Analizadas 16 aplicacións móbiles gratuítas relacionadas co control de peso e cos hábitos alimentarios

Aplicacións para o control de peso: útiles para facer un diario da dieta, pero non para establecer pautas dietéticas

Estas apps son só ferramentas de apoio e, po lo tanto, non deben substituír o labor profesional dos nutricionistas ou dos endócrinos
1 Xullo de 2013
Img tema de portada listado

Aplicacións para o control de peso: útiles para facer un diario da dieta, pero non para establecer pautas dietéticas

Cada 16 segundos, cinco millóns de usuarios descargan unha app nos seus teléfonos ou tablets. Non hai dúbida de que o presente e o futuro é móbil. Alá onde vaiamos, queremos estar conectados e acceder á rede dende calquera lugar e en calquera momento.

Esta grande evolución cara á tecnoloxía móbil non evitou, non obstante, que cambie o interese das persoas por manterse en forma, por adelgazar ou por coidar os seus hábitos alimentarios. Estes conceptos sempre lles interesaron aos consumidores e no universo tecnolóxico non podía ser menos: existen unha serie de aplicacións para móbiles de última xeración (smartphones), algunhas gratuítas e outras de pagamento, con este obxectivo común.

EROSKI CONSUMER parte da base de que estas aplicacións non poden substituír a figura dun nutricionista ou dun especialista en endocrinoloxía, pero si poden servir de axuda e asesoramento. Por iso, quixemos coñecelas a fondo e estudar as funcionalidades dun total de 16 aplicacións móbiles gratuítas relacionadas co fomento e co control dos hábitos alimentarios. Son Calorie Counter by FatSecret, Shape Up Club, Weigh What Matters, Calorie Counter by CalorieCount.com, Calorie Counter-MyFitness-MyFitness Pal, Libra-Xestor de Peso, Fitbit, Dietas para Adelgazar, Dieta Asistente-Perder Peso, Diet Point·Español, DailyBurn Tracker, A Dieta do Bocadillo, O Teu Peso Ideal, Noom Weight Loss, 40·30·30 e iPesoCorporal.

Como se fixo

Tres criterios fundamentaron que estas 16 aplicacións formasen parte do estudo: que fosen gratuítas (sempre se analizou a versión libre), populares (realizouse unha monitorización do que se comentaba nos medios de comunicación virtuais e nos blogs, e tamén se mediron as valoracións das persoas que as descargaron en Google Play e en Apple Store), o número de descargas realizadas en España e que fosen compatibles co sistema operativo iOS e Android.

Na investigación contouse coa colaboración de expertos nutricionistas de EROSKI CONSUMER e da investigadora no ámbito da psicoloxía clínica e das novas tecnoloxías, Cristina Botella. Así mesmo, proporcionaron información valiosa a Sociedade Española para o Estudo da Obesidade (SEEDO) e The App Date, o punto de encontro que se celebra en España mensualmente sobre aplicacións para móbiles.

Así, todas as prestacións ofrecidas polas diferentes aplicacións clasificáronse en cinco fases fundamentais: o pretest, a pauta dietética, o rexistro dos alimentos e exercicios, o control dos progresos e a motivación e consellos alimentarios.

O primeiro posto do podio ocupouno Calorie Counter-MyFitness-MyFitness Pal con 7 puntos, o segundo Fitbit con 6,9 puntos e o terceiro ocupouno Calorie Counter by CalorieCount.com, cunha puntuación de 6,2 puntos. Pola súa banda, catro das 16 aplicacións analizadas retiráronse da clasificación xeral por dar a opción de realizar dietas milagre, aínda que non se eliminaron completamente da análise.

Recomendación básica: profesionais cualificados

O primeiro consello debería ser o de acudir ao médico, posto que calquera pauta dietética debe establecela un profesional cualificado.

Durante a análise, EROSKI CONSUMER comprobou que só a metade das aplicacións facían esta recomendación (Calorie Counter by FatSecret, Weigh What Matters, Calorie Counter by CalorieCount.com, Calorie Counter-Myfitness-Myfitness Pal, Fitbit, Diet Point·Español, DailyBurn Tracker e 40·30·30). En O Teu Peso Ideal, malia que non se dá este consello, si se indica expresamente que non debe usarse como substituto do asesoramento profesional.

A busca desta recomendación tan básica foi relativamente exhaustiva entre as diferentes funcionalidades de cada aplicación. Mesmo houbo que explorar nas FAQ e nos termos de uso. De nada serve que a recomendación se atope no lugar máis insospeitado, onde o individuo que a descarga non poida atopalo nunha primeira exploración.

O diagnóstico

Cando alguén está interesado en controlar o seu peso e en seguir uns hábitos alimentarios saudables, é fundamental realizar un diagnóstico previo que avalíe o seu estado nutricional e o seu estilo de vida. EROSKI CONSUMER considera necesario que estas aplicacións realicen un mínimo de preguntas e estimacións para identificar o problema: os datos persoais para a avaliación do peso, o estado da saúde e o estilo de vida e os hábitos alimentarios.

