoza están entre os máis xenerosos para gozar do lecer e comprar décimos. Pola súa banda, os alaveses atópanse entre os españois que máis van gastar en xantares e ceas fóra do fogar, pero entre os que menos lles van dedicar aos regalos. Valencianos e coruñeses coinciden nos primeiros postos nacionais por dedicaren máis diñeiro á alimentación e menos a saír de restaurantes; mentres que madrileños e asturianos se atopan entre os que prefiren gastar menos en alimentación e máis en lecer no caso de Madrid, e en comidas fóra de casa e regalos no caso de Asturias. Para rematar, os consumidores granadinos están entre os que máis cartos invisten na propia neveira e menos en saír ao cine ou tomar unha copa pola noite.
O de percorrer as tendas na procura dese regalo de Nadal para un familiar ou para adquirir os mellores produtos para a cea de Noiteboa é algo que non mudou, malia a irrupción das novas tecnoloxías. Así se desprende da enquisa realizada pola revista EROSKI CONSUMER: un amplo 87% dos máis de 4.500 enquisados non usará Internet para as súas compras deste ano, apenas un 4% empregará a rede para buscar e comparar artigos e só un 9% fará as súas compras de Nadal on line. Os máis remisos a usaren o ordenador para este labor serán os malagueños e murcianos (só o utilizarán o 8% en ambos os dous casos); mentres que os consumidores enquisados en Madrid e Álava (un 16% en ambos os dous casos) e Barcelona (18%) serán os menos receosos a navegar pola rede.
As diferenzas son máis ca significativas segundo a idade do entrevistado, xa que entre os enquisados de 18 a 45 anos, o 14% afirma que usará Internet nas súas compras do Nadal fronte ao escaso 3% que o fará entre a franxa de idade de maiores de 46 anos. Igual de rechamante é a porcentaxe de homes que farán uso da rede en Nadal (12%) fronte ás mulleres (6%).
Un consumidor máis racional
A redución do poder adquisitivo, a taxa de paro e a sensación xeral de incerteza levan os cidadáns a conteren o seu gasto polo Nadal, e máis aínda nestas datas nas que unha boa proporción das compras se realizan de xeito impulsivo. Ante este panorama, con que criterio farán as compras os consumidores este Nadal? Case a metade dos cidadáns entrevistados por EROSKI CONSUMER se propón adquirir regalos útiles e prácticos. Un 37% asegura ademais que non vai variar os seus hábitos este ano e que vai mercar o mesmo ca no Nadal do 2009 e un 21% dos enquisados tratará de mercar produtos con descontos e de marca branca, e facer menos regalos caros.
Un 43% dos enquisados asegura que sempre adquire os seus produtos con anterioridade, especialmente os barceloneses e mais os rioxanos (case a metade deles asegura facelo). E, por que mercar por adiantado? Maioritariamente (en tres de cada cinco ocasións) fano para evitar as aglomeracións nos comercios. Ademais, dous de cada cinco enquisados fano porque consideran que os prezos son máis baixos ca en pleno Nadal.
Con canto tempo de antelación realizan as compras? O 54% dos enquisados adquire os produtos do Nadal con 2 ou 3 semanas de anticipación, o 35% cun mes ou máis e o 10% cunha semana ou menos. Os máis previsores son os cidadáns das Palmas de Gran Canaria (un 54% merca cun mes ou máis de anticipación), mentres que os navarros e guipuscoanos son os máis preguiceiros, xa que deixan para a última semana todas as compras (máis dun 15% dos enquisados en ambas as dúas provincias).
