Os máis caros non son os mellores
As dúas principais conclusións do estudio son que todos cumpren a normativa de seguridade eléctrica e que, agás un (Rowenta Delphino) que quedou en “regular”, superaron con ben a proba práctica de pasa-lo ferro.
O que marca a diferencia entre os ferros de pasar eléctricos a vapor é a calidade de aplicación do vapor -se é regulable ou non, e en qué medida é efectiva a regulación- e a cantidade de vapor que emite. Na función da aplicación do vapor, aspersión e sistema antigoteo destacan Moulinex, Philips e Tefal. O peor neste apartado é o ferro de pasar de Rowenta, e séguenlle en mediocridade os modelos de Jata e Fagor.
Por outra parte, os resultados no ensaio de calidade de repaso foron parecidos e só destacaron Moulinex – o mellor, obtivo un “moi ben”- e Rowenta Delphino, o peor, cun “regular”. En resumo, agás o modelo de Rowenta (que suspendeu en varias probas), estes ferros de pasar son de calidade aceptable ou boa. Tendo en conta as características destes oito ferros de pasar (potencia, lonxitude e mobilidade do cable, peso, ángulo da punta…), o prezo e as diversas probas realizadas (seguridade eléctrica, forza necesaria para arrastra-lo ferro de pasar, aplicación do vapor, sistema antigoteo, uniformidade da temperatura na sola do ferro de pasar e avaliación práctica do repaso), a mellor relación calidade-prezo corresponde a Moulinex Ocealys 250 porque, ademais de se-lo segundo máis barato, é o que mellor deixou as pezas de roupa e destaca na aplicación de vapor, na aspersión e na accesibilidade da súa punta ás zonas difíciles.
Outra opción a ter en conta é Jata Avant Garde: cun prezo moi inferior ó dos demais (custa só 3.995 pesetas), traballa ben e só falla na aspersión, por empapar en exceso a peza de roupa, e na escasa lonxitude do seu cable.
O vapor, un aliado esencial
Gracias ó vapor, ó usar estes aparellos non cómpre recorrer a un pulverizador ou a un pano húmido para pasarlle o ferro á roupa. Como se sabe, canto máis fina sexa a peza de roupa menos vapor se require, de aí a conveniencia de que os ferros de pasar conten cun regulador de saída de vapor que permita axeita-la intensidade de vapor ó tipo de peza de roupa que se desexa repasar.
Tódolos estudiados dispoñen de aplicación de vapor regulable, cunha posición para a aplicación extra. Contrastouse en laboratorio a eficacia do sistema de regulación de vapor nestes oito ferros de pasar, a uniformidade do fluxo de vapor na posición de máximo e a eficacia do sistema de vapor extra. Tamén se comprobou se o ferro de pasar pingaba nesta posición, e igualmente se mediu o consumo de vapor na posición máxima. En opinión dos técnicos, a mellor aplicación de vapor corresponde a Moulinex. Os demais, salvo Fagor (que xerou a mesma cantidade de vapor con independencia da regulación elixida e mereceu por iso só un “regular”), aprobaron neste apartado.
Para substituí-lo pano húmido, os ferros de pasar contan cun pulverizador de auga. Nesta función de aspersión destacaron, cun “moi ben”, os ferros de pasar de Moulinex, Philips e Tefal que son, tamén globalmente, os tres mellores dos estudiados. Solac e Fagor mereceron un “ben” e Ufesa hóubose de conformar cun “regular”. Os peores na aspersión foron Jata e Rowenta, que deixaron a roupa empapada. Tanto o vapor como a auga asperxida necesitan unha certa estanquidade para que as pezas de roupa non se mollen en exceso. Para iso, algúns ferros de pasar (nesta análise, Fagor, Moulinex, Philips e Ufesa) contan cun sistema antigoteo. As probas antigoteo realizadas en laboratorio revelaron que esta función era insuficiente en Rowenta e “regular” en Fagor (aínda que teña sistema antigoteo) e Solac, mentres que no resto foi boa, a pesar de que Jata e Tefal non dispoñen de sistema antigoteo. En resumo, na aplicación do vapor, a aspersión e o sistema antigoteo destacan Moulinex, Philips e Tefal. O peor neste apartado é o ferro de pasar de Rowenta, e séguenlle en mediocridade os modelos de Jata e Fagor.
