Telefonía fixa

A pesar da competencia, mantéñense as grandes diferencias nas tarifas

O monopolio de Telefónica, vixente durante máis de 70 anos, finalizou no 1998, cando se liberalizou a telefonía fixa e Retevisión e Uni2 comezaron a súa andaina como operadores de servicios telefónicos. Posteriormente, outras compañías sumáronse ó negocio das telecomunicacións e na actualidade son xa ó redor de 25 as empresas (sumando as do cable) que conforman o panorama telefónico do noso país.
1 Xaneiro de 2001

A pesar da competencia, mantéñense as grandes diferencias nas tarifas

Esta liberalización deu paso á competencia real e permitiu que a oferta de servicios aumentara e as tarifas descenderan, o que supuxo unha incuestionable vantaxe para o peto e a comodidade dos consumidores. E é que as cifras son claras: a comezos de 1998 unha chamada provincial de tres minutos de duración en horario punta, de 8:00 horas a 17:00, custaba 148 pesetas con Telefónica e 133 pesetas con Retevisión (en ámbolos casos sen IVE), mentres que o prezo da mesma chamada é hoxe de 55 pesetas con Telefónica (un 62% máis barato) e de entre 45 e 42 pesetas con Retevisión (un 66% máis barato), tamén sen IVE. Pero o abaratamento das chamadas non constitúe a única mellora que trouxo canda si a competencia: os tramos horarios e o modo de cuantificalos tamén variou, e fixérono a favor do consumidor.

Se na era de Telefónica os días se dividían en tarifa punta, normal e reducida, hoxe na maioría das compañías rexen só os tramos horarios: o “horario laboral”, de luns a venres, de 8:00 a 20:00 e a tarifa fin de semana (o resto do tempo). E en canto ó modo de medi-la duración dunha chamada, pasou da cuantificación por pasos á cuantificación por segundos, sistema que abarata o custo das conexións telefónicas.

Actualmente, mediante as diversas compañías que operan no noso país pódense realizar chamadas provinciais, interprovinciais e internacionais, pero as metropolitanas ou locais seguen a ser patrimonio exclusivo de Telefónica cunha excepción: Jazztel ofrece, desde o 15 de xaneiro de 2001, a posibilidade de realizar chamadas locais en Madrid e Barcelona, e unha semana despois, o 22 de xaneiro, farao no resto do país.

Todo isto, sen que o usuario teña que modifica-la súa instalación telefónica nin cambiar de número de abonado. O resto das empresas de telefonía fixa ofrecerán axiña estas chamadas locais. Marzo ou abril de 2001 son as datas que máis se barallan, porque Telefónica necesita ese tempo para que os axustamentos técnicos das centrais e redes permitan que sexan utilizadas por outras compañías. Mentres tanto, as operadoras pelexan por se faceren coa maior porción posible do pastel das chamadas, e abafan, mediante a súa publicidade, os consumidores con tarifas, plans, cotas, descontos e servicios adicionais, presentando as súas promocións de maneira tan diversa que resulta labor difícil para o consumidor decantarse por unha ou outra empresa.

As conclusións do informe comparativo realizado por CONSUMER revelan que ningunha compañía destaca sobre as demais na maioría dos tramos horarios ou tipos de chamada, pero algunhas operadoras sobresaen en determinados tramos ou clases de chamada. De luns a venres e de 8 da mañá a 8 da tarde, por exemplo, Telefónica continúa a se-la máis cara, con 55 pesetas por cada comunicación de tres minutos en chamadas provinciais, case o dobre do que custan Jazztel, Simpletel e Viatel, con 30 pesetas pola mesma chamada (en tódolos casos sen IVE). As fins de semana tamén Telefónica é a operadora máis cara en chamadas provinciais: unha conexión de tres minutos sae con esta empresa a 35,1 pesetas, e non Uni2, por exemplo, tan só a 10,8 pesetas, tres veces máis barato (se elixímo-la marcación directa con esta compañía). Sen marcación directa custa 18 pesetas, practicamente a metade que con Telefónica. Semellantes diferencias nas tarifas rexístranse no resto das chamadas (interprovinciais e de fixo a móbil) e nos diversos tramos horarios, polo que se recomenda contrata-los servicios de máis dunha compañía telefónica para elixi-la máis económica cada vez.

