Nin caprichosos nin egoístas... só fillos únicos
Pouco ou nada queda xa daquelas fecundas familias que recibían premios en concursos de natalidade envolvidos xa en brumas de alcanfor. Co cambio de século, o fillo único erixiuse en protagonista de máis do 30% dos fogares españois. As estatísticas non enganan: segundo datos do Instituto de Política Familiar (IPF), os fogares españois teñen cada vez menos membros, 2’9, e as familias con cinco ou máis membros pasaron de representaren o 29% en 1980 a non superaren o 7% no 2007, cunha caída do 75% en algo menos de tres décadas. Na sociedade actual, un de cada cinco fogares compóñeno parellas sen fillos, seguido das familias formadas por unha parella e mais un fillo. Pola contra, as parellas que teñen tres fillos case non chegan ao 4%. As causas desta mingua familiar e da supremacía do fillo único hai que buscalas nun ritmo de vida que apenas deixa tempo para compatibilizar familia e traballo, nunha tardía maternidade, nos matrimonios que rompen cada vez máis axiña e nos gastos que implica ter un fillo. Todo iso contribuíu a que en España os fillos únicos deixasen de ser unha rareza dende o punto de vista sociolóxico. Son máis, polo tanto, os pais e nais que se enfrontan acotío á ardua tarefa de educar uns nenos catalogados tradicionalmente como egoístas, malcriados e caprichosos.
Cando hai 30 anos se lle preguntaba a unha parella cantos fillos quería ter, as respostas máis habituais eran: “os que Deus queira” ou “os que veñan”. Tres décadas despois, os máis dos futuros pais considera que “con un abonda”, aínda que tamén hai quen se atreve a ir pola “parella”. Segundo a macroenquisa “Fecundidade e Valores na España do século XXI” do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS) de marzo do 2007, o núcleo familiar ideal dos españois é o formado por un matrimonio e dous fillos, aínda que son cada vez máis os condicionantes e obstáculos para acadar tal obxectivo, e os estudos demostran que na práctica se impón a tendencia ao fillo único. Os últimos datos que manexa o Instituto Nacional de Estatística (INE) indican que un 57% das mulleres que xa foron nais rexeita a posibilidade de ter máis descendencia.
O atraso na idade da maternidade -as españolas (30’9 anos) son, a carón das italianas (30’8) e das holandesas (30’6), as mulleres da UE que máis tarde teñen o seu primeiro fillo-, os problemas económicos, as dificultades para conciliar vida persoal e laboral, os matrimonios que cada vez duran menos, o individualismo e o aumento das familias monoparentais conseguiron en España o que en China custou 30 anos de medidas drásticas de control da natalidade. Segundo se desprende do Informe Evolución da Familia en Europa 2008, do Instituto de Política Familiar (IPF), a baixa natalidade en España, 1’39 fillos por muller (2007), é un dos índices máis baixos da Unión Europea, cun 1’5 de media, e está moi por baixo do nivel de substitución xeracional (2,1 fillos por muller).
Como son os fillos únicos e como educalos
Os tópicos do fillo único
Mimados, consentidos, caprichosos, egoístas e retraídos. Son moitos os tópicos e estereotipos que xiran arredor do fillo único. Agora ben, a realidade é moi distinta. O simple feito de carecer de irmáns non determina nin o futuro nin o carácter do menor, e a súa evolución e personalidade veñen marcados pola educación e polos valores que reciba dos seus pais, igual que acontece con calquera outro neno ou nena rodeado de irmáns. Psicólogos e educadores coinciden no seu diagnóstico: ser fillo único non carrexa en si mesmo vantaxes nin inconvenientes, e se ben son numerosos os estudos que demostran que os irmáns inflúen na sociabilidade do neno, tamén abundan as investigacións que demostraron que os fillos únicos son tan sociables como os outros. Sempre que se favorezan as condutas sociais dende a primeira infancia, os fillos únicos non teñen máis problemas ca os fillos de familias numerosas para se integraren na sociedade con normalidade.
