Ana Bella, Creadora da Fundación Ana Bela

"Necesítase máis valor para durmir cada noite coa persoa que te está a matar que para denunciar e comezar unha vida digna"

1 julio de 2013
Img entrevista listado 891

Foi vítima de malos tratos físicos e psicolóxicos durante 11 anos, unha experiencia que pode ser traumática, pero que a converteu en exemplo de fortaleza e esperanza: pódese saír desta situación. Como o conseguiu?

Unha noite, no canto de aguantar o meu maltratador, usei a miña valentía, o meu medo e a miña resistencia para coller os meus catro fillos, metelos no coche e denunciar o que acontecía. Necesítase máis valor para durmir cada noite coa persoa que te está a matar que para romper o silencio, para denunciar e para comezar unha vida digna.

Non obstante, no noso país hai dous millóns de mulleres vítimas de malos tratos e 1.600.000 non o denuncian, por que?

Porque a forma que se usou para animar a iso consiste en mostrar as consecuencias físicas do maltrato: mulleres con negróns, con cicatrices, mortas… Se sofres maltrato e ves esas imaxes, non denuncias porque cres que rematarás así: morta ou morta de medo.

Son frecuentes os casos que rematan en traxedia?

Algunhas mulleres son asasinadas polos seus maltratadores porque non os denuncian, pero a maioría comeza unha vida nova lonxe da violencia.

Por iso é importante visibilizar a violencia de xénero.

É importante denunciar para recibir a protección axeitada. A violencia de xénero é o Holocausto do século XXI. Grazas ao noso exemplo, as mulleres poden reunir o valor para denunciar e salvar a súa vida.

Estigmatízanse as mulleres que sofren ou que sufriron malos tratos?

Hai unha dobre vitimización que leva á exclusión social. Recibimos apoio porque somos vítimas e chegamos a concienciarnos diso. Pero, ademais, as canles oficiais de inserción laboral baséanse en traballos invisibles e pouco remunerados, que a miúdo coinciden con tarefas de limpeza. Parece que as mulleres que fomos maltratadas só sabemos limpar, que é un traballo digno, pero non empodera. A vía máis eficaz para que as mulleres superen a violencia e eviten a exclusión social é favorecer a súa inserción laboral en traballos recoñecidos socialmente que lle reporten independencia económica e que as posicionen como un valor social.

Este é o obxectivo da Escola Ana Bela para o Empoderamento da Muller.

Así é. Nela formamos mulleres para que sexan líderes da súa propia vida e axentes activos na sociedade e realizamos seleccións de persoal e campañas de promoción para que, en tempos de crise, sexan un valor positivo nas empresas. Cambiamos a imaxe social de muller vítima pola de muller supervivente. Somos mulleres moi fortes, acostumadas a traballar baixo presión, que nos sabemos reinventar, que nos repoñemos á frustración, que temos unha gran tolerancia ao fracaso e somos perseverantes e seguímolo intentando malia as dificultades. No mundo laboral, estas calidades fan que sexamos traballadoras moi eficaces.

Que outras axudas presta a Fundación Ana Bela?

Apoiamos cada ano a máis de 1200 mulleres en risco de exclusión por mor do maltrato. Ofrecemos aloxamento temporal en vivendas, formación, emprego, terapia psicolóxica, defensa legal, acompañamento, axuda económica e emocional e axudamos na resolución de todo tipo de problemas. Non duplicamos recursos, senón que somos un complemento para as administracións. Axudámoslles ás mulleres maltratadas para que denuncien e, unha vez que saíron dos circuítos de axudas oficiais, se seguen en risco de exclusión, apoiámolas.

Hai suficientes mecanismos de protección para as mulleres que sofren malos tratos no noso país?

Hainos. Grazas a eles, eu estou viva. O problema é que o 73 % das mulleres maltratadas non acceden aos recursos porque non se atreven a denunciar. Unha de cada dez mulleres en España sofre ou sufriu violencia machista.

Cales son as súas principais necesidades?

As necesidades dependen da situación de cada unha, pero o apoio social, o traballo e a vivenda son fundamentais para evitar a exclusión.

Como se sente unha vítima de violencia doméstica?

