Un soldo temporal para afrontar o desemprego
Do pluriemprego ao paro en pouco máis dun ano. A crise económica e o freo do mercado inmobiliario incrementaron, e moito, o número de persoas que se atopan sen traballo en España, que ascende a dous millóns e medio, o peor dato rexistrado nos últimos dez anos. Para a gran maioría, a prestación por desemprego adquire unha importancia capital. A axuda económica varía en función dos períodos e bases de cotización dos últimos seis anos, aínda que só aqueles que traballaran por conta allea durante polo menos un ano se poderán beneficiar destas axudas. O resto, con períodos de cotización inferior, poderán, de cumpriren certos requisitos, acollerse ao subsidio. A terceira opción que se contempla é cobrar nun pagamento único a súa prestación para asociarse a unha cooperativa ou a unha sociedade laboral, para creala ou para se pór por conta propia como autónomo.
Se o contrato laboral dunha persoa remata en breve, cales son os seus dereitos a partir de entón? Pódese beneficiar dunha prestación económica ou dun subsidio. O dereito nace o día seguinte da situación legal de desemprego; se traballou 360 días ou máis, correspóndelle a prestación por desemprego e, se o período foi inferior, ten dereito ao subsidio.
Durante canto tempo se pode cobrar o paro?
Dependerá do tempo que se cotizara nos últimos seis anos; entre 360 e 539 días, a prestación alongarase 120 días. Se se cotizou entre 540 e 719 días, a prestación durará 180 días, e así progresivamente ata un máximo de 720 días de axuda por períodos de cotización de 2.160 días (dous anos de paro por seis anos de cotización). Non se computan os períodos de cotización que se tiveron en conta para cobrar prestacións anteriores.
Unha vez que se deixou de recibir o paro, se o titular segue sen atopar un traballo, pódese optar a algunha outra axuda?
Esgotado o prazo de prestación por desemprego, os traballadores teñen dereito a percibir o subsidio por desemprego nos seguintes casos:
- Ante responsabilidades familiares, a persoa desempregada terá dereito a seis meses de subsidio, prorrogables por períodos iguais ata un máximo de 18.
- Se ten máis de 45 anos, ten dereito a un subsidio por seis meses.
Por outra banda, prevese un subsidio especial, de seis meses, para os traballadores maiores de 45 anos que esgotaran unha prestación por desemprego de 24 meses. Finalizado tamén este subsidio especial, poden cobrar o subsidio ordinario por desemprego.
Canto se cobra?
A prestación por desemprego ascenderá, durante os primeiros 180 días, ao 70% da base reguladora (aparece na nómina). Esta base reguladora é a media das bases de traballo e enfermidades profesionais polas que se cotizou durante os 180 días anteriores á situación legal de desemprego. Para períodos máis longos e a partir do día 181, redúcese ao 60%.
Se se teñen fillos, a prestación non poderá ser inferior ao 107% do Indicador Público de Renda para os Efectos Públicos (IPREM), índice de referencia para o cálculo do límite mínimo de ingresos en distintos ámbitos, incrementado nunha sexta parte: 645 euros ao mes no 2008. Se non ten fillos, o mínimo para o 2008 é de 482 euros ao mes. Estas contías son mínimas, pero pódese chegar a cobrar, como máximo ata 1.055 euros sen fillos, ata 1.206 euros con un fillo e ata 1.356 euros ao mes con dous ou máis fillos. Sobre estas prestacións tamén se aplican retencións. Pódense cobrar sempre que vivan no fogar fillos menores de 26 anos (ou maiores cunha minusvalidez igual ou superior ao 33%) e carezan de rendas iguais ou superiores ao salario mínimo interprofesional, descontada a parte proporcional das pagas extras (600 euros).
A unha muller que goza da súa baixa por maternidade véncelle o seu contrato laboral. Que pode facer?
Así que remate o período de maternidade/paternidade, comeza a situación legal de desemprego. A partir daquela, dispón de quince días hábiles para solicitar a prestación por desemprego.
E no entanto?
Seguirá a cobrar como ata agora a prestación por maternidade ata que esgote o prazo.
Se a un traballador non lle deron a carta de despedimento e a empresa pechou, a onde pode acudir?
