Un verán libre de picaduras
A calor e a escaseza de chuvias xeran cada verán a proliferación de todo tipo de aguillóns que furan a pel dos veraneantes por mar e aire. Moscas, mosquitos, avespas ou augamares, entre outros, fan o seu agosto nesta época. O efecto das súas picaduras móvese entre a molestia, a comechón inaturable ou ata problemas de saúde. Só a acción das abellas e das avespas causa entre dez e vinte mortes cada ano en España pola reacción alérxica ao veleno inoculado por estes insectos.
Abellas e avespas
- As avespas teñen o aguillón liso, polo que poden picar máis dunha vez. As máis das súas picadas prodúcense no verán e ata finais do outono.
- O aguillón das abellas dispón duns dentes que impiden a súa saída así que se crava unha vez. A maior incidencia das picadas das abellas dáse dende a primavera ata finais do outono.
- As abellas e mais as avespas só pican como defensa.
- Dor, prurito e inchazo de poucos milímetros son as manifestacións máis habituais á picadura de abellas e avespas. Estes síntomas son o resultado dun fenómeno tóxico non inmunolóxico causado por unha reacción local que cede ás poucas horas de recibir a picada.
- Se a picadura se produce na boca, no nariz ou na gorxa cómpre actuar decontado, xa que o inchazo provocado polo veleno pode chegar a pechar as vías respiratorias.
- Se logo dunha picadura sofre mareos, urticaria, hipotensión, broncoespasmo, debilidade ou perda de consciencia, daquela pode que desenvolvera unha alerxia aos compoñentes do veleno destes insectos, alerxia que pode ser de maior ou menor grao e que ata pode chegar a causar a morte.
- Segundo a Sociedade Española de Alergoloxía e Inmunoloxía Clínica (SEAIC), cada ano morren en España entre 10 e 20 persoas debido á alerxia ao veleno de avespas e abellas, e a metade das reaccións require atención en urxencias.
- Se vai gozar dun día ao aire libre evite levar roupa de cores rechamantes, cremas con perfume e colonias fortes.
- Non leve comida ou refrescos a lugares onde abundan as abellas ou as avespas. En caso de que se acheguen procure permanecer inmóbil porque calquera movemento brusco pode ser interpretado como unha ameaza e, polo tanto, rematar en picadura.
- En caso de que o piquen, afástese da zona para evitar novas picaduras, xa que as feromonas que liberan tras picar atraen novos insectos.
- Se o aguillón está cravado na pel, extráiao. Non prema nin belisque a zona, o único que conseguirá é espallar o veleno.
- Limpe con auga e xabón a área afectada, desinféctea cun antiséptico e aplique xeo para evitar o inchazo.
- Se a dor non remite pode tomar un analxésico e un antihistamínico para aliviar a comechón.
- Se ten unha reacción alérxica e sofre dificultades para respirar ou para tragar, chame ao número de emerxencia 911.
Mosquitos
- Os mosquitos son outra especie molesta e á vez portadora de graves enfermidades. Críanse en zonas de auga estancada, canles e gabias, e entran nas casas para alimentarse.
- Os mosquitos comúns aproveitan a noite para atacaren as súas vítimas. A súa picada produce un leve inchazo cunha comechón non moi intensa, pero si molesta e duradeira. Os seus efectos desaparecen ao cabo dunhas horas e non é necesario tratamento con medicamento ningún. Para aliviar a comechón pódese recorrer aos fármacos antiprurixinosos a xeito de xel ou roll-on, que refrescan e calman a pel irritada.
- Como medida preventiva, a partir da tardiña utilice camisas e pantalóns de manga longa.
- Un dos recursos máis utilizados para combater moscas e mosquitos son os insecticidas en spray. Se os vai utilizar dentro de casa pulverice suave e repetidamente o ambiente e as zonas próximas ao lugar de onde proveñen os insectos e deseguido peche os cuartos para que faga efecto. Non dirixa o produto sobre lugares onde haxa comida exposta.
- Outra modalidade son os insecticidas eléctricos. Para previr os posibles esquecementos e deixar o difusor enchufado, no mercado ofrécense algúns modelos con temporizador, nos que se especifican as horas de comezo e desconexión.
- As locións repelentes de insectos son unha alternativa que hai que ter en conta especialmente no caso de nenos ou de se viaxar ao estranxeiro, xa que os mosquitos de países cálidos e húmidos transmiten enfermidades como o paludismo ou a febre amarela.
- Se prefire unha solución caseira, o vinagre e os aceites esenciais de limón ou lavanda diluídos en auga e aplicados sobre a pel son un eficaz repelente contra os molestos mosquitos. Outra opción moi natural é colocar macetas de alfábega ou de menta preto das portas e das fiestras. O cheiro que desprenden evitará que os mosquitos se acheguen.
