Homeopatía

Unha alternativa menos agresiva

Aumentan os usuarios dunha práctica exercida tamén por médicos e pexada pola ausencia de avales científicos
1 Marzo de 2005
Img salud listado 337

Unha alternativa menos agresiva

/imgs/20050301/salud01.jpg
Unha alternativa, un engano… A homeopatía arrastra desde o seu nacemento a polémica sobre unha validez que varios resultados positivos realzan e a inexistencia de estudos científicos pon en dúbida. O desencanto fronte á deshumanización da medicina oficial, a agresividade dalgúns dos seus tratamentos, o excesivo protagonismo dos medicamentos e a aparición de efectos iatroxénicos, é dicir, de consecuencias negativas que comportan algunhas actuacións médicas, levan a que se busquen alternativas menos agresivas, máis humanas. Por todo isto moitos médicos retoman a homeopatía como un xeito de curación non agresivo, baseado no estudo do enfermo, nas súas particularidades e na aplicación da chamada lei da similitude. Na actualidade, millóns de persoas en todo o mundo recorren á homeopatía, milleiros de médicos a practican e nalgúns países (en Francia, por exemplo) é reembolsada pola Seguridade Social.

É comunmente admitido que a homeopatía foi descuberta por Samuel Hahnemann, médico nado en 1755, que, decepcionado polas prácticas dos seus colegas, baseadas nas sangrías, nas purgas ou na administración de mercurio, xofre, cloro e outros preparados, tentou buscar outras vías terapéuticas. Pero o seu gran precursor foi Hipócrates, o considerado pai da medicina, que enunciou a lei da similitude, unha das bases da homeopatía. Ó primeiro, a homeopatía tivo moitos detractores e unha feroz oposición. Hanemann morreu no 1843 e, aínda que deixou discípulos e un corpo teórico escrito, a homeopatía non tivo ningún desenvolvemento nos cen anos seguintes. Agora ben, desde a década dos 70 asístese a un interese cada vez maior por esta disciplina.

Tres principios

A homeopatía vén do grego omoios ‘semellante’ e pathos ‘afección’. Considérase como unha das chamadas medicinas alternativas fronte á medicina oficial ou alopática, tamén do grego alo ‘contrario’ e pathos ‘afección’. A homeopatía busca estimular a curación do organismo polos seus propios medios, non ten capacidade de causar efectos secundarios e baséase en tres principios fundamentais: lei da similitude, lei da medicina única e lei de doses mínimas.

  • Lei da similitude: un produto homeopático ten que producir nunha persoa sa os mesmos síntomas que ocasiona a enfermidade que debe tratar. Para un homeópata a cebola serve para tratar os esbirros e o lagrimexo, e a cafeína para evitar o insomnio.
  • Lei do medicamento único: os homeópatas clásicos utilizan un só medicamento e raras veces máis, aínda que un só preparado pode ser un produto composto.
  • Lei de doses mínimas: o principio activo é diluído numerosas veces ata chegar a concentracións moi pequenas pero efectivas. O número de disolucións efectuadas determina a potencia da disolución en decimais ou centesimais hanemanianos (DH).

Os preparados homeopáticos obtéñense de vexetais, animais e moitas veces utilízanse minerais. Os preparados homeopáticos que se venden en España son artesanais ou industriais.

É realmente eficaz a homeopatía?

O tema é arduo, hai numerosos pacientes que se senten satisfeitos, que melloraron ou que sandaron co tratamento homeopático. Este é un feito innegable, pero é preciso sinalar que non hai estudos científicos serios sobre que porcentaxes de pacientes, dos que levaron tratamento homeopático, sandaron. A maioría dos estudos científicos que trataron de aclarar o porqué do poder curativo da homeopatía só o atribuíron ó efecto placebo, é dicir, á cura por suxestión, por fe no que se está tomando. Para que se certifique a verdadeira eficacia dun medicamento os seus efectos teñen que ser moi superiores ós que se obteñen de media cun placebo. Pero, segundo os seus defensores, a teoría do efecto placebo non se sostén, xa que afirman que a homeopatía funciona en nenos, mesmo nos moi pequenos, totalmente alleos ós placebos. Algo semellante acontece cos animais: mediante tratamentos homeopáticos aplicados neles melloraron e sandaron dalgunhas enfermidades.

