Ademais, esta persoa admirada por case todos resulta sensata, convincente e persuasiva sen por iso pecar de autoritarismo nin mostrar indiferencia ante as opinións ou emocións dos demais.
A arte de relacionarse ben cos demais
Estes superdotados das relacións humanas espertan a nosa envexa e ás veces gustaríanos imitalos, pero non sabemos facelo: ou quedamos curtos, e pecamos de brandos, ou pasámonos e resultamos excesivamente duros. Algúns afortunados teñen estas habilidades sociais de forma natural, case innata, e aplícanas de xeito cotián sen esfuerzo ningún. Pero iso non nos debe desanimar, porque o máis común dos mortais pode tamén aprender a comunicarse mellor. Unha vez máis, defendemos aquí que todos podemos cambiar a mellor sen que iso signifique menospreza-la nosa personalidade que, sen dúbida, se verá nitidamente reflictida nos posibles cambios que introduzamos na nosa maneira de comportarnos cos demais.
Partamos de que a nosa saúde mental e equilibrio persoal están moi relacionados coa forma en que vivímo-las relacións interpersonais. A convivencia, cómo nos sentimos cos demais, pode resultar reconfortante ou converterse nun pesadelo.
Dependerá moito de nós. Vivir cos demais é unha arte que pode aprenderse non só para caer ben, senón porque a integración social é un factor clave do benestar emocional. As habilidades sociais son unha serie de conductas e xestos que expresan sentimentos, actitudes, desexos e dereitos do individuo, sempre dunha maneira axeitada e de modo que resolven satisfactoriamente os problemas cos demais.
Se cultivamos e dominamos estas habilidades poderemos conseguir satisfaccións no ámbito da familia, das amizades e nas relacións amorosas. E mesmo nos axudarán á hora de conseguir un emprego, de relacionarnos cos nosos xefes e compañeiros de traballo e de convencer das nosas posturas ou propostas. As habilidades sociais poden enunciarse e describirse. Vexámolas:
A linguaxe non verbal
Comecemos pola expresión da cara. O rostro expresa as seis emocións fundamentais: medo, rabia, desprezo, ledicia, tristeza e sorpresa. E hai tres zonas da cara que representan estas emocións: a fronte coas cellas, os ollos e a zona inferior da cara.
- A mirada. Mirar ós ollos ou á zona superior da cara axuda a establece-lo contacto e dependendo de cómo sexan esas miradas exprésanse as emocións: considéranse máis próximas as persoas que miran máis ó seu interlocutor, pero non se é de forma fixa e dominante. E mirar pouco pode ser signo de timidez. A mirada acompaña a conversa: se miramos cando escoitamos animámo-la outra persona a comunicarse. En cambio, mirar ós ollos cando falamos converte o noso discurso en máis convincente.
- O sorriso case sempre denota proximidade, suaviza tensións e facilita a comunicación. Pero se o xesto sorrinte expresa ironía ou escepticismo pode manifestar rexeitamento, indiferencia ou incredulidade.
- A postura corporal. Os xestos do corpo expresan cómo se sinte interiormente a persoa segundo sexa a súa maneira de sentarse, de camiñar… Pódese trasmitir escepticismo (encolléndose de ombros), agresividade (apertando os puños), indiferencia (sentándonos case tumbados cando alguén nos fala). A distancia física entre persoas que se comunican tamén indica a proximidade emocional entre eses individuos. Dous cuerpos próximos expresan proximidade afectiva. Volve-las costas ou mirar para outro lado é unha manifestación de rexeitamento ou desagrado. Un corpo contraído expresa decaemento e falta de confianza nun mesmo; e un cuerpo expandido, todo o contrario.
- Os xestos. Os que se producen coas mans e a cabeza acompañan e enfatizan o que se comunica coa palabra ou co silencio.
A voz acompaña, e máis do que pensamos, a palabra
As mesmas palabras con entoación diferente trasmiten sentimentos tan distintos como ironía, ira, excitación, sorpresa ou desinterése. Un ton mortecino é sinal de abatemento ou depresión. Unha conversa que se mantén sempre no mesmo ton resulta monótona e aburrida e suscita pouco interese. Faise oír máis, comunica mellor, a persoa que xoga coas modulacións de voz ó longo da súa charla. O ton, que tan pouco coidamos normalmente, é ás veces tan importante coma o propio contido das nosas palabras.
Un volume alto de voz expresa seguridade e dominio da situación, pero cando se eleva demasiado pode suscitar rexeitamento e connotar agresividade. O volume baixo, pola súa parte, pode suxerir estados de ánimo como debilidade ou falta de confianza nun mesmo pero tamén confidencialidade e proximidade.