Marcación indirecta vs. marcación directa

Considerando a diferencia de tarifas entre compañías e a conveniencia de cambiar de operador para beneficiarnos sempre do importe máis económico, o máis conveniente é contrata-los servicios de varias empresas e seleccionar unha ou outra dependendo do tipo de chamada e da franxa horaria. E aquí é onde a marcación indirecta ou directa entran en xogo. Se desexamos chamar a través dunha compañía (que non sexa Telefónica) para beneficiármonos das súas ofertas, debemos marca-lo prefixo que lle corresponda a dito operador, e de seguido o número do abonado con quen desexemos contactar.

Isto é a marcación indirecta. Pero podemos aforrar este paso (e ademais non corre-lo risco de esquecer marca-lo prefixo) e optar pola marcación directa ou preasignación, que non esixe que marquémo-lo prefixo da compañía elixida cada vez que realizamos unha chamada, xa que queda preseleccionada. Así, se contratámo-los servicios de varias compañías (moi aconsellable porque a gran maioría non cobra cota de conexión nin cota mensual, só os minutos falados) e nos decantamos por Sinpletel, por exemplo, para a marcación directa, poderemos utilizar outras empresas se son máis económicas en determinadas franxas horarias ou tipos de chamada. Para isto abondará con marca-lo prefixo da outra compañía para esa chamada concreta.

Trátase, pois, de que o usuario seleccione, en cada tipo de chamada, a empresa con tarifa máis económica. Activa-la marcación directa é sinxelo e sae gratis: chega con indicarllo á compañía que nos interesa. Excepto Movistar, dispoñen desta opción tódalas operadoras (aínda que, polo momento Airtel só a ofrece a empresas).

Outra novidade nalgunhas empresas foi a supresión do custo do establecemento de chamada que Telefónica tradicionalmente cobrou. Airtel, Aló, Movistar, BT e Retevisión tamén meten no peto unha cantidade (10 ou 15 pesetas) por este concepto, aínda que nas dúas últimas operadoras depende do plan contratado (algúns non incorporan custo por establecemento de chamada).

Fin do monopolio de Telefónica

Telefónica perdeu o 1 de xaneiro o monopolio dun dos seus principais negocios: as chamadas locais. Nesta data, venceu o prazo dado pola Comisión Europea para que os monopolios dos países membros tivesen dispoñibles as súas redes locais para seren utilizadas polo resto dos operadores. Así, Telefónica debe facilita-lo acceso ós seus competidores ó bucle local, o último tramo que une o domicilio do abonado coa central telefónica. A cambio, as operadoras que queiran ofrecer ós seus clientes chamadas locais pagarán un alugueiro, fixado polo Goberno, de 2.163 pesetas ó mes. Esta cantidade deberá rebaixarse a 2.100 pta en 2002 e a 2.050 en 2003. Coa fixación desta tarifa deuse un paso máis cara á liberalización das chamadas metropolitanas, que supoñen o 27% do total en España e un 65% do tráfico por minutos cursados, e que se mantiñan totalmente en mans de Telefónica.

Jazztel apurouse a ofrecer este tipo de chamadas, adiantándose ó prazo inicial de tres meses que se barallou para que o resto de operadoras ofrecesen un servicio integral.

Desde o 15 de xaneiro os clientes de Jazztel de Madrid e Barcelona poden realizar chamadas metropolitanas, mentres que os usuarios do resto do país deben esperar ata o 22 de xaneiro. Aínda que, aparentemente, as tarifas de Jazztel e Telefónica non se diferencian demasiado, Telefónica cobra 15 pesetas por establecemento de chamada, mentres que Jazztel non recibe ningunha cantidade por ese concepto. Ámbalas empresas cobran 11,4 pesetas (máis IVE) por unha chamada local (de fixo a fixo) de menos de 160 segundos, entre as 8 e as 18 horas. Despois, cada minuto adicional custa con Jazztel 3,8 pesetas e con Telefónica 4 pesetas (en ámbolos casos, máis IVE), pero á tarifa de Telefónica hai que sumarlle o establecemento de chamada.

