Durmir sen descanso
“Durmir para esquecer e desconectar”. A maioría dos cidadáns atopan no sono o bálsamo contra un día cargado de tensión, de discusións familiares ou da preocupación por como chegar a fin de mes. Pero aínda que todos durmimos, non todos descansamos do mesmo xeito. O cerebro segue activo, aínda que sen conciencia, para reparar o cansazo e organizar toda a información recibida. Isto permite que o sistema nervioso entre en acción para garantir o descanso físico e mental, de aí que sono e vixilia se complementen e se consideren dúas partes da mesma unidade. Non obstante, hai persoas -sobre todo menores de idade- que sofren trastornos nalgunha das etapas das que consta o sono, co que non descansan de xeito conveniente e se ven afectados de temporalmente por somnambulismo, parálise do sono ou trastornos de balanceo.
O sono
O sono organízase en fases que aparecen de xeito continuado e que cumpren funcións específicas. A primeira, a de ondas lentas ou sono non REM, divídese en catro etapas que permiten que o sono sexa cada vez máis fondo. Neste proceso, que se prolonga durante uns 90 minutos, diminúe o ritmo respiratorio e cardíaco, ao mesmo tempo que se produce un illamento sensorial que proporciona o descanso físico para a recuperación de enerxía.
A segunda fase é a chamada de sono REM ou dos movementos oculares rápidos. Nos seus 90 minutos de duración, o cerebro rexistra case tanta actividade coma durante a vixilia, posto que é a etapa na que se orixinan os sonos e pesadelos. Pero no canto de recoller información do mundo externo, o cerebro só ten en conta a información que xera por si mesmo, como un intento de organización e de consolidación de aprendizaxe e recordos.
Durante as oito horas que debería durar o sono sucédense alternativamente as dúas fases descritas, de xeito que se alterna sono profundo e menos profundo unhas tres ou catro veces cada un. Os episodios vividos nos sonos da última fase REM son máis bos de lembrar pola súa proximidade ao momento de espertar.
O somnambulismo
Entre os trastornos do sono que unha persoa pode padecer a calquera idade, o máis habitual é o somnambulismo, unha alteración con maior prevalencia na infancia e que diminúe co paso dos anos. Non se considera unha patoloxía grave e en xeral non ocasiona problemas de saúde. Ademais, desaparece de modo espontáneo, polo que non require tratamento específico salvo que se dea con demasiada frecuencia.
Ante un episodio de somnambulismo, o máis sorprendente é que a persoa afectada segue durmida, aínda que se dea erguido da cama e realizado algunha tarefa sinxela. O resto da familia xa sabe que o somnámbulo se ergue da cama cos ollos abertos, desorientado e que os seus movementos son erráticos. Tamén é consciente de que intentar espertar a quen se atopa neste estado pode levar algúns minutos, posto que este trastorno se desenvolve na fase de sono máis fondo. Aínda que a crenza popular afirma que é perigoso espertar a unha persoa somnámbula, a evidencia científica confirma que non resulta daniño para a saúde. Non obstante, os expertos aseguran que o máis recomendable é proporcionarlle á persoa somnámbula unha serie de instrucións sinxelas de comprender e que faciliten a volta á cama para que poida continuar durmindo sen perigo.
Con este fin, é preferible que outra persoa o acompañe ao cuarto e que utilice frases tranquilizadoras, sen recorrer a expresións bruscas ou de queixa, como “xa está ben”, “todos os días igual”, etc. Se se acada este obxectivo, o normal é que ao día seguinte non lembre nada, polo que resultará pouco efectivo insistir no acontecido. Isto é moi relevante durante a infancia, período durante o que estes casos deberán ser tratados coa maior delicadeza, sen recriminacións nin intentos de convencemento para que isto non volva acontecer. Non obstante, e co obxecto de previr calquera accidente, as ventás da casa deben estar pechadas durante as horas de sono e controlados aqueles obxectos que poidan causar dano físico.
Outras prácticas rutineiras, sobre todo na infancia, pasan por seguir uns hábitos regulares e horarios de sono estables. Durmir as horas axeitadas (arredor de oito) co mínimo de alteracións facilita o descanso dos máis pequenos, e reduce a probabilidade de que se desenvolvan máis episodios.
- Trastorno de conduta durante a fase REM: caracterízase polos movementos bruscos que escenifican os sonos que se están a producir. É máis habitual nos homes de idades avanzadas, a partir dos 60 anos.
- Somniloquio: baséase en balbucidos, palabras inconexas e mesmo frases enteiras pronunciadas durante o sono. Pódese producir durante a infancia ou na idade adulta, e ir asociado a episodios de estrés.
- Bruxismo: a activación dos músculos da mandíbula de maneira repetida durante o sono causan o desgaste dos dentes. Sufrir dor na mandíbula ao espertar pode ser un claro sinal de que se está a dar este tipo de parasomnia. O normal é recorrer a unha prótese que diminúa a presión e desgaste posterior.
- Mioclonias hípnicas: son contraccións musculares espontáneas e súbitas. En xeral, relaciónanse cos excesos no consumo de substancias estimulantes, como o café.
- Espertares confusionais: denomínanse así porque se desenvolven durante as fases de sono profundo. Polo tanto, resulta máis difícil recuperar a lóxica e tomar conciencia do que acontece. O estrés e os estimulantes adoitan ser as causas destes espertares repentinos que non deben confundirse co insomnio.
- Parálise do sono: equivale ao espertar durante a fase REM, o que xera unha parálise corporal. A persoa non pode mover o seu corpo de maneira voluntaria durante uns segundos, o que resulta angustiante. Con todo, non é grave. É habitual en persoas que traballan por quendas ou que se someten habitualmente ao jet-lag.
- Trastornos de balanceo: trátase dos movementos rítmicos da cabeza ou tronco que se orixinan no mesmo momento de conciliar o sono, moi comúns na primeira infancia, pero que desaparecen despois.