Nadal e nenos: algo máis ca agasallos e televisión
Os máis pequenos da casa e os seus pais contan os días que quedan para as vacacións de Nadal, aínda que por motivos ben distintos. Os primeiros só pensan en xogar, nos regalos e na ausencia de clases, apuntamentos e profesores. Os segundos, en como van manter o xa difícil equilibrio entre a vida laboral e a familiar. A fórmula máis común, ao igual ca o resto do ano, é o recurso aos avós. O 75% dos maiores de 65 anos en España ten netos, e preto dun millón de avoas españolas coidan deles durante a xornada laboral dos pais, segundo o Instituto da Muller. Non é estraño, polo tanto, que se convertan nos anfitrións e canguros dos máis pequenos durante estas semanas.
Pero non todo o peso ten por que recaer nos maiores. Cada vez máis, institucións públicas e entidades privadas organizan actividades lúdicas e culturais que teñen os máis pequenos como destinatarios. Fronte á opción menos recomendada -ver a televisión ou xogar aos videoxogos durante horas-, instálanse en cidades e vilas atraccións, parques de lecer, mercados, concursos de beléns, árbores e panxoliñas… A iso súmanse tamén as escolas, que, cada vez en maior número, abren por vacacións. Todo iso cun único obxectivo: garantir a tranquilidade dos pais e a seguridade, a educación e a diversión dos seus fillos.
Aberto por vacacións
Malia ser, en aparencia, a época de maior tranquilidade e feliz convivencia do ano, a chegada das vacacións escolares do Nadal reavivan as reivindicacións dos sectores que reclaman unha distribución máis racional e pedagóxica dos períodos non lectivos. Esta demanda cobra especial relevancia cando os nosos alumnos son os nenos europeos co horario lectivo máis reducido, 175 días fronte a unha media de 186 no resto de Europa, e os que gozan de máis días de vacacións -máis de 16 semanas- ao ano.
Esta distribución dificulta a compatibilidade dese horario para os dous millóns de fogares españoles con nenos nos que traballan os adultos -segundo datos de Eurostat- e para os 320.000 pais ou nais que non contan con axuda para encargarse dos seus fillos, segundo o último estudo do Instituto Nacional de Estatística (INE), elaborado no 2002. Por iso, a comunidade educativa avoga por recortar, entre outros, o período de vacacións do Nadal co obxecto de facilitar a convivencia entre pais e fillos.
Ante esta situación, un maior número de concellos, organismos autónomos e asociacións de pais habilitan centros escolares de infantil e primaria (de 3 a 12 anos) nos que se organizan obradoiros e actividades extraescolares: dende obradoiros da máis diversa índole ata excursións, a maioría gratuítos, co obxecto de atender os nenos mentres os pais traballan.
Durante o pasado Nadal, as comunidades autónomas de Madrid, Aragón e Castela e León mantiveron abertos durante este período 255 colexios para lles ofrecer actividades extraescolares a máis de 13.000 alumnos, iniciativa que secundaron, entre outros moitos, varios centros de Cataluña ou Castela-A Mancha.
“Quéroo”. Esta é a frase que máis repiten os pequenos en casas propias e alleas durante o Nadal. E é que nestes días a ilusión dos nenos está por riba de crises, hipotecas e débedas. Os últimos informes da Asociación Española de Fabricantes de Xoguetes (AEFX) reflicten que a venda de regalos se concentra nun 70%-75%, do 1 de decembro ao 6 de xaneiro, o que supón que o gasto en xoguetes se dispara ata os 200 euros por neno. Así e todo, a importancia do xogo non radica no xoguete en si, senón no uso que se faga del. Segundo un estudo do Colexio de Pedagogos de Cataluña, o xogo duplica a capacidade de concentración e de memoria do neno. Ademais, desenvolve os seus sentidos, esperta a súa imaxinación e fantasía, estimula a capacidade perceptiva e a atención e exercita a memoria. Grazas ao xogo o menor aprende a comunicarse co mundo que o arrodea, e o xoguete tórnase nunha fonte privilexiada de exploración e transmisión da realidade social. Pedagogos e psicólogos reiteran, con todo, que o mellor regalo para un fillo é que os seus pais xoguen con el.
