Organiza-la despensa e a neveira

¿Onde e como se gardan mellor os alimentos?

1 Outubro de 2003
Img alimentacion listado 233

¿Onde e como se gardan mellor os alimentos?

¿Sabía que as anchoas en aceite son semiconservas e cómpre gardalas no frigorífico? ¿Ou que é mellor non envolve-lo queixo en película transparente porque daquela súa máis e, xa que logo, medra o balor? Non sempre gardámo-los alimentos do xeito máis apropiado. Facelo correctamente aumenta a súa vida útil, impide que os microorganismos se multipliquen e evita que perdan as súas propiedades nutritivas e que se deteriore o seu aspecto.

Na despensa e a temperatura ambiente

Algunhas zonas da despensa son máis cálidas ca outras e iso inflúe no tempo de conservación e na aparencia dalgúns productos. Así pois, a orde e a disposición dos alimentos non será casual: os artigos de primeira necesidade e de uso máis frecuente colocaranse máis preto e á vista, preferiblemente ordenados por grupos.

  • Envases pechados de leite esterilizado ou U.H.T: consérvanse perfectamente na despensa, ó abeiro da luz, ó igual cá nata e có leite concentrado, en po e condensado.
  • Aceites: hai que gardalos nun lugar escuro, no seu propio recipiente ou noutro que peche ben para evitar que se oxide a graxa e se torne rancio.
  • Pan: consérvase ben un ou dous días nunha paneira ou nunha bolsa de tea. Pódese meter na neveira dentro dunha bolsa de plástico; non colle balor, pero endurécese máis axiña, e pódese conxelar. No tocante ós productos de bolería, aconséllase mantelos nun lugar fresco e refrixera-los que conteñan nata ou crema.
  • Alimentos deshidratados e productos secos como arroz, pasta e froitos secos: gárdanse a temperatura ambiente en sitios frescos e completamente secos, xa que se hai humidade collen balor. Unha vez aberto o envase, estes alimentos consérvanse mellor en recipientes herméticos.
  • Patacas e outros tubérculos (iuca, patacas doces): hai que gardalos nun lugar ben ventilado e escuro. Pódense conservar máis tempo cubertos de area ou de terra.
  • Sempre que o envase estea pechado, consérvanse perfectamente na despensa, sen necesidade de ocupar un espacio na neveira: iogures esterilizados que non precisan frío; encurtidos (ceboliñas, cogombros novos…); conservas de peixe, de carne ou de vexetais; salsas comerciais; tarros de marmelada; algunhas verduras; ovos… Non obstante, todos eles son alimentos perecedoiros e, unha vez abertos, hai que conservalos refrixerados.

No frigorífico ou conxelador

Os alimentos perecedoiros cómpre gardalos a menos de 10ºC, é dicir, nunha despensa refrixerada, no frigorífico ou conxelador.

  • Carne: o seu período máximo de conservación depende da forma do corte da peza. Nas pezas enteiras a superficie en contacto co aire é menor ca nos filetes ou ca na carne picada e a conservación é máis doada. Fresca, consérvase na parte máis fría do refrixerador entre 3 e 5 días; limpa e seca, en recipientes provistos dunha reixa para illala do zume que se desprende, ou cuberta cun plástico adhesivo ou papel de aluminio sen apertar.
  • Friames e embutidos adobados e cocidos, ou cortados en lascas: gárdanse en recipientes pechados na neveira. Os embutidos enteiros como o chourizo ou o salchichón e o xamón (enteiro ou cortado en anacos grandes) pódense manter a temperatura ambiente.
  • Peixe fresco e marisco: son os alimentos máis perecedoiros que existen. Se o peixe se vai consumir en dous días (un día para o marisco), colócase, perfectamente limpo, no frigorífico, illado do resto de alimentos para evitar que lles transmita o seu cheiro; e en caso contrario, no conxelador.
  • Ovos: non precisan unhas condicións especiais de conservación, aínda que o frío aumenta a súa vida útil. No verán as altas temperaturas favorecen o crecemento de microorganismos, entre eles, as salmonelas, polo que se aconsella conservalos na neveira. O resto do ano pódense manter na despensa, sempre e cando estean afastados de fontes de calor e comprobando que non haxa ningún ovo lixado, con restos de feces, plumas ou roturas, que poden ser foco de contaminación. En calquera caso, débense gardar coa punta cara a baixo.
  • Leite: unha vez aberto, hai que consumilo en 2 ou 3 días e é mellor conservalo no seu propio recipiente ou nunha xerra ben tapada. O leite pasteurizado, coñecido como leite fresco do día, os iogures e os máis dos derivados lácteos (flans, cremas, arroz con leite, etc.), deben estar refrixerados permanentemente.
  • Queixos: convén envolvelos en papel a proba de graxa ou gardar nun recipiente de plástico non hermético, para evitar que se reseque demasiado ou se deteriore por abalorecemento. O papel de plástico transparente para envolver alimentos fai que o queixo súe e favorécese o crecemento do balor. É conveniente gardar separados os distintos queixos para que non se produza contaminación cruzada de ambos por mofos e cheiros. Os máis delicados son os frescos: débense mercar o máis preto posible da data de elaboración, requiren sempre refrixeración e hai que consumilos en 4 ou 5 días. Os queixos curados son máis resistentes: duran días e mesmo semanas.
  • Verduras, hortalizas e froitas frescas: débense colocar en lugares frescos e secos, protexidas da luz, ou na parte menos fría do frigorífico. É recomendable gardalas en envases ou bolsas de plástico con buratos ou envoltas lixeiramente en xornais.

Semiconservas

Hai productos denominados semiconservas, como o xamón cocido, friames, anchoas en aceite, surimi, gulas, patés, afumados, etc., que sempre se deben conservar en refrixeración, xa que a diferencia das conservas, estes productos non están esterilizados (sometidos a un tratamento térmico que destrúe tódolos microorganismos). Acontece o mesmo con numerosos productos envasados ó baleiro, proceso polo que se impide o crecemento bacteriano. Algúns destes productos teñen que conservarse en frío, como os afumados, embutidos, queixos, salgaduras, etc. Outros pódense colocar en estantes a temperatura ambiente, como os froitos secos, o café, etc.

A última novidade no mercado son os alimentos de quinta gama, unha alternativa saudable á comida rápida. Son productos cociñados, de caducidade corta, listos para consumir e comercialízanse refrixerados. Débense consumir nun prazo breve e débense conservar en frío.