Repaso fácil
Un ferro de pasar pesado acaba antes coas engurras difíciles, aínda que ó usuario lle custe máis movelo. O peso dos modelos analizados variou entre os 1,16 quilos de Rowenta Delphino e os 1,51 quilos de Solac Turbomax 400. Poden parecer, en principio, máis cómodos de usar os ferros de pasar lixeiros xa que aparentemente facilitan o manexo ó requiriren un menor esforzo para movelos cando se traballa con eles. Esta hipótese non se confirmou de todo na análise. A forza de arrastre foi similar, entre 4 e 5,5 Newtons, en tódolos ferros de pasar excepción feita de Tefal, o que menos forza require para desprazarse, con só 3,4 Newtons a pesar de que é un dos máis pesados, cos seus 1,34 quilos. A comodidade de uso neste aspecto da forza que se require para despraza-lo ferro de pasar, considerouse satisfactoria en tódalas mostras comparadas.
Por outro lado, segundo afirman os técnicos, para pasa-lo ferro satisfactoriamente sen necesidade de cable alongador é conveniente que o cordón do aparello teña cando menos dous metros de longo. En Jata Avant Garde e Rowenta Delphino, ambos con 1,8 metros de cable, non alcanza a lonxitude desexable. O cordón máis longo foi o do modelo de Fagor, con 2,5 metros de cable. É conveniente, así mesmo, que o cable do ferro de pasar poida moverse en todas direccións; sen embargo só Fagor e Jata teñen un cable pivotante, que pode xirar 360 graos. O do resto é oscilante e o seu xiro é de 180 graos. Por último, para pasárlle-lo ferro ben ás botoeiras devén decisivo o deseño da punta do aparello. A de Moulinex é a máis afiada, polo que é máis sinxelo chegar con este ferro de pasar ás zonas de difícil acceso das pezas de roupa. No outro extremo, Fagor, Solac e Rowenta son os de punta menos afiada.
Pasa-lo ferro sen queimar
Para non queima-la roupa ó mínimo descoido en que incorra o usuario, a sola do ferro de pasar non debe superar certas temperaturas para cada unha das posicións do termóstato: 110 graos ó mínimo (para fibras sintéticas), 150 graos na posición intermedia (para seda e la) e 200 graos na máxima (para pezas de algodón). Só Rowenta superou o valor recomendado na posición mínima, ó alcanzar 116 graos centígrados. Rowenta e Tefal achegáronse ós máximos no resto de posicións; quizais esta sexa a causa de que se apreciaran restos de fibras na sola destas mostras trala proba de pasa-lo ferro. As demais mostras ofreceron valores de temperatura afastadas do máximo e, polo tanto, satisfactorias. De todos modos, a temperatura alcanzada era suficiente para un correcto funcionamento en tódolos casos.
Outro aspecto de interese nas prestacións dos ferros de pasar a vapor é a uniformidade da temperatura en toda a sola do electrodoméstico. A mellor presentouna Philips, único con “moi ben” e a peor Rowenta, única que obtivo un “mal”. A uniformidade de temperatura dos modelos de Fagor e Moulinex quedaron en “regular”. Ufesa, algo mellor, alcanzou un “aceptable”, e as outras tres (Tefal, Solac e Jata) conseguiron un “ben”. Por último, tódolos ferros de pasar quecen nun período de tempo similar e, en tódolos casos, é satisfactorio. O que menos tarda en situarse en situación de operatividade é Jata Avant Garde (un minuto e un segundo) e o que máis, o modelo de Fagor, cun minuto e medio.
Todos resultan seguros
As normas de seguridade eléctrica para estes electrodomésticos veñen reguladas polas normas europeas EN 55014, EN 61000-2-3 e EN 60335-1. Compróbase, mediante elas, a protección contra choques eléctricos (a probabilidade dun contacto directo do usuario con partes susceptibles de producir descargas eléctricas), a corrente de fuga (que mide o illamento a través da máxima intensidade de corrente que podería atravesa-lo aparello, a rixidez dieléctrica (outra medida do illamento) e a resistencia á calor e ó lume. Tamén se realizaron ensaios de compatibilidade electromagnética para comprobar que os ferros de pasar non inflúen ou interfiren a través da rede noutros aparellos conectados á mesma.
Tódalas mostras cumpriron a plena satisfacción coa normativa, polo que cabe valora-los resultados como positivos. É salientable que o ferro de pasar de Fagor incorpora un dispositivo extra que aumenta en moito a súa seguridade, ó se desconectar automaticamente se se excede o medio minuto co electrodoméstico inmóbil. En canto á potencia, a destes oito modelos oscila entre os 1.400 watts de Rowenta e os 1.750 watts da segunda posición de Philips. Catro teñen 1.600 watts, mentres que Solac queda en 1.500 watts.
