A mesma calor con menos euros
Seis de cada dez euros que dedica no inverno unha familia ao gasto enerxético quéimanse na calefacción, un gasto considerable, máis se cabe cunha recesión económica que deixou de ser un aviso. Unha instalación e un uso axeitado garanten un desembolso menor, aínda que o clima da zona xeográfica na que se viva, o tamaño da vivenda, o tipo e calidade do acristalamento e o illamento térmico determinarán en boa medida as necesidades de cada fogar. O uso de novos sistemas de calefacción máis eficientes, como os cronotermóstatos, e un correcto mantemento dos equipos permiten reducir o consumo enerxético entre un 10% e un 40%.
Para cada clima e para cada peto, un sistema
- Recomendado para climas fríos.
- Prezo da instalación. Dende 3.600 euros.
- É a opción máis demandada sempre que a vivenda conte con subministración de gas para outros usos, como o aproveitamento da auga quente. Permite unha doada regulación da calor polos cuartos e é posible manter toda a casa á mesma temperatura. O gas natural é limpo e non contamina. As caldeiras poden ser convencionais ou de condensación. Esta tecnoloxía, que aproveita o vapor de auga que se produce nos gases de combustión e que o devolve en estado líquido, permite un aforro de ata o 30% no consumo de enerxía fronte ao modelo tradicional e reduce ata un 70% as emisións de óxido de nitróxeno (NOx) e de dióxido de carbono (CO2). Aínda que algúns modelos poden custar o dobre ca as caldeiras convencionais, o investimento rendibilízase antes, xa que coa redución do consumo dáse diminuído tamén a factura de gas.
- Recomendado. Climas mornos.
- Prezo. Dende 50 euros cada módulo.
- É un sistema indicado para climas mornos e para vivendas nas que non se pode instalar unha caldeira de gas ou gasóleo. Aínda que non produce nin gases nin cheiros, é un sistema pouco recomendado polo seu prezo e eficacia.
- Recomendado. Climas mornos.
- Prezo. De 100 a 350 euros por radiador.
- Chamados tamén emisores termoeléctricos ou ecoemisores, esta variante da calefacción eléctrica comercialízase en dúas versións: de fluído -a maioría dos dispoñibles no mercado sono- ou de tecnoloxía seca. En ambos os dous casos constan dun corpo de aluminio e dunha resistencia que nun caso quenta o fluído e no outro unhas placas de alta capacidade calorífica. Son limpos, seguros e bos de instalar; abonda con penduralos da parede, enchufalos e pólos a traballar. Ademais, incorporan un sensor e un termóstato de seguridade que teñen a función de controlar a temperatura do emisor.
- Recomendado. Climas fríos.
- Prezo. Dende 5.500 euros.
- É o modelo de transmisión de calor máis natural. Componse dunha estrutura de canalizacións que se pode integrar no chan, teito ou paredes, aínda que é máis efectiva nos dous últimos. A súa principal vantaxe é que a calor se espalla uniformemente pola casa toda. Este sistema permite un aforro de enerxía de entre un 10 e un 30%, pero por mor da complexidade da súa instalación non é recomendable en casas pequenas nin en climas mornos nos que só se vaia usar dous ou tres meses ao ano.
- Recomendado. Climas cálidos.
- Prezo. Dende 1.200 euros.
- É un dos sistemas máis axeitados para zonas mornas ou cálidas, xa que permite gozar dunha boa temperatura durante todo o ano: calefacción en inverno, aire acondicionado no verán e deshumedectación en épocas intermedias, nun único aparello. Non hai perigo de incendio ou de explosión porque non se dá a acumulación de combustibles e tampouco dispón de saída de fumes.
Un bo illamento, o primeiro paso para aforrar
- Unha casa ben illada precisa entre un 20 e un 40% menos de consumo enerxético para manter unha temperatura agradable.
- A calor dunha vivenda pérdese polas seguintes vías: paredes (35%), teito (25%), fendas (15%), chan (15%) e ventás (10%).
