Que fago co ordenador vello?
O 12 de agosto de 1981 IBM lanzou o primeiro PC, unha máquina con 16K de RAM (hoxe en día teñen 32.000 veces máis memoria) e que lía disquetes de 160K (un DVD dunha soa capa garda 29.000 veces máis información). Malia o seu prezo, preto de 3.000 euros (hoxe custan tres veces menos, mesmo sen termos en conta a inflación!), en poucos meses vendéronse 35.000 equipos, para sorpresa da propia IBM.
A velocidade á que, desde aquela, aparecen novos e máis potentes ordenadores no mercado sen aumentaren de prezo contribúe a que os usuarios se vexan tentados a cambiar de máquina moito antes do final da súa vida útil. Os PC, monitores e periféricos vellos, estragados ou, sinxelamente, superados por novos modelos, acaban acantoados na habitación, nos faiados ou guindados de mala maneira a un contedor ou a un vertedoiro improvisado.
Pero este avance é necesario? Esa é a primeira pregunta que cómpre que o usuario se faga cando se dispón a aparcar prematuramente o avellentado PC. É verdade que a medida que os ordenadores avanzan en prestacións, a industria os vai enchendo con versións máis pesadas dos programas e con novos sistemas operativos cada vez máis esixentes. Pero os ordenadores vellos servían e serven perfectamente para unha chea de tarefas, as máis comúns entre os usuarios. Se non existe unha necesidade real, como a edición de vídeo ou os xogos de última xeración, os ordenadores con máis dun lustro dan moito xogo.
Un ordenador cun procesador 386 a 33 MHz, con 4MB de RAM e con 100 MB de disco duro, é dicir, de hai máis de dez anos, pode realizar sen problemas tarefas de oficina cun sistema operativo Windows 3.1. A partir de aí, con procesadores 486 DX2 e, sobre todo, desde un Pentium a 100 MHz, o ordenador non se queixará ó empregar procesadores de texto, follas de cálculo, programas de contabilidade ou o navegador de Internet e o correo electrónico. Non haberá problemas para instalar Windows 95 nin tampouco o máis esixente Windows 98 (a partir de 32 MB de RAM), nin para gravar CD, iso si, a velocidades de 2x. En todos estes casos, tamén hai versións específicas do sistema operativo Linux que se adaptan perfectamente a estas máquinas antigas.
Antes de desbotar o ordenador antigo, paga a pena valorar se non abonda con actualizar algún dos seus compoñentes (disco duro, memoria, tarxeta gráfica, etc.) ou engadir outros (lector/gravador de DVD, por exemplo) para cubrir as necesidades de maneira menos onerosa.
Unha vez que se tomou a decisión de adquirir un novo ordenador, o normal é que o anterior se converta nunha caixa gris coa que non se sabe que facer. O PC antigo serve para unha morea de tarefas ‘menores’, como procesar textos, navegar por Internet ou xogar partidas de xadrez, o que pode ser abondo en fogares onde dúas persoas adoitan utilizar o PC ó tempo (como, por exemplo, dous escolares). Para iso convén facer unha boa limpeza, delimitar para que se vai utilizar e instalar os programas adecuados á súa capacidade. Outra opción é conectalo mediante un cable (ou unha rede sen fíos) ó PC máis potente e utilizar todos os seus recursos (iso si, o ordenador vello será unha “terminal parva” do grande, e comportarase case como se tivésemos dous ordenadores de última xeración, xa que se aproveita dos tempos nos que o procesador do novo permanece inactivo). En última instancia, pódese desmontar e aproveitar algúns dos seus compoñentes. Pero se máis ca axudar amola, aínda é posible atopar quen lle tire algún partido.
Tanto se se trata dun ordenador vello coma se ten algunha avaría, existen organizacións que se encargan de recollelo para proxectos sociais, educativos ou de axuda ó Terceiro Mundo. A Fundación Bip Bip (www.bipbip.es), por exemplo, recolle ordenadores de empresas e de particulares, ponos a punto e cédellelos a ONG que os destinan a persoas en risco de exclusión social. Existen máis proxectos, como Presenza Activa (www.abierta.org/donar.htm), que tamén recollen ordenadores de maneira gratuíta para doárllelos a organizacións sen ánimo de lucro e a outras ONG que destinan os equipos a países en desenvolvemento, como Novas Tecnoloxías para África (www.ntafrica.org) e Telecomunicacións Solidarias (www.renuevate.com/teso).
Se por fin se decide que o único destino factible para o PC é o lixo, cómpre pór coidado en como se desfacer del. Débense desbotar a través dos puntos limpos (en Valencia coñécense como ‘eco parques’ ou ‘áreas de achega’, no País Vasco chámanse ‘garbigune’ e en Cataluña ‘deixalleries’), onde van parar os refugallos domésticos que polo seu volume (electrodomésticos, mobles, equipos informáticos…) ou perigosidade (produtos químicos, pinturas, aceites, baterías, etc.) non teñen cabida no lixo normal. Estas instalacións son só para particulares e completamente gratuítas.
Pezas de museo
www.obsoletecomputermuseum.org
Se o ordenador é vello abondo e orixinal pode formar parte dun museo. Esta páxina recompila imaxes (algunhas en 3D) de antigallas como os Amstrad, Commodore ou os primeiros Apple.
www.computeremuzone.com
Grazas ós emuladores, un PC antigo (abonda un 486) pódese converter nunha máquina de videoxogos, onde xogar clásicos de Spectrum, Atari, Amstrad ou Amiga.
Escola de reciclaxe
www.escuelas.consumer.es/reciclaje
Un curso de consumer.es para descubrir como lle facer un favor ó medio natural convertendo pequenos hábitos nunha práctica común.
Linux é un sistema operativo libre (pódense ver e cambiar as súas tripas) e gratuíto. É personalizable e flexible, e o seu deseño é tan modular que serve perfectamente tanto para o último dos ordenadores coma para unha computadora ‘vella’ (aínda que neste caso será menos vistoso e sinxelo). O seu problema é que aínda non conseguiu ser tan doado de manexar nalgúns aspectos coma Windows, polo que a mellor opción para iniciarse é acudir a versións como Knoppix (www.knoppix.com), que se arrincan directamente desde o CD-ROM (sen instalación nin configuración) e non cambian nada do que xa está no ordenador.
Abonda cun procesador 386, 8MB de RAM e 50MB de espazo en disco para unha instalación mínima (como a de Tiny Linux: http://tiny.seul.org), e con pouco máis conséguese un sistema Linux completamente funcional con contorno gráfico (X-Window). A partir de aí pódense instalar versións para Linux de todo tipo de aplicacións. Ten o seu paquete ofimático completo (OpenOffice.org), navegadores (Mozilla, Firefox, etc.), programas de retoque fotográfico (GIMP) ou de mensaxería instantánea (compatibles mesmo cos Messenger de Yahoo! e de Microsoft). Pero, claro, a medida que lle vaiamos esixindo máis, o PC deberá ser “menos vello”.