Mulleres, máis organizadas ca os homes
EROSKI CONSUMER tamén quixo saber se no momento de realizar as enquisas (entre a segunda e a terceira semana de novembro) xa se fixera algunha compra para o Nadal: tres de cada dez entrevistados non adquirira ningún produto aínda. Non obstante, había un artigo que si se mercara: non eran regalos nin produtos de alimentación, o que se adquirira as máis das veces era lotería. De feito, un 46% xa tiña algunha participación (preto dun 10% dicía que non ía mercar), unha cifra que contrasta co escaso 7% que dicía mercar os agasallos de Nadal e o 10% que xa adquirira produtos de alimentación para os xantares e ceas familiares. Así e todo, en ambos os dous capítulos a maioría dos enquisados consideraba que aínda era cedo para mercar.
Elaborar un orzamento específico para as compras do Nadal é un dos consellos que máis se repite para controlar o gasto. Non obstante, o 81% dos máis de 4.500 consumidores enquisados non adoita elaboralo: só o fará un 17% e proporase facelo un 2%, aínda que tampouco adoita facelo. Sevilla é a provincia na que máis persoas realizan orzamentos (un 28% dos entrevistados), mentres que en Álava acontece o contrario: case un 90% dos alaveses enquisados admite non o facer nunca. Por sexos, as mulleres son máis organizadas ca os homes: unha de cada cinco elabora un orzamento, mentres que só un 15% dos homes admite facelo por norma. Por idades, non hai grandes diferenzas: son maioría entre os menores de 45 (un 79%) e os maiores de 46 (un 83%) os que aseguran non facer nunca un orzamento para axustar o desembolso polo Nadal.
Roupa e calzado, os regalos estrela, e táboas comparativas
Neste Nadal, o 56% dos enquisados elixirá roupa e calzado para regalar, un de cada tres tamén obsequiará xoguetes e, en similar proporción, libros e música e mais cosmética e perfumería. Os equipos electrónicos son a opción de un de cada cinco, igual ca os cartos. Atopáronse diferenzas cos equipos electrónicos: elas elíxenos nun 15% dos casos mentres que eles o fan nun 26% das ocasións. Acontece o contrario cos cartos: o 23% das mulleres enquisadas prefiren dar diñeiro fronte ao 14% dos homes.
Por idades, hai aínda máis diferenzas: as persoas de ata 45 anos prefiren regalar roupa e calzado, xoguetes, libros e música, cosmética e perfumería, equipos electrónicos e equipamento deportivo nunha maior proporción ca os maiores de 46 anos. Pola súa banda, os maiores de 46 anos aínda non teñen claro que regalar nun 16% dos casos (fronte a un 7% das persoas de ata 45 anos enquisados que tampouco o teñen claro). Aínda que nunha de cada catro ocasións optan por dar diñeiro (fronte ao 10% do outro grupo de idade).
Onde van mercar os regalos?
A maioría dos máis de 4.500 enquisados mercará os seus agasallos de Nadal en grandes almacéns (un 58%), fronte ao 20% que o fará en hipermercados, o 14% no supermercado e os case tres de cada dez que optarán polo comercio polo miúdo tradicional. Neste sentido, obsérvanse diferenzas en función da idade do entrevistado e o lugar no que resida. Mentres que dúas de cada tres persoas de ata 45 anos optan polos grandes almacéns, os maiores de 46 anos elíxeno nun 48% das veces. Non obstante, tres de cada dez enquisados neste último grupo elixe o comercio polo miúdo tradicional, fronte ao 26% do outro grupo de idade. Ademais, mentres nas poboacións de ata 100.000 habitantes un de cada catro entrevistados aseguraba que mercaría os regalos no comercio tradicional, esta proporción elevábase ata un 31% no caso das cidades con máis de 100.000 habitantes.
Para rematar, cal é o motivo polo que os enquisados elixen un comercio ou outro para mercaren os seus regalos? Máis da metade das persoas enquisadas elixiron os grandes almacéns, hipermercados e supermercados porque é máis rápido e doado mercar alí. Pouco máis dun 40% opta polas cadeas, as tendas de roupa especializadas e o comercio polo miúdo tradicional porque lles dá confianza. Pero a gran diferenza atópase nun terceiro motivo: mentres que un 27% elixe o comercio polo miúdo tradicional porque o atenden mellor, só un 12% dos que elixen os grandes almacéns o fai por esta razón.
