Revisións oculares: non hai que perdelas de vista
Non importa a idade, o sexo ou o número de veces que se acudira ao médico de cabeceira. Se nos 365 días que se debuxan na axenda non figura a palabra oftalmólogo ou oculista, córrese o risco de que non se detecten a tempo os principais problemas oculares, polo que o tratamento se pode complicar tanto nos máis noviños, ante un diagnóstico como o ollo vago, como nos adultos que se enfrontan a un glaucoma ou cataratas. Por iso é fundamental coidar a vista, un dos sentidos máis sensibles ao paso do tempo, mediante a prevención. Para iso só hai que planificar as visitas regulares ao oftalmólogo, que serán bianuais nas primeiras etapas da vida e anuais se hai que tratar un defecto visual ou se se superou o limiar dos 40 anos. Un exame integral e periódico da vista que inclúa probas de agudeza visual, un estudo do fondo de ollo e outras exploracións en función da alteración que haxa que tratar prevén enfermidades oculares graves e son a vía para frear a súa evolución. Con este fin, os oftalmólogos descartan e tratan os posibles trastornos oculares de acordo a cada idade.
Infancia
Nos nenos máis pequenos, a partir dos seis meses de idade, as visitas ao especialista teñen como obxectivo previr o desenvolvemento do ollo vago ou ambliopía -perda de visión nun ollo provocada pola falta de uso- e tratar o estrabismo dende os primeiros meses de vida. Durante a infancia poden aparecer os primeiros defectos refractivos ou miopía (mala visión de lonxe cunha correcta vista de preto), hipermetropía (problemas de visión a distancias curtas) e astigmatismo (vense imaxes pouco nítidas de lonxe e mais de preto), causantes dunha mala visión que pode dificultar o rendemento académico. Estímase que entre o 15% e o 30% do fracaso escolar se pode achacar a problemas de visión. A mala caligrafía, as faltas de ortografía ou a dificultade para ler poden ser a consecuencia de problemas de enfoque ou de percepción, moi difíciles de detectar sen axuda médica.
Adolescencia e mocidade
Nesta etapa, as alteracións refractivas son máis acusadas, polo que cómpre acudir canto antes ao oftalmólogo para compensalas con gafas ou lentes de contacto. A partir dos 18 anos, os defectos refractivos comezan a estabilizarse e pódese pensar nunha solución definitiva para corrixilos, como a cirurxía láser, que non se debe practicar antes dos 21 anos. Este tipo de alteracións diagnostícanse cun exame rutineiro, con probas de agudeza visual que consisten na lectura dunha táboa a distancia, e cun aparello -o foróptero- no que o oftalmólogo coloca e cambia as lentes mentres lle pregunta ao paciente como ve as letras.
Mediana idade e madureza
- VISTA cansa. A tamén chamada presbicia orixínase por un endurecemento do cristalino que perde a súa elasticidade, polo que o ollo tamén perde a súa capacidade de enfocar distintas distancias, de xeito que a visión de preto empeora e é máis borrosa. A este trastorno pónselle fin mediante o uso de lentes bifocais ou progresivas, ou de lentes de contacto multifocais. Tamén se pode utilizar cirurxía, baseada en substituír o cristalino natural por un artificial multifocal. Diagnostícase mediante un exame integral da vista. A persoa con presbicia que non acode ao médico pode sufrir mareos, dor de cabeza, irritación e avermellamento dos ollos e ata unha molesta dor ocular.
- GLAUCOMA. Está causado pola acumulación de líquido no globo ocular, que eleva a presión intraocular. Non produce dor, perda brusca de visión nin ningún outro síntoma e avanza silandeiro. É a segunda causa de cegueira no mundo, polo que a súa detección a tempo é clave. En España preto dun millón de persoas poderían sufrir glaucoma, aínda que moitas delas o descoñecen. Así que se detecta, trátase con distintos tipos de colirios que favorecen a diminución do líquido ou ben a súa saída cara ao exterior. Cando este tratamento falla, pódese realizar cirurxía con láser. E se a presión ocular non se alivia, haberá que recorrer á cirurxía convencional, con anestesia local e de maneira ambulatoria.
- RETINOPATÍA DIABÉTICA. Esta enfermidade, consecuencia da alteración nos vasos sanguíneos da retina, afecta as persoas que sofren diabete, tanto de tipo 1 coma de tipo 2 (insulinodependentes e non insulinodependentes). É unha importante causa de cegueira e inicialmente non dá síntomas. Por iso é recomendable que as persoas diabéticas se sometan a un exame oftalmolóxico anual. Cando o paciente sofre edema macular -acumulación de líquido procedente da retina- ou retinopatía diabética proliferativa -pinguiñas de sangue que dificultan a visión- é intervido con láser. Se o sangue se concentra no centro do ollo (xel vítreo), practícase, baixo anestesia local, unha pequena incisión para retirar o xel vítreo e substituílo por unha solución salina (vitrectomía).
- CATARATAS. É a perda de transparencia do cristalino, unha lente que temos no ollo e que se torna opaca simulando un cristal embazado. Moi habituais nas persoas maiores, afecta a máis do 50% da poboación de entre 65 e 75 anos e a máis do 70% das persoas de máis de 75 anos. De non se operaren, a visión cada vez é máis densa e empeora. As cataratas pódense intervir a través de distintas técnicas. Unha das máis modernas é a facoemulsificación por ultrasón, unha pequenísima incisión (que pode ser ata de dous milímetros), a través da cal se aspira a catarata e se insire unha lente intraocular para corrixir a visión. Tras a cirurxía, a catarata non se reproduce, pero a cápsula posterior do cristalino que se deposita no ollo pódese volver opaca no 50% das persoas, polo que será necesario volver corrixir. A Seguridade Social cobre a cirurxía de cataratas, aínda que a demanda actual é moi alta e os hospitais públicos rexistran longas listas de espera.