O suxeitador, unha peza innecesaria?
Como unha segunda pel, unha luva ou unha forma para o seu zapato. Así debería adaptarse o suxeitador ao peito feminino para cumprir a súa función de suxeitalo. Pero, é necesario? Un estudo francés publicado este ano sementou a dúbida: suxeitar ou non suxeitar, velaí o dilema. Este traballo, presentado no 2013, obra do médico Jean-Denis Rouillon, da Universidade de Besançon, puxo en interdito que o suxeitador contrarreste a forza da gravidade e desaconsellou o seu uso, tras realizar unha investigación en máis de 300 mulleres ás que seguiu durante 15 anos. O estudo galo concluíu que as mulleres que o levan teñen o peito máis caído e fláccido e sofren máis dores de costas que as que non o usan, posto que esta peza parece actuar como unha xeonlleira; é dicir, impide que o músculo do peito se exercite, favorece que se atrofie e conduce a que se deteriore antes.
Non obstante, estas conclusións recibiron críticas porque non se axustan á realidade da anatomía feminina. Así, a pesar de que a glándula mamaria se atopa sobre o músculo pectoral, este non o suxeita; o seu soporte provén dos ligamentos de Cooper, que a fixan á derme, á mamila e a outras estruturas mamarias. “Polo tanto, non se pode tonificar mediante a práctica do exercicio activo nin atrofiar por recorrer á suxeición pasiva”, informa Juan Antonio Mira, cirurxián plástico e director da Doctor Clínica Mira, de Valencia.
Suxeitar ben o peito, unha necesidade
Prescindir desta peza, segundo as recomendacións baseadas no estudo francés, pode ter un menor impacto nos seos pequenos, practicamente lisos, pero ser contraproducente para os máis voluminosos. As consecuencias de non o utilizar son: sobrecarga nas cervicais, dor e descolgamento do peito, entre outras, aínda que estas dependen da xenética, da constitución e do peso de cada muller. Nestes momentos, a consigna, á espera de que se publiquen outros estudos neste ámbito que confirmen a teoría do francés, é que o suxeitador se debe utilizar.
O contrario sería como deixar un peso morto colgando do colo, equiparable a atarse dous saquiños de arroz de medio quilo, ou máis, de forma permanente. Os expertos consideran que a partir dun talle 100 de contorno, o peito xa é voluminoso e, se a muller adelgaza, pode provocar un descolgamento; por iso debe sosterse de xeito conveniente co suxeitador axeitado.
O axustador -que provén do corpiño- debe levarse durante o día e, pola noite, é preferible que o peito descanse para conseguir unha mellor hixiene da pel, unha mellor circulación e unha mellor respiración. Non obstante, se o peito é moi pesado e produce molestias e traccións ao variar de posición mentres se dorme, pódese cambiar o suxeitador de día por un máis lixeiro, que suxeite ben, sen oprimir.
Elixir suxeitador: entre a funcionalidade e a estética
É tan importante levar suxeitador como escoller o talle axeitado, posto que segundo un estudo o 70 % das mulleres españolas escollen un axustador dun talle pouco apropiado de contorno ou de copa. O contorno é a circunferencia corporal medida xusto por debaixo do peito e que corresponde aos talles numéricos (do 85 en diante); e a copa é a circunferencia que marca a zona máis voluminosa do peito, medida dende as mamilas cara ás costas e que corresponde ao talle de letras (da A á D). Se resulta complicado acertar no talle, non o é menos seleccionar o deseño máis conveniente: con recheo, con aros, con encaixes ou liso, transparente, opaco, de tirantes, para realzar, para non formar engurras no escote, deportivo, moderno, retro, sexy, práctico ou cómodo para o período de lactación. Ante este abano de posibilidades, o axustador idóneo debe: suxeitar ben, de abaixo a arriba, e non comprimir o peito de arriba a abaixo; non apertar, non deixar marcas no contorno do peito, non formar dobras na pel do escote e permitir respirar ben; non irritar, resultar cómodo e apropiado para cada actividade do día e facer que a muller se sinta ben. Aínda que, iso si, moitas veces o anatómico e funcional está disputado co estético.
Modelos pouco saudables
A muller debe ser a propia prescritora do suxeitador e na súa elección debe primar, ante todo, que sexa útil e saudable. Estes son algúns modelos que poden prexudicar a saúde da muller:
- Con forma de triángulo ou bikini que se atan ao colo, posto que é a zona cervical a que carga co peso. De feito, son antianatómicos, xa que o peito non ten esa forma, senón que é horizontal, e as cargas distribúense cara á axila.
- Redutores: son inadecuados porque comprimen e dificultan a circulación sanguínea. Esta diminución da circulación pode producir o mesmo efecto que o tabaco; é dicir, falta de irrigación ou sangue para alimentar as células da glándula mamaria e insuficiencia circulatoria.
- De tecidos alerxénicos: os suxeitadores de teas sintéticas, como o nailon, poden producir máis alerxias que as naturais, coma o algodón.
- Modelos que irritan: os modelos con moitos volantes e encaixes poden irritar a pel.
- Asegurarse de que cumpra a súa función de suxeitar e fuxir das modas.
- É unha peza persoal e intransferible, que lle vaia ben a unha non indica que funcione con outra.
- Debe ser cómodo e confortable.
- O axustador debe adaptarse á mama e non ao revés, para evitar que oprima o peito e que dificulte a circulación.
- Durante a lactación, debe ser cómodo, de copas transpirables e elásticas, e adaptarse ao peito que estea máis sensible, que sobe e baixa de volume de xeito constante.
- Co fin de facer exercicio físico, hai que elixir un modelo deportivo, cómodo e que suxeite ben. É preferible que inclúa peche frontal e cruzado por detrás.
- O suxeitador con aros metálicos e ben protexidos cunha funda acolchada é unha armazón que estrutura mellor a forma do peito pesado e que o suxeita ben, sempre que non o comprima.
Fonte: Juan Antonio Mira, cirurxián plástico e director da Clínica Doctor Mira, de Valencia.