- Entre o 25% e o 30% das necesidades de calefacción débense ás perdas de calor que se orixinan nas ventás. Revise e mellore os seus illamentos en caso de que detecte deficiencias.
- As superficies de cristal son o punto máis vulnerable ás fugas de calor. Unha medida eficiente é instalar sistemas de dobre ventá ou de dobre acristalamento, xa que reducen á metade a perda de calor respecto ao cristal sinxelo.
- Instale burletes adhesivos en portas e ventás para conservar a calor. Aforrará entre un 5% e un 10% de enerxía.
- Asegúrese de que as caixas das persianas non teñan fendas e de que estean ben illadas.
- Se ten previsto realizar unha reforma na casa aproveite para instalar un bo illamento térmico en paredes e teitos. O gasto anual de calefacción pódese incrementar ata un 70% nas vivendas que carecen del, sobre todo en casas unifamiliares.
Termóstato, clave para controlar a temperatura
- Entre as solucións que permiten reducir o consumo atópanse as válvulas termostáticas para radiadores (entre 20 e 25 euros por unidade) e mais os termóstatos (entre 17 e 100 euros). Ambas as dúas solucións son doadas de instalar, e o seu uso xera un aforro de enerxía de entre o 8 e o 13%.
- Outra opción son os cronotermóstatos -termóstatos con programador horario-, que permiten preseleccionar o programa de funcionamento da calefacción, de acordo coas preferencias dos usuarios.
- Se se ausenta por unhas horas, reduza a posición do termóstato a 15 ºC, que é a temperatura correspondente á posición “economía”.
- Manteña o termóstato en 20 ºC durante o día. Para durmir abonda entre 15 ºC e 17 ºC. Por cada grao de máis a partir dos 20 ºC increméntase o consumo entre un 6 e un 8%.
- Temperatura de confort. É o estado habitual de funcionamento da calefacción (20 ºC) cando os usuarios están na vivenda.
- Temperatura económica. Refírese ao estado de funcionamento necesario cando os usuarios saen de casa por un curto período de tempo e desexan que se manteña a temperatura. O recomendable é 15 ºC.
- Nivel de temperatura “antixeada”. O obxectivo é evitar que a auga contida nos canos da vivenda se conxele en inverno e produza roturas no sistema de calefacción. Abonda con alcanzar unha temperatura mínima tope de arredor dos 5º C.
- Ante calquera anomalía na súa calefacción, avise o servizo técnico do fabricante ou unha empresa instaladora autorizada para que a arranxen.
- O estado da chama da caldeira pode indicar que a instalación funciona ben. Se a chama é azul e estable a combustión estase a realizar como corresponde.
- Se percibe cheiro a gas, non acenda ningún interruptor, aparello eléctrico nin mistos. Abra portas e ventás, peche as chaves do gas e chame a unha compañía autorizada para que revise e repare a súa instalación.
- Se o seu sistema de calefacción é eléctrico, evite manipulalo con mans ou pés húmidos. Nunca o faga se está descalzo, sobre todo no baño.
- Non tape os radiadores con roupa ou outros obxectos, nin utilice estufas para secar a roupa mollada, é un xeito de incrementar o consumo.
- Se a calefacción da súa casa é colectiva e sente demasiada calor, non abra as fiestras, abonda con pechar a chave dos radiadores.
- Non manteña as ventás abertas máis tempo do que precise. Dez minutos abondan para ventilar un cuarto.
- Nas horas de sol abra persianas e cortinas para que entre a calor do sol. Polo serán pécheas para evitar perdas de calor.
- Non sendo que viva nunha zona moi fría, apague a calefacción pola noite, xa que a calor acumulada na vivenda é abonda.
- Un ventilador de teito é a mellor solución para mover o aire quente atrapado no teito debido á súa natural ascensión e a unha pobre circulación. O movemento das pas do ventilador fai que a calor descenda, equilibrando a temperatura do teito e do chan, cun aforro de enerxía da orde do 30%.