Manuel Cuenca Cabeza

"A vida actual non se entende sen lecer"

Director dos programas de Posgrao de Estudos de Lecer da Universidade de Deusto e Director Académico da Cátedra ONCE Lecer e Discapacidade
1 julio de 2004

O lecer como materia universitaria. Non resulta un chisco estraño converter en disciplina a antítese do académico?

O lecer é un dos piares do século XXI. Como valor comezou a se implantar no século pasado, e hoxe podemos falar del como un elemento de identificación das persoas. A vida non se entende sen lecer. É dicir, sen televisión, sen música, sen saír de paseo ou sen facer unha viaxe; ou sen deportes que practicar ou que ver. E é así porque no actual mundo de valores se produciu un cambio, e o lecer se situou nos primeiros postos.

Como un principio que seguir e cumprir?

Efectivamente, como valor vital. É unha calidade que move as persoas e que as capacita para vivir experiencias satisfactorias, máis enriquecedoras ou menos, pero sen dúbida transcendentais en canto que lles ofrecen un sentido á súa existencia. Ó lle preguntar á xente que coidan que é importante ou moi importante na súa vida, o lecer ocupa o cuarto posto. É máis, a mocidade desprazou o traballo como prioridade e púxoo no seu lugar.

Iso é positivo?

Cando menos, non hai que xulgalo de xeito negativo. A persoa nova atopa no lecer o espazo onde está conforme. Nel fai as cousas que lle gusta, e o traballo, polo xeral, non lle posibilita desenvolverse con satisfacción como persoa e deixou de ser o núcleo da súa vida. Antes, o lecer era tempo de descanso para seguir traballando; agora, o traballo é só un medio para proporcionar lecer.

Como se chegou aí?

É unha das consecuencias do cambio da sociedade industrial á tecnolóxica. Neste momento, o traballo ocupa só o 7% do tempo total de vida, co que ten un significado menor no conxunto da vida. Abonda con ver cando se incorporan os mozos ó mundo laboral e cando o abandona o adulto. Comézase máis tarde, e a esperanza de vida é moito maior. Se a isto se lle suman as fins de semana, as minivacacións, as pontes… algo que agora contemplamos con total normalidade pero que non sempre foi así, estaremos falando dunha conquista que leva implícito algo que os novos viron con total claridade: o traballo non é o máis importante. Certo que os seus traballos non son os que soñaban, que o mundo laboral é precario, pero, ademais, non lles interesa como lugar para se realizaren. As viaxes, os concertos, o surf e compartir o tempo coa familia e cos amigos é moito máis satisfactorio, polo tanto, esfórzanse en conseguilo.

E o actual sistema poderá soportalo?

Precisamente o mundo do lecer é potentísimo. É a grande industria do século XXI. Fixémonos no turismo, sen dúbida unha fonte de ingresos e un sector socioeconómico clave. A liga de campións move o 1% do PIB. O cine, os parques de atraccións, os centros comerciais, os festivais de música, as tendas especializadas en deporte… Todo isto é orixe e consecuencia da implantación do lecer, e da nova maneira de concibir a vida. Ademais, é unha gran fonte de traballo.

Retomando o anterior. Como van convivir as xeracións con valores tan distantes?

Un estudo realizado no norte de Italia, que buscaba precisamente esa resposta, concluíu que non se vai producir ningún choque. Analizáronse tres xeracións: avós, pais e fillos. O traballo como primeiro valor, só se atopou nos avós; nos pais prodúcese un equilibrio entre o traballo e o lecer; e na xeración dos netos, o lecer prima. Isto lévanos a ratificar que o cambio de valores é profundo, consecuencia da sociedade de benestar na que se criaron as novas xeracións grazas ó esforzo das anteriores, que perseguía precisamente ofrecerlles un mundo mellor. Ademais, os avós manteñen con moita fachenda o seu valor no traballo; os netos non o senten así, pero tampouco se produce un desencontro.

