Cambio climático

Que está acontecendo coas estacións?

1 Marzo de 2005
Img medioambiente listado 307

Que está acontecendo coas estacións?

/imgs/20050301/medio_ambiente01.jpg
Cada 2 de febreiro, os habitantes de Punxsutawney (Pennsylvania, Estados Unidos) agardan ó amencer a saída dunha marmota do seu tobo. Se esta proxecta a súa sombra, daquela a primavera tardará en chegar unhas 6 semanas máis. Se non se ve a súa sombra, é que a estación primaveral está próxima. Non é este o único ritual de prognóstico do tempo climático a longo prazo que se dá no mundo: as témporas, as cabañuelas, etc., todas intentan prognosticar a chegada da estación da floración e do renacemento da natureza. Pero o certo é que a maioría falla máis do que acerta nas súas predicións. Segundo a revista National Geographic, a marmota só prognosticou o remate do inverno de maneira correcta o 28% das veces en 60 anos.

Nunha época de transformacións no clima mundial, a estimación da chegada da primavera estase tornando unha pequena odisea mesmo para científicos e estudosos da atmosfera e dos meteoros. E todo porque as habituais fontes manexadas polos expertos, como os índices de presión e humidade atmosférica, as condicións do vento, os boletíns de meteoroloxía marítima ou as radiacións ultravioletas, quedan obsoletas para medir ano tras ano os efectos producidos polo temido cambio climático.

Máis longa, cálida e seca

Unha primavera clásica sería a que comeza o 21 de marzo co equinoccio de primavera e conclúe o 21 de xuño co solsticio de verán. Estaría caracterizada pola cor verde, pola xerminación das sementes, das árbores, flores, etc. O clima desta estación asóciase coa chuvia, a humidade, o sol, temperaturas temperadas e, sobre todo, co vento. Agora ben, desde hai unhas décadas, a primavera preséntase semanas antes do habitual e cunha meteoroloxía cálida, e con menos chuvias e vento.

As causas deste cambio relaciónanse co efecto invernadoiro. O quecemento do planeta debido a este fenómeno debúxase como a peza clave que explica que as primaveras actuais se dilúan e que as condicións do resto de estacións tamén se modificaran.

Como afecta o cambio climático á primavera

Que a primavera chega antes xa o estableceu o Panel Intergobernamental para o Cambio Climático (IPCC) da ONU. En España, diferentes estudos confirman que as follas das árbores caducifolias xermolan uns 20 días antes ca hai 50 anos, que a aparición dos insectos se adiantou uns 11 días ou que as temperaturas que se rexistraban a comezos de abril na década dos 50 se alcanzan hoxe a primeiros de marzo. Estes cambios quedarían nunha anécdota de non ser porque por mor deles se alteran fenómenos biolóxicos, ecolóxicos, agrícolas, socioeconómicos e mesmo sanitarios.

Por exemplo, as vagas de calor rexistradas a finais de case todas as primaveras desde 1999 carrexan problemas nos cultivos, xa que fan madurecer as colleitas antes de tempo, paralizan o crecemento das plantas e diminúen o rendemento dos cultivos. A considerable redución de capas de neve e xeo en diferentes puntos continentais e oceánicos parece tamén un claro efecto do quecemento progresivo da Terra, un planeta que nos últimos cen anos sentiu como a temperatura global se incrementou entre os 0,3 ºC e os 0,6 ºC.

O efecto invernadoiro e o Protocolo de Kioto

O efecto invernadoiro, malia o seu halo negativo, permite que a temperatura da Terra se manteña en niveis aceptables para posibilitar a vida. O efecto invernadoiro terrestre natural prodúceno os gases atmosféricos denominados GEI (gases con efecto invernadoiro): deixan pasar a enerxía do Sol á Terra e, á vez, reteñen a radiación producida polo chan quentado. De non ser por este tipo de gases, a temperatura das capas inferiores da atmosfera non superaría os 18 graos baixo cero.

Pero o efecto invernadoiro encerra unha parte negativa: ó aumentar a concentración deste tipo de gases na atmosfera, increméntase a temperatura. Eses gases proveñen das emisións de CO2, metano, etc., ou ben da actividade humana (deforestación, cambio na utilización das terras…), e a súa acumulación masiva é a que produce o excesivo quecemento da Terra e, como consecuencia, os trastornos climáticos, biolóxicos ou da natureza. Segundo datos do Grupo de Expertos Intergobernamental sobre a Evolución do Clima (GIEC), a concentración atmosférica de dióxido de carbono (CO2) nas últimas décadas incrementouse nun 31%. En niveis máis altos ou semellantes móvense as concentracións de metano (CH4) e de protóxido de nitróxeno (N2O).

O Protocolo de Kioto, que entrou en vigor o 16 de febreiro pasado, quere reducir para o período 2008-2012 as emisións de gases GEI un 5% por baixo dos niveis vixentes en 1990. Malia todo, a Axencia Europea de Medio Ambiente (AEMA) prognosticou para o 2080 unha situación alarmante no sur de Europa e, polo tanto, en España, onde se prevén vagas de calor cada vez máis intensas.

Para mitigar semellantes previsións, a promoción do uso de enerxías renovables, o maior control dos focos contaminantes (industrias, empresas), políticas punitivas máis severas, a redución de emisións de CO2 e a racionalización no uso da auga preséntanse como alternativas factibles que permitirán que poidamos gozar de primaveras, se non como as de hai cincuenta anos, polo menos máis acordes ás súas características climáticas orixinarias.

O clima da Terra muda, pero non tan axiña

A Terra sufriu grandes e variados cambios climáticos ó longo da súa historia de millóns de anos, transformacións que adoitan producirse de maneira cíclica. O planeta normalmente rexistra estas modificacións cada cen mil anos, en paralelo cos ciclos de avance e retroceso glacial. Con todo, cómpre non esquecermos que, segundo a maioría dos científicos do mundo, desde hai dous séculos a actividade humana parece responsable do actual cambio climático.

Causas que inflúen no quecemento da Terra

Os científicos e expertos no estudo do “cambio global”, no que, amais do cambio climático, se inclúen outras materias como a diminución da capa de ozono, o uso de recursos enerxéticos e a biodiversidade, parecen resumir en dous os factores clave responsables do quecemento da Terra.

Consumo de combustibles fósiles: a queima de recursos enerxéticos produce a emisión masiva de gases de efecto invernadoiro. O carbón natural, por exemplo, emite maiores cantidades de CO2 có gas natural.

Crecemento da poboación mundial e aumento da riqueza: as pautas de consumo dunha poboación en constante crecemento e os cambios na estrutura económica dalgunhas nacións -canto máis rico se é máis se consome- provocan emisións inxentes de gases de efecto invernadoiro.