A fluidez da palabra e o ritmo. A utilización de repeticións, retrousos, frases hechas e de recheo e os titubeos producen impresión de inseguridade, monotonía e mesmo desconcerto en quen escoita. Todos estes elementos de conducta relacional son ferramentas da nosa forma de estar en sociedade, e, ben artellados, axúdannos a relacionarnos de forma máis eficiente. As habilidades sociais son conductas aprendidas e, polo tanto, podemos melloralas. Facilitan a relación con outras persoas e axúdannos a ser máis nós mesmos, reivindicando os nosos dereitos e peculiaridades sen nega-los dereitos dos demais. O máis positivo é que facilitan a comunicación e a resolución de problemas con outras persoas. A arte de convivir cos demais consiste en non quedar curto e en non se pasar. É un equilibrio entre ambos extremos, o que se coñece como asertividade: ser nós mesmos e resultar convincentes sen incomoda-los outros, polo menos non máis do imprescindible. A persoa persuasiva, eficaz na súa comunicación e que resulta agradable ós seus interlocutores pode considerarse asertiva. Vexamos o que entendemos por quedar curto e por pasarse.
- Quedar curto. Actitudes pasivas. Incapacidade para expresar con liberdade o que un sente, a propia opinión. Pedir disculpas constantemente. É a falta de respecto cara ás propias necesidades. O individuo pasivo trata de evita-los conflictos, ó prezo que sexa. Quen actúa así non fai comprende-las súas necesidades e termina sentíndose marxinada e mostrándose irritada pola carga de frustración acumulada. Tampouco para os seus interlocutores é fácil a situación de adiviñar qué desexa o pasivo e termina por consideralo como unha persona molesta.
- Pasarse. Son as conductas agresivas e inadecuadas, avasala-los dereitos dos máis pola defensa dos propios. Estas conductas agresivas poden incluír desconsideracións de cara ó outro, insultos, ameazas e humillacións e mesmo ataques físicos. Tampouco falta a ironía e o sarcasmo despectivo. Téndese á dominación, a negarlle ó outro a capacidade de se defender, de responder equitativamente. As consecuencias, a longo prazo, sempre son negativas mesmo para o agresor que queda sen amigos por moito que poida ganar súbditos.
A conducta asertiva é a máis hábil socialmente porque supón a expresión aberta dos sentimientos, desexos e dereitos pero sen atacar a ninguén. Expresa o respecto para un mesmo e para os máis. Pero aclaremos que ser asertivo non significa a ausencia de conflicto con outras personas, senón o saber xestiona-los problemas cando xorden.
Qué facer para resultar máis asertivos
- Valorarnos suficientemente. Manter e cultivar un bo concepto dun mesmo, identificando e remarcando os nosos valores e calidades.
- Non enfadarnos gratuitamente ou por nimiedades. Enfadados atopámonos mal emocionalmente e, ademais, trasmitimos imaxe de debilidade. O conveniente é recupera-la calma, contextualiza-lo problema, calmarse e expresar tranquilamente a nosa opinión.
- Evita-las ameazas. É máis eficaz, para que nos tomen en serio e nos valoren, reflexionar sobre os pasos que imos dar para defende-las nosas opinións, posturas ou dereitos e logo enuncia-los argumentos con corrección, pero non exenta de firmeza se a situación o require.
- Non pidamos desculpas protocolariamente, fagámolo só cando sexa necesario.
- Nunca ignoremos os demais. Escoitemos mostrando respecto polo outro e interese polo que di. Non avasalemos, por moita razón que creamos ter. E permitamos que o outro teña sempre unha saída digna, non pechemos portas ó diálogo.
Sexamos, en fin, asertivos. Ninguén necesita inimigos e a todos nos vén ben contar con xente que nos aprece e respecte e que se preste, nun momento dado, a defendernos ou a colaborar con nós.
- Admitámo-los nosos erros e equivocacións. Seremos máis estimados e queridos.
Habilidades para consegui-lo equilibrio persoal
- Escoita-lo otro. Traballa-la capacidade de comprender o que me están comunicando
- Aprender a iniciar unha conversa e a mantenela
- Aprender a formular preguntas
- Saber da-las gracias
- Presentarse correctamente ataviado
- Saber presentarnos a outros e presentar os demais
- Saber facer un cumprido, sen zalamerías e con afecto
- Aprender a pedir axuda
- Capacitarnos para dar e seguir instruccións
- Saber pedir desculpas
- Aprender a convence-los demais, a ser persuasivo
- Coñece-los nosos sentimentos e emocións e saber expresalos
- Comprender, valorar e respecta-los sentimentos e emocións dos demais
- Saber reaccionar ante o enfado do interlocutor e xestionar ben a situación
- Resolve-las situacións de medo
- Pedir permiso
- Compartir cousas, sensacións e sentimentos
- Axuda-los demais
- Aprender a negociar, a consensuar, a chegar a acordos
- Recorrer ó autocontrol nas situacións difíciles
- Defende-los nosos dereitos cando os vexamos ameazados
- Responde-las bromas cando proceda
- Evita-las pelexas, dialécticas e das outras