Pesa a idea de que o Festival é o encontro co terror, o sangue, o máis freak ou gore, malia a etiqueta de fantástico coa que se presenta?
O xénero fantástico experimentou unha evolución co tempo. Nas súas orixes, salvo excepcións notables, tiña natureza de serie B, pero nos anos 70, coincidindo coa “Guerra das Galaxias” e con “Tiburón”, converteuse nun xénero con maiúsculas. Hai que entender que o fantástico abrangue territorios non limitados aos vampiros nin aos asasinos en serie. Falamos de ciencia ficción, de terror, de expresionismo surrealista, de películas moi diversas que teñen en común a presentación do subxectivismo, daquilo que a mente humana non dá entendido pero que lle atrae.
Este outubro cúmprese a trixésimo novena edición dun festival que suma adeptos cada ano. Tanto nos gusta pasar medo?
O cine é xa de por si algo máxico, algo ao que lle damos creto sabendo que o que acontece na pantalla é ficción. Se, ademais, se trata de marabillarse co irreal, co oculto, a fantasía tórnase algo cativador. Este xénero esperta cinefilia e arrastra fans que non teñen por que ser persoas raras, só están fascinadas por outra realidade.
Por que a actual proliferación de festivais de cine?
Os festivais son un encontro entre tres estamentos: o público, a crítica e a industria. O seu propósito é promocionar películas e ofrecer a oportunidade de visionar cintas que doutro xeito non chegan ás salas comerciais. Á vez, a xente do cine atópase, fala, fai negocios. É un espazo temporal e físico no que todo xira arredor da gran pantalla. Aínda que cada vez haxa máis, son necesarios, porque amais de dinamizar a industria, o público pode dixerir mellor aquilo que se lle presenta, empaquetado baixo unha linguaxe semellante. No noso caso, moito cine de xénero agarda ata outubro para presentarse.
Por Sigtes pasaron Tarantino ou Jodie Foster, que importancia ten a presenza de persoeiros famosos?
Conséguese singularizar o encontro. Dalgunha maneira, o espectador ve que desaparece a barreira da pantalla e que se atopa no mundo real coas persoas que coñecen pola súa obra, e iso sempre gusta. Non é tanto mitomanía, que tamén, senón unha oportunidade de escoitar o criterio dun protagonista ou a súa interpretación do xénero. Aínda que Sitges se está convertendo nun foro-mercado no que a xente fai negocios, aínda se fan sen pomposidade. Nós tivemos moita sorte cos invitados. Se cadra pola súa propia atmosfera fantástica, o festival leva a que a xente non estea presionada. É un glamour máis salvaxe e divertido.
Como prepara o festival?
Pártese dunha idea e séguese fiel a ela, con certa flexibilidade, xa que se trata de ver 400 cintas, das que van caendo moitas porque non interesan ou porque non van estar listas. Tamén chegan máis dun cento de películas de maneira espontánea, entre as que hai algunhas que están francamente ben. Hai que ver moito cine, ler moito, investigar, osmar, preguntar e viaxar.
Como se selecciona o xurado?
Cada día é máis complicado, non só porque haxa moitos festivais, senón porque pasar dez días vendo cine para despois telo que xulgar non é un labor doado. Hai poucas persoas dispostas a facelo aínda que o pasen ben, e é que a xente traballa. Intentamos contar cun xurado representativo dos estamentos que conforman o cine: un actor, unha directora, unha guionista, un crítico… e tamén valoramos que procedan de diferentes países, para contar con puntos de vista e culturas distintas. En principio, desbotamos a idea de chamar a estrelas polo simple feito de estar de moda, preferimos contar con profesionais competentes.
O xurado premiou no seu día “Europa”, de Lars Von Trier, ou “Terciopelo Azul”, de Lynch. Que supón atinar no premio cunha película que pasará á Historia do cine?
En certa medida é o que á longa lle dá prestixio a un festival. Cando se premiou “Reservoir dogs”, Tarantino era un descoñecido. Aínda que o palmarés é subxectivo e está manipulado polo momento e polas modas, é acertado cando cumpre coa misión de descubrir talentos.
Este ano paseará por Sitges David Lynch. Por que a súa presenza?
Os últimos anos tomamos as efemérides como guión do Festival. Cumprimos anos coa “Guerra das Galaxias” e celebramos os 30 veráns de “Tiburón”. Nesta ocasión conmemoramos os 20 anos da proxección de “Terciopelo azul”. Aquilo supuxo un punto de inflexión para Sitges, abandonamos a serie B e enfrascámonos en autores de primeira fila. A proxección da película de Lynch orixinou un verdadeiro debate na sala. A metade do cine aplaudiuna como tola e a outra metade apupouna con rabia. Lynch aínda xera esas fobias e filias, aínda que para min é fantástico. Salvo “Unha historia verdadeira”, que ten un final surrealista, as súas películas narran historias de persoas que están mortas ou transcorren no submundo dunha cidade aparentemente normal. A Lynch fascínanlle Dalí e Buñuel. Coido que iso o define bastante ben.