A sobreprotección, un erro moi frecuente
O principal risco dos pais cun fillo único é caeren na súa sobreprotección. Ben sexa polo sentimento de culpabilidade por non ampliar a familia ou polo medo esaxerado a que ao neno lle pase algo, a miúdo os pais caen no erro de protexeren en exceso o seu fillo ou filla, creando para eles un mundo artificial cheo de comodidades que lles impiden medrar como seres independentes. Este celo esaxerado tamén pode chegar a sufocar tanto o rapaz que actúe só para contentar os pais ou que se volva unha persoa temerosa, insegura e dependente. Ademais, un menor sobreprotexido pode non adquirir as habilidades necesarias para o seu desenvolvemento, como a súa autonomía, o que lle impedirá medir os seus propios límites ou tomar decisións sen a aprobación continua dos seus pais. Non se trata de que os pais se desentendan do que fai, pero tampouco deben protexelo de xeito desmedido, anticipándose ás súas necesidades antes de que o pequeno pida axuda. Os pais deben conter os seus temores e proporcionarlles oportunidades e recursos que faciliten o desenvolvemento das habilidades dos seus fillos para que estes poidan madurar no emocional e no social.
Educar o fillo único con sentido común
É doado caer na tentación de mimar ou de protexer en exceso os fillos, sexan únicos ou non. Por iso convén ter en conta unha serie de recomendacións que axudan a que a súa integración na sociedade sexa o máis natural posible e que a sobreprotección non supoña un problema, senón unha axuda que lles reporte seguridade. Agora ben, ningún consello supera o de aplicar o sentido común en todas as situacións.
- A relación con outros nenos é primordial para o fillo único. Ao medraren sen irmáns e conviviren o máis do tempo con adultos, pódelles resultar máis difícil compartir, relacionarse e integrarse cos seus iguais. Procure que comparta tempo e xogos con curmáns e amigos para que se divirta, compita, se pelexe e discuta con eles.
- Anímeo a participar en actividades deportivas e lúdicas para que desenvolva as súas habilidades fóra da sobreprotección dos seus pais e que fortaleza a súa autoestima.
- Non o protexa en exceso nin o controle durante todo o día, xa que o converterá nunha persoa medrosa, covarde e fráxil.
- Estableza normas e obrigas acordes á súa idade, para que adquira responsabilidades e saiba onde están os límites.
- Estimule o rapaz para que se esforce en acadar o que desexa, así aprenderá a apreciar as cousas. Valore os seus logros, pero non o gabe en exceso.
- Comparta os seus xogos para que non se sinta só e para que aprenda regras sociais (agardar pola súa quenda, saber gañar e perder…).
- Limite o tempo que pasa diante da tele ou cos videoxogos. Como son xogos individuais é doado caer no exceso.
- Os proxenitores dun só fillo aspiran a que sexa perfecto e o mellor en todo momento, pois teñen as súas expectativas todas depositadas na súa persoa. Acepte e respecte os seus defectos e os seus fallos. Déixeo trabucarse de vez en cando e que comprenda o valor do acerto e como chegar ata el.
- Facilite a súa relación con outros familiares para que sexa máis independente.
- Non intente compensalo por non ter irmáns concedéndolle todos os seus caprichos.
Vantaxes e inconvenientes de ser fillo único
Vantaxes…
- Aos fillos únicos podémoslles dedicar máis tempo e recursos.
- O fillo único goza en exclusividade do afecto incondicional dos seus pais, o que fai que se sinta valorado e querido, moi seguro de si mesmo e cunha autoestima moi alta.
- Se os pais lle dan autonomía abonda sen o protexeren de máis, converterase nun adulto independente e dotado de iniciativas.
- Algúns estudos atribúenlles aos fillos únicos maior madureza e capacidade intelectual debido á maior atención e estimulación que tiveron.
- A súa maior relación co mundo adulto confírelles un desenvolvemento lingüístico superior ao doutros nenos da súa idade.
- Afeitos a seren o centro de atención, é habitual que sexan os líderes do grupo.
- Son persoas moi creativas, xa que están afeitas a inventaren os seus propios xogos e a se entreteren sós.
… e inconvenientes de non ter irmáns
- Afeitos a conviviren só con adultos maduran demasiado cedo.
- Se están demasiado protexidos polos pais corren o risco de seren persoas inseguras, tímidas e con dificultades para se integraren.
