Como celebrarmos o Nadal e non arruinármonos no intento
Xa resoan de fondo as badaladas de fin de ano e, como vén sendo habitual nos últimos exercicios, comezan os crebacabezas para numerosos fogares que queren celebrar dignamente as festas sen se arruinaren no intento. A crise, a sensación xeral de pesimismo e o desexo de aforrar calaron fondo en moitas familias, que ven máis necesario ca nunca elaborar un orzamento co fin de non afundiren a súa economía. Este ano, de novo, toca planificar as festas máis coa cabeza ca co corazón. Como conseguilo? Basicamente, o consumo neste período divídese en tres apartados tradicionais: comida, saídas e regalos. En todos eles se poden aplicar unha serie de consellos útiles que permiten reducir o gasto e que axudan a dar un pouco de aire á economía familiar. Pero, ademais, é posible poñer un gran de area máis adoptando sinxelas prácticas de aforro no consumo de subministración de enerxías varias no fogar.
Comida
En realidade, dende o punto de vista do consumo, o Nadal é a época de maior gasto do ano. O gasto é, para moitos fogares, algo intrínseco a estas datas, que veñen ligadas a amplas comidas, máis abundantes do habitual e cheas de alimentos caros. Pero, ante as dificultades asociadas á crise cómpre pórlle fin a esta mala práctica, que algúns cualifican de “tirar os cartos”. Velaquí unha serie de prácticos consellos:
- Encher a despensa con antelación: non atrasar as compras máis importantes para os últimos días é unha práctica que pode axudar a aforrar ata un 40% nalgúns alimentos, como marisco, peixe e carnes como o año, que adoitan incrementar o seu prezo ben entrado no mes de decembro.
- Non só de año vive o home: se o orzamento familiar está resentido, é o momento de recorrer a alimentos máis económicos que, ben condimentados, poden resultar igual de suculentos ca a máis apetecible lagosta. O ollomol, a pescada ou o año ben se poden substituír polo polo, pola pularda ou polo coello, máis económico para o peto. A clave para triunfar pode estar en preparar unha receita orixinal e cunha presentación máis elaborada.
- Sobremesas caseiras: falar de Nadal é facelo de mazapáns, turróns, polvoróns…, sobremesas que levan arredor do 10% do orzamento de comida neste período. Para aforrar, unha boa idea é elaborar estas sobremesas na casa. Amais de ser unha actividade divertida na que se pode involucrar aos máis pequenos, pode ser unha boa maneira de sorprender ao resto dos parentes que, seguro que aínda que só sexa por curiosidade, non se resistirán a probalos.
- Embutidos: polo Nadal adóitase mercar un xamón ou embutidos como o lombo ou o chourizo. E logo, como imos aforrar se non queremos prescindir destes alimentos? Un bo consello pode ser adquirir estes embutidos a medio curar, o que resulta ata un 30% máis barato, e acabar de os curar na casa, de dispormos do lugar axeitado, como pode ser unha fresqueira ou unha pequena cova ou adega.
- Planificar os menús: é moi útil facer un cálculo o máis exhaustivo posible. Canto máis preciso sexa menos posibilidades haberá de que sobre comida. No caso de que así sucedese, pódese aproveitar para outras comidas ou ceas.
Saídas
É frecuente que o orzamento se dispare en saídas, festas e celebracións nos escasos 20 días que dura o Nadal. Como imos reducir o gasto e maximizalo a tope? Atención ás seguintes pistas:
- Festas caseiras: acolledoras, sen angustias e moito máis baratas. Así poden resultar os encontros caseiros: de certo, un bo consello para aforrarmos nas festas. Gozar do Fin de ano na casa, cos amigos e rodeados de xogos varios pode axudar a aforrar ata un 80% con respecto aos prezos de mercado das festas en locais. Nada que ver cos máis de 60 euros que pode custar a entrada a un cotillón para celebrar o fin de ano con barra libre nun local ateigado de xente.