- Se hai nenos na casa engádalle aceite esencial de lavanda a calquera aceite ou crema corporal e aplíquellelo sobre o corpo.
Carrachas
- As carrachas apéganse á pel para chuchar o sangue. Abundan nas fragas e mais nas plantas de gran tamaño como fentos e pastos altos. Os donos de cans ou de animais de granxa e as persoas asiduas ás paraxes naturais corren un maior risco de padecer a súa picadura e, polo tanto, de contraer algunha das enfermidades que transmiten.
- Ao seren case indoloras, as picaduras pasan desapercibidas, pero no 5% dos casos poden desenvolverse cadros infecciosos ou tóxicos moi graves, que poden pór en perigo a vida dos afectados se non son tratados correctamente ou se se demora o tratamento.
- As carrachas poden transmitir enfermidades como a Ehrlichiose, a febre botonosa mediterránea ou a enfermidade de Lyme.
- Á semana da picadura aparece unha inflamación superficial da pel cunha mancha negra central e cun aumento dos ganglios linfáticos próximos á lesión.
- Os síntomas son dor, febre e malestar xeral, e, cando pica na cabeza, a reacción orixina unha alopecia que tarda meses en sandar.
- Se lle pica un destes artrópodos, humedeza a pel con alcohol ou gasolina para facilitar que a carracha se despegue. Se é preciso extraela fágao cara a arriba e perpendicularmente á pel. Despois lave a zona con auga e xabón e desinféctea. Se as molestias non desaparecen consulte o seu médico.
Augamares
- As medusas ou augamares tornáronse na nova praga das costas españolas. Chegan ata as praias polas altas temperaturas do mar e arrastradas polas mareas. O 95% dunha augamar é auga, de aí a súa transparencia, que lles serve para camuflarse.
- O contacto con augamares, vivas, mortas ou con restos delas, produce unha dor e unha comechón intensa e inmediata na zona afectada. Pode causar reaccións locais con arrubiamento, inflamación e vesículas pequenas, entre outras. Menos común é a sintomatoloxía de carácter xeral: náuseas, vómitos e cambras musculares. Os casos máis graves poden ocasionar perda de conciencia, co risco de afogamento se a persoa afectada está dentro da auga.
- Saiba que se tivo contacto previo cunha augamar pode que estea sensibilizado, e unha segunda picada pódelle producir unha reacción máis severa.
- Cando as augamares aparecen nas praias, a mellor prevención é permanecer fóra da auga.
- A utilización correcta de cremas solares, amais de filtrar as radiacións solares, actúa como capa illante fronte a tentáculos de augamares e doutras especies ou substancias tóxicas que frotan na auga.
- Teña en conta que as augamares non atacan, senón que pican cando se contacta cos seus tentáculos de xeito accidental, polo que se detecta a presenza dalgunha non se asuste nin se deixe levar polo pánico e saia devagar da auga sen movementos bruscos para evitar atraer os tentáculos. Se a ten moi preto, poña a palma da man na zona máis xelatinosa, a umbrela, e apártea lateral e moi amodiño. Os tentáculos seguirán ese desprazamento e non o picarán.
- Nunca toque unha augamar, aínda que estea fóra do mar e pareza morta, xa que as células urticantes dos seus filamentos poden seguir activas e as células urticantes dos seus filamentos desprenderse do animal.
- Se sofre unha picadura limpe a zona afectada con auga salgada ou con soro fisiolóxico, nunca utilice auga doce nin a fregue con area nin coa toalla porque só conseguirá que a irritación sexa maior.
- Aplique frío sobre a zona afectada durante uns quince minutos usando unha bolsa de plástico que conteña xeo para favorecer a desnaturalización do veleno (perde o seu efecto), co que co que evitará que chegue ao rego sanguíneo e que poida xerar posteriores complicacións.
- Se hai algún resto de tentáculo adherido á pel, non realice movementos bruscos para desprenderse deles. Quíteos utilizando unhas pinzas.
- Ademais, debe aplicar unha crema que conteña un analxésico, un antihistamínico ou un corticosteroide.
- Se a dor é moi intensa ou o estado da vítima empeora, deberá acudir a un centro médico de inmediato.
Ourizos e escorpións mariños
- Os ourizos, máis que picar, espiñan.
- En caso de picada tire fóra decontado as pugas. Ao seren calcarias, se quedan incrustadas pode intentar abrandalas con vinagre para que se disolvan. Despois lave ben a zona e aplique un antiséptico.
- Os escorpións mariños están medio soterrados baixo a area, cravan as pugas da aleta dorsal nos pés dos bañistas e producen moita dor.
- Extraia as pugas cunhas pinzas e lave a zona afectada con auga salgada.
- Saiba que o veleno destes animais é termolábil (altérase con facilidade pola acción da calor), polo que debe somerxer axiña o pé, ou a parte afectada, en auga quente.