Axudar a que os nosos fillos e fillas se queiran
Os seres vivos dependemos do noso contorno para medrar, aínda que o noso desenvolvemento se produza mesmo nun ambiente hostil. Polo tanto, se queremos potenciar a autoestima dos nosos fillos e fillas debemos tratar de coñecer qué tipo de interaccións propician, anulan ou danan a formación da súa confianza, e qué actuacións lles faltan ó respecto. Debemos partir da premisa de que a formación da autoestima dos nenos e nenas depende en gran medida da relación que establecen cos adultos importantes na súa vida, fundamentalmente as súas nais e pais. Serán eles os vixías da súa confianza e os estimuladores do seu autorrespecto. Ambas premisas propiciarán unha valoración persoal que os levará a quererse a si mesmos e, por extensión, a todos os que os rodean.
Catro condicións para potenciar a autoestima infantil
- Se o neno ou nena experimenta total aceptación dos seus pensamentos e sentimentos, percibe o valor que se lle dá á súa existencia. Non nos gusta a envexa dos nosos fillos e fillas, os seus celos, o seu pechamento, o seu illamento, as súas enrabechadas, a súa teimosía, o seu chorar constante e un longo etcétera. Mesmo poida que as características do neno ou da nena non sexan as que desexabamos que fosen e, ademais, non aprenden como lles estamos ensinando a ser. Pero aceptalos é admitir, por moito que nos custe, que ese fillo ou esa filla é outra persoa independente e diferente de nós, e moi valiosa.
- Se opera nun contexto de límites ben definidos e firmes, percibe que nos importa. Eses límites terán que ser xustos, razoables e negociables: non vale a liberdade ilimitada, pois nesta relación a falta de límites significa indiferenza. Cando os proxenitores escoitan as necesidades e desexos dos seus descendentes e se amosan dispostos a negociar con eles as regras familiares, están exercendo autoridade e non autoritarismo. A autoridade escoita, atende e negocia, pero tamén sanciona o incumprimento das normas, algo estritamente necesario para que o neno ou a nena poida forxar a súa identidade e establecer a súa autoestima.
- Se se sente respectado pola súa dignidade como ser humano, ganará en confianza. Como a todo, tamén a respectarse se aprende e non será posible que o consigan se non lles ensinamos. Estarémolo facendo cando aceptamos as súas decisións, escoitamos os seus desexos, atendemos as súas necesidades e negociamos as regras establecidas na casa. Respectalos non significa deixar que fagan o que queren. A permisividade é nefasta: destrúe o esforzo, a disciplina e o autocontrol, e con iso, a confianza nun mesmo. A nosa responsabilidade é ensinar e a súa aprender, pero será el ou ela quen se sitúe no mundo, sairase ou non dos nosos límites. Intentar dirixir as súas eleccións significaría anular a súa responsabilidade para con el mesmo e para coa súa vida. Non pode haber autoestima sen o exercicio da responsabilidade.
- Se o nivel de autoestima dos pais é alto, hai máis probabilidades de que ocorra o mesmo co dos seus fillos, aínda que non sempre é así. Canto máis se valoren a si mesmos os pais -aínda que sen caer en excesos-, máis facilmente lles poderán transmitir ós seus fillos a importancia de quererse a si mesmos. Unha autoestima ben asentada axudará os proxenitores a educar os seus fillos, pois pais e nais son modelos de aprendizaxe importantes e necesarios para que o neno inicie a súa andaina partindo de algo a imitar e que lle indica o camiño e cómo percorrelo.
O pai e a nai, en harmonía
Poida que o pai e a nai discrepen e non teñan igual opinión sobre algunha cuestión que afecte á educación da súa filla ou fillo, pero isto non supón ningún inconveniente, e mesmo esas discrepancias poden ser coñecidas. O que si afectará á seguridade do neno é que os seus proxenitores non estean de acordo nas decisións finais. A importancia non está, polo tanto, na diferenza de opinións, senón na non unanimidade nas decisións.
Ademais, non hai problema en que os pais e nais cambien de opinión ante un feito ou unha norma, e en que llelo fagan saber ós seus fillos explicándolles o motivo. Isto non supón diminución de credibilidade e, en cambio, si é un exemplo de flexibilidade e de acomodo ás circunstancias. A rixidez e a inmobilidade non caben nun proceso educativo, onde asumir os riscos de cambios é parte do ensino.
En resumo…
O compromiso como pais e nais para posibilitar unha alta autoestima nos fillos e fillas está relacionado coas seguintes condicións:
- Ter presente que é outra persoa, independente e distinta de nós.
- Ofrecer unha seguridade baseada na coherencia, é dicir, na coincidencia entre o que se ensina e o que se fai.
- Facelo sentirse observado e comprendido. Transmitirlle que é unha persoa única e insubstituíble.
- Amalo desde a expresión verbal, amosándolle o gozo que temos pola súa existencia. O tacto é o xesto esencial para que poida sentirse querido. Tocalo, bicalo, aloumiñalo non só cando é bebé, tamén cando rexeita, por pudor, esa mostra.
- Aceptalo tal como é. Só así aprenderá a aceptarse.
- Respectalo como é.
- Marcarlle límites xustos, razoables e negociables.
- Ofertarlle normas e altas expectativas polo que respecta ó seu comportamento e rendemento. Non unha actitude do “todo vale”, pero tampouco un “non vales”.
- Ofrecerlle eloxios e críticas dirixidos á súa conduta e comportamento, nunca á súa persoa. Coidar polo tanto a linguaxe, que pode ser moi negativa, aínda que pareza superficial e efémera.
- Motivalo a tomar decisións, a experimentar, a asumir riscos, a facer e a responsabilizarse dos mesmos. Non privalo de cometer erros. Non sobreprotexelo.