Neste sentido, a aplicación móbil que realiza un cuestionario máis detallado é Shape Up Club, seguida moi de preto por Calorie Counter by FatSecret, Calorie Counter by CalorieCount.com e Calorie Counter-MyFitness-MyFitness Pal.

Pola súa banda, Dieta Asistente-Perder Peso, Diet Point·Español, Fitbit, Noom Weight Loss e O Teu Peso Ideal apenas roldan os cinco puntos (entre o 5.º e o 9.º posto da clasificación). A Dieta do Bocadillo e 40·30·30 nin sequera fan un pretest ou un diagnóstico do individuo que as descarga.

Case en ningunha das aplicacións móbiles analizadas se pregunta por posibles enfermidades, alerxias… Non obstante, si hai algunhas excepcións. O Teu Peso Ideal avisa de que non está recomendada para embarazadas. A única app que preguntou durante a análise pola inxestión diaria alimentaria foi Calorie Counter by FatSectret.

A pauta dietética

Calquera tratamento dietético formulado co obxectivo de perder peso, de gañalo ou de mantelo debe comezar por informar da situación obxectiva do individuo: baixo peso, normopeso (peso saudable), sobrepeso e obesidade (grao), e estimar o peso saudable para cada situación individual. A partir deste dato, planifícase a dieta.

Tendo en conta esta serie de pasos, os plans ou pautas dietéticas analizadas non superan en ningún caso os 7,5 puntos sobre os 10 desexados. Weigh What Matters achégase a esta puntuación, polo que se sitúa no primeiro posto do podio, seguido por DailyBurn Tracker (con 6,8 puntos) e Calorie Counter by Fat Secret (con 5,8 puntos). Neste punto, non se tiveron en consideración catro aplicacións por propoñer dietas milagre. Trátase de Dietas para Adelgazar (dá a opción de elixir entre varios tipos de dietas: as dun ingrediente, as do mes, as de calorías concretas, as de pouca vontade e as populares, entre outras), Dieta Asistente-Perder Peso (ofrece a posibilidade de escoller entre dietas que a propia app denomina altas en proteínas, baseadas en peixe e saudables), Diet Point·Español (dá a posibilidade de realizar dietas desintoxicantes, segundo o grupo sanguíneo, baixa en carbohidratos, Scardale, Montignac, Dukan, de famosos, ventre plano, á carreira e de moda) e A Dieta do Bocadillo (substitúe o xantar por bocadillos de pan integral).

Unha vez avaliado o peso, practicamente ningu-nha das 12 aplicacións analizadas recomenda perder un número de quilos determinado. En 6 delas (Calorie Counter by FatSecret, Shape Up Club, Calorie Counter by CalorieCount.com, Calorie Counter-MyFitness-MyFitness Pal, Libra-Xestor de Peso, Noom Weight Loss e iPesoCorporal) é a persoa que descarga a aplicación quen establece cantos quilos desexa perder, malia non ser recomendable facelo.

Calorías ao día: cada app di unha cousa

Con estes datos, 8 dos 12 programas estudados propoñen un plan calorífico (indican o número de calorías que son aconsellables inxerir diario) e en Weigh What Matters instan para establecer as pautas dietéticas cun médico. Para comprobar que realizan unha axeitada recomendación, EROSKI CONSUMER creou un perfil dunha muller de 43 anos, cunha estatura de 158 cm e un peso de 77 kg, e cunha actividade física diaria lixeira (non practica regularmente deportes). Segundo o perfil nutricional dispoñible no receitario de EROSKI CONSUMER, esta persoa debería consumir a diario 2312 kcal. Tendo en conta que a descompensación entre a inxestión de calorías e o gasto enerxético diario é un dos factores que predispón á obesidade, aconséllase reducir a inxestión diaria de alimentos nunhas 100 calorías. Polo tanto, en función destes datos, para o perfil proposto recomendaríanse aproximadamente 2200 kcal diarias.

Non obstante, todas as aplicacións que propoñen un consumo diario de calorías estableceron un número inferior. A boa noticia é que ningunha comporta unha achega calorífica por debaixo das 1000-1200 kcal ao día (o mínimo recomendado en mulleres). En canto á información nutricional que proporcionan, baséase case exclusivamente en facilitar datos sobre as calorías que conteñen os alimentos ou sobre a cantidade de proteínas, graxas ou carbohidratos.

Diario dunha dieta

Calorie Counter by FatSecret, Shape Up Club, Calorie Counter by CalorieCount.com, Calorie Counter-MyFitness-MyFitness Pal, Fitbit, DailyBurn Tracker e Noom Weight Loss ofrecen un servizo de monitorización. En concreto, rexistran os alimentos e as bebidas que inxire a persoa e tamén as cantidades e o momento do día no que os toman. Son funcionalidades que axudan a levar un control continuado e máis exhaustivo da dieta.

Tamén Dietas para Adelgazar, Dieta Asistente-Perder Peso e Diet Point·Español realizan este tipo de monitorización, aínda que se reduce exclusivamente aos alimentos e ao momento do día en que se toman. E, pola súa banda, Weigh What Matters contén un diario máis aberto no que a persoa pode detallar ao seu gusto os obxectivos e os retos establecidos co médico.

