As claves: hidrata-la pel, a roupa axeitada e unha alimentación adaptada ó frío
O inverno, polas baixas temperaturas e as chuvias que o caracterizan, resulta menos agradable cás estacións cálidas, e indubidablemente cáusanos unha certa incomodidade, retráenos do contacto coa natureza e incítanos a recluírnos nos nosos fogares. Para sobrelevar* dignamente o inverno e afrontalo con bo talante, podemos adoptar algúns hábitos moi útiles para que as repercusións menos desexables do frío pasen a un segundo plano.
Coidado coa pel
- Hidratación, protección e nutrición son os coidados básicos que necesita a pel para loitar contra os efectos do frío e dos cambios bruscos de temperatura.
- Protexa a súa pel cunha crema hidratante máis consistente, rica e graxa da que utiliza en verán, para evita-la perda da capa hidrolipídica da pel. A graxa é o primeiro illante contra o frío.
- As persoas con cutes sensibles ou problemas de rosácea ou cuperose* deben mostrarse coidadosas cos cambios bruscos de temperatura, xa que poden dana-la pel a longo prazo.
- Non esqueza o coidado do resto do corpo. O abuso de prendas de abrigo demasiado pechadas ou cinguidas e a falta de osixenación impiden que transpiremos correctamente, o que pode provoca-la descamación* da pel.
Labios, mans e nariz
- Para evitar que os seus labios se corten ou resequen, protéxaos con hidratante labial ou pintalabios*.
- As mans tamén sofren en inverno. Aplíquese a diario unha crema hidratante e use luvas se a exposición ó frío é prolongada.
- Se o seu nariz tende a enroxecer* a causa do frío, elimine da súa dieta todo o que lle provoque mala circulación (como café, alcohol, picante ou tabaco).
Aumenta-la inxestión de vitaminas e froitos secos
- Combata as agresións do inverno tomando vitaminas A e C. A vitamina A (preferentemente, na graxa do leite, manteiga, margarina enriquecida, queixos, fígado e na xema de ovo), defende a pel do frío, evita a sequidade da cute, e as gretas nos labios, e mesmo prevén a formación de sabañóns*. A vitamina C (abunda en cítricos, tomates, pementos verdes, coliflor e verduras en xeral) aumenta as defensas e axuda a previr catarros e resfriados*.
- A ausencia de sol, tan propia dos días invernais, diminúe a capacidade do corpo para asimila-la vitamina D, que regula a absorción de calcio e fósforo. Por iso, ás mulleres con problemas de osteoporose pódelles convir inxerir un suplemento extra de calcio (1.000 mg ó día).
- En inverno, o corpo necesita máis calorías para se defender do frío. Engada na súa dieta pequenas cantidades de froitos secos e endoce* o leite e o café con mel.
Deporte, tamén en inverno
- Practique exercicio físico: entrarÅ en calor e combate-lo frío.
- Afecciónese á sauna ou ós baños de vapor. Son excelentes para que o corpo súe e elimine toxinas, importante en calquera época do ano.
- Os afeccionados a deportes de inverno deben extrema-las precaucións cando se expoñen ós raios solares e ás baixas temperaturas das altas montañas. Evite alerxias e queimaduras solares aplicándose crema protectora (factor de protección mínimo: 15) cada dúas ou tres horas. Non esqueza os labios, son especialmente sensibles.
Evitar cambios bruscos de temperatura
- Se vai expoñerse a temperaturas moi baixas, elixa prendas de abrigo de tecido térmico. Mantén a pel seca, conserva a calor e permite que se evapore a suor.
- Evite os cambios bruscos de temperatura. Os extremos son prexudiciais.
- Manteña a temperatura da súa vivenda arredor dos 22 graos, pero lembre que a humidade é necesaria para evitar que a atmosfera se cargue demasiado. A media de humidade idónea para mante-la frescura do ambiente é do 60-70%. Para conseguila, pode instalar un humidificador cerca dos radiadores.