Ideas para gozar do Nadal en familia
Con independencia da persoa responsable en cada familia de velar para que os pequenos gocen con actividades divertidas e educativas, o Nadal é un período especial, e non só polas vacacións e mais os regalos. As reunións familiares, máis ou menos multitudinarias, as saídas ao cine, a Cabalgata de Reis ou as distintas feiras infantís compoñen unha atractiva oferta de lecer que gusta a toda a familia.
Durante estes días celébranse diversas feiras nas que se organiza teatro, cinefórums, concursos de xadrez e de fotografía, ou campionatos de diferentes disciplinas deportivas. Velaquí algunhas das máis salientables.
- Juvenalia (Madrid). Do 19 ao 28 de decembro, os Pavillóns 2, 4 e 6 de IFEMA énchense de ciencia, deporte e música de dez da mañá a oito da tarde. A entrada é gratuíta.
- Juveándalus (Granada). Esta feira andaluza da infancia e da xuventude abre as súas portas do 15 ao 28 de decembro, cunha ampla oferta de obradoiros deportivos, lúdicos e educativos. O prezo da entrada para grupos (escolas, asociacións, clubs) é de 5 euros, e as individuais custan 6 euros.
- PIN (Bilbao). Os nenos e mozos que visiten o Parque Infantil de Nadal entre o 13 de decembro e o 5 de xaneiro poderán participar en xogos e obradoiros, visitar atraccións de feira, practicar o skate e xogar ao minigolf, entre outras actividades. Os prezos oscilan entre 5 e 7 euros. Entrada gratuíta para os menores de 3 anos.
- Expojove (Valencia). Entre o 24 de decembro e o 4 de xaneiro, os nenos valencianos poden coñecer e practicar unha gran cantidade de deportes, acceder a diversos obradoiros como os de talle de madeira, de cerámica, radio, coñecer un galeón viquingo ou os inventos de Leonardo da Vinci. O prezo oscila entre 1 e 4 euros. Os menores de cinco anos teñen o acceso gratuíto.
- Festival da Infancia (Barcelona). Do 27 de decembro de 2008 ao 4 de xaneiro do 2009, os máis pequenos poden gozar dunha grande oferta de espectáculos musicais, obradoiros, manualidades e actividades deportivas. O prezo da entrada é de 8 euros para todo o día, e de 5 euros se se visita a partir das 16.00 h.
- Feria Infantil de Nadal (Zaragoza). O Espazo é o tema central da edición deste ano. Entre o 26 e o 30 de decembro, os nenos de entre 2 e 12 anos poderán gozar dun obradoiro de pelotas canguro, do astronauta Miranda, do marciano Mariano ou dun particular foguete espacial. O prezo das entradas é de 2 euros para os adultos e de 8 para os nenos.
É un xeito lúdico de coñecer as orixes da festa e outras tradicións que forman parte da memoria colectiva. Moitas cidades e vilas realizan representacións teatrais que rememoran as orixes desta festa relixiosa.
- Belén Vivente de Buitrago de Lozoya (Madrid). Os días 20, 21, 25 e 27 de decembro, ás 18:30 h.
- Belén Vivente de Arcos da Fronteira (Cádiz). O día 20 de decembro ás 18:30 h.
- Presebe de Báscara (Xirona). Os días 23, 25, 26, 29 e 30 de decembro e 1 e 6 de xaneiro, ás 19:00 h.
- Auto do Misterio de Reis de Sangüesa (Navarra). O 5 de xaneiro.
- Confraría do Neno Deus en Galisteo (Cáceres). Os días 24 e 25 de decembro.
Ludotecas, bibliotecas públicas, centros comerciais e outros centros especializados tamén ofrecen programas destinados a achegarlles as festas aos reis da casa. Lecturas de contos de Nadal e elaboración de marionetas, debuxos ou manualidades para adornar a casa son algunhas das actividades máis recorrentes para entreter os pequenos e adolescentes nas súas horas de ocio.