O super, o rei nas compras de alimentación
O supermercado é o lugar elixido para adquirir os produtos de alimentación nun 63% dos casos; nun 33%, os hipermercados; e nun 25%, o comercio tradicional. O resto repártese entre tendas gourmet ou similares, supermercados de desconto e Internet. Cómpre salientar que son máis as persoas maiores de 46 anos ca as de entre 18 e 45 anos as que prefiren o comercio tradicional: un 29% fronte a un 20%. Por sexos, a muller prefire o comercio tradicional nun 28% dos casos, mentres que o home o elixe no 22%.
No tocante aos motivos, a confianza é a razón de peso para quen realiza as súas compras de alimentación no comercio tradicional, nas tendas gourmet ou similares e no mercado tradicional (preto dun 60% dos enquisados elixiuno así). Pola súa banda, a rapidez e a sinxeleza leva a un 55% dos enquisados a mercar nos hipermercados. Outro dos motivos, porque é máis barato, é elixido pola metade das persoas que escollen o supermercado de desconto, fronte ao 25% que elixen o hipermercado ou o supermercado por esta mesma razón. Para rematar, a relación calidade-prezo é a razón principal para un 46% das persoas que mercan en tendas gourmet ou similares e en Internet, case o dobre ca aos que mercan en supermercados por esta razón.
- A Coruña: Dos seis de cada dez españois que este Nadal non variarán o seu orzamento, os entrevistados na Coruña van ser os máis moderados á hora de faceren ese desembolso (49% fronte ao 40% de media nacional). Ademais, e en relación ao resto dos enquisados, os consumidores coruñeses dedícanlle máis cartos á alimentación e menos a saír comer fóra e a mercar regalos.
- Álava: En comparación co resto de provincias, os alaveses atópanse entre os españois que máis cartos gastan en comer fóra da casa e menos en regalos. Ademais, son os máis despreocupados á hora de gastaren diñeiro polo Nadal (12% fronte ao 6% nacional), xa que consideran que se trata de datas especiais e que hai que gozalas. Con respecto ao seu orzamento, o 22% dos enquisados gastará máis cartos ca hai un ano (a media nacional é de 13%).
- Alacante: os alacantinos entrevistados atópanse entre os máis remisos á hora de faceren as compras do Nadal por adiantado (un 61% asegura que non fixo aínda ningún desembolso en comparación co 54% da media nacional). Tamén serán os que máis reduzan o seu gasto en regalos.
- Asturias: os asturianos están entre os españois que prefiren gastar menos cartos en alimentación e máis en comidas fóra do fogar e en mercar regalos para amigos e familia. Os enquisados en Asturias tamén destacan por seren os que menos se decantan por encheren a cesta de compra unicamente con produtos que se consumen estas datas.
- Barcelona: os entrevistados en Barcelona son, en comparación con todo o ámbito nacional, os consumidores que máis van usar Internet para as súas compras do Nadal (un 19% dos enquisados fronte ao 13% nacional). Serán tamén os que máis se decanten por comprar unicamente produtos que se consumen durante o Nadal, nada de alimentos habituais (un 14% fronte ao 10% nacional).
- Córdoba: os cordobeses non confían moito na sorte. Isto é o que se desprende logo de comprobar o escaso orzamento que dedicarán á lotería, apenas un 1% do total do gasto que farán no Nadal. A media nacional é dun 4%.
- Granada: atópanse entre os que máis cartos invisten en alimentación e menos en gastos relacionados co lecer fóra do fogar. Os consumidores granadinos sitúanse á cabeza á hora de afirmar que non farán regalos caros e só prácticos e útiles, mercarán máis produtos de desconto e marca branca amais de reduciren os gastos impulsivos.
