O microblogging

Twitter: A vida en 140 caracteres

Desde o seu nacemento hai dous anos, este servizo triunfou cun novo xeito de se comunicar en Internet
1 Xullo de 2009
Img internet listado 520

Twitter: A vida en 140 caracteres

/imgs/20090701/internet1.jpg
“Cóntalles aos demais en 140 carácteres o que estás a facer agora mesmo”. Con esa premisa e cun sistema tecnolóxico moi sinxelo, ascende meteoricamente un dos servizos de Internet que máis usuarios acadou en menos tempo: Twitter. Nel, cada usuario escribe o que quere en mensaxes ás que só poderán acceder os seus familiares e amigos (se os deixa “pechados”) ou calquera, se opta por abrilos. E algo tan absurdo en aparencia como contar a realidade inmediata nunha soa frase tornouse na sensación da Rede. Amais de compartir o que se está a facer, o sistema permite seguir as vidas alleas, ben sexa a dos amigos máis próximos ou a das estrelas do cinema máis rutilantes. Imaxínase lendo en tempo real que a unha parella de amigos lles acaban de comunicar o sexo do seu futuro fillo, ou que a súa banda de rock favorita está facendo unha churrascada na praia tras oo concerto?

Cal é o segredo de Twitter?

As respostas sobre o éxito de Twitter non son uniformes. Uns argumentan que esperta o exhibicionismo oculto do ser humano; outros salientan que coñecer a realidade inmediata dos outros internautas lle proporciona ao usuario a sensación de compaña. Tamén hai quen fai fincapé na forza da súa asimetría comunicativa, é dicir, o feito de que unha frase escrita por un só usuario poida chegar nun intre a milleiros de persoas. Isto explicaría o motivo da súa popularidade entre os políticos e outros profesionais, e tamén entre entidades coa necesidade de lles comunicar proximidade e intimidade a grandes grupos.

Pero alén destas posibles razóns, o certo é que o fenómeno que orixinou Twitter, e que se coñece como ‘microblogging’, supón un avance na colonización de Internet como espazo de comunicación entre usuarios. Os primeiros pasos para comunicarse entre os internautas déronos os foros de opinión, os chats e mais as listas de correo e o seguinte foron os blogs e os comentarios que os acompañaban. O blog (que inclúe tanto textos como vídeos e imaxes) foi un fenómeno que supuxo unha maior elaboración da comunicación polo que tiña de reflexivo, e tivo unha gran repercusión en campos como o xornalismo.

Aos blogs seguíronos as redes sociais, nas que os usuarios, amais de estaren interconectados, podían compartir as súas bitácoras, as súas fotografías, a súa música e os seus vídeos cos familiares e amigos. A todo isto engadiuse o acceso ás redes sociais e aos blogs dende os teléfonos móbiles con sistema operativo, os chamados teléfonos intelixentes.

Rápido, efectivo e dende calquera lugar

/imgs/20090701/internet2.jpg
O seguinte paso evolutivo foi, por lóxica, o ‘microblogging’, xa que combina todos estes factores: a rede social de contactos, o texto (neste caso inmediato e curto, e polo tanto moito menos elaborado e laborioso) e o acceso dende calquera lugar. Así, o que se coñece como un ‘twitteo’, un comentario en Twitter, pódese escribir dende un móbil en plena rúa ou na Terminal 4 do aeroporto de Barajas, xa que hai programas como Twitterrific ou Twitterberry que o permiten. E o que se redacte pode ser tan simple como dicir que se está na cola para subir ao avión ou que vai unha calor do demo.

O resultado é que se un usuario de Twitter (ou doutro servizo de ‘microblogging’) lles envía continuamente ‘twitteos’ aos seus contactos alá onde estea, a súa vida cotiá adquire unha relevancia especial para estes, un toque de proximidade persoal e certa influencia sobre eles. Non en van, a popularidade dun usuario de Twitter mídese polos seus seguidores ou ‘followers’. Cantos máis se teñan, máis asimetría comunicativa se acada, e, polo tanto, máis influencia.

Os políticos albiscaron axiña as posibilidades desta ferramenta para se achegaren e tornarse máis reais aos ollos dos seus votantes, e o mesmo aconteceu con algunhas estrelas do deporte e do espectáculo. Así, algúns deles manteñen o servizo en constante actualización. Non obstante, non sempre son os seus protagonistas os que actualizan os seus ‘twitteos’, senón colaboradores ao seu servizo, o que xerou non poucas polémicas máis dunha vez. Por exemplo, cando unha celebridade aparecía nun programa de televisión en directo mentres na súa páxina de Twitter se dicía que estaba a aparcar o coche.

Múltiples aplicacións

Máis alá da mercadotecnia, os usuarios de Twitter tamén atoparon algunhas aplicacións sociais, como por exemplo ofrecer información do estado do tráfico en tempo real, filtrando unha serie de palabras da web da Dirección Xeral de Tráfico. Este servizo foi desenvolvido por un usuario anónimo sen relación coa DXT. De xeito semellante, dende o departamento de bombeiros de Los Ángeles usan Twitter para informar das alertas acontecidas na cidade porque consideran que é a forma máis rápida de mover a información ante unha alarma.

Algúns usuarios desenvolveron plataformas que ofrecen a previsión do tempo ou información sobre determinados temas. No plano empresarial, certos medios de comunicación crearon en Twitter servizos de noticias, como é o caso da BBC inglesa ou da cadea de televisión norteamericana ABC. Tamén se ofrece información oficial de certos organismos, como acontece coa Comisión do Mercado de Telecomunicacións, que lles ‘twittea’ as súas resolucións directamente aos usuarios.

Amais de Twitter…

Twitter non é o único servizo de ‘microblogging’. Máis ben, é o menos elaborado de todos (por ser o primeiro) e o que menos posibilidades ofrece. Jaiku, que tamén foi un dos pioneiros, incorpora ao texto do ‘twitteo’ a posibilidade de que os contactos o comenten. Outro servizo chamado Pownce permite compartir arquivos como vídeos e fotografías, amais de escribir comentarios. Plurk, un servizo de aparición máis recente, amosa as actualizacións dos contactos nunha liña de tempo horizontal e permite subir ao sistema fotos e vídeos para compartir. Outras plataformas como YouAre ou Popego conseguiron que o usuario inclúa nos seus ‘twitteos’ vídeos e imaxes, de xeito que xa converteron o ‘microblogging’ nun acto de comunicación multimedia.