As tarifas a partir das 18 ata as 8 horas e de fins de semana son tamén similares: 1,56 pesetas por minuto en Jazztel e 1,64 pesetas en Telefónica, en ámbolos casos máis IVE. O resto das compañías ofrecerá chamadas locais en marzo ou abril, a máis tardar.

Se todo ocorre conforme se prevé, tal como sucedeu noutros países, os competidores de Telefónica “tirarán” os prezos para captaren clientes.

Chamadas fixo-móbil, máis baratas

O pasado decembro, Telefónica Móviles anunciou a reducción nun 17% de media do prezo de terminación (a contraprestación que recibe dos outros operadores -a súa competencia- por usaren as súas infraestructuras) nas chamadas ós móbiles de Movistar e MoviLine. Esta medida repercutirá nun aforro significativo para o usuario que chame desde un fixo a un móbil de Telefónica, aínda que cabe esperar que o resto dos operadores rebaixen tamén as súas tarifas.

A reducción no prezo que Telefónica cobra ó resto dos operadores fixos cando mediante eles se realiza unha chamada de fixo a un móbil de Telefónica articularase en dúas fases, e permitirá que o prezo final para os usuarios diminúa nunha porcentaxe igual ou superior ó 13%. Espérase que o 30 de abril a rebaixa sexa efectiva.

Operadoras rexionais por cable

Trátase de compañías que ofrecen telecomunicacións por cable de fibra óptica (un fío de vidro, flexible e delgado, capaz de guiar un raio de luz), competindo rexionalmente con Telefónica. A fibra óptica permite ofrecer servicios de telecomunicacións de gran capacidade (telefonía fixa, Internet e televisión). Entre outras vantaxes do cable cómpre salientar unha maior capacidade de transporte de información, unha mellora da calidade de recepción e un proceso de transmisión de maior rapidez có de calquera sistema convencional. O mercado da telefonía fixa conta xa con 14 compañías que ofrecen telecomunicación por cable rexionalmente. A principal diferencia destes operadores cos tradicionais radica nas súas ofertas conxuntas que adoitan incluír prezos de saldo se se contrata un mix de servicios con telefonía-Internet-televisión. Ademais, son as únicas compañías que, coa excepción de Telefónica, dan, polo momento, servicio de chamada local. Ata a data, a lista de operadores rexionais de cable é a seguinte: Euskaltel (País Vasco), Retena (Navarra), ReteRioja (A Rioxa), Madritel (Madrid), Retecal (Castela e León), Supercable (Andalucía), Canarias Telecom (Canarias), Able (Aragón) ITC e Grupo-R (Galicia), Ono (Albacete, Cádiz, Palma de Mallorca, Murcia e Valencia), Torrent (Valencia), Telecable (Asturias) e Menta (Cataluña).

Operadoras

  • AIRTEL

    • Co seu servicio de telefonía fixa convértese nun operador global, ó con- tar xa con te- lefonía móbil e acceso a Internet.
    • Prefixo de chamada: 1071
    • Sistema de tarificación: pesetas/segundo
    • cota mensual: Gratuita
    • Cota mensual : Gratuita
    • Descontos especiais : –
    • Teléfono de atención ó cliente
    • Páxina en Internet : www.airtel.es
  • ALó

    • Pertence á compañía RSL COM, presente en 23 países e basea a súa campaña en ofrecer chamadas a metade de prezo que Telefónica
    • Prefixo de chamada: 1053
    • Sistema de tarificación: pesetas/segundo
    • cota mensual: Gratuita
    • Cota mensual : Gratuita
    • Descontos especiais : Reduce as tarifas á metade con respecto a Telefónica
    • Teléfono de atención ó cliente
    • Páxina en Internet : www.lamitad.com
  • BT Leva máis de 9 anos en España, cunha cons- tante innova- ción tecnolóxi- ca e lanzamen- to de novos servicios.