Durante estas festas, os espectadores de 4 a 12 anos pasan unha media de máis de tres horas diante do televisor, mentres que os maiores de 13 anos dedican unha media de catro horas. Esta é unha práctica cada vez máis estendida que require lembrar cales son os principios básicos sobre a utilización responsable da televisión nos fogares. Non se trata de prohibir que se vexa a tele, senón de regular o seu consumo e evitar o uso da televisión como coidadora de nenos.
- Evite deixar os seus fillos sós ante a pequena pantalla -o informe anual da empresa especializada en mercadotecnia audiovisual GECA pon de manifesto que os nenos pasan sós o 28% do seu tempo televisivo-. Fágao só cando se emitan programas que lle ofrezan todas as garantías. Ante a dúbida, use o DVD para que vexan unha película da súa confianza.
- Elixa programas apropiados para o nivel de desenvolvemento dos pequenos.
- Estimule discusións cos seus fillos sobre o que están a ver mentres ven os programas xuntos.
- Dosifique o tempo que os nenos pasan fronte ao televisor: non máis de unha ou de dúas horas ao día.
- Nunca deixe a televisión acesa sen voz ou o son sen imaxe, como ambiente de fondo.
- Ensínelles aos seus fillos a conectar o aparello só cando comece o programa que lles interese, e afágaos a cambiar de canle cando un programa non sexa conveniente e mais a apagar a tele cando remate o que están a ver ou cando a programación non sexa adecuada para eles.
- Apague a tele durante as horas da comida e dos estudos.
- Propóñalles actividades alternativas á televisión arredor as cales poder organizar o seu tempo libre.
Videoxogos, o agasallo estrela de cada Nadal
Nin bonecas, nin coches de carreiras, nin películas de DVD ou libros. Os videoxogos son o produto máis demandado como regalo; por estas datas, distribúese o 40% das vendas anuais de todo o sector, na súa maioría de fabricación xaponesa e norteamericana. En Europa, España mantén o cuarto lugar en vendas de software interactivo e en venda de consolas, por detrás de Reino Unido, Alemaña e Francia, ata o punto de que o consumo de videoxogos supón en España o 54% do total do lecer audiovisual, por riba do volume de entrada das salas de cine, das vendas de gravacións de música ou das películas de DVD. A variedade de formatos nos que se comercializaron os videoxogos, para todas as idades, gustos, circunstancias e petos tórnaos nun dos produtos máis utilizados e máis devecidos polos máis pequenos.
- Non os demonice. Os videoxogos teñen un alto valor pedagóxico porque poden axudar á asimilación de conceptos abstractos, xeométricos ou matemáticos. Ademais, constitúen un estímulo para desenvolver o interese intelectual, musical ou estético.
- Deben mercar aqueles que sexan acordes ao contido e á idade dos nenos.
- Familiarícese coas clasificacións dos xogos e coas declaracións de privacidade, e revise os termos de uso aceptable dos sitios de xogo en rede.
- Controle o contido dos videoxogos que demandan os seus fillos para coñecer as mensaxes ás que se expoñen, porque poden ser violentos, sexistas ou racistas.
- Observe quen son os seus compañeiros de xogo. Coloque o equipo ou a consola de xogos nun lugar dende o que poida supervisar doadamente a actividade.
- Fomente o uso de videoxogos que permitan a participación de máis dun xogador. Intente que o neno non xogue nunca só, xa que este é un xeito de socializalo cos amigos, pais e irmáns.
- Limite o tempo do uso dos videoxogos. É recomendable que non xogue acotío máis de 30 a 60 minutos, descansando cada 20- 30 minutos.
- Vixíe o intercambio de videoxogos entre amigos e os programas que poden baixar de Internet.
- En caso de alugueiro, como os videoxogos se entregan sen portadas, hai que xogar cos fillos para poder valoralo, xa que non todas as indicacións acerca do contido se entregan co xogo.