Séntese morta en vida, moi soa e illada emocionalmente. Cando te maltratan non te decatas do que che acontece, pero estás todo o día en tensión, triste, sofres moito. É como un martirio constante, un terror silencioso que te vai matando e, cando empezas a entender que algo pasa, cres que é pola túa culpa. Ante os demais, os maltratadores adoitan seren homes amables, extrovertidos, cariñosos e con don de xentes, así que as vítimas convencémonos de que ninguén nos crerá cando contemos como nos tratan na casa. Por iso, o papel de familiares e amizades é moi importante para que a vítima rompa o silencio. O 90 % das mulleres maltratadas imos denunciar acompañadas dun familiar ou dunha amiga. Necesitamos que nos escoiten sen xulgarnos, que nos apoien, que nos respecten, que nos abran os ollos e que nos dean a man para sacarnos da dependencia emocional na que nos encerrou o maltratador.

Podemos detectar unha situación de violencia?

Se percibimos que a muller cambia a súa forma de ser e se separa do grupo de amizades, hai que preguntarse o porqué e, sobre todo, preguntarllo a ela. O máis importante é non illar a vítima e chamala constantemente, aínda que recibamos negativas. Os sinais de alarma son moi evidentes, pero ao principio pasan desapercibidos, camuflados polo amor romántico. Dende a Fundación, ensinámoslles ás adolescentes a detectalos porque poden derivar en maltrato. Unha moza comentounos que cando chegaba á casa chamaba o seu noivo dende o teléfono fixo para que el non se preocupase. Non valería unha mensaxe ou unha chamada perdida dende o móbil? Non é amor, é control.

Existe a violencia branda ou de baixa intensidade?

O maltrato comeza sendo sutil. Por iso nos atrapa. O maltratador quere dominar a súa vítima e pégalle cando se rebela. Pero un xesto, unha ameaza ou un insulto dominan. Nun xuízo, unha muller esqueceu contar que o seu marido lle pegaba habitualmente coa correa, pero explicou que xamais a deixaba ver o final das películas porque cando chegaba á casa collía o mando e cambiaba de canle sen preguntar. Iso doíalle máis.

Cal é o primeiro paso ante estes casos?

Tanto a vítima como a testemuña han de contalo. Nun colexio onde acudín a dar unha charla, un neno de 7 anos contoume que o seu pai lles pegaba a súa nai, ao seu irmán e a el. Unha noite, el chamou a policía e levaron o pai preso.

Como o viven os fillos?

Non son testemuñas, senón vítimas. O día que escapamos da casa, a miña filla de 9 anos confesoume que suspendera un exame, pero mentiu porque tiña medo de que o meu marido me pegase. As nais cometemos o erro de aguantar nun matrimonio abusivo porque queremos que os nosos fillos vivan cos seus pais, pero o mellor exemplo de vida é non se deixar humillar. A violencia transmítese de pais a fillos e o 70 % repiten esta conduta na idade adulta. Nós non somos o problema, somos parte da solución.

Supéranse as situacións de violencia no ámbito familiar?

Si, con terapia e con educación en igualdade.

Como se involucran os homes no cambio?

O 20 % dos nosos voluntarios son homes. Estamos en contra da violencia machista, non dos homes. Unha sociedade igualitaria e inclusiva necesita a participación democrática de todos.

É unha persoa positiva?

Positiva e emprendedora. A Fundación Internacional Ashoka seleccionoume como emprendedora social en España. Aparecín nun xornal nacional como unha das protagonistas do ano, pero non na sección de sucesos. Por primeira vez, unha muller que foi maltratada sae na prensa porque está a cambiar o mundo.

Como lles infunde ese positivismo a outras mulleres?

Co meu exemplo. Dende a Fundación Ana Bela, utilizamos os testemuños positivos de mulleres superviventes de violencia de xénero para visibilizar e apoiar o 73 % das vítimas que non denuncian e, polo tanto, non son beneficiarias dos recursos de axuda oficiais deseñados para elas. A través da creación de redes naturais de confianza e de casos positivos de superación, logramos empoderar as mulleres maltratadas para que se transformen en superviventes, capaces de actuar como promotoras de igualdade. Axudamos a romper a cadea xeracional de violencia e o enfoque tradicional da vitimización. Estamos conseguindo cambiar a imaxe da muller e o desenvolvemento sustentable dunha sociedade en igualdade.