- Son moitos os fillos únicos que senten a presión de non decepcionaren os seus pais, xa que estes poñen as súas expectativas todas neles e non lles queren fallar.
- Gústalles ser o centro de atención e suponlles un grande esforzo agardar a súa quenda nos xogos de grupo.
- Cústalles ser xenerosos porque non están afeitos a compartir.
- Como non teñen irmáns carecen da experiencia necesaria para se reconciliaren logo dunha pelexa. Hai que ensinalos dende cativos e marcarlles as pautas cando se relacionen con outros nenos.
Entrevista co psicólogo Albert Soldevilla, do Instituto Mensalus de Barcelona
“A sobreprotección dos fillos únicos evítase cando se teñen en conta as súas opinións e desexos”
A tendencia dos pais é intentar darlles aos fillos todo o que eles non tiveron. Iso podería condicionar a quen medrou sen irmáns, e pensar que lles deben proporcionar un ou máis irmáns ou irmás aos seus fillos. Pero non deixa de ser unha crenza algo errónea, xa que os pais non se deberían sentir obrigados a cubrir todas as necesidades das que eles non gozaron. É máis, poden pensar por un momento nas vantaxes de medrar como fillos únicos para fomentalas no seu. Se pensan que tiveron algunhas carencias por seren fillos únicos, pódenas cubrir sen teren que recorrer obrigatoriamente a ter máis fillos.
Iso podería depender máis dos pais ca dos propios fillos, xa que se ben é certo que o fillo único non ten que loitar tanto pola atención dos seus pais nin compartir tan a miúdo os seus privilexios, é tarefa dos pais ensinarlle os valores relacionados coa xenerosidade e o esforzo por acadar o que un desexa.
Un menor sobreprotexido pode non desenvolver algunhas habilidades necesarias para o seu desenvolvemento, como por exemplo a autonomía. Precisamente valórase que os fillos únicos teñan máis posibilidades de reforzar a devandita autonomía ao se veren obrigados moitas veces a xogaren sós e a crearen os seus propios xogos. Polo tanto, sería interesante que os pais facilitasen ese proceso.
A sobreprotección evítase cando se conta coa opinión e desexos dos propios nenos. Os pais non deben facer constantemente o que os fillos xa están preparados para facer por si sós. Débese pensar nos fillos como persoas cos seus criterios e opinións que haberá que ter en conta, aínda que os pais teñan maior poder de decisión e aconsellen o que para eles é correcto.
Iso só acontecería se o fillo único non comparte experiencias cos seus iguais noutros contextos. É importante que desenvolva as súas habilidades de relación en actividades escolares ou extraescolares que fomenten as súas habilidades sociais. Se é así, a súa socialización será normal.
Sempre hai que dar respostas que os nenos poidan comprender segundo a súa idade. É importante evitar detalles que só lles competen aos adultos (falta de recursos económicos, infertilidade, divorcios, etc.). Con salientar que hai diferentes tipos de familias, algunhas máis numerosas ca outras, podería abondar. Tamén é determinante que o neno vexa nos seus iguais a oportunidade de ter amizades coas que pode compartir o mesmo que se tivese máis irmáns.
Os pais deben ser coidadosos coas expectativas que xeran sobre os seus fillos únicos. Para eles é como ter soamente unha oportunidade de que os seus desexos como pais se vexan cumpridos. Isto pode contribuír a que se desenvolva un control excesivo sobre o seu comportamento ou traxectoria futura, o que podería xerar unha falta de motivación no neno ao se ver obrigado a cumprir os desexos dos pais máis ca os propios. Ao fillo único hai que guialo e aconsellalo, como a calquera outro, pero fomentando tamén a súa independencia de criterio e autonomía persoal para que perciba que tamén é partícipe do seu desenvolvemento.
Ter outro fillo sempre debe ser unha decisión dos pais porque queiran ser pais por segunda vez, nunca para dar un irmán como principal motivo, xa que podería acontecer que os pais se visen obrigados a realizar un sobreesforzo para atender as necesidades do segundo fillo por coidaren que iso era o que debían facer.
Non hai que sufrir polo benestar dos fillos únicos, non hai estudos que demostren que deban compartir a súa vida cun irmán ou irmá para o seu correcto desenvolvemento.