- Guipúscoa: os guipuscoanos atópanse entre os máis indecisos á hora de elixiren que cantidade concreta de cartos van gastar este Nadal (un de cada tres enquisados aínda o descoñece).
- A Rioxa: os consumidores rioxanos serán os españois de todo o estudo da revista que máis cartos van gastar en lotería do seu orzamento para o Nadal. Concretamente o 10% dese gasto (a media nacional é dun 4%). Os consumidores rioxanos son os que máis optan por adiantaren as compras do Nadal en relación ao resto de enquisados a nivel nacional (51% que merca por adiantado fronte ao 46% de media nacional que si o fai).
- As Palmas: os canarios enquisados serán os que máis reducirán o seu orzamento este ano (47%) en relación ao Nadal pasado (a media nacional non supera o 27%). Non obstante, o 22% dos consumidores canarios asegura que este Nadal non vai mercar ningún produto de marca branca fronte ao 17% da media nacional que tampouco adquirirá este tipo de artigos.
- Madrid: en relación á mostra nacional, os consumidores madrileños atópanse entre os que máis cartos gastan en lecer durante estas festas e entre os que menos gastan en mercar produtos de alimentación estes días. O 17% dos madrileños afirma que vai gastar máis cartos ca no Nadal do 2009. Esta porcentaxe sitúase entre as máis altas do estudo e supera a media nacional (13%).
- Málaga: os malagueños atópanse entre os máis prudentes de todo o país á hora de saíren comer fóra da casa e mercaren lotería. Os enquisados en Málaga sitúanse tamén entre os que máis recortan o seu gasto polo Nadal con relación ao 2009 (a media nacional é 27% e a de Málaga é do 36%).
- Murcia: os consumidores murcianos están entre os españois que máis cartos van destinar á alimentación durante eses días. Así, gastarán a metade do seu gasto do Nadal niso, por riba da porcentaxe dun 44% da media nacional. O 62% dos enquisados en Murcia asegura que non realiza ningunha compra do Nadal por adiantado, fronte ao 54% da media nacional.
- Navarra: os navarros serán os españois máis comedidos co desembolso propio do Nadal. Así, seis de cada dez entrevistados non gastará máis de 600 euros durante estes días festivos. Os consumidores enquisados en Navarra atópanse entre os menos indecisos á hora de decidiren a cantidade de cartos que dedicarán este ano ás festas do Nadal (un 19% aínda non o ten decidido fronte ao 25% da media nacional que está a pensalo).
- Sevilla: os sevillanos son os máis preocupados en facer un orzamento previo e específico antes do Nadal (un 28% fronte ao 19% da media nacional que fai un cálculo anterior do que vai gastar).
- Valencia: os valencianos ocupan, cos coruñeses, os primeiros postos nacionais en dedicarlle máis cartos á alimentación e menos a saír xantar ou cear en restaurantes. No tocante aos gastos de ocio (por exemplo, saír pola noite, ir ao cine ou ao teatro), os enquisados valencianos atópanse na media nacional (dedican un 3% do gasto total ao devandito capítulo).
- Valladolid: os valisoletanos enquisados serán os que menos cartos do seu orzamento para o Nadal lle dediquen ao ocio durante estes días (apenas un 1% para saír ao cine, ao teatro ou a saír pola noite). Ademais, son dos máis indecisos á hora de decidiren que cantidade concreta de cartos van gastar este Nadal (un de cada tres enquisados aínda o descoñece).
- Biscaia: os enquisados en Biscaia pola revista EROSKI CONSUMER son os que menos orzamento lle dedican, de todo o país, a saír a xantar e cear fóra da casa. Á hora de recortar gastos, entre as persoas que este ano van gastar menos cartos ca o Nadal pasado, os biscaíños van ser os que máis reduzan o orzamento en lotería.
- Zaragoza: os consumidores entrevistados na provincia aragonesa atópanse entre os máis xenerosos á hora de gozaren do lecer no Nadal (cines, teatro, saír pola noite) e de adquiriren décimos de lotería.