Biodiversidade de especies

A fraxilidade da biodiversidade, chamada de atención ó desenvolvemento sostible

¿Quen non oíu nalgunha ocasión a expresión "biodiversidade"? É habitual nos medios de comunicación masivos e nas publicacións especializadas. Recórrese a ela continuamente. Os políticos transmiten a súa preocupación por conserva-la biodiversidade do país e os ecoloxistas denuncian a perda de biodiversidade causada polas actividades industriais ou as urbanizacións.
1 Xaneiro de 2001
Img medioambiente listado 129

A fraxilidade da biodiversidade, chamada de atención ó desenvolvemento sostible

Vaiamos ás orixes: o termo biodiversidade comezouno a utilizar o biólogo norteamericano Edward Wilson en 1988 para denomina-la riqueza biolóxica dunha determinada zona do planeta. Desde entón, adaptouse a tódolos idiomas para referila á variedade da vida, comprendendo a diversidade de cada especie, a diversidade entre as especies e a diversidade dos ecosistemas.

Segundo as últimas estimacións científicas, o número de especies vexetais e animais distintos podería estar comprendido entre os 5 e os 30 millóns, aínda que tan só hai 1.400.000 clases de seres vivos identificados ou dos que se conta hoxe con algún tipo de descrición. Barállanse tamén cálculos de que cada ano desaparecen da Terra unhas 17.500 especies de animais e plantas, moitas delas – especúlase con que quizais máis do 50%- sen que cheguen sequera a ser coñecidas polo ser humano. Seguindo con estes malos agoiros, segundo un informe da Axencia de Medio Natural norteamericana, proxeccións a longo prazo agoiran que a destrucción afectará no ano 2050 a case o 40% do patrimonio natural que hoxe existe no planeta.

Accións para frea-lo abuso

Se ben é certo que o home, desde os albores da historia, fixo uso da natureza para subsistir, nunca se chegara ó caso de que o abuso que se fai dela obrigara a adoptar simultaneamente medidas que garantiran a súa protección. As mesmas empresas que contaminan deseñan sistemas de calidade ambiental; as políticas que buscan potencia-la industria din intentar á súa vez o respecto ás leis de protección da natureza; e, para rematar, os propios cidadáns sensibilizados pola deterioración do medio natural obvian que tamén está nas súas mans traballar polo desenvolvemento sostible.

E aínda que a perda de diversidade biolóxica ou da variedade de formas de vida foi un proceso natural desde o principio dos tempos (por exemplo, na Península Ibérica as pinturas rupestres das Covas de Altamira, poñen de manifesto que o bisonte era unha especie común hai 12.000 anos), a era industrial deixou tras de si uns niveis de destrucción que a Natureza non pode reparar. O exemplo máis clarificador de cómo ataca o home ó medio témolo nas selvas tropicais, que concentran a maior diversidade biolóxica de todo o planeta e que están sendo devastadas nas dúas últimas décadas. Temidas e case inaccesibles ata os anos 70, os estudiosos e investigadores comezaron a apreciar con detalle todo o potencial de vida destas selvas tropicais case ó mesmo tempo que as multinacionais comezaban a consuma-la destrucción e explotación dos seus recursos naturais, nunha escala nunca antes rexistrada noutra rexión do mundo.

O perigo vinculado á agricultura e á sanidade

En contra do que se puidese pensar, a explotación da agricultura foi o factor que incidiu máis negativamente na perda de biodiversidade. Pero o mantemento da biodiversidade xa non só é transcendental no campo agroalimentario (dunhas 75.000 especies vexetais comestibles, o home só usa 3.000) tamén o é en sectores como a saúde, a industria e a enerxía. Segundo estimacións da OMS, tres cuartas partes da poboación do planeta sérvense directamente das plantas para a cura de enfermidades. Nos países máis avanzados, a metade dos medicamentos teñen os seus principios activos en substancias extraídas das plantas.

A diversidade biolóxica, por outro lado, non só contribúe ó noso benestar desde o ámbito da alimentación e a saúde. Numerosas substancias e productos industriais derivan en primeira ou última instancia do reino natural: pegamentos, tinturas, pasta de papel, resinas, película fotográfica, conservantes ou combustibles coma o carbón e o petróleo son, ó fin e ó cabo, resultado da descomposición orgánica de bosques enteiros de diversidade biolóxica durante millóns de anos. A Península Ibérica, cun número total de especies de flora e fauna entre 55.000 e 60.000, conta co potencial máis alto de riqueza ecolóxica de toda Europa occidental. Calcúlase que existen 8.000 especies de plantas superiores, 100 de mamíferos, 460 de aves, 43 de réptiles, 22 de anfibios, 40.000 de insectos e 5.000 de bolboretas. Pero como ocorre no resto do mundo, o ecosistema de moitas zonas sobrevive baixo serias ameazas.

Biodiversidade: qué podemos facer para favorecela

A favor dos bosques

  • Utilizar papel reciclado, usa-los dous lados das follas de papel e evita-lo consumo de papel branquexado con cloro. Potencia-lo uso do papel reciclado na escola, oficina, asociación de pais, veciños ou consumidores, ONG, sindicato…
  • Evita-los productos de papel refugable, de usar e tirar, como vasos e pratos de papel, pousa vasos, filtros de café, bolsas de celofán (pódese acudir á compra coas bolsas da compra anterior).
  • Evita-lo exceso de embalaxes e o papel de regalo. – Reutiliza-las fotocopias e os papeis en sucio.
  • Separa-lo papel e depositalo nos contedores selectivos. Non só en casa, tamén na oficina, na escola e na fábrica. Hai que ter en conta que o tetrabrik, o papel térmico de fax e o papel encerado ou plástico non son reciclables.

A favor da biodiversidade do contorno:

  • Evitar comprar productos que conteñan ou empreguen gases de cloro ou bromo, destructores do ozono:
  • CFC, HCFC, metil-cloroformo, bromuro de metilo.
  • Se se necesita un novo frigorífico ou conxelador escoller, a ser posible, un de tecnoloxía greenfreeze.
  • Evita-los aires acondicionados. Para refrescarse respectando o medio natural, que é de todos, pódense emplegar ventiladores de teito ou sistemas de acondicionamiento de aire por evaporación ou absorción.
  • Nas casas, evitar illantes de espuma sintética. No seu lugar pódense empregar illantes naturais: arlita,arliblock, perlita, la mineral, cortiza, grava.
  • Utilizar extintores con base de auga, nitróxeno, gas carbónico ou argón, non os de gas halón.

A favor da biodiversidade dos mares:

  • Consumir especies pescadas con artes selectivas, menos invasivas e esquilmadoras do mar
  • Informarse das tallas mínimas legais de cada especie. Consumir peixe fresco de talla legal. Non mercar peixes pequeniños.
  • Exerce-la presión que nos outorga a condición de clientes para que non se vendan pescados inmaduros ou especies pescadas con artes non selectivas (como as redes de deriva).

A favor da biodiversidade da fauna:

  • Cumprir, se se é cazador ou pescador, a normativa que regula as actividades cinexéticas.
  • Non comer caza fóra de tempada, agás que se trate de especies de criadeiro .
  • Non abusar de animais que están no límite do equilibrio, coma os percebes, paxariños…
  • Denuncia-la venda de animais de especies protexidas en paxarerías ou calquera outro conducto.
  • Non altera-lo contorno salvaxe dos animais, respectando tobos, niños, bebedoiros…
  • Respecta-los bosques, os campos e as praias, e non deixar lixo nin ningún rastro outro de que estivemos alí.