Etiqueta en Internet

Vostede primeiro

Ó sentido común e ás normas sociais de conducta, cómpre engadir na Reda algo de coñecemento informático
1 Outubro de 2003
Img nntt listado

Vostede primeiro

/imgs/20031001/nntt.01.jpg
Cederlle o paso a quen vai detrás ó chegar a unha porta, respecta-las normas de circulación ou non interrompe-lo discurso do interlocutor son normas de conducta aprendidas case desde a infancia. En Internet acontece o mesmo. Convén coñecer unhas cantas normas básicas de ‘ciberetiqueta’ para moverse con bo pé. A ‘boa conducta’ utilizada en sociedade ou na comunicación tradicional (nas cartas, por exemplo) ben serve no novo medio, pero ademais cómpre coñecer algunhas regras novas.

Internet é un territorio impersoal, onde cada un é a imaxe que dá de si mesmo. Pódese ir cunha identidade verdadeira ou falsa, pero sexa esta a que sexa sempre será bo que sexa aceptada e respectada pola comunidade. A norma básica consiste en non molestar nin facerlle perde-lo tempo ó interlocutor, algo no que é doado caer se se carece duns cantos coñecementos esenciais. Cómpre contemplar algunhas formas (non impostas pero establecidas pola experiencia e o costume) para non patinar e ‘caer mal’ en listas de correo electrónico, foros ou chats.

Correo electrónico

O correo electrónico, o medio de comunicación máis utilizado en Internet, é un exemplo evidente da necesidade de acatar certas regras para que non perda a súa utilidade. A velocidade das comunicacións electrónicas, onde ás veces o intercambio de emails é instantáneo, non axuda á comprensión do texto e á necesaria reflexión na resposta.

Como o receptor non verá a cara do emisor nin poderá adiviña-lo seu estado de ánimo, a miúdo bótase man dos emoticóns (smileys ou pequenas cariñas) que expresan alegría :-), tristeza :-(, complicidade ;-), etc., para dar pistas sobre a verdadeira intención da mensaxe. Hai que ollalos coa cabeza inclinada cara á esquerda para interpreta-lo xesto que representan.

Se houbese que resumi-las normas elementais que o usuario de correo electrónico debe gravar en mármore, cumpriría salientar tres: evita-lo texto en maiúsculas (pois equivale a BERRAR), non axuntar arquivos pesados (máis de un ‘megabyte’), non sendo que saibamos que o destinatario os tolera sen problemas, e non enviar spam (correo comercial non solicitado) nin mensaxes en cadea.

Poderíanse engadir moitas máis que o sentido común pode adiviñar, como responder sempre as mensaxes, aínda que sexa cun conciso OK, escribir un ‘Asunto’ axeitado e modificalo se se cambia o tema nun reenvío, rele-la mensaxe antes de enviala, incluír parte (só parte) da mensaxe orixinal ó responder, ou identificarse ó final.

Outra norma de protocolo electrónico menos coñecida obriga, ó enviar unha mensaxe a un grupo de destinatarios que poden non se coñecer entre eles ou non querer comparti-los seus emails, a coloca-los enderezos no apartado ‘CCO:’ (Con Copia Oculta). Tamén é fundamental non abrir xamais arquivos adxuntos de remitentes descoñecidos, xa que os máis dos virus non só infectarán o noso sistema, senón que se enviarán ós contactos do caderno de direccións.

Para rematar, a máxima de Baltasar Gracián, “O bo, se breve, dúas veces bo”, adquire gran valor nas comunicacións electrónicas. O usuario debe respecta-lo tempo do interlocutor, polo que é habitual atopar abreviaturas que adoitan proceder do inglés, como BTW (a propósito), FYI (para a súa información) ou IMHO (na miña humilde opinión). Sen embargo, nin se debe abusar delas, nin descoida-la linguaxe coa escusa de utilizar un medio ‘veloz’.