Os complementos, tamén importantes
Tódolos ferros de pasar estudiados inclúen un dispositivo para enrosca-lo cable, un depósito de auga fixo, o mecanismo de vapor (regulable, extra e sen vapor), un piloto indicador de quecemento, un botón para asperxi-la auga e un repousa-ferro de pasar. Ademais, a maioría (só carecen del Philips e Solac) contan cun filtro antical. Agás Jata e Ufesa, dispoñen tamén dun sistema de autolimpeza.
O dispositivo antigoteo é xa menos maioritario, ó contar con el só os modelos de Fagor, Moulinex, Philips e Ufesa. Por último, só Fagor ofrece a función de desconectado automático, que en caso de esquecemento do ferro de pasar aceso evita a posibilidade de queimaduras nos tecidos ou mesmo de accidentes máis graves. Os oito modelos, por outro lado, ofrecen garantía para compoñentes e man de obra. A maioría téñena de 12 meses, mentres que Solac e Ufesa amplían o prazo, só para os compoñentes, a 24 meses. Os documentos destas garantías son correctos, coa excepción do de Tefal que non deixa espacio para o titular de tal garantía. As instruccións de uso valoráronse como correctas en tódalas mostras.
Como é preceptivo, nestes oito electrodomésticos figuran o nome e enderezo do fabricante ou importador na Unión Europea. Por último, todos informan dos servicios técnicos dispoñibles ou informan dun número de teléfono de atención ó consumidor ó que se dirixir en caso de problemas ou avarías.
Proba de avaliación do repaso da roupa
En laboratorio, cun tecido de algodón preacondicionado segundo o definido na norma UNE-EN 60311, e aplicando a mesma forza de arrastre e coa mesma carga de auga nos ferros de pasar, realizouse a proba práctica de repaso. Os resultados foron avaliados polos técnicos e as conclusións son que o mellor comportamento, o repaso da roupa máis fácil e satisfactorio, correspondeu a Moulinex Ocealys 250. Rowenta, que conseguiu un “regular”, foi o único con resultado non satisfactorio; o resto obtivo un “ben” nesta proba. Lembremos que o modelo estudiado de Rowenta presentaba fallos tanto no sistema de aspersión como no antigoteo e na uniformidade da temperatura na sola do ferro de pasar.
En síntese e táboa comparativa
En síntese
- Analizáronse 8 ferros de pasar eléctricos a vapor de entre 1.400 e 1.750 watts de potencia. Os prezos de sete deles móvense entre as 6.690 pesetas de Moulinex Ocealys 250 e as 7.990 pesetas de Ufesa Milenium. O máis barato, Jata Avant Garde, custa só 3.995 pesetas.
- Os oito cumpren en todo a normativa de seguridade eléctrica. Fagor Amiga 1600 é a única que se desconecta automaticamente ós 30 segundos se permaneceu inmóbil durante ese tempo.
- Salvo Rowenta Delphino, que quedou en “regular”, todos superaron ben a proba práctica de pasa-lo ferro. Na aplicación do vapor, aspersión e sistema antigoteo destacan Moulinex, Philips e Tefal. O peor é Rowenta.
- Tendo en conta as súas características (potencia, lonxitude e mobilidade do cable, peso, ángulo da punta), o prezo, e as probas realizadas (seguridade eléctrica, ángulo da punta do ferro de pasar, forza necesaria para arrastra-lo aparello, aplicación do vapor, sistema antigoteo, uniformidade da temperatura na sola, e avaliación práctica do repaso), a mellor relación calidade-prezo é Moulinex Ocealys 250, o segunda máis barato e o que mellor deixou a roupa no ensaio. Destaca tamén na aplicación de vapor, na aspersión e na accesibilidade da súa punta ás zonas difíciles.
- Jata Avant Garde é outra elección interesante, polo seu moi atractivo prezo (arredor das 4.000 pesetas) e o seu bo comportamento se exceptuámo-la aspersión, pois empapa en exceso a peza de roupa.