Resulta tamén chocante a importancia do cine oriental neste xénero.
A primeira vez que ves cine oriental acusas o choque cultural, que é tremendo. O tempo narrativo é diferente, o xeito de contar historias non se guía polo esquema narrativo grego de tese, antítese e síntese, simplemente porque en Oriente non se narran as historias así, con independencia do xénero que empregues ou a manifestación da que se trate. Para contar son anacrónicos. No cine, por exemplo, non marcan os flashbacks, algo que en Occidente non se deixa á interpretación salvo excepcións.
E Hollywood, a industria americana, segue a ser un referente?
Non é bo esquecermos o cine americano. Esa postura snob de que o cine americano non interesa non conduce a nada. É un cine cheo de ideas, con grandes directores e grandes cineastas. Se elaborásemos unha listaxe coas 10 mellores películas de cine de cada ano, probablemente cinco delas estarían feitas en California.
Quen deseña os carteis anunciadores do festival, verdadeiras iconas de coleccionistas?
O autor é Toni Galindo, un bo amigo meu e gran coñecedor do festival que finou este ano e a quen lle dedicamos esta edición.
A competencia á gran pantalla é cada vez máis fera: Internet, home cinema nos fogares… Estamos asistindo á morte lenta da proxección na sala?
Os interrogantes que arrodean agora o cine xiran arredor de como o imos ver ou de como imos acceder a el, pero non vai caducar, como non o fixeron o teatro, a radio ou a música en vivo. O que acontece é que estamos nun momento de transición no que está mudando o xeito de facer cine, de concibilo e de proxectalo.
Gañarán a batalla os efectos especiais ou vaise volver ó bo guión?
Pódese facer unha película interesante sen un bo guión e con moitos efectos, pero non se acadará unha obra mestra. O guión sempre foi moi importante, pero é un dos elementos máis descoidados do cine actual. Abúsase moito do orixinal nun intento de asinar algo novo, non visto, e, pola contra, o guión bo é o que non se nota. “Sospeitosos habituais” está escrita para lucir o guión, e así perde a maxia ou a oportunidade de pasar á historia. O guión de “O golpe” é marabilloso, pero a historia está por riba, non pretende que a xente saia do cine dicindo qué guión, senón qué película! A película ten que funcionar soa, e, non obstante, estanse a construír historias ao servizo dun aparato de produción. “French Connection” non é un exemplo de bo cine, pero ten un guión detrás que agora sería considerado arte e ensaio. En definitiva, estanse fabricando as películas na sala de montaxe.
E iso, que significa?
Prodúcense erros de vulto na historia. Se cadra o cazapo do guión non se ve, pero percíbese. E o erro, polo xeral, non é de quen escribiu a historia, senón das necesidades repentinas de meterlle acción e de cambiar a orde das escenas. Alfred Hitchcock pedíalle ao montador que fixese marabillas, pero a escena da ducha de “Psicose” non se fai na sala de montaxe, conta cun story board minucioso. Pero agora non hai tempo. As películas fanse para recuperar os cartos canto máis axiña e para ofrecelas en DVD decontado. Pero isto comeza a mudar. Vaise ir abandonando aos poucos esa obriga de que o final sexa feliz ou de que todo se entenda moi ben, como cláusulas obrigatorias para triunfar e gustar. O cine dos 70 non era nada compracente e, con todo, ao público gustáballe. Dicía antes que estamos nun momento de transición e que isto inclúe o retorno do guionista dos 70, que sabe contar historias perfectamente narradas e que na sinxeleza atopa a coherencia, pero sen fraquear na narración.
Con que director ou directora lle gustaría contar no Festival?
Con un a quen xa non podo traer, Stanley Kubrick, que para min é o mellor. O autor da película insuperable, “2001, unha odisea no espazo”. Nunca verei unha película mellor. Dito isto, e aínda que soe a tópico, gustaríame contar con Steven Spielberg. Spielberg foi quen de reinventar o cine, e iso non se fai todos os días nin todos os anos. Con “Encontros na terceira fase”, con “ET”, con “Tiburón”, houbo unha persoa que comezou a falarnos no cine nunha linguaxe que comprendiamos. Abriunos ese mundo. Nós entendiamos aos nenos que vían extraterrestres, ás xentes que se atopaban con OVNI ou o medo ás quenllas na praia. Conectou coa nova xeración que quería ver cine, ou que sen saber que o quería ver, de súpeto se decatou de que si, de que o cine era iso. Non é casualidade que con el cambiase a técnica de facer cine, de vender cine, de encher pantallas.