Hai que ter en conta tamén o fenómeno denominado “curación espontánea” que se dá nalgúns procesos que desaparecen nun par de meses. O paciente acode ó homeópata cando leva xa tempo coa afección, que cura con ou sen a súa intervención, pero que coincide coa súa intervención no seu final natural.

Hoxe por hoxe non hai explicación científica para a homeopatía nin estudos epidemiolóxicos que demostren a súa eficacia, pero tampouco se demostrou o contrario. O que si hai é miles de pacientes que afirman que melloraron e mesmo que sandaron con ela, polo que o número de usuarios de homeopatía aumenta seguido. De feito, o mercado de produtos homeopáticos medra sen cesar. Estímase que uns 4000 médicos en España os prescriben e que algúns seguros privados están considerando a inclusión da homeopatía entre as súas prestacións debido á crecente demanda entre os seus asegurados. Os homeópatas utilizan, ademais, outro argumento a favor das súas prácticas terapéuticas: que non lle producen dano de ningún tipo a quen as utiliza, que non son tratamentos agresivos, en todo caso inofensivos.

Outra cuestión que neste contexto non se debe eludir é a postura da industria farmacéutica, pouco interesada en promover investigacións homeopáticas que poidan dar resultados positivos e restarlles beneficios, pois en moitos casos os remedios da homeopatía son máis económicos cós ‘tradicionais”.

Legislación

A lexislación española regula os medicamentos homeopáticos a través da lei do medicamento (25/1990) e do Real decreto 2208/1994 sobre medicamentos e preparados homeopáticos de orixe industrial. Aquí xorden algúns problemas, xa que as leis establecen que deben ser eficaces para as indicacións terapéuticas prescritas. Agora ben, non hai ningún estudo clínico, epidemiolóxico, serio e concluínte que avale a súa eficacia. Para obviar este problema, a normativa establece un nivel intermedio entre o medicamento e os produtos dietéticos ou cosméticos, é dicir, aqueles controlados pola Dirección Xeral de Farmacia e Produtos Sanitarios pero que non constitúen unha especialidade farmacéutica. Na etiqueta explicítase: Medicamento Homeopático-Sen indicacións terapéuticas aprobadas. Estes preparados pódense adquirir ou pódense encargar e telos en 12-24 horas en calquera farmacia.

No tocante a quen pode practicar a homeopatía, a lei é clara e tallante: teñen que ser médicos titulados. Hai centros que imparten a especialidade e expiden diplomas de postgrao, e, aínda que non ten un recoñecemento oficial coma outras especialidades, en Valladolid rexistrouse como especialidade universitaria.

Tratamento limitado

Que enfermidades se poden tratar con homeopatía? Segundo os homeópatas, as indicacións máis idóneas son:

  • Enfermidades infecciosas bacterianas e virais (especialmente as de vías respiratorias altas como farinxite, rinite, sinusite, traqueíte…), así como micóticas.
  • A infertilidade, sen posibilidades de embarazos múltiples.
  • Cefaleas, xaquecas.
  • Enfermidades reumáticas.
  • Trastornos xinecolóxicos: dismenorrea, síndrome premenstrual, menopausa.
  • Enfermidades dermatolóxicas: eccemas, urticarias, psoríase, acne, herpes simple.
  • Ansiedade, angustia, estrés, depresión, insomnio.
  • Enfermidades alérxicas e psicosomáticas.

Os homeópatas din recoñecer os límites da homeopatía: enfermidades xenéticas, enfermidades carenciais, tumores e procesos cirúrxicos non son susceptibles de tratamento homeopático.