- Dous por un: se non se quere prescindir de saír nestas festas, unha boa idea é utilizar a saída como regalo para algún membro da familia, ou, o que vén ser o mesmo, sería como “matar dous paxaros dun tiro”. Por exemplo, pódese obsequiar a un sobriño ou a un neto cunha visita ao circo ou ao teatro.
- Todo gratis: para contribuír a que se axuste algo máis o orzamento familiar pódense aproveitar os días gratuítos ou de prezo reducido que teñen algúns museos e espectáculos e visitalos con algún parente próximo. Regalar experiencias pode ser, ás veces, un obsequio moito máis agradecido ca un presente material.
Agasallos
O apartado dos regalos é o peso pesado do orzamento do Nadal. De feito, para moitas familias é o único momento do ano no que se ten un detalle co resto de parentes e amigos próximos. Por iso, malia que as circunstancias económicas non sexan as mellores, moitos resístense a perder esta tradición, cargada de fortes tinguiduras emocionais. Pero, que se pode facer cando se está coa auga ao pescozo? Agasallámolos cunha serie de propostas:
- Manualidades: se non se dispón de moito efectivo, é a hora de tornarse en artesán. O perfume ou a gravata doutros anos pódense substituír por un bo biscoito caseiro, un cadro, un broche… Sen dúbida, o carácter sentimental destes regalos caseiros será moito maior.
- Reciclaxe e cultura verde: os modistos máis renomeados ou os pintores máis vangardistas están recorrendo á reciclaxe para elaboraren os seus máis innovadores deseños, unha boa idea que tamén se pode aplicar a prol da economía familiar na planificación dos agasallos de Nadal. Elaborar regalos con materiais aparentemente inservibles pode ser, amais de divertido, orixinal e moi barato. As latas de refrescos pódense converter en bolsos ou carteiras, as toallas en chaquetas, os bricks en carteiras e moedeiros… Cun chisco de imaxinación, calquera tipo de envase, metal ou téxtil pódese tornar nun interesante agasallo. Ademais, hai que ter en conta que un dos regalos máis desexado polos españois é a roupa, co que pode ser moi proveitoso apostar pola cultura verde para elaborar unha bonita, ecolóxica e exclusiva peza de vestir.
- Produtos financeiros: os cartos en efectivo é outro dos regalos máis desexados no noso país no Nadal. Con esta premisa en mente e co ánimo de sermos máis orixinais, un bo obsequio é recorrer aos escaparates bancarios na procura do mellor produto financeiro. Subscribir unha conta corrente, un fondo de investimento ou mercar un pequeno paquete de accións pódese tornar na mellor idea para sorprender a ese parente que necesita liquidez. Con eles, ademais, ábrese unha importante oportunidade de revalorización deses cartos. Existen, por exemplo, contas de aforro específicas para os máis cativos, un regalo que vai gañando cada vez máis adeptos nestas festas do Nadal.
Coas présas e a euforia do Nadal, a miúdo esquecemos neste período sinxelas prácticas de aforro como apagarmos as luces dos cuartos que non se usan ou non pormos o lavalouzas se non está a carga completa. Maximizar o consumo das distintas subministracións caseiras é tamén un consello que non se debe pasar por alto, que axuda a ser eficiente, comprometido co medio e que permite aforrar. Abonda con prestar algo de atención para pór en práctica as seguintes recomendacións:
- Pór a lavadora coa carga completa.
- Usar o lavalouzas cheo no canto de fregar.
- Deixar as subministracións pechadas cando non se utilizan: comprobar que están pechadas as billas, o forno, os mandos da vitrocerámica, a neveira, apagadas as luces… cando se vai abandonar o fogar.
- Chamar desde o teléfono fixo no canto de desde o móbil. Pode ser o momento de apuntarse a algunha promoción para falar gratis as fins de semana ou a determinadas horas do día.