Case necesarios para algúns destinos
Perda da equipaxe, atrasos en voos e overbooking ocupan os primeiros postos na lista de queixas dos viaxeiros no noso país. Non obstante, hai outros imprevistos que nos poden estraga-las vacacións (roubo da equipaxe, accidente, enfermidade, falecemento dun familiar) e obrigar a un regreso precipitado ou mesmo a cancelar unhas vacacións pagadas e aínda non gozadas. Non tódolos problemas que xorden nunha viaxe se poden prever; de aí que o máis conveniente sexa centrármonos nas respostas ou solucións con que afrontármolos. E é aí onde desempeñan un papel fundamental os seguros de viaxe, que poden evitarlle ó viaxeiro moitos desgustos e, nalgúns casos, un apreciable aforro de cartos. O mercado ofrece varios tipos de seguros -entre outros, o de cancelación, o mínimo e o extra- con coberturas ben distintas en cada caso.
Seguro mínimo
As viaxes contratadas nunha axencia poden ser de estancia ou combinadas. As primeiras inclúen o aloxamento (en hotel, apartamento, aparthotel), pero ningún seguro. En cambio, as combinadas -chamadas así porque inclúen tamén o desprazamento ata o lugar en que se vai realiza-la estancia- inclúen un seguro, coñecido como mínimo. É obriga dos axentes de viaxes informar sobre a cobertura deste seguro mínimo, así como da conveniencia ou non de contratar algún outro extra, dependendo das características da viaxe que se vaia realizar.
- ¿Que coberturas ofrece un seguro mínimo?
Ofrece resposta a estas situacións:
– Atraso de máis de 5 horas na saída: se debido a unha demora o titular da viaxe perde unha conexión con outro voo ou medio de transporte, a compañía débelle facilitar un transporte alternativo e, de ser preciso, tamén un lugar no que pasa-la noite. Dependendo do tipo de billete, incluso se pode solicitar unha indemnización.
– Anulación da viaxe por problemas técnicos ou da compañía: o titular ten dereito a que lle devolvan os gastos derivados da súa estancia obrigada (manutención e hospedaxe).
– Overbooking: dependendo do prezo aboado polo billete, as indemnizacións varían: reembolso do prezo do billete, cambio da data da viaxe a conveniencia do titular, ser conducido ó destino final da maneira máis rápida posible…
– Aloxamento e estancia no país de destino por problemas causados pola compañía, ou indemnización económica.
– Cobertura sanitaria durante a viaxe, aínda que non en tódolos casos; dependerá do comerciante por xunto.
– No suposto de falecemento, repatriación do cadáver. - ¿Canto custa?
Non cómpre pagar á parte por este seguro, xa que está incluído en tódolos billetes de viaxes combinadas.
Outros tipos de seguros
Os outros dous tipos de seguro que pode contrata-lo viaxeiro inclúen coberturas extra ou amplían as do seguro mínimo.
Seguro de cancelación
A tendencia actual é contrata-la viaxe con varios meses de antelación. Por esta razón, convén subscribir un seguro que nos permita saír airosos dunha cancelación que, por calquera imprevisto, lle solicitamos nós mesmos á axencia. Por uns 12 euros, o que custa de media este seguro, devólvenno-los cartos adiantados e será a axencia ou empresa coa que contratámo-la viaxe quen se faga cargo de tódolos gastos. Se non contratamos este seguro, e sempre avisando con polo menos 48 horas de antelación, amais de alegar unha razón de forza maior como causa que nos impide viaxar, perderiámo-lo 25% do diñeiro adiantado e correriamos co gasto de expedición dos billetes.
- ¿Que cobre? Indemniza ós titulares que, por causa maior, se ven obrigados a cancelar unha viaxe, pero sempre dependendo do seguro que se contrate. Moitos deles inclúen a familiares de primeiro grao, segundo e terceiro, en función do parentesco.
- ¿Que se considera causa maior? Morte, enfermidades do titular ou dos seus familiares ata primeiro grao, inundacións, incendio do domicilio, traslado forzoso por motivos de traballo…
- ¿Canto custa? Depende do lugar de destino.
Cancelacións de viaxes dentro de España: arredor de 4,5 euros.
De viaxes a Europa: preto de 12 euros.
De viaxes a América: arredor de 18 euros. - ¿É obrigatorio? Non.
Seguro extra ou adicional
- ¿Que cobre? Amplía algunhas coberturas do seguro mínimo e contén outras coberturas, como responsabilidade civil ou perda da equipaxe, que para algunhas viaxes resultan moi interesantes.
- ¿Canto custa? Dependendo do tipo de viaxe e da súa duración, entre 35 euros e 42 euros de media ata 100 euros ou 140 euros se é moi completo. En aseguradoras por Internet pódense atopar seguros desde 6 euros ata máis de 140, dependendo das prestacións.
- ¿É obrigatorio? Non. Algunhas axencias de viaxes recomendan este tipo de seguros, dependendo do país que se vaia visitar. O consumidor non está obrigado a contratalo na propia axencia de viaxes, aínda que posiblemente llo ofrezan. Pode comparar prezos e garantías con outras aseguradoras e elixi-lo que mellor se adapte ás súas necesidades.
ASPECTOS QUE CÓMPRE TER EN CONTA PARA CONTRATAR ESTE SEGURO:
- Lugar de destino: as características da zona que se vaia visitar determinan as coberturas extra que poden resultar interesantes. Algúns países carecen dun servicio público de saúde do que se poida beneficiar calquera turista. Noutros son habituais os atrasos en aeroportos…
- Tempo de permanencia fóra do lugar de orixe: o prezo desta clase de seguros establécese en paquetes de dúas semanas, 31 días, dous meses… Por esta razón é determinante saber con exactitude o tempo que se vai permanecer fóra.
- Motivo polo que se viaxa: se se viaxa por motivos de negocios, por exemplo, o business cobre voos internos e calquera imprevisto que poida ocorrer en hoteis. Se a razón da viaxe é estudiar idiomas, creáronse seguros que cobren a perda de materiais, libros incluídos, e mesmo o extravío das chaves da vivenda habitual.
E hai moitos máis tipos. - Idade: Algunhas compañías de seguros adaptan os seus productos á idade do cliente. Xa que logo, hai seguros dirixidos á terceira idade e á xente nova: mentres que os primeiros están máis enfocados a ofrecer garantías médicas, os segundos cobren imprevistos en excursións e prácticas deportivas como o esquí e o rafting.
- Independentemente da viaxe que se vaia realizar, pregúntelle ó seu axente de viaxes qué lle cobre o seguro mínimo.
- Para viaxar por Europa non ten por qué contratar un seguro adicional con coberturas sanitarias. A Seguridade Social española ten un acordo coa Unión Europea polo que se lles ofrece asistencia sanitaria ós residentes en Europa. Para iso cómpre presenta-lo documento E-111, que se pode obter en calquera oficina do Instituto Nacional da Seguridade Social. Serve para tódolos países membros da Unión Europea e para outros como Noruega e Islandia.
- Se a viaxe é a Asia, Oceanía, América Central e América do Sur, os axentes recomendan contratar un seguro extra que ofreza unha boa cobertura sanitaria e que cubra posibles irregularidades como estragos na equipaxe ou como problemas co hotel ou lugar no que se vaia instalar.