Os riscos de ser atendido nun centro de saúde
Risco, perigo ou incerteza son conceptos asociados a numerosas actividades da vida laboral, pero tamén aparecen cando se acode a un centro hospitalario ou a un ambulatorio. Os Efectos Adversos (EA) ligados á asistencia sanitaria son un problema frecuente en calquera nivel asistencial, aínda que durante décadas se asumiron como o prezo a pagar polos modernos métodos de diagnóstico e tratamento, unha especie de tributo polo progreso. Organizacións de diversos países, entre eles España, deseñan estratexias para a súa prevención, de acordo aos numerosos estudos xa publicados sobre os Efectos Adversos, as súas consecuencias na calidade de vida dos pacientes e o impacto que supoñen nos sistemas de saúde.
Multiplicidade de riscos nos servizos sanitarios
Baixo o paraugas de Efectos Adversos recóllense unha morea de situacións: infeccións hospitalarias, complicacións anestésicas, atrasos e erros diagnósticos, cirurxía inadecuada, equivocacións na medicación, esquecemento de corpos estraños tras a cirurxía, úlceras por decúbito, confusión de historiais… Un dos termos vinculados a este problema é o de iatroxenia, concepto médico que define os efectos indesexables da prescrición médica farmacolóxica. Tamén fai referencia ao dano que se lles causa aos pacientes como consecuencia das actividades diagnósticas, preventivas e terapéuticas, e o ocasionado por un intervencionismo excesivo, coñecido como iatroxenia clínica. Tamén se fala de iatroxenia social, concepto que abrangue os danos ocasionados pola medicalización da vida diaria, é dicir, o uso excesivo da medicina para solucionar problemas que non precisan dela. Por último, fálase dun Efecto Adverso cultural ante unha situación caracterizada polo abandono da propia responsabilidade ante o proceso de enfermar.
Sempre que se debate sobre os Efectos Adversos asociados á sanidade, trátanse os riscos inherentes ao paciente relacionados coa enfermidade que padece, condicionada á súa vez pola idade, a comorbilidade (cando un paciente padece ao mesmo tempo dúas enfermidades independentes) e o nivel social e educativo. Se se ten en conta que a poboación que ingresa nos hospitais é cada vez máis vella (no 2006 un 40% dos ingresados era maior de 65 anos, fronte ao 33% do 2001) , e que aumenta a tendencia dunha asistencia máis ambulatoria, córrese o risco de que aumente a frecuencia e gravidade dos Efectos Adversos de non se adoptaren as medidas axeitadas para o seu control.
Nos EE.UU. e mais no Reino Unido xa se crearon organizacións co obxectivo de mellorar a seguridade do paciente a través de estratexias para a súa prevención. A cuestión abordada por estas organizacións é por que non se segue cos pacientes no sistema de asistencia sanitaria o modelo de prevención de riscos no ámbito laboral. No 2007 celebrouse a terceira conferencia internacional de seguridade de pacientes e numerosos países asinaron unha declaración para a seguridade. Precisamente, en España, o Plan de calidade do sistema nacional de saúde propuxo unha estratexia destinada a mellorar a seguridade dos pacientes e, en colaboración coas comunidades autónomas, desenvolveu proxectos sobre prácticas seguras en oito grandes áreas, entre as que figuran:
- Prevención de EA derivados da anestesia.
- Prevención de fracturas de cadeira en pacientes poscirúrxicos.
- Prevención das úlceras por presión en pacientes de risco.
- Prevención do tromboembolismo pulmonar (TEP) e trombose venosa profunda (TVP) en pacientes sometidos a cirurxía.
- Prevención da infección nosocomial (intrahospitalaria) e infeccións cirúrxicas.
- Prevención de erros de medicación.
- Implantación e aplicación correcta do consentimento informado, así como o cumprimento das últimas vontades expresadas con anterioridade polos pacientes.
Se ben durante anos o enfoque ante os erros e os Efectos Adversos se centrou na busca e castigo do culpable, os expertos defenden unha perspectiva moi diferente: o risco identifícase, analízase e elimínase ou minimízase. É un cambio cultural importante e, como tal, resulta complexo. O primeiro paso céntrase na elaboración de estudos epidemiolóxicos para cuantificar o problema, para analizar de xeito individual os Efectos Adversos máis relevantes e graves, promover a xestión do risco e achegar as recomendacións pertinentes.
En febreiro do 2005, os expertos dun taller sobre seguridade de pacientes e xestión de riscos sanitarios identificaron máis de 40 problemas considerados prioritarios para a resolución de situacións relacionadas coa seguridade dos pacientes. Entre todos eles salientan os seguintes:
- Ausencia dunha cultura de identificación, xestión e prevención de riscos.
- Falta de interese pola información nunha organización -reclamacións ou queixas- para mellorar a seguridade.
- Introdución de accións de mellora por parte dos responsables sen identificar efectos adversos.
- Inexistencia de metodoloxía científica e protocolizada para garantir a seguridade do paciente e análise.
- Resistencia dos profesionais a participar en programas sobre a seguridade do paciente.
- Desgana por parte dos pacientes, familiares e institucións na xestión do risco e a calidade.