Débese dirixir ao INEM e cubrir unha declaración de carencia de documentación na solicitude das prestacións na que se expliquen os motivos da falta de documentación. Para solicitar a prestación por desemprego precísase a notificación por escrito do despedimento, de xeito que, de non a ter, podería acreditar a súa situación mediante unha acta de conciliación ou un informe da Inspección de Traballo e Seguridade Social no que conste o cesamento involuntario na prestación de traballo e a súa data. Cómpre informar polo miúdo e impugnar o despedimento ante o Servizo de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC).
Se o desempregado é estranxeiro, que dereitos ten?
Os mesmos ca un español, sempre que resida de modo legal en España. Os traballadores nacionais de países que non pertencen á Unión Europea nin ao Espazo Económico Europeo deben acreditar a autorización de residencia permanente ou a de residencia temporal e traballo por conta allea.
E se contempla a posibilidade de regresar ao seu país?
Os estranxeiros nacionais de Andorra, Arxentina, Australia, Brasil, Canadá, Chile, Colombia, Ecuador, EEUU, Federación Rusa, Filipinas, Marrocos, México, Paraguai, Perú, República Dominicana, Tunisia, Ucraína, Uruguai ou Venezuela, con dereito a prestación por desemprego, poden solicitar o pagamento anticipado e acumulado da prestación, comprometéndose a regresar ao seu país en 30 días naturais e a non volver a España polo menos en tres anos.
Se unha persoa non cotizou tempo abondo para ter dereito ao paro, que pode facer?
Pódese inscribir no Servizo Público de Emprego nos 15 días seguintes á extinción da súa relación laboral como demandante de emprego e subscribir o compromiso de actividade. En caso de que non cubrira o período mínimo de 360 días de cotización pero cotizara polo menos seis meses, pode acceder ao subsidio de desemprego. Para iso debe carecer de rendas superiores ao 75% do Salario Mínimo Interprofesional.
Cal é o importe deste subsidio?
Agás o subsidio especial para traballadores maiores de 45 anos con 24 meses de prestación por desemprego, o importe do subsidio é de 413 euros ao mes.
É posible solicitar a prestación de desemprego nun só pagamento?
Pódese obter un pagamento único se se ten pendente de recibir polo menos tres mensualidades do paro e o titular non fixo uso deste dereito nos catro anos inmediatamente anteriores. Para iso, deberá acreditar a súa próxima incorporación como socio traballador a unha cooperativa de traballo asociado ou a unha sociedade laboral, de nova creación ou en funcionamento, de modo estable. Para se incorporar a unha cooperativa ou a unha sociedade laboral, o traballador non pode manter un vínculo contractual previo con ela superior a 24 meses. E se a súa intención é dedicarse a unha actividade como traballador autónomo, tamén debe solicitalo antes de comezar a súa nova actividade. A contía que se lle aboará será o importe total da prestación que lle reste por percibir, descontando o xuro legal dos cartos, e debe iniciar a actividade laboral no prazo dun mes dende a recepción do importe da prestación e destinar esta cantidade a ela. No caso contrario deberá proceder á súa devolución.
- Acuda ao Servizo Público de Emprego, inscríbase como demandante de emprego e solicite a prestación por desemprego. Fágao nos 15 días hábiles seguintes á situación de desemprego.
- Presente a solicitude no modelo que lle proporcionen. Nel deberá declarar o número de fillos ao seu cargo, os datos de domiciliación bancaria, o compromiso de actividade e unha autorización de petición de información á Axencia tributaria.
- Leve o DNI e o Libro de Familia. Se é estranxeiro, acuda coa Tarxeta de identidade e co equivalente ao Libro de Familia.
- Achegue o certificado ou certificados das empresas nas que traballou nos últimos seis meses. Os empresarios están obrigados a proporcionarlle en dez días o certificado de empresa e as comunicacións escritas que acrediten a situación legal de desemprego, así como copias dos documentos oficiais de cotización.
- Se unha vez concedida non está de acordo por exemplo coa contía, ou de lle ser, ao seu entender, inxustificadamente denegada, dispón de 30 días para presentar unha reclamación, previa á vía xudicial, ante o Servizo Publico de Emprego e por escrito. Faga constar os seus datos persoais, o seu domicilio para o envío de futuras notificacións, o acto polo que recorre, os motivos polos que impugna, lugar, data e sinatura. Diríxase ao director provincial da entidade xestora e presente toda a documentación que dispoña favorable aos seus intereses. No caso de desestimaren a súa reclamación, pode optar pola vía xudicial do Social.