A rede tamén serve para atopar traballo
Aínda que mantén a súa vixencia a fórmula tradicional de realizar un mailing (envío de cartas) ás empresas nas que mellor poida encaixar un perfil profesional e persoal similar ó noso e a non menos convencional iniciativa de contestar ós anuncios de xornais ou publicacións especializadas, Internet introduciuse con forza neste ámbito, o do mercado laboral, e creou un espacio virtual do que tratan de obte-lo máximo rendemento tanto as empresas que precisan de novos empregados coma as persoas que buscan un posto de traballo. Segundo o Estudio Xeral de Medios, un 90% de quen busca emprego na Rede son universitarios, e o seu interese se centra no sector servicios (60%), industria (20%) e tecnoloxías da información (10%). Pero o abano se amplia cada vez máis, e abundan tamén, nestas páxinas web de emprego, as seccións enfocadas á Formación Profesional e ós oficios.
Podemos distinguir tres formatos para busca de traballo en Internet: un, as páxinas web do Instituto Nacional de Emprego (www.inem.es) e outros organismos oficiais, que permiten obter información sobre emprego público; dous, as web que posúen empresas, organizacións ou colexios profesionais para difundi-las súas propias bolsas de traballo, e tres, os portaies especializados en busca de emprego.
Os portais de emprego
Son dúas as maneiras de se organizaren estes sitios web, aínda que sempre será necesario dispor dun enderezo de correo electrónico xa que esta é a canle de transmisión de datos. Algúns portais ofrecen a posibilidade de buscar directamente as ofertas de traballo seleccionando o sector profesional e o país ou provincia onde desexa traballa-lo internauta. Cando se valida a petición aparece unha correlación das ofertas en curso (é o caso de www.trabajo.org).
Outros portais, sen embargo, obrigan a rexistrarse antes de optar á busca (como ocorre en www.todotrabajo.com).
No primeiro modelo, unha vez presentadas as ofertas elíxese a que interesa e obtéñense máis datos sobre o tipo de traballo, o perfil que precisa a empresa, a oferta económica, e mesmo o número de candidatos que se presentaron (www.empleofacil.com).
No segundo sistema, chégase a este mesmo proceso pero previamente esixen identificarse co enderezo de e-mail do solicitante e encher un cuestionario que en ocasións é longo e minucioso (www.jobpilot.es).
Para apuntarse á oferta laboral hai dúas fórmulas básicas. Algúns portais especializados en emprego seguen o modelo anglosaxón de encher un cuestionario sen dar opción ó solicitante a engadir nada (www.mercadis.com), mentres que nos máis usuais hai que completar un formulario (datos persoais, carné de conducir, sector de interese, idiomas, nivel estudios, disposición para cambiar de residencia, titulación, coñecementos profesionais, anos de experiencia e expectativas económicas) e ó final inclúese un espacio para que a persoa engada a súa carta de presentación e o Curriculum Vitae (www.vedior.es). Na primeira opción estase realizando unha selección previa ìde factoî, posto que o formulario é tan complexo (www.jobline.es) e precisa de tantos coñecementos técnicos que se podería dicir que só os máis iniciados en equipos informáticos son capaces de cumprimentar.
Nos dous casos, se non se atopa a oferta desexada nunha primeira busca, pode un subscribirse ó servicio de envío de ofertas.
Así, cada certo tempo recibirá o demandante de emprego na súa caixa de correo electrónico unha listaxe das ofertas de traballo en curso que se axustan ó seu perfil de candidato. Se non se consegue o que se busca, convén visitar de novo as páxinas que máis nos convenceran para realiza-la busca persoalmente e non limitarnos a recibir información.
Por último, os que desexen traballar desde a súa propia casa ou oficina, poden recorrer a páxinas específicas de teletraballo (www.lalinea.com). De igual xeito, para aqueles que queiran ofrece-los seus servicios gratis a cambio de experiencia ou movidos por unha boa causa, o traballo voluntario ten un espacio na rede a través das páginas das ONGs (www.canalsolidario.com).
-
www.trabajo.org
Accédese directamente á selección de ofertas segundo o sector e a provincia en que se desexa traballar. A candidatura remítese a través dun e-mail. -
www.jobline.es
Páxina presente en 12 países europeos, pero cun complicado sistema para o envío de datos do candidato. Ofrece unha relación interactiva moi alta: no apartado ìTu pÅginaî pódese comprobar se algunha empresa se interesou no perfil do candidato. -
www.empleofacil.com
Seleccionando a actividade e a provincia atópanse as ofertas que se axustan ó perfil do interesado, que debe subscribirse a elas a través do e-mail. -
www.tecnoempleo.com
Portal destinado a ofertas e demandas de emprego relacionado coa informática. Hai que rexistrarse como candidato, e tras selecciona-la oferta, remítese a demanda con só introduci-lo enderezo do correo electrónico, o código de usuario e a clave (os dous últimos datos facilítanselle ó candidato cando se rexistra). -
www.todotrabajo.com
Aínda que se poden consultar tódalas ofertas de que dispón, para enviar unha candidatura cómpre identificarse e encher un cuestionario co que se elabora o curriculum vitae. -
www.infojobs.net
Cun completo boletín semanal de ofertas de traballo. -
www.vedior.es
Ó tempo que se pode envia-lo curriculum para que se inclúaa na base de datos, permite cotexa-las ofertas dispoñibles segundo sectores, preferencias e provincias. -
www.infoempleo.es
Anuncia que ten rexistradas miles de ofertas de emprego en todo o mundo agrupadas por zonas ou países, como Estados Unidos e Canadá, Iberoamérica, a Unión Europea e España, que divide por provincias. -
www.mercadis.com
O formato anticipa a seriedade deste portal, que posúe un directorio cunha listaxe das empresas e entidades rexistradas, e que ofreceron emprego desde as súas páxinas. -
www.jobpilot.es
Completa páxina que recolle información práctica sobre todo o mundo da empresa e a economÌa, con noticias de última hora. -
www.segundamano.es
Esta páxina provén dun semanario con este mesmo nome editado en papel. Son meros intermediarios, xa que só rexistran a oferta xunto cun número de teléfono ou un e-mail particular ó que envia-la candidatura.
- Aínda que hai que lembrar que moitos colexios, asociacións e grandes empresas controlan as súas propias bolsas de traballo, a continuación destacamos dous exemplos.
-
www.infosfera.com
Dedicado ó sector da informática e a programación. -
www.periodistas.org
A páxina da Organización de Periodistas en Internet. Serve de transmisor de ofertas e demandas que deben enviarse por correo electrónico a informa@periodistas.org.
-
www.ciberteca.es/aet
Web da Asociación Española de Teletraballo. Extensa e completa información. -
www.angelfire.com/co2/teletrabajo
Amplísima oferta de traballo divido por sectores. -
www.telecat.org/sinergy
A revista do teletraballo con ofertas de última hora. -
www.telework.net
Magazine, en inglés, que ofrece traballo para persoas con discapacidade -
www.discapnet.es
Portal de atención ás persoas con discapacidade, con bolsa de emprego, traballo en prácticas, formación e teletraballo.