Neste sentido, 7 das 16 aplicacións analizadas danlles a posibilidade aos seus usuarios de establecer un control do exercicio físico que realiza a diario.

Como se miden os avances?

Para analizar os progresos realizados, case todas as aplicacións analizadas levan un control exhaustivo de datos coma o peso, o IMC, as calorías inxeridas e/ou a actividade física realizada. Nos primeiros postos do podio neste punto atópanse, por orde, Shape Up Club (primeiro na clasificación), Fitbit (segundo) e Calorie Counter-MyFitness-MyFitness Pal (terceiro) con aproximadamente 9 puntos. Por debaixo, aínda que non moi lonxe delas, posicionáronse Calorie Counter by FatSecret, Weigh What Matters e Calorie Counter by CalorieCount.com, con entre 7,2 e 7,9 puntos. O resto obtén unha puntuación menor: Libra-Xestor de Peso e DailyBurn Tracker roldan os 6 puntos, Diet Point·Español 5 puntos e Dietas para Adelgazar, Dieta Asistente-Perder Peso e iPesoCorporal entre 4,6 e 3,9 puntos, nos últimos postos da clasificación. Pola súa parte, A Dieta do Bocadillo, O Teu Peso Ideal e 40·30·30 non lle ofrecen esta funcionalidade ao usuario.

Xeralmente, este control lévase cunha frecuencia mínima diaria e todas elas utilizan gráficos para exemplificar visualmente a evolución da información do usuario. Ademais dos gráficos, estas aplicacións proporcionan outro tipo de indicadores, como índices, cualificacións…

A motivación e os consellos

Adelgazar leva consigo cambiar uns costumes alimentarios e uns hábitos de vida. Isto supón todo un reto e, como tal, necesítase unha motivación.Neste punto, as tres aplicacións que soben ao podio son Diet Point·Español (con 8,6 puntos), Calorie Counter-MyFitness-MyFitness Pal (con 7,9 puntos) e Fitbit (con 6,4 puntos). Tamén superan o límite dos 5 puntos Calorie Counter by CalorieCount.com, Dieta Asistente-Perder Peso e Noom Weight Loss, cunha puntuación de 5,7. O resto sitúase por debaixo nas posicións da clasificación e 40·30·30 non traballa este aspecto.

Sete das 15 aplicacións estudadas proporcionan mensaxes motivadoras: Weigh What Matters, Calorie Counter by CalorieCount.com, Calorie counter-MyFitness-MyFitness Pal, Fitbit, Diet Poiunt·Español, DailyBurn Tracker e Noom Weight Loss. A primeira e a última dan mensaxes de felicitación e estimuladoras. Calorie Counter by CalorieCount.com e Fitbit teñen un sistema de puntos e insignias e Calorie Counter-MyFitness-MyFitness Pal, Diet Point·Español e DailyBurn Tracker animan a formar parte dunha comunidade de usuarios. E, ademais, 10 das aplicacións móbiles analizadas inclúen ferramentas de apoio social nas redes sociais (9 delas), en comunidades ou chats propios (6) ou en foros (solo 3).

Por último, 6 das 16 aplicacións comparadas tamén ofrecen consellos acerca das pautas alimentarias. Unha información moi útil que, ademais de motivar os usuarios, os orienta para establecer os seus costumes alimentarios e hábitos de vida: recomendacións para establecer obxectivos de peso realistas, comer unha media de 5 pezas de froita e verdura ao día, aprender a comprar comida saudable ou comer peixe 2 ou 3 veces á semana.

Coa saúde non se xoga

Existe un xogo ao que nunca puidemos renunciar, a perder peso, e en especial antes do verán, despois das festas de Nadal ou dunha enchente… Ano a ano, crecen e reprodúcense millóns de dietas, libros e métodos revolucionarios. Pero adelgazar non é unha decisión banal. Debemos ser conscientes de que afecta a nosa alimentación e, xa que logo, a nosa saúde.

Neste sentido, si é importante sermos conscientes de que debemos coidar a nosa alimentación e poñer orde no caos alimentario. Para iso, debemos ser realistas e seguir unha serie de pautas coherentes que nos axuden a ter un peso saudable:

  • A inxestión diaria de alimentos debe distribuírse en catro ou cinco tomas diarias. Hase evitar picar entre horas.
  • É aconsellable comer lentamente para mellorar a dixestión dos alimentos.
  • Convén beber polo menos dous litros de auga ao día.
  • Hai que realizar exercicio físico continuado (mesmo existen aplicacións móbiles que ofrecen axuda neste sentido).
  • Débese evitar o tabaco ou o alcohol.

E, se aínda así, se toma a decisión de adelgazar, o máis aconsellable é visitar o médico para que faga recomendacións sobre a actividade física e sobre a necesidade de realizar cambios na conduta e no estilo de vida e para que leve a cabo un control periódico da evolución do peso.