    • Prefixo de chamada: 1051
    • Sistema de tarificación: pesetas/segundo
    • cota mensual: Gratuita
    • Cota mensual : Gratuita
    • Descontos especiais : Segundo volume de chamada
    • Teléfono de atención ó cliente 1433
    • Páxina en Internet : www.bt.es
  • JAZZTEL

    • Está construíndo a súa propia rede de fibra óptica para se-lo primeiro operador de acceso local (CLEC) con cobertura nacional.
    • Prefixo de chamada: 1074
    • Sistema de tarificación: pesetas/segundo
    • cota mensual: Gratuita
    • Cota mensual : Gratuita
    • Descontos especiais : Aboa a diferencia se outra compañía lle cobra máis barato
    • Teléfono de atención ó cliente 1567
    • Páxina en Internet : www.jazztel.com
  • RETEVISION Foron os primei- ros en romperen o monopolio da telefonía fixa.

    • Prefixo de chamada: 1050
    • Sistema de tarificación: pesetas/segundo
    • cota mensual: 5.000 ptas
    • Cota mensual : 100 ptas.
    • Descontos especiais : Ten vixentes 3 promocións
    • Teléfono de atención ó cliente O15
    • Páxina en Internet : www.retevision.es
  • SINPLETEL Pertencente ó Grupo Interoute, operador mundial de telecomunicacións. Contan cunha rede IP nacional, con nodos en tódalas capitais de provincia.

    • Prefixo de chamada: 1056
    • Sistema de tarificación: pesetas/segundo
    • cota mensual: Gratuita
    • Cota mensual : Gratuita
    • Descontos especiais : –
    • Teléfono de atención ó cliente 900 14 14 69
    • Páxina en Internet : www.interoute.es/sinpletel
  • TELEFONICA Operador líder de servicios de tele- comunicacións. Durante máis de 70 anos tivo o monopolio telefóni- co do país, e segue conservando o das chamadas locais

    • Prefixo de chamada: –
    • Sistema de tarificación: pesetas/segundo
    • cota mensual: 21250 ptas.
    • Cota mensual : 1442 ptas.
    • Descontos especiais : Plans Claros
    • Teléfono de atención ó cliente 1004
    • Páxina en Internet : www.telefonica.es
  • UNI2

    • O terceiro operador que empezou a operar en Es- paña, e o 1º en elimina-lo custo de es- tablecemento de chamada.
    • Prefixo de chamada: 1052
    • Sistema de tarificación: pesetas/segundo
    • cota mensual: Gratuita
    • Cota mensual : Gratuita
    • Descontos especiais : –
    • Teléfono de atención ó cliente 1414
    • Páxina en Internet : www.uni2.es
  • VIATEL

    • Compañía multinacional que ofrece tódolos servicios dun operador global de telecomunicacións
    • Prefixo de chamada: 1057
    • Sistema de tarificación: pesetas/segundo
    • cota mensual: Gratuita
    • Cota mensual : Gratuita
    • Descontos especiais : En chamadas internacionais segundo volume
    • Teléfono de atención ó cliente 900 10 16 94
    • Páxina en Internet : www.viatel.com
  • MOVISTAR

    • Pertencente a Telefónica Móviles, ampliou a súa ofer- ta de servicios coa telefonía fixa.
    • Prefixo de chamada: 1075
    • Sistema de tarificación: pesetas/segundo
    • cota mensual: Gratuita
    • Cota mensual : Gratuita
    • Descontos especiais : –
    • Teléfono de atención ó cliente 1485
    • Páxina en Internet : www.movistar.es
  • GRAPES COMUNICATIONS Operador europeo de telecomunica- cións, especiali- zado en servicios a empresas e que recente- mente ampliou a súa oferta a particulares

    • Prefixo de chamada: 107010
    • Sistema de tarificación: pesetas/segundo
    • cota mensual: Gratuita
    • Cota mensual : Gratuita
    • Descontos especiais : –
    • Teléfono de atención ó cliente 1552
    • Páxina en Internet : www.comunitel.es