Así que os avós traballaron duramente para que os seus netos vivisen mellor. E eles? Agora que dispoñen do seu tempo, como aprenden a gozar do lecer?

Atopámonos novamente cun fenómeno que de asumido non reparamos en que é moi novo. Antes non había xubilados. A esperanza de vida era menor, e ademais, o traballador seguía traballando para seguir vivindo. Nos anos 70 comeza a aparecer unha nova clase social. Persoas que non teñen que traballar, que teñen cartos, que teñen saúde e que teñen ganas de seguir descubrindo cousas. Pero, que sucede? Que non saben que facer fóra do traballo. A súa identificación era a través del, a súa presenza social era polo traballo. Cando deixan de desempeñar o seu posto, se non foron preparados, se non son creativos ou persoas dinámicas, tardan 3 anos en enfermar. Por iso, agora a sociedade decatouse de que é importante preparar as persoas para que gocen e vivan a súa xubilación. É unha cuestión económica: as persoas que teñen unha autonomía cando deixan de traballar, enferman menos e xeran menos gasto. E é unha cuestión social: ó seu redor crean un ambiente positivo para toda a familia, e iso, sen dúbida, é beneficioso, para eles, os primeiros.

Como se educa, xa que logo, no lecer?

Como en moitas outras cousas, para poder ensinar ten que haber educadores de lecer. Especialistas que fosen formados para iso, e que formen formadores. Pero neste caso non é un tema só da escola, implica a toda a sociedade. De feito, a sociedade está asumindo o papel e desenvolve clubs deportivos, centros culturais ou asociacións. E igual ca no traballo te especializas, tamén sucede no lecer. Buscas e atopas aquilo que máis te enche. Se aumentas o número de gustos, amplíanse as posibilidades de gozar. Polo tanto, canto antes se forme as persoas, mellor. Trátase de preparalas para que gocen do lecer desde a liberdade e desde o coñecemento. Isto afástaos da manipulación e do consumismo.

Pero, ata que punto o lecer non é sinónimo de consumo?

A clave de gozar do lecer non son os cartos, senón unha serie de valores baseados no respecto da persoa humana e nas súas potencialidades; por iso, a educación do lecer trata de que a persoa descubra canto antes esas calidades. Certo que na sociedade actual se fixo do lecer un sinónimo de consumo, pois converteu o intanxible en produto. Pero ó final, o lecer é facer aquilo co que te sentes ben; é unha experiencia gratificante que fas porque queres, e ninguén, nin nada te obriga. Non cómpre gastar cartos niso. Pero ademais é unha vantaxe; detrás do lecer hai unha industria que vai ser cada vez máis potente, e isto pódese traducir en termos positivos. Para alguén a quen lle gusta a música clásica, por un módico prezo ten á súa disposición un bo equipo e os mellores directores do mundo. E iso hai 50 anos era impensable. Democratizáronse as posibilidades de gozar. Antes, as familias compartían o traballo, agora atópanse nos momentos de lecer, coa vantaxe de que o positivo une moito máis cás traxedias ou a obriga. Polo tanto, compartir o lecer en familia é transmitir un mundo de sensacións e sentimentos que non están ligadas á razón. O mesmo pasa cos sistemas de xestión nas empresas. Cada vez tenden a ter máis en conta o lecer, pois se non é así, todo o elemento emocional falla, e este é fundamental para a motivación.

Non existe o perigo de que triúnfe sen competencia o hedonismo?

O lecer por esencia é egoísta, pero facendo o que me gusta non cómpre esquecer os demais. Agora mesmo, precisamente, estamos tratando de dar resposta a ata que punto o voluntariado é lecer. Cumpre todas as súas propiedades: é unha actividade libre, que gratifica e que, de non gustar, se podería deixar. Trátase dun lecer maduro, que chega máis alá do eu. Por iso, a miña seguinte pregunta será, que formación hai que dar para que a xente se sinta ben nun lecer maduro?