Tregua no Nadal para as dietas
Circunstancias sociais, persoais, psicolóxicas e emocionais motivan que a moitas persoas non lles resulte doado seguir unha dieta, sobre todo en días sinalados como o Nadal, as vacacións do verán, un aniversario, unha comida familiar, etc., dado o aspecto sentimental que acompaña a celebración deses días. A estas situacións únese o feito de que moita xente se complica seguir unha dieta por se propoñer obxectivos a moi curto prazo ou metas inalcanzables, como pode exemplo perder un número determinado de quilos en poucos meses ante a chegada do verán -a temida “operación biquini”-, pórse a dieta no Nadal crendo que é a solución para non caer na tentación de comer turrón, ou chegar a obsesionarse cos alimentos e as súas calorías ante a posibilidade de engordar 2 ou 3 quilos nestas datas.
Fuxir do “todo ou nada”
A renuncia absoluta a algo porque non podemos acadar todo o que degoramos, o que psicoloxía se denomina mecanismo de “todo ou nada”, explica a frustración e o desánimo de non poucas persoas, que ven máis obstáculos ca facilidades para acadaren o seu obxectivo: perder peso ou manterse nun peso saudable.
Algo máis ca forza de vontade
Unha dieta non é algo tan simple como axustarse ás calorías que unha persoa precisa para perder peso. para que unha dieta dea bos resultados, quen a segue debe ser consciente de que no xeito de se alimentar e no seu peso inflúen moitos aspectos, como a xenética, a súa cultura, os seus costumes, a súa familia, a súa situación económica, a moda dos alimentos, os horarios e o ritmo de traballo… A xenética, por exemplo, determina a corpulencia de cada individuo, é dicir, o seu tamaño e o seu metabolismo basal, e, polo tanto, as súas necesidades mínimas de enerxía. Da cultura á que se pertence apréndese entre outras cousas a desexar máis certos alimentos e a concederlle máis ou menos importancia á estética ou á saúde. E a familia tamén deixa a súa pegada no xeito en que nos comportamos coa comida: no xeito de cociñarmos, na elección de determinados alimentos, nos coñecementos máis ou menos atinados sobre os alimentos e as súas propiedades…
Ademais, o comportamento dos máis achegados inflúe, e moito, para que quen segue unha dieta habitual se sinta cómodo, seguro de si mesmo, a gusto coa súa aparencia física. Os hábitos alimentarios das persoas coas que convive poden converter a decisión de coidar a súa alimentación en algo moi doado ou moi complicado. Por exemplo, non axuda a cumprir a dieta ver a parella de un comer cunha pizza mentres que o que debe controlar a dieta prepara unha ensalada e unha tortilla, nin ofrecerlle a miúdo alimentos calóricos a alguén que sabemos que ten dificultades para reprimir a tentación.
A todo isto engádese o valor simbólico que teñen os alimentos. Quen seguira algunha dieta polo motivo que sexa (adelgazar, engordar ou controlar a tensión, o colesterol, a diabete….), seguro que sentiu nalgún momento a tentación de comer xustamente os que menos lle conveñen. Para comprendermos por que cando nos pomos a dieta nos tentan de xeito particular certos alimentos, temos que entender que tamén as cousas do comer van cargadas de valor simbólico e emocional, que están compostas de algo máis ca de nutrientes (hidratos de carbono, proteínas, vitaminas…). Tendemos a asociar certos alimentos a emocións, a determinadas persoas ou situacións da nosa vida, a bos ou malos recordos, etc. E moitas destas asociacións son necesarias para a nosa estabilidade emocional.
Os expertos en psicoloxía xa advirten sobre que facer fronte a alimentos cargados dun gran valor simbólico e emocional cando se está a dieta en circunstancias concretas, como pode ser o Nadal. E o consello de moitos deles é que non debemos prescindir destes alimentos. Simplemente, debemos ser conscientes de que os precisamos de vez en cando para sentírmonos ben, e que non deben xerar ningún tipo de trauma e inseguridade. E os días do Nadal ben poden ser un destes momentos. Gozar o máis posible o alimento e saborealo ocasionalmente e en pequena dose é a mellor terapia para sentirse mellor de ánimo e para continuar con éxito a dieta. É o xeito de que as necesidades psicolóxicas que se agachan detrás do valor dese alimento (sentirse querido, acompañado, elixido, etc.) queden satisfeitas.
O mantemento dun peso correcto ou o tratamento dunha doenza a través da dieta máis axeitada esixe que deamos planificado a alimentación no tempo, máis alá dos días inmediatos, aínda que, por suposto, sen renunciarmos para sempre ao pracer que nos proporcionan determinados alimentos tomados en medida e en momentos concretos.