A crise económica tamén pende sobre o medio natural
A crise económica tamén incide no medio. A primeira impresión é que a repercusión a curto prazo pode ser positiva: aumenta a propensión dos cidadáns a reciclar, a consumir menos enerxía e combustibles e a prolongar a vida útil dos obxectos de consumo. Non obstante, as organizacións ecoloxistas non ocultan o seu temor ante un cambio de tendencia na concienciación dos organismos públicos sobre a sostibilidade. Temen que, ante a crise, se decanten por iniciativas que persigan a reactivación económica a costa do medio natural.
Segundo datos do Observatorio do petróleo, de WWF-Adena, durante o primeiro semestre do 2008 rexistrouse unha redución significativa das emisións de CO2 en España, debido ao menor consumo de gasóleo e gasolina. Este descenso nas emisións apreciouse tamén a nivel mundial. As razóns para xustificar esta tímida redución apuntan ao desenvolvemento da crise económica e ao alto prezo do cru durante eses meses.
Non obstante, a redución nas emisións podería durar pouco tempo. Se tras o verán o petróleo chegou a alcanzar os 150 dólares o barril, o menor consumo motivou que o seu prezo se reducise á metade en só tres meses. Este feito e mais o interese por estimular a economía poden contribuír a que se rexistren os niveis anteriores de consumo de combustible. A iso súmase o feito de que se o petróleo se abarata, o interese e as présas polo desenvolvemento das enerxías renovables decaerá.
Por iso, o británico Nicholas Stern, autor do informe Stern sobre o impacto económico do cambio climático, propuña hai unhas semanas que os países aplicasen un novo imposto para reduciren o uso do petróleo e potenciaren as enerxías renovables. Malia que aínda é cedo para sabermos se a proposta será aceptada, dende o Observatorio do Petróleo WWF-Adena defenden que moi poucas persoas parecen estar convencidas diso, xa que en plena crise é moi difícil defender esa proposta.
O risco de relaxar os obxectivos
Outra vítima desta crise podería ser o Protocolo de Kyoto, vixente ata o 2012, así como o novo acordo que debe sucedelo. Os seus contidos discutiranse o vindeiro ano, en Copenhage, aínda que as bases se establecerán ao longo deste mesmo mes de decembro, en Polonia. O foco de discusión principal xirará arredor do temor a unha recesión económica que poida estrangular o esforzo realizado ata agora.
No encontro, varios países xa cuestionaron a conveniencia de manter os compromisos que a UE asumiu hai un ano e medio e solicitaron rebaixas nas esixencias que establecen unha redución dun 20% das emisións de CO2 antes do 2020, que as fontes renovables alcancen o 20% do total da enerxía e que se logre unha mellora do 20% na eficiencia enerxética. Italia e Polonia xa manifestaron a súa oposición ao plan e mesmo ameazan con vetalo.
Para Italia, esta decisión pode danar dende o punto de vista económico as súas empresas, sobre todo as de automóbiles. Polonia e un grupo de países europeos do antigo bloque comunista láianse de que eses recortes nas emisións pasan por substituír un gran número de centrais termoeléctricas baseadas en carbón, o que supón aceptar unhas custas imposibles de asumir nas actuais circunstancias.
Reino Unido, pola súa banda, manifestou a súa incapacidade para alcanzar o compromiso de chegar ao 15% de enerxías renovables. E Alemaña, país modelo en aceptar compromisos ambientais, argumenta que as grandes empresas automobilísticas afectadas pola diminución das súas vendas de xeito brusco poden verse danadas se se lles esixe unha redución demasiado estrita nas emisións de carbono nun momento de recesión económica como o actual. Ante este panorama, as consecuencias concrétanse en novas deslocalizacions a países menos restritivos dende unha perspectiva ambiental e nun aumento do paro. Por iso, entre as alternativas que solicita Alemaña atópase a de conceder máis cotas de emisión de CO2 gratuítas a todos os sectores industriais afectados aos que o cumprimento lles esixe un sobrecusto.
Agora ben, aprobar máis concesións e permisos para emitir CO2 de xeito gratuíto desencadearía un efecto dominó. Dun lado, debilitaría o liderado da UE e dos países desenvolvidos na loita contra o cambio climático. Se a UE non se compromete, pregúntanse os expertos, como o van facer as economías emerxentes como China ou a India? Por outra banda, tamén podería debilitar os chamados Mecanismos de Desenvolvemento Limpo, unha das ferramentas máis valiosas do Protocolo de Kyoto; entre as distintas posibilidades que se consideran de reducir emisións ou de mercar dereitos de emisión de CO2 destaca o financiamento do desenvolvemento de tecnoloxías limpas en países en desenvolvemento. Así é como se están a implantar centrais eólicas ou hidroeléctricas en países en desenvolvemento coa achega económica dos países desenvolvidos. E é así como se espera fomentar o desenvolvemento sen aumentar as emisións.
Como se negociará nestas condicións o futuro acordo polo cambio climático? Segundo a opinión de observadores do Instituto Francés de Relacións Internacionais (IFRI), que ostenta a presidencia da Unión Europea ata comezos do 2009, amosouse vontade, aínda que a actitude de Francia foi a de aceptar calquera demanda para discutila e negociala. O risco céntrase en que se se está aberto a dar solución a todas esas demandas, o acordo final pode non alcanzar a forza abonda como para loitar contra o cambio climático. Outros expertos advirten de que se Alemaña solicita demasiadas concesións, o resto de países tamén as pedirán. Países como Polonia e os do antigo bloque comunista non discuten a necesidade de recortar as emisións, senón que reclaman facilidades para abordar o custo económico que lles supón recortar as emisións.
Un informe recente da ONU sobre o cambio climático indicaba que os fondos destinados nestes momentos son insuficientes e que cómpre aumentar o investimento actual nuns 200.000 millóns de dólares máis ao ano. Unha migalla, se se compara coa suma de cifras destinadas ao rescate financeiro: 360.000 millóns de euros en Francia; 62.000 millóns de euros no Reino Unido ou 50.000 millóns de euros en España, entre outros. O reto non é doado, pero a oportunidade, din dende a UE, está en non abandonar os obxectivos marcados e aproveitar os mercados novos, como os coches ecolóxicos ou as tecnoloxías limpas.
Unha das primeiras decisións que se tomou dende a Comisión Europea para capear a crise foi destinarlles axudas aos fabricantes de automóbiles para que desenvolvan vehículos máis ecolóxicos. As subvencións forman parte dunha estratexia para o sector que pretende reducir a carga regulamentaria, mellorar o acceso aos mercados mundiais, potenciar a innovación a través da investigación e aumentar a seguridade do transporte. Segundo informa a UE, os fabricantes solicitáronlle á UE un empréstito de 40.000 millóns de euros para desenvolver vehículos máis ecolóxicos, idea que goza de apoio en Europa tras a recente aprobación por Estados Unidos de préstamos a xuro reducido para acadar o mesmo obxectivo.