Moulinex Ocealys 250 | Philips Elance 24 | Tefal Ultragliss Diffusion 50 | Fagor Amiga 1600 | |
---|---|---|---|---|
Prezo, pesetas | 6.690 | 7.990 | 6.990 | 7.580 |
Potencia (Watios) | 1.600 | 1450/1750 | 1.600 | 1.600 |
Peso (kg) | 1.32 | 1.24 | 1.34 | 1.40 |
Lonxitude cable (m) | 2 | 2.4 | 1.9 | 2.5 |
Movilidad cable | 180º | 180º | 180º | 360º |
Seguridade electrica | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto |
Angulo punta | Moi ben | Ben | Ben | Regular |
Forza Arrastre (N) | 4.6 | 4.9 | 3.4 | 4.8 |
Aplicación Vapor | Moi ben | Ben | Ben | Regular |
Rociado | Moi ben | Moi ben | Moi ben | Ben |
Antigoteo | Ben | Ben | Ben | Regular |
Uniformidad de Temperatura en adóitea da plancha |
Regular | Moi ben | Ben | Regular |
Proba practica de Planchado | Moi ben | Ben | Ben | Ben |
Solac Turbomax 400 | Rowenta Delphino | Jata Avant garde | Ufesa Milenium | |
---|---|---|---|---|
Prezo, pesetas | 6.990 | 6.900 | 3.995 | 7.990 |
Potencia (Watios) | 1.500 | 1.400 | 1.600 | 1.600 |
Peso (kg) | 1.51 | 1.16 | 1.24 | 1.38 |
Lonxitude cable (m) | 2.3 | 1.8 | 1.8 | 2 |
Movilidad cable | 180º | 180º | 360º | 180º |
Seguridade electrica | Correcto | Correcto | Correcto | Correcto |
Angulo punta | Regular | Regular | Ben | Ben |
Forza Arrastre (N) | 5.5 | 4.5 | 4.8 | 4.2 |
Aplicación Vapor | Ben | Ben | Ben | Ben |
Rociado | Ben | Mal | Mal | Regular |
Antigoteo | Regular | Mal | Ben | Ben |
Uniformidad de Temperatura en adóitea da plancha |
Ben | Mal | Ben | Regular |
Proba practica de Planchado | Ben | Regular | Ben | Ben |
Unha por unha
Oito ferros de pasar a vapor de gama media, un a un
Moulinex Ocealys 250
- 6.690 pta, o segundo máis barato.
A mellor relación calidade-prezo. Destaca en moitas características e prestacións: a súa punta, a menos angulada, chega a máis sitios da peza de roupa; a mellor aplicación de vapor e unha das mellores funcións de aspersión. Ademais, foi o que
mellor pasou a proba práctica. Mellorable: unicamente, a uniformidade da temperatura na sola.
Jata Avant Garde
-
3.995 pta. É, con gran diferencia, o máis barato.
E, sen dúbida, a mellor elección para quen queira gastar poucos cartos. Salvo na aspersión (molla en exceso a roupa), obtén
bos resultados. Cable curto (1,8 metros) pero cunha mobilidade absoluta, de 360 graos.
Tefal Ultragliss Diffusion 50
- 6.990 pta. Un dos tres mellores de entre os comparados. Resultados satisfactorios en tódalas probas. É o que menos forza necesita para ser desprazado sobre as pezas de roupa. O único “pero” é que se detectaron restos de fibras despois de pasarlle o ferro á roupa.
Philips Elance 24
- 7.990 pta, un dos dous máis caros. É un dos tres mellores de entre os oito comparados. Non falla en ningún apartado dos estudiados (en todos conseguiu un “ben” ou un “moi ben”). O mellor en uniformidade da temperatura nas diversas zonas da sola do electrodoméstico.
Solac Turbomax 400
-
6.990 pta.
O máis pesado (1,5 quilos) e o que máis forza de arrastre necesita para o desprazamento sobre a peza de roupa. En xeral, bos resultados. A mellorar: o ángulo da punta do ferro de pasar e o sistema antigoteo.
Ufesa Milenium 50
-
7.990 pta, un dos dous máis caros.
Non destaca en nada, aínda que obteña bos resultados en case tódalas probas. Mellorable: o sistema de aspersión e a uniformidade de temperatura na sola.
Fagor Amiga 1600
-
7.580 pta, un dos máis caros.
Regular na maioría das probas. O mellor en seguridade, polo seu dispositivo de desconexión automática unha vez superado o medio minuto de inmobilidade. O cable máis longo (2,5 metros) e con mobilidade de 360 graos. A mellorar: o ángulo da punta do ferro de pasar, a regulación do vapor, o sistema antigoteo e a uniformidade da temperatura na sola.
Rowenta Delphino
-
6.900 pta.
O de menor calidade de entre os comparados. É o máis lixeiro, con menos de 1,2 quilos. Mal o sistema de aspersión e antigoteo e a uniformidade da temperatura na sola. O única que non superou con ben a proba práctica do repaso da roupa. Excedeu a temperatura recomendada na posición mínima.