Autobronceadores

Bronceamento sen sol

1 Xullo de 2004

Bronceamento sen sol

Irromperon no mercado, sen moito éxito, hai trinta anos. Hoxe, grazas ás súas novas fórmulas, xa non cheiran mal nin deixan a pel amarela, e son a única forma segura de obter un bronceamento sen sol e, xa que logo, sen riscos. Tamén melloraron na súa presentación -crema, xel, spray, toalliña ou escuma- e nas tonalidades que ofrecen – cada vez máis naturais-.

¿Como dan cor os autobronceadores?

  • Conteñen unha molécula chamada DHA (dihidroxiacetona) que, ó entrar en contacto coa epiderme produce unha reacción química de oxidación. Mediante esa reacción tínguense as células mortas da capa máis externa da nosa pel, destinadas a seren eliminadas en dous ou tres días polo proceso natural de escamación. Por iso, se o ton acadado non é do noso gusto, abonda con esperar ese período para que desapareza.
  • A cor conseguida depende de dous factores. da nosa pel e do produto aplicado. Está demostrado que as peles secas se autobroncean máis doadamente cás graxas. En canto ó produto, o ton tamén dependerá da súa fórmula. Con só un 2% de DHA conséguese bronceamento sen sol, pero a maioría dos autobronceadores inclúen entre un 3% e un 6%. A cor pode ir desde o alaranxado ata o castaño torrado, polo que é conveniente probar o autobronceador nalgunha zona da pel pouco visible antes de estendelo pola cara ou polo corpo.
  • Se o ton acadado tras unha primeira aplicación nos semella moi claro, pódese estender outra capa do produto tres horas despois da primeira dose. Cando obteñamos a cor desexada, só se requiren dúas ou tres doses semanais de mantemento. Para que desapareza por completo, o único que se pode facer é esperar a que se vaia pouco a pouco cos lavados e a renovación natural da pel. Por iso é tan importante elixir ben a tonalidade. Pódese acelerar o proceso coa axuda dunha crema exfoliante.
  • Para tomar o sol debemos escoller un autobronceador con protector solar, ou ben aplicarnos un autobronceador e despois a crema solar con protección. Non hai que esquecer que os autobronceadores non estimulan a melanina, é dicir, non xeran cor de forma natural – que é o que protexe-. Ademais, convén saber que a protección dos autobronceadores é máis débil cá das cremas solares, polo que cómpre usar estas últimas para exposicións prolongadas ó sol.
  • O forte cheiro e as tonalidades un tanto artificiais dos autobronceadores semellan ser cousa do pasado, pero non está de máis que nos aseguremos -cunha mostra solicitada no establecemento- de que realmente é así.

Cómo aplicar o autobronceador

  • Para acadar un bronceamento uniforme e evitar que saian manchas, hai que exfoliar a pel antes de aplicar o autobronceador. Cómpre insistir nas zonas da pel máis rugosas (cóbados, xeonllos e talóns), que se tinguen máis pola acumulación de células.
  • Entre un autobronceador transparente e outro coloreado, decídase por este último: permite controlar a zona exacta pola que se aplicou o produto.
  • O momento ideal para tirar o máximo partido ó autobronceador é despois do baño ou a ducha, xa que a pel está máis limpa e suave.
  • Aplique o autobronceador coa pel seca. Se o vai utilizar en todo o corpo, comece polos pés xa que se empeza a estendelo por zonas superiores, ó dobrarse para ir a zonas inferiores pode retirar parte do produto aplicado no ventre ou na cintura.
  • Non utilice o autobronceador nos antebrazos, nas palmas das mans nin nas plantas dos pés. Tras a súa aplicación nas pernas espere uns minutos antes de sentarse. Na zona do rostro, evite o contorno dos ollos, as cellas e o nacemento do pelo. Pode protexer estas zonas aplicando vaselina.
  • Para broncear o dorso das mans reserve unha pequena cantidade enriba do puño esquerdo; lave as mans, séqueas, e co dorso da man dereita recolla o montiño de crema e esténdao rozando o dorso contra dorso, cos dedos xuntos.
  • Tras a aplicación lave as mans e unllas para evitar que se escurezan. Atenda de xeito especial os espazos interdixitais dos dedos. Espere entre 20 e 30 minutos antes de vestirse, e unha hora para ducharse.