Listas de distribución e grupos de novas

Se no intercambio de mensaxes entre dúas persoas hai que andar con ollo para non mete-la pata, máis coidado hai que pór se se pertence a unha lista de distribución (grupo de internautas que comparten correos sobre un tema determinado) ou a un grupo de novas (newsgroup) ou foro de discusión. Nestes casos, amais das normas referidas ó correo electrónico, cómpre respectar outras novas que, de seren incumpridas, esta vez si, poden comporta-la expulsión. Sempre hai que ter presente que o correo electrónico non é privado e a mensaxe pode rebotar a moitas persoas. En listas de distribución e grupos de novas é unha boa táctica ser un ‘mirón’ durante algún tempo, ata que se coñece o xeito de face-las cousas.

Son normas comunmente aceptadas presentarse no primeiro correo, non saírse do tema ou ler tódolos correos novos dunha lista antes de responder a un en particular, para non repetirse. Especialmente reprobable é mandar publicidade ou reenviar unha mensaxe privada a unha lista. Para que os foros manteñan a súa utilidade (compartir información e coñecementos) hai que evitar caer no que se coñece como flaming, críticas non constructivas que dexeneran en sarcasmos, comentarios pouco apropiados e intercambio de insultos. Nunca conduce a nada e o resto do grupo contempla con desdén as liortas entre algúns dos seus membros. Unha boa solución é responder ó contido da mensaxe ignorando o ton.

Políticas de Uso Aceptable

Amais duns cantos ‘modos’ xeralmente empregadas, existen normas específicas para cada comunidade, lista de distribución, foro de noticias, etc., que debe asumir todo o que aspire a ser membro dun grupo en particular. As Políticas de Uso Aceptable (PUA) baséanse a miúdo en estándares ós que se lles engade algunha peculiaridade. Para coñecelas pódese acudir ás preguntas máis frecuentes (FAQ), onde adoitan estar explicitadas.

En definitiva, todo se resume en que cada usuario da Rede recoñeza a súa responsabilidade derivada do acceso a infinidade de servicios, sitios, sistemas e persoas, que moitas veces están deixando o seu tempo, os seus cartos e o seu esforzo por amor á arte. Sen embargo, o novato non se debe apoucar ante o protocolo descoñecido, xa que outra máxima incuestionable na Rede é ter paciencia e axudar ó acabado de chegar.

Navegar á carta

Educación no chat
/imgs/20031001/nntt.02.jpgwww.ayuda-irc.net/netiqueta.shtml
Amais de aplica-lo sentido común non vén mal algunha orientación para coñece-la filosofía das conversas textuais en tempo real (chats) e manter nelas un bo ambiente.

Emoticóns animados
/imgs/20031001/nntt.03.jpgwww.emoticones.com
Os smileys ou cariñas sorrintes tamén se poden atopar a xeito de pequenos gifs (arquivos de imaxes) animados. Esta páxina contén máis dun cento de emoticóns alegres, serios, guerreiros, motorizados, brutos, musicais, etc. para decorar unha páxina web ou un correo electrónico.

Protocolo & Etiqueta
/imgs/20031001/nntt.04.jpg
www.protocolo.org
Non só na Rede: en sociedade, en familia, cerimonias, na mesa… Inclúe taboleiro de anuncios, emprego, formación e asesoría relacionados co protocolo. Imprescindible rexistro gratuíto.

As emocións na Rede

Para axudar a que o interlocutor coñeza o estado de ánimo ou o verdadeiro sentido da mensaxe nas comunicacións electrónicas, a miúdo utilízanse os smileys ou emoticóns. Trátase de debuxar caras (olladas de lado) cuns poucos caracteres de texto que lle engaden expresividade á comunicación escrita, substituíndo ou matizando unha frase. Non é o mesmo escribir “Es un tramposo” ca “Es un tramposo ;-)”.

  • 🙂 Feliz
  • 🙁 Triste
  • 😮 Sorprendido
  • :-@ Berrando
  • 😐 Serio, indiferente
  • 😕 Pensativo, preocupado
  • :-e Decepcionado
  • :-< Anoxado
  • 😀 Rindo
  • 😉 Chisco, complicidade
  • :-/ Escéptico