Luces e sombras das redes sociais

No momento de acceder a twitter, a facebook ou a outra rede, convén ter en conta unha serie de mitos e de realidades que favorecen o bo uso destas plataformas
1 Xullo de 2013
Img internet listado 821

Luces e sombras das redes sociais

O fenómeno das redes sociais é moi recente, xa que apenas se superan os dez anos de actividade, anos nos que se desenvolveron unha serie de hábitos e de dinámicas que son, en esencia, os mesmos que temos no mundo real. Non obstante, circulan non poucas concepcións equivocadas sobre a actividade en redes coma twitter ou facebook e, en cambio, outros feitos importantes ignóranse de forma sistemática.

Mitos

  • O ciberacoso campa ás súas anchas. É probable que haxa poucos sitios máis seguros ca unha rede social de primeiro nivel para defenderse de toda caste de acosadores. Todo o que se di nelas queda rexistrado e calquera expresión ofensiva ou intimidatoria pódese denunciar de xeito inmediato ante os responsables, mediante procedementos ao alcance do usuario. Na maioría dos casos, os ditos responsables actúan de forma tallante cos acosadores, cos ameazadores ou cos calumniadores. Ademais, axentes dos diferentes corpos policiais están destinados a velar pola seguridade das redes e a investigar comportamentos delituosos.
  • Dentro, a liberdade de expresión é absoluta. Do mesmo xeito que os responsables dunha rede social están obrigados por lei a vixiaren as expresións ofensivas e ameazantes que outros poidan ter cara a nós, as nosas opinións e as nosas accións tamén están suxeitas á súa supervisión. Nas redes sociais non podemos dicir o que queiramos e, se o facemos, é baixo a nosa responsabilidade. Para as redes, rexe a mesma lei ca fóra delas: liberdade de expresión, dentro dos límites do respecto á integridade física e moral dos demais.
  • Os seus responsables espíannos para vender os nosos datos. Este é un mito moi recorrente sobre facebook. É certo que esta rede recolle datos sobre nós en función das opinións que vertemos e dos contidos que compartimos, pero faino para mellorar a publicidade que nos ofrece. Non se puido demostrar que facebook e twitter lles vendan toda a información que teñen sobre nós ás redes de traficantes de datos e aos profesionais do spam. E, de facelo, incorrerían nun grave delito.
  • O que dicimos nelas pódeo ler todo o mundo. O límite á repercusión das nosas palabras nunha rede social, e fóra dela, poñémolo nós. En todas as redes hai ferramentas para acoutar a privacidade da nosa actividade. Por iso, antes de utilizar unha rede é importante informarse sobre as súas condicións de uso e sobre as ferramentas para manexar a privacidade.
  • Cantos máis contactos mellor. O número de contactos non define necesariamente a calidade da nosa experiencia nunha rede social. Acudimos a elas por moi diferentes motivos: para estarmos máis preto da xente que apreciamos e para lles comunicar as nosas inquietudes e actividades, para recibir o maior número de información posible… O idóneo é centrarse na calidade do que compartimos, non na cantidade. Ademais, as redes tamén son un bo instrumento para ampliar o círculo das nosas amizades e para coñecer xente nova.

Realidades

  • Nas redes compártese, non se compite. As redes sociais deben enriquecernos como persoas porque nos achegan máis a outros e porque nos permiten chegar a unha información de maior calidade, tanto humana coma intelectual. Pero non son un sitio para demostrar que somos os mellores. Se o enfocamos deste xeito, acabaremos sentíndonos moi sós dentro delas.
  • A maior privacidade, máis limitacións de uso. En todas as redes sociais, o límite á nosa privacidade poñémolo nós. Está nas nosas mans decidir tanto a quen seguimos nunha rede social coma a quen nos segue ou a quen pode ler as nosas informacións. Tamén podemos limitalas a ámbitos máis ou menos pechados e mesmo evitar a difusión pública das nosas mensaxes. É importante definir ben os graos de privacidade que queremos impoñer nas nosas comunicacións.
  • As redes non son un sitio para demostrar que se é mellor ca ninguén. Débese asumir, non obstante, que a esencia dunha rede social é poñer en contacto o maior número de persoas, polo que canto maior sexa o alcance do que se comparte, máis posibilidades hai de interacción.
  • As redes non son gratis. Aínda que poida parecelo, nas redes págase un prezo polo seu uso que non é pequeno. Poñemos á disposición da rede un gran volume de información persoal, aínda que anónima, que se emprega para facer estudos de mercado ou para o envío de publicidade personalizada. A alternativa a non ceder estes datos é non usar a rede social.
  • Ás redes hai que entrar con formación dixital, pero tamén persoal. Unha rede social, aínda que amplifique moito as mensaxes dos usuarios, ou aínda que dea posibilidades moi creativas, guíase polos mesmos códigos que a rúa. Hai que ser respectuosos e non ofender os demais, nin compartir contidos ilícitos ou emitir opinións que inciten ao odio racial, de xénero, ideolóxico ou relixioso. Neste sentido, a lei rexe igual ca no mundo real, e mesmo tende a endurecerse. Somos responsables das nosas propias accións e internet non é, nin foi nunca, un refuxio anónimo.
  • Detrás de cada contacto escóndese unha persoa, para ben e para mal. Un dos obxectivos de estarmos nunha rede social é o de contactar con novas persoas e manter amizades a distancia. Pero a busca de novos contactos significa tratar con individuos aos que podemos gratificar ou ofender coas nosas opinións ou cos contidos que compartimos. Tamén son persoas que poderían facernos dano se nos expoñemos demasiado a elas sen